Medio Ambiente dá catro semanas para executar as axudas de prevención de danos da fauna salvaxe

Unións advirte de que os prazos de xustificación son imposibles de asumir por parte das ganderías beneficiarias, sobre todo nos casos en que teñan que contratar e construír valados fixos

Medio Ambiente dá catro semanas para executar as axudas de prevención de danos da fauna salvaxe

Peche fixo contra o lobo. / Arquivo.

Os beneficiarios das axudas de medidas de prevención para danos de fauna salvaxe vense metidos nunha carreira contrarreloxo, pois quédanlles menos de catro semanas para contratar, executar e xustificar as subvencións de danos de fauna salvaxe. No caso de actuacións de prevención contra danos do lobo con valados e peches fixos, a misión é case un imposible. Outras liñas, como a compra de pastores por danos do xabarín, de mallas móbiles ou de mastíns terán máis posibilidade de execución e xustificación en tempo. Desde Unións Agrarias piden que Medio Ambiente amplie os prazos, unha cuestión que semella complicada polos condicionantes burocráticos.

A organización agrogandeira critica que a Consellería de Medio Ambiente atrasase case 6 meses a resolución desta liña de axudas e agora deixe só 4 semanas para que os beneficiarios poidan contratar, executar e xustificar as accións subvencionadas. A Consellería de Medio Ambiente, pola súa banda, sinala que o atraso da resolución das axudas debeuse a que tivo que tramitar un gran volume de solicitudes e a que tivo que pedir nalgúns casos documentación complementaria. A iso engade as inspeccións que precisaba facer en campo para comprobar as fincas nas que os gandeiros querían construír valados fixos.

Ese traballo de inspección das fincas semella agora en balde, visto os prazos que deixa a Administración para levantar os valados. Dada a situación, Unións apela ó sentido da responsabilidade da administración autonómica para demandar que a Consellería que dirixe Ángeles Vázquez aprobe unha ampliación do prazo de xustificación das axudas para prevención de danos da fauna salvaxe. Co prazo de presentación de solicitudes finalizado o 21 de febreiro, Medio Ambiente debía ter feito pública a súa resolución no mes de maio, segundo Unións.

A organización destaca que desde maio, as persoas beneficiarias terían contado con algo máis de catro meses para realizaren as obras ou actuacións subvencionadas e xustificar o gasto ante a administración. Porén, non foi ata esta semana que a Consellería fixo pública unha resolución que deixa ás explotacións sen marxe de actuación. Unións advirte ademais, que nalgúns casos se reduce o montante das contías solicitadas.

Unións tilda de “burla” a ampliación do prazo de xustificación publicada tamén no día de hoxe pola Consellería. E é que coa nova data límite fixada no 9 de decembro, os beneficiarios destas axudas pasan de contar con case 5 meses a pouco máis de 3 semanas, “un prazo no que moi dificilmente lles será posible adquirir os materiais, contratar obreiros e acometer actuacións como instalación de valados ou cercas que en moitos casos acadan extensións quilométricas”, apuntan dende a entidade.

A organización insta ademais á Consellería a cubrir o 100% do importe das actuacións solicitadas; algo que a Administración non fai en todos os casos. E critica que a Xunta de Galicia tente solventar a falla de fondos suficientes con trabas que obstaculizan o acceso dos beneficiarios a un orzamento raquítico, que deixa ás ganderías sen apoio para facer fronte a uns ataques que ano tras ano lles ocasionan cuantiosas perdas.

UUAA lembra que o cárnico de vacún en extensivo será o maior perxudicado, un sector estratéxico e que, como denuncian, xa resultou damnificado no reparto público de axudas para paliar a suba de custos de produción derivada da invasión de Ucraína. A organización agrogandeira destaca o imprescindible papel que estas ganderías realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes. E insta á Xunta de Galicia a correxir as condicións desta resolución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información