Archives

Cursos de prevención de danos da fauna ó gando en Carral e na Pontenova

A Organización de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia organiza unhas xornadas sobre prevención ante ataques ao gando por fauna silvestre. Estas xornadas celebraranse nos concellos de Carral, o 19 de abril, e A Pontenova o 26 de abril. Os obradoiros serán de balde e abertos ao público xeral. Este é o programa común ás dúas palestras: 09h-14h -"O lobo e outros depredadores do norte galego: coñecer máis para protexer mellor". Óscar Chao Penabad, Asociación Rebinxe. -"Sistemas eficaces de protección contra ataques". José Vicente López Bao, científico titular do CSIC. -"Tipos de peches para protección do gando". Tito de Trafogal. En ambas reunións haberá unha visita programada despois do xantar. Así, en Carral a comida será no 'Avelino Mesón do Vento' e na Pontenova será no hotel-restaurante "San Briz". Para inscribirse no curso e máis na comida: 669 12 89 46 - ovica@ovica.org As visitas serán ás 16:30 até as 19:30. -En Carral será á granxa Monte Xalo. -Na Pontenova será á granxa Alejandro Salvatierra.

Xornadas sobre convivencia co lobo nos montes veciñais

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común "O Raño" ofrecerá unhas "Xornadas sobre a convivencia co lobo no monte veciñal". As xornadas impartiranse en Altos de Veris, no Concello de Irixoa, que tamén participa na organización dos encontros xunto con Granxas de Lousada. A formación estará dividida en catro xornadas repartidas entre os días 26 e 27 de abril e os días 3 e 4 de maio. A continuación o programa das xornadas:

Xan das Bouzas, unha gandería mixta con vacún de leite e carne, ovino e caprino e cabalo de monte

As vacas de leite da explotación pacendo nas fincas que están máis cerca da casa En Curros, pertencente á parroquia de Santa María Maior (Mondoñedo), os terreos son costentos, o que limita o seu uso para os cultivos agrícolas e a mecanización. Pero son aptos para o pastoreo, que é a base do manexo e a alimentación que fan na gandería Xan das Bouzas. Esta explotación, que combina gando vacún de leite e de carne, cabalos do monte e gando ovino e caprino, está rexentada na actualidade por Alba Recalde e Moisés García, dous mozos que contan aínda coa axuda dos pais de Moisés, María José e Luciano. Traballan 200 hectáreas de terreo, o 65% en propiedade e o 35% en aluguer e a superficie de pastoreo está repartida por ata 5 concellos diferentes: Mondoñedo, Lourenzá, Riotorto, Abadín e Trabada.
Moitas fincas teñen unha pendente pronunciada e só nos valen para pacer co gando
A maior parte das fincas teñen unha pendente pronunciada, que condiciona o seu manexo. “Moitas fincas non nos valen para sega, porque non valen para andar cos tractores; o que facemos é pacelas co gando que temos: vacas, bestas, cabras e ovellas. Temos un pouco de todo”, aclara Alba. “O que come a besta non o come a vaca” Vacas e cabalos do monte nos pastos do alto da serra Unha das características desta explotación é precisamente esa, a súa diversidade de animais. Ademais de ser unha gandería mixta de vacún, con 30 vacas de leite (máis 12 xovencas de recría) e 160 vacas de carne (máis os xatos e 25 xovencas de recría) nun CEA e noutro, de modo monte, outras 90 vacas; teñen tamén a maiores 35 ovellas, 30 cabras e 300 bestas e cabalos.  Manexar tanto gando nunha superficie tan dispersa é bastante complexo e traballoso, recoñecen. “Estás pendente do gando todos os días a todas as horas. Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación”, conta Alba.
Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación
Para facilitar os movementos entre as diferentes parcelas, cando se trata de fincas distantes, dispoñen dun camión para o transporte do gando. “Intentamos non concentrar moitas cabezas na mesma finca para que non precisen tanto manexo, pero aínda así necesitan manexo igual”, asegura.   Gando no monte abertal Unha das pozas de auga que teñen no monte para que beba o gando. Cando no verán achican pola seca soben a auga para elas en cisternas para enchelas Parte do gando (arredor do 50% do censo) pasta no monte abertal. Son vacas e bestas adaptadas á climatoloxía destas zonas altas e tamén a este tipo de pasto e que manexan en conxunto.
No inverno as bestas e as vacas castigan moito o monte e fan que o pasto vaia mellorando
“As bestas abren o monte para as vacas. A vaca non come o que come a besta, comen herbas máis brandas. As bestas do monte só comen toxo e herbas duras; axudan a ter o monte limpo, porque ningún outro animal come o que elas comen, e deste xeito fan que ese pasto vaia mellorando”, explica. Unha parte do monte abertal é propio da gandería (unhas 100 hectáreas) e outra parte comunal, aínda que dos corenta e poucos comuneiros da parroquia só catro ou cinco casas teñen gando no monte. “Somos poucos os veciños que aproveitamos o monte, pero de cara a facer a PAC nós só podemos declarar 4 hectáreas”, aclara. Petición de queimas controladas Unha das zonas de monte que se foi pechando de vexetación, onde sería precisa unha queima para rexenerar o pasto A alimentación das vacas e cabalos do monte consiste no pastoreo da vexetación espontánea, tanto toxo como herbáceas, pero na medida en que o toxo envellece a súa dixestibilidade e aproveitamento diminúe e a proporción de herbáceas tamén. “Solicitamos no mes de decembro para facer queimas controladas nas zonas de monte con máis vexetación, que non son tractorables, aínda que non temos aínda ningunha resposta. Se noutros lugares se fan, non vemos o motivo polo que aquí non se poderían facer tamén. Nós tentamos facer desbroces onde se pode, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco. Hai zonas nas que se non nos dan as queimas como alternativa é imposible entrar alí e acábanse volvendo improdutivas, porque hai toxos que agora xa non os comen as bestas”, relata.
Tentamos facer desbroces, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco
“Por culpa da broza perdemos zonas produtivas e co tamaño de explotación e número de cabezas que temos necesitamos superficie que produza. Ademais, deste xeito hai máis risco de lumes", di Alba, que defende a utilidade das queimas controladas para a rexeneración do monte para lograr un control efectivo do mato en combinación co gando. Ataques do lobo O último ataque do lobo causou baixas no rabaño de ovellas O principal depredador do gando do monte é o lobo. “O 45% das baixas que temos hoxe son por causa do lobo. Nos últimos tempos nesta zona aumentou moito a presenza do lobo e os seus ataques. Se non fora polo lobo unha egua pode vivir entre 18 e 20 anos”, conta Alba. A maiores das baixas directas, os ataques tamén provocan abortos e outros problemas reprodutivos. “A besta que perde a súa cría ten máis dificultades para empreñar polo estrés que lle provoca o enfrontarse ao lobo para intentar defendela. Unha besta que pare hoxe aos 9 días pode volver empreñar se está co garañón pero se durante esa xestación hai un ataque do lobo á grea o máis probable é que aborte ”, di.
Se non se toman medidas co lobo as bestas, e o gando do monte en xeral, corren moito perigo de desaparición
“As poldras case todas as criamos, porque con tanta baixa necesitámolas para reposición. Se non se toman medidas co lobo as bestas corren moito perigo de desaparición, ao igual que o resto do gando do monte. E cando se dean conta e tomen medidas pode que xa sexa tarde”, alerta Alba.
O lobo mátanos o 45% das bestas e o 40% das ovellas. Non é un problema menor
O rabaño de ovellas é tamén outro dos afectados polos frecuentes ataques do lobo. “No último ataque de lobo que tivemos papounos 15 cabezas de ovino en dous días. E iso que tiñamos peche de malla”, relata. Entre 400 e 600 euros por poldro Entre as 300 bestas contan con 54 de pura raza galega Para o lobo, os poldros son unha presa máis doada que os xatos, polo que a presenza de cabalos no monte reduce os ataques ao gando vacún. “Mentres hai poldros non comen os xatos e é certo que o valor dos poldros é menor que o dos xatos, pero cando acaban os poldros despois comen tamén os xatos”, matiza Alba. “Os poldros que sobreviven vendémolos a través de Puraga, os que son de Pura Raza Galega, e o resto lévanos tratantes”, conta. Os prezos dependen da calidade dos animais e do seu peso e oscilan entre os 3 e os 4 euros o kg canal. “O prezo mellorou moito, aínda que na actualidade baixou algo, pero podía ser unha carne moito máis valorada”, defende.
O prezo mellorou moito nos últimos anos, aínda que agora baixou algo, pero falta que a carne de cabalo sexa máis valorada
O peso dos poldros oscila entre os 80 kg dos do monte aos 300 kg das razas de maior tamaño, que teñen pechados en fincas máis baixas. A idade oscila entre os 9 meses e o ano, mentres que nos de pura raza galega está entre os 7 e os 8 meses. “Ás bestas do monte nunca lles damos suplemento, só controlamos que teñan auga. Desde o meu punto de vista se lles damos suplemento non nos rendiría telas, non me parece viable”, detalla. Este ano tivemos un verán duro, apertou a seca e non había moita auga. Temos unhas pozas feitas e levamos auga con cisterna para que poidan beber”, explica. "O gando do monte é difícil de controlar, xa que o monte abertal é unha extensión grande e sen peche. Cando facemos movementos necesitamos ter cabalos de montura para dirixir e guiar o gando”, conta. Aumento de superficie e mantemento das vacas de leite Teñen mastíns como cans de garda para defender o gando dos ataques do lobo Fai 8 anos, cando Moisés e Alba comezaron a traballar na gandería familiar, era máis pequena. Ao ir aumentando ás cabezas de gando foron incrementando tamén a superficie. “Co noso sistema de manexo, se aumentas aos animais tes que aumentar tamén ao terreo”, di Alba. Trataron de buscar zonas máis baixas, como o val de Lourenzá, onde os invernos son máis suaves. “As vacas de leite, cando as secamos, levámolas para alí”, explica. Malia aumentar ao número de cabezas sobre todo nas vacas de carne, non quixeron abandonar a produción de leite. As 30 vacas que moxen garántenlles uns ingresos estables todos os meses, mentes que nas de carne “se lle morre a cría perdiche a ganancia de todo o ano”, razoa.
As vacas leiteiras están día e noite fóra; só entra á corte para muxirse e comer o silo e o penso
Das vacas de leite encárganse sobre todo Alba e María José. A alimentación é a base de pastoreo, suplementado con silo de herba e concentrado. “Están fóra día e noite, só entran para muxirse e comer o penso e o silo”, indica. Están certificados en pastoreo e benestar animal e entregan o leite neste momento a Lactalis. Nas vacas leiteiras traballan coas razas frisona e coa montbeliard e nas de carne con rubia galega, asturiana, limusín ou angus. En canto aos touros, a maioría son limusín, buscando sobre todo facilidade de parto.

“A baixada do gando para as San Lucas é algo moi bonito de ver, pero dá moito traballo”

Alba, a cabalo durante os traballos para baixar a grea para as San Lucas do ano pasado Ademais da vertente produtiva, o manexo do gando cabalar ten en Galicia unha parte cultural, vencellada a labores como a rapa ou a feiras anuais como as San Lucas ou as Quendas.   “Se as San Lucas seguen mantendo a súa esencia tradicional cos cabalos como protagonistas é por xente coma nós. Se os gandeiros non baixaramos os cabalos do monte habería as orquestras e os postos ambulantes, pero non habería a feira. Perderíase igual que se foi perdendo en moitos outros sitios”, razoa Alba.
O que dá vida ás San Lucas é o cabalo, pero só tres explotacións baixamos xa gando do monte para a feira
Só tres ganderías fan a día de hoxe a baixada do gando desde o monte ata o campo da feira. O domingo anterior xuntan o gando. É un traballo complicado e moitas veces dificultado pola néboa mesta habitual no alto do Fiouco ou en Campo do Oso. “Tes que estar adaptado a andar no monte cos cabalos para xuntar o gando. Axúdanos moita xente, porque 300 bestas non se guían entre catro”, conta. “A baixada do gando para as San Lucas é moi bonito de ver, pero dá moito traballo. Dannos unha pequena axuda por baixar o gando, estableceuse nos últimos 5 anos, pero a baixada a nós suponnos moito traballo. Ademais, temos perdas, porque hai abortos, porque as bestas sofren moitísimo”, explica.   Manter as tradicións Rapa das bestas no curro de Campo do Oso “Trataremos de seguir loitando para que nos valoren”, di Alba. “Se todos tiramos a toalla e non houbera xente coma nós non se manterían as tradicións. Somos unha das explotacións máis grandes desta zona, ninguén aquí ten tantas bestas coma nós. Facemos dúas rapas, unha en Campo do Oso e outra privada na mangada que temos nós en Curros”, conta.   Relevo asegurado Logotipo da explotación Xan das Bouzas é a día de hoxe unha das ganderías máis grandes da comarca da Mariña e Moisés e Alba destilan paixón polo que fan, un entusiasmo que souberon trasmitir aos seus fillos. Porque malia a súa xuventude (el ten 34 anos e ela 27), esta parella de gandeiros albisca xa relevo xeracional que está por vir, o do seu fillo Íker, que ten agora 11 anos e é un apaixoado do gando. “Ou moito me engano ou vai seguir coa gandería”, di orgullosa a súa nai. Sofía, a súa irmá, ten agora 4 anos, a mesma idade coa que Íker comezou a baixar a cabalo ás San Lucas.

Convócanse as axudas para compensar os danos causados polo lobo e o xabarín nos cultivos e no gando

A Xunta de Galicia convocou hoxe as axudas para paliar os danos que provocan o lobo e o xabaril sobre o sector agrogandeiro, dotadas dun orzamento global de 2,06 millóns de euros. Estes incentivos poderán solicitarse a partir de mañá, 18 de xaneiro. En concreto, Diario Oficial de Galicia publicou, por un lado, a orde na que se establecen as bases reguladoras das subvencións para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para 2024. Cun orzamento asignado de 612.724 euros, estas axudas van dirixidas aos propietarios de gando afectado por ataques destes animais e que se comuniquen no teléfono 012 entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024. Con carácter xeral, as contías das axudas variarán en función das especies afectadas e da súa idade, oscilando entre os 37,7 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto de 6 anos ou máis e os 2.598,7 euros dunha res bovina de raza autóctona de entre 2 e 6 anos. En todo caso, estes importes calcularanse en base ao baremo establecido na propia orde, pudendo incrementarse nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas de xeito favorable. A orde recolle tamén a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas; os gastos de eutanasia acreditados, de ser necesaria esta medida; e os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación. Esta convocatoria inclúe tamén un importe adicional, en concepto de lucro cesante, para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias), que oscilará entre os 9,1 euros (no caso dunha cabra femia adulta de entre 1 e 6 anos) e os 1.803,1 euros (para vacas de entre 2 e 6 anos).

Medidas fronte ao impacto do xabaril

Por outra banda, cómpre subliñar que hoxe tamén se publicou no DOG outra orde de axudas dotada de 1,44 millóns de euros co fin de paliar as consecuencias e o impacto que causan as incursións do xabaril sobre os cultivos agrícolas. Neste caso, subvencionaranse os danos producidos por esta especie entre o 11 de outubro de 2023 e o 10 de outubro deste ano e a contía máxima á que poderán optar os afectados será de 2.750 euros por explotación, variando o importe en función da superficie danada. Por último, cómpre indicar que hoxe tamén se publicou unha nova convocatoria de axudas por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinadas a previr os danos producidos por determinadas especies de fauna silvestre, concretamente, o lobo, o xabaril e o oso. Neste caso, o orzamento global previsto suma 1,51 millóns de euros co seguinte detalle. A maior partida, 1 millón de euros, resérvase para a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada fronte ao lobo. No caso do xabaril, a dotación da convocatoria ascende a 490.000 euros, e para prever os danos ocasionados polo oso, o orzamento é de 20.000 euros, partidas destinadas, en ambos casos, a sufragar a compra de pastores eléctricos. En canto aos importes, os límites establecidos na propia orde son de ata 300 euros por can protector adquirido e de 200 euros para manutención —cun límite de 3 animais por explotación—; un máximo de 600 euros para a compra de ata 3 pastores eléctricos; e ata 800 euros por explotación para a compra de, como moito, 8 mallas electrificadas. Estas axudas para a prevención dos danos que causan o lobo, o oso e o xabaril nas explotacións agrícolas e gandeiras da Comunidade poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro 19 de febreiro.  

Publicadas novas axudas para as medidas preventivas contra o lobo

A Consellería de Medio Ambiente sacou dúas liñas de axudas para subvencionar as medidas preventivas contra o lobo. Unha delas é para os custos derivados da instalación de valados fixos como medida de prevención dos danos. A outra é para a contratación de persoas coidadoras do gando, tamén como medida preventiva ante o lobo.

Instalación de valados
Nas axudas de instalación de valados fixos, subvenciónase a adquisición e a incorporación dos valados que se instalen. Poderanse acoller ás axudas as persoas titulares da explotación gandeira do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino de raza celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

No caso dos valados fixos electrificados, subvencionarase un cercado por cada rabaño de entre 15 e 30 reses de gando menor ou de entre 5 e 10 reses de gando maior, e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número de ditas reses. O importe máximo da axuda será de 3,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 1.750 € por valado, IVE excluído.

No caso dos valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica, subvencionarase un cercado por cada rabaño de entre 25 e 50 reses de gando menor ou entre 10 e 20 reses de gando maior, e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número das ditas reses. O importe máximo da axuda será de 4,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 4.500 € por valado, IVE excluído.

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Debe tramitarse de xeito electrónico. Conta cunha contía de 500.000 euros.

Contratación de persoal

Nas axudas para a contratación de persoas coidadoras subvencionarase o investimento para a contratación de dito persoal, como elemento preventivo dos danos que poida ocasionar o lobo. Como requisito, o pastoreo exercerase sobre as reses da explotación gandeira e nos terreos destinados ao pastoreo do gando da persoa beneficiaria. Poderán acollerse a estas axudas, na primeira liña, os contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro do 2024 ata o 30 de novembro de 2024; a segunda liña destínase para o mantemento, desde o 1 de xullo de 2024 ata o 30 de novembro de 2024, do posto de traballo indefinido creado ao abeiro das liñas de axudas do ano 2023. Tamén será obxecto de axuda a actividade de pastoreo que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores.

A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 18.000 euros de axuda por persoa beneficiaria. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, cun límite de 9 €/hora efectivamente traballada.

O prazo de presentación da solicitude tamén será dun mes a partir de que se publique no DOG. Esta liña de axudas conta cun importe total de 400.000 euros.

A Comisión Europea recomenda revisar o estatus de protección do lobo para adaptalo a cada rexión

Unións Agrarias quere amosar a súa conformidade coa decisión da Comisión Europea de recomendar a revisión do estatus de protección do lobo na UE, aínda que nega que esta medida sexa unha “rebaixa da protección” do cánido, xa que quedará igualmente baixo o estatus de especie protexida, aínda que cunha flexibilización das medidas de xestión aplicables, para unha mellor adaptación a cada unha das realidades do territorio dos 23 estadosm membros nos que está presente trala súa expansión e recolonización de territorios rurais nas últimas décadas. Esta flexibilización e adaptación á problemática específica de cada rexión de cada Estado Membro foi o que demandou Unións Agrarias no seu reporte á propia Comisión Europea entregado o pasado setembro, dentro da ronda de consultas aberta pola propia Comisión para recabar as opinións de distintos axentes sociais do rural e dos sectores agrogandeiros afectados pola expnasión e polo dano directo dos lobos. De aprobarse a recomendación nos próximos meses polo Consello e o Parlamento Europeo, suporía unha volta á posibilidade da caza da especie baixo determinados supostos, naquelas zonas onde se considere que a caza non é ameaza algunha para a conservación das poboacións locais de lobos, pero que pola contra será positivo para garantir a convivencia do lobo coa gandeiría extensiva, ou evitar a morte xeralizada de cans, ou mesmo limitar situacións de ameazas e ricos de seguridade para as poboacións locais. Unións Agrarias quere salientar que, a diferencia doutras Comunidades Autónomas, a caza nunca foi o pivote fundamental da política da xestión do lobo en Galicia, aínda que si unha ferramenta útil para resolver conflictos puntuais e situacións de risco para gando, animais domésticos ou persoas. Neste sentido, a organización agraria considera que "é positivo que siga a ser unha das ferramentas de xestión dispoñible para resolver conflictos puntuais nos que estén implicados crecementos descontrolados de mandas ou a existencia de exemplares conflictivos ou perigosos para as explotacións". "A conservación do lobo -defenden dende Unións- é unha tarefa de toda a sociedade, e non se pode pretender que caia exclusivamente nas costas das economías familiares de agricultores e gandeiros, que no caso de Galicia, con máis lobos que toda Portugal, Francia, ou Escandinavia, son os que poñen alomenos a metade da dieta dos aproximadamente 800 exemplares censados no ano 2022 con que conta o noso territorio, con ataques ao gando que están a repuntar un 10% este ano 2023 con respecto do ano anterior". A presión do lobo é especialmente intensa no caso da gandeiría vacún extensiva, e no gando equino, cuxa continuidade está en perigo en moitas das zonas tradicionais de cabalo galego, ante a dificultade de sacar poldros adiante polas mortes e baixas producidas polos ataques do lobo. Asemade Unións quere chamar a atención sobre o gran número de solicitudes de axudas por danos de lobo que está a rexeitar a Consellería de Medio Ambiente nas últimas convocatorias, "negándose a aplicar o principio da dúbida razoable en favor dos gandeiros con reses que presentan síntomas de morte violenta no campo por ataque de depredadores, esixindo dos afectados unhas formalidades e unha carga de probas que están a impedir a indemnización dos ataques do gando de xeito crecente, xerando un lóxico malestar entre os gandeiros afectados". Por último Unións Agrarias reitera que "ninguén no rural galego aboga pola persecución deste animal, nin o seu exterminio, senón por medidas realistas de xestión que permitan asegurar á convivencia das poboacións abundantes de lobos en Galicia, coa gandeiría e a produción de carne de calidad en extensivo, sendo preciso fórmulas nas que sexa o conxunto da sociedade quen solidariamente corra cos gastos da posta en marcha de medidas preventivas e do custe de manter estes animais, xa que non é xusto permitir que siga recaíndo exclusivamente nas costas das explotacións gandeiras de Galicia e dos homes e mulleres que traballan nelas"

Medidas preventivas de ataques ao gando ovino adaptadas ao contexto galego

A variedade de medidas dispoñibles para reducir a vulnerabilidade do gando aos ataques do lobo é ampla. Con todo, a pesar dun uso tradicional de moitas destas medidas de prevención de ataques, como é o caso de cercados ou cans gardiáns de gando, a cuantificación sobre a súa efectividade é escasa. Como consecuencia, a implementación de medidas de prevención de ataques está fundamentalmente baseada en experiencias particulares e opinións, e menos na evidencia. Ademais, en moitas ocasións, a escasa evidencia susténtase en estudos de casos particulares, ou un número limitado de explotacións, e a súa implementación non está adaptada a cada contexto particular. A elección da medida de prevención máis apropiada para cada contexto, tipo de gando e manexo, e explotación gandeira, é un factor chave á hora de maximizar a efectividade dos métodos de prevención. De feito, adoptar unha medida que non se axusta a estes condicionantes pode chegar a ter consecuencias negativas, como custos económicos máis elevados de implementación e mantemento, creando novas situacións de conflito e desconfianza. En Galicia, actualmente, estímase que o lobo se distribúe pola case totalidade do territorio galego (un 91 % do territorio segundo a última estimación de 2021-22), e o estado da poboación, en base ao número estimado de mandas reprodutoras, pódese considerar como estable na última década. A ampla distribución da especie en Galicia implica que a actividade gandeira, en xeral, comparta espazo co lobo en maior ou menor medida. Por tanto, é necesario identificar que medidas de prevención de danos son máis efectivas para reducir o risco de depredación para os diferentes tipos de gando e manexos no contexto galego, adaptando a elección da mellor medida a cada explotación gandeira e contexto en particular. Peche fixo de malla gandeira de 140 cm con dous fíos electrificados Grazas á participación de varias explotacións gandeiras galegas, púidose desenvolver un estudo para avaliar a efectividade de tres deseños de medidas de prevención de danos centradas no uso de cercados, derivados da experiencia acumulada en varias explotacións no manexo de gando ovino en Galicia. En concreto, utilizouse un deseño experimental de cercado, con 10 repeticións por deseño, repartidas en 20 explotacións gandeiras ao longo do territorio galego, no que se avaliou a efectividade dos seguintes sistemas:
  • Un cercado fixo de malla gandeira de 140 cm con dous fíos electrificados (un fío pola parte superior da malla a 10 cm, e outro fío exterior á malla, a 30 cm do chan).
  • Un cercado fixo de 8 fíos até unha altura de 150 cm, con 4 fíos alternos electrificados.
  • Un cercado móbil de malla electrificada de 105 cm, combinado cun mastín como can de garda do gando.
Os diferentes cercados avaliados tiveron 3 ovellas no seu interior durante 12 meses (24 horas ao día). Peche de malla fixa de 8 fíos ata unha altura de 150 cm con 4 fíos alternos electrificados
Os tres sistemas probados demostraron unha eficacia de entre o 80 e o 90%
Na maior parte das explotacións gandeiras, os deseños avaliados foron efectivos. É importante destacar que a porcentaxe de efectividade, medida como o número de cercados nos que o lobo non entrou e non houbo ataques durante o período de estudo, foi moi alta para todos os deseños avaliados. A porcentaxe de efectividade no cercado fixo de malla foi do 90 %, no cercado fixo con fíos electrificados do 80%, e no cercado móbil de malla electrificada combinado cun mastín do 80 %. A adopción de calquera das medidas de prevención de danos tivo por tanto un efecto positivo na redución do risco de depredación. A depredación de gando por parte do lobo é un dos principais elementos de oposición para unha convivencia entre esta especie e o ser humano. De feito, a prevención de danos é un dos eixos fundamentais da maior parte dos plans de xestión e conservación que existen para esta especie ao longo da súa área de distribución. O risco de depredación para a maior parte de manexos gandeiros, particularmente semi-extensivos e extensivos, non é igual a cero. Pero tanto desde unha perspectiva do benestar e protección dos animais domésticos en explotacións gandeiras, como da conservación do lobo, debemos de reducir ao máximo o risco de depredación. Os resultados deste estudo mostran que é posible adaptar medidas de prevención para o gando ovino ao contexto galego. É necesario fomentar o desenvolvemento de experiencias similares para outros tipos de gando e manexos gandeiros no territorio galego, así como avaliar a variación na efectividade das medidas ao longo de períodos de tempo máis longos. Cercado móbil de malla electrificada combinado cun mastín como can de garda A acumulación de experiencias deste tipo podería permitir elaborar catálogos de boas prácticas de protección do gando adaptados ao contexto de cada zona, con todos os detalles técnicos necesarios, incluíndo metodoloxías, procedementos, sistemas de funcionamento e custos orientativos de implementación e mantemento. Esta información é relevante non só para xeneralizar o uso de medidas de prevención entre as explotacións, e asesorar a cada explotación dunha maneira máis eficaz, senón que se podería utilizar para optimizar o deseño de axudas públicas destinadas á implementación e mantemento de métodos de prevención de ataques ao gando, adaptadas a cada contexto, facilitando a coexistencia entre grandes carnívoros, como o lobo, e o ser humano. *O equipo que realizou o estudo agradece á Consellería de Medio Rural (Xunta de Galicia) o financiamento do proxecto. Así mesmo, agradece a todas as ganderías colaboradoras a súa participación, sen a cal o estudo non podería levarse a cabo.

Medio Rural avoga por un novo sistema de créditos de carbono forestais

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha reunión co seu homólogo de Castilla y León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, para crear unha fronte común de ambas comunidades no sector forestal. Cuestionan os criterios de xestión do Ministerio de Transición Ecolóxica, con polémicas como a do lobo, e acúsano de estar á marxe dos intereses das persoas que viven nos territorios rurais A Consellería do Medio Rural vén de manter unha reunión estratéxica co conselleiro de Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, co que abordou a posta en marcha dunha fronte común para abordar a nivel estatal cuestións clave do sector a nivel forestal. Participaron tamén no encontro, por parte galega, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal. O encontro abordou a necesidade dun cambio na xestión do territorio, unha idea que se quere trasladar nun futuro Congreso de Xestión Forestal e Silvicultura, a celebrar en Galicia, onde se convidará “a todas aquelas administracións que, como a nosa, lle dean a importancia que merece ó sector forestal”, avanzou González. Créditos de carbono Neste contexto, José González reafirmou a defensa que fai a Xunta dos sistemas voluntarios de créditos de carbono, como vía fundamental para mitigar o cambio climático e tamén como forma de asegurar o futuro sustentable deste eido produtivo. González engadiu que ambas comunidades están disconformes coa norma estatal que restrinxe as superficies inscritas nos mercados de carbono voluntario ás zonas incendiadas (ou ós montes que estean desarborados desde o 1989), xa que se considera que isto pode ter un “efecto chamada” ao lume. Galicia e Castilla y León avogan por un cambio do sistema de créditos de carbono. Por iso Galicia está a traballar nun rexistro propio de créditos de carbono, cunha normativa que permita tamén ter en conta o carbono adicional capturado por masas sometidas a unha xestión silvícola, un aspecto sobre o que se están facendo estudos. A loita contra os incendios forestais foi outra das cuestións abordadas no encontro. Xestión do lobo Por parte da Junta de Castilla y León, Suárez-Quiñones criticou a xestión do lobo do Ministerio de Transición Ecolóxica, pois a protección total da especie -sinalou- vai en prexuicio de comunidades como Galicia e Castilla. A respecto de todas estas cuestións, José González recomendoulle ó Ministerio de Transición Ecolóxica que “é bo preguntarlle a quen está no territorio como se sente e como cre que se deben facer as cousas”.

A Xunta organiza unha xornada sobre medidas preventivas e de convivencia co lobo en Galicia

A actual coxuntura arredor da protección do lobo está creando unha serie de debates e toma de decisións que enfrontan diferentes sensibilidades. Esta idea está detrás da creación da xornada que se celebrará o día 20 de outubro na Casa das Ínsuas, no Concello de Rábade. A reunión contará con intervencións de expertos no tratamento de medidas preventivas para a protección de vacas, cabras e ovellas. Buscarase coñecer máis sobre o lobo, a súa presenza en Galicia, como se pode convivir con el en Galicia e, para finalizar, visitaranse exemplos de peches de pastos para gardar o gando. O lugar será a Casa das Ínsuas, en Rábade.

Programa:

• 10:00-10:15 h - Recepción de asistentes • 10:15-10:30 h - Presentación das xornadas Santiago Crecente - AGACAL • 10:30-10:45 h - O lobo en Galicia Óscar Rivas - AGCT • 10:45-11:00 h - Medidas preventivas contra o lobo, que sabemos? José Vicente López Bao – Fundación Universidade de Oviedo • 11:00-11:15 - Presentación do proxecto Joan Alibés Biosca - Beealia • 11:15-11:45 - Resultados do proxecto Luis Llaneza Rodríguez – ARENA • 11:45-12:45 - Intervencións das ganderías participantes • 12:45-13:30 - Coloquio co público • 13:30-14:30 - Visita a peches experimentais • 14:30 - Xantar Contacto: santiago.crecente.campo@xunta.gal, teléfono: 650594571

Propostas para o cambio de xestión do lobo en Galicia

Cúmprense dous anos desde que en España se decidiu que o lobo entrase no listado de especies en protección especial. Foi unha decisión polémica, pois ata daquela nalgunhas das principais comunidades loberas, como Castilla y León, Asturias ou Cantabria, as poboacións de lobo viñan xestionándose por medio da caza, con arredor de 185 exemplares abatidos de media entre as tres comunidades, segundo as estimacións de Unións Agrarias. En Galicia, cunha regulación distinta á das outras comunidades do noroeste peninsular, a caza legal nunca foi unha ferramenta de xestión, pois o último lobo abatido nunha batida por danos data do 2013, pero si que se dá por feito que á marxe da caza legal, hai unha importante actividade de caza furtiva e de medidas ilegais, como o uso de velenos ou lazos. A cuestión agora é que desde hai dous anos, en toda España a caza do lobo quedou restrinxida a circunstancias excepcionais e na práctica, “é moi difícil conseguir que un funcionario asine unha autorización de caza, ante o seguro acoso de organizacións animalistas”, cuestiona Unións Agrarias. Ante este escenario, a Comisión Europea decidiu abrir un periodo de consultas a nivel da UE para valorar se hai que reformular o estatus de protección do lobo, pois considérase que a recuperación das poboacións da especie supón un “perigo real” para o gando e un “risco potencial” para as persoas. Cabalos no monte Unións Agrarias, que coincide con este plantexamento, vén de remitirlle á Comisión Europea un documento de propostas para modificar a xestión do lobo. O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, advirte en especial do impacto que está tendo o lobo sobre os cabalos que viven en semilibertade no monte. “Hai moitos montes que non dan sacado os potros e as greas de cabalos adiante. Iso é algo que ten que coñecer a Comisión Europea porque é unha actividade en perigo de desaparición en moitas zonas de Galicia”, cuestiona. Achegamento ás casas Outro dos problemas sitúao Feijoo en comarcas que teñen demostrada unha alta densidade de lobos, como a da Serra do Xistral e Mariña lucense. “Temos constatado que os lobos chegan a comer cans e ovellas nas eiras das casas. Esa é unha clara situación de risco potencial para as persoas, en especial para nenos”, advirte. Cambios nas medidas de xestión Para enfrontar estas situacións, Unións Agrarias é partidaria de que se recupere a caza como ferramenta de xestión, “en especial con esperas sobre animais ou mandas problemáticas, tras os correspondentes estudos técnicos”, subliñan. Unha segunda medida pola que avoga a organización é por recuperar o abandono de carroñas no monte como alimentación disuasoria para o lobo, unha práctica tradicional que se abandonara a partir da crise das vacas tolas. “Esta medida podería por exemplo reducir a depredación de cabalos en determinadas zonas”, valora Feijoo. En definitiva, no caso español, Unións é partidaria de que o Ministerio de Transición Ecolóxica modifique a normativa de protección do lobo, pois considera que está fóra de lugar é a marxe da realidade. “O lobo non está en perigo de extinción en Galicia e ninguén avoga pola súa desaparición, senón pola convivencia, acompañada dunha xestión da poboación con criterios científicos e técnicos”. Modificación das axudas En paralelo, a organización agraria pide un fortalecemento das axudas da Xunta para medidas de prevención e unha mellora das indemnizacións por danos, pois considera que as actuais indemnizacións deixan fóra moitos episodios de ataques que non se poden demostrar, ao non aparecer suficientes restos dos animais. Posicionamento dos ecoloxistas Pola súa banda, a asociación ecoloxista Adega sacou onte un comunicado contra a declaración de emerxencia cinexética do xabarín, no que defende que a xestión do xabarín ten que pasar en boa medida polo lobo. En concreto, a asociación titula o seu comunicado coa expresión “Onde hai lobo, non manda xabarín”. Se ben o xabarín é unha presa potencial do lobo, o certo é que os estudos científicos demostran que en boa parte de Galicia, o xabarín é anecdótico na dieta do lobo, pois en moitas comarcas, cabalos e gando doméstico chegan a representar entre un 50 e un 90% da dieta do cánido.

Camiño á revisión do estatus da protección do lobo na Unión Europea

A Comisión Europea dalle efecto á recomendación feita polo Parlamento Europeo en novembro de 2022, na cal se solicitaba a revisión do estatus da protección do lobo na UE, no que entendía un desequilibrio entre as actuais medidas proteccionistas, e os danos e riscos que a expansión do cánido estaba a crear no rural. Mediante comunicado asinado pola Presidenta da Comisión Úrsula Van der Leyen a Comisión abre un prazo de consultas Bruxelas estuda cambiar as regras de protección do lobo na UE polo aumento de ataques ao gando, xa que pretende avaliar si a recuperación do lobo en numerosas rexións da UE supón un ‘perigo real’ para o gando e un ‘risco potencial’ para a poboación local e decidir así se é necesario revisar as normas comunitarias que regulan a protección deste depredador natural. Para elo, a Comisión habilitou un correo electrónico de contacto, wolf-data-collection@ec.europa.eu ao que membros da comunidade científica, técnicos, organizacións agrarias e comunidades locais, poden enviar os seus informes cos datos e a súa visión da problemática da convivencia do lobo coa actividade gandeira e as poboacións rurais. Unións Agrarias utilizará esta canle de comunicación coa Comisión, para expoñer o seu punto de vista sobre as peculiares condicións de Galicia, onde os censos oficiais rexistran a presencia dunhas 90 mandas de lobos, cun número de exemplares preto de 650, o que supón máis lobos en Galicia que en países da UE como Francia ou Portugal. Asemade concorda coa Comisión en que “hai un ‘perigo real’ para o gando, en tanto en canto se declaran máis de 2.200 reses mortas ao ano en Galicia (declaradas nas solicitudes de axudas, o número real é, polo menos, un 30% superior), que supoñen máis do 50% da dieta do lobo, que polo tanto está a ser mantido cos recursos dos gandeiros galegos e as súas familias, ao igual que para outras actividades tradicionais como a cría de razas autóctonas de cabalo”, amplían desde a organización profesional. Así mesmo, tamén reportará por escrito a necesidade de dotacións económicas para medidas preventivas, e de indemnización dos danos crecentes en Galicia -nun contexto de extensificación e manexo ecolóxico dos rabaños que os fai máis vulnerables- en cumprimento das propias directivas da PAC.

Ameixeiras SC, unha gandería galega na elite da raza blonde de Aquitania

Daniel, cunha das súas vacas na parroquia de Labrada, no concello de Guitiriz No lugar de As Ameixeiras, na parroquia guitiricense de Labrada, atópase unha das mellores ganderías de raza blonde de Aquitania do mundo. Tanto é así que as explotacións francesas, de onde é orixinaria esta raza cárnica, buscan en Galicia animais cos que elevar o nivel xenético da súa cabana.  Daniel Otero traballaba nas Pontes nunha empresa de torneados de madeira, pero a crise da construción levouno ao paro.  Na casa os seus pais tiñan vacas de carne e a raíz de prexubilarse a súa nai decidiu coller a explotación. "Había algo de todo, rubia galega, asturiana e cruzadas", conta. No 2012, logo dun baleiro sanitario por tuberculose, decidiu pasarse á raza blonde. "Nós xa estabamos cruzando con touros blonde as nosas vacas e había 60 ou 70 quilos de diferenza no peso á hora de mandar os xatos ao matadoiro", lembra.  Os primeiros animais foi buscalos directamente a Francia. "En España daquela só había xatas de 7 ou 8 meses e nós queriamos vacas para non ter a explotación parada dous anos sen producir, así que arrincamos para Francia e mercamos alí o primeiro lote de 15 vacas preñadas", explica. 
Acabamos de vender un touro para Francia e temos dous becerros tamén reservados. Temos animais que están reservados mesmo antes de nacer
Era a primeira vez que Daniel estaba en Francia, un país ao que hoxe vai continuamente, por ter clientes alí e pola relación de amizade que foi labrando con gandeiros galos de raza blonde.  "Por casualidades da vida batín cun señor que tiña unha das mellores liñas xenéticas da blonde en toda Francia, de feito, cando vendeu a gandería 18 vacas deixáronlle 300.000€. Tiña unha xenética moi recoñecida e era o presidente da cooperativa Guyenne Blond, que está en Moustier, a 80 km de Burdeos, e está formada por 71 explotacións da zona. Alí está a cuna da blonde de Aquitania pero hoxe conseguimos que nos veñan mercar aquí. No mes de marzo vendemos un touro que marchou para a zona de Lyon, fixo 1.500 km e 23 horas de viaxe, e temos dous becerros tamén reservados", conta Daniel.  Mercado para vida Ameixeiras SC ten hoxe 50 nais reprodutoras e 20 xatas e xovencas de recría, que é o seu principal mercado. "Vendemos todo para vida, tanto machos como femias", explica. Ademáis de Francia, venden para distintas zonas de España onde hay raza blonde. "Andalucía estanos demandando tamén moitos animais. Alí parten dunha raza autóctona, a retinta, e cruzan con touros blonde para ter máis quilos en cebadeiro", di. 
Acostuman reservar 5 ou 6 xovencas de reposición para eles e o resto dos animais véndenos a outros criadores, tanto galegos como doutros puntos de España e Francia
Entre as vantaxes da raza blonde de Aquitana está a facilidade de parto, asegura Daniel. "Eu traballo en ocasións con touros máis extremos, para facer animais máis grandes, pero tes outros touros con moitísima facilidade de parto, igual ou mellor que noutras razas, como a limusin. Levo vendidos moitos animais e aínda non houbo un cliente que se me queixara diso, pero o que hai é que adaptar o touro á gandería", afirma.  
Os touros que usamos témolos só un ano, despois vendémolos. Así evitamos a consanguinidade e deste xeito os nosos clientes pódennos mercar todos os anos 
"Nós traballamos con carta xenealóxica e temos distintas liñas xenéticas, algunha máis maternal, de máis leite, e outras máis cárnicas, con animais máis grandes e de máis quilos. Facemos pesadas para saber como van medrando e temos datos da evolución dos animais desa familia para que os clientes poidan tomar a decisión e decantarse por unha liña ou outra á hora de mercar en función do tipo de gando que estean a buscar", explica.  Mellora xenética e embrións Daniel trata de manter a pureza nas distintas liñas xenéticas coas que traballa, cruzando cos mellores touros e facendo embrións das vacas máis premiadas e recoñecidas da súa gandería. Unha das súas vacas emblema neste momento é Lavanda, que foi vaca gran campiona de España no 2019 e antes Miss Future, un galardón a nivel europeo. É neta de Audi, vaca gran campiona de Francia. 
Teño vendido animais que despois nos concursos lle gañan aos meus
Neste momento teñen tres embrións implantados de Lavanda e agardan obter deles animais de elite como Terranova, unha xata nada no 2022 neta de Lavanda e tamén de Igenie, unha vaca que se subastou en Francia en 42.500€. Partir de boas vacas e bos touros é unha garantía, pero "a xenética non é matemática", recoñece Daniel. "Procuro vender o bo e quedarme co mellor, pero ás veces os animais que vendo despois gáñanlle nos concursos aos que teño eu na casa", di. No libro xenealóxico cada ano correspóndese cunha letra do abecedario. Ao 2023 correspóndelle a letra U, polo que todos os animais nacidos este ano levarán un nome que comece por U.  Problemas coa mosca no verán Daniel ten as vacas sempre fóra e a maior parte do ano as crías están tamén fóra con elas no prado, tan só de decembro a marzo mete os xatos dentro e trae as vacas para darlles de mamar. "Esta é unha zona moi cha na que chove moito no inverno", explica. Vende as crías logo de destetalas, normalmente entre os 6 e os 7 meses. O sistema de manexo en extensivo revirte en benestar animal e lonxevidade. "Temos vacas de 16 anos; este ano mandamos unha desa idade que pesou 615 quilos e deixou 3.700€", conta.  Un dos maiores problemas aos que se enfrontan, e que os obriga a mandar de vez en cando vacas ao matadoiro, é o da mamite da mosca nas vacas secas. "Pensamos que pode ter en parte unha compoñente xenética e influír tamén a zona na que estamos, con moitos regatos e zonas sombrías polo arboledo", explica. 
A mamite é o nosa causa principal para ter que mandar vacas ao matadoiro. Probei coa vacina pero non me funcionou
Logo de probar distintas solucións, decidiron adaptar o manexo para minimizar os riscos. "Os partos das xovencas programámolos para a primavera, para que os meses de verán as colla xa paridas e nas fincas máis problemáticas botamos só vacas paridas, non levamos as secas, porque probamos coa vacina pero non nos funcionou", di. 
Tivemos algún ataque de lobo pero resolvérono os cans
Outra ameaza é o lobo. "Tivemos algún ataque pero resolvérono os cans", explica. Contan con 3 mastíns para defender o gando e grazas a eles non tiveron que lamentar baixas polo de agora. Alimentar os cans supón un custo importante pero son a día de hoxe un elemento imprescindible para Daniel. "Gasto 80€ ao mes en penso pero sáeme máis barato manter os cans que manter os lobos. Se me mata unha becerra a perda é moito máis alta", razoa. Custos de produción Daniel coida con mimo exquisito cada unha das súas vacas, xovencas e becerras e non quere aumentar máis ao número de cabezas. "O barullo leva ao abandono", asegura. Dispoñen dunhas 50 hectáreas de superficie, que adican a pasto e sega.  En Guitiriz abunda o minifundio e aínda que non son fincas moi grandes están unhas perto das outras, o que facilita o manexo do gando. A explotación conta cunha segunda ubicación en Cambás, no municipio de Aranga, cun establo e unha finca na que teñen as xovencas no inverno.
A blonde é a raza que máis quilos pon e come igual cas outras
A base da alimentación do gando é o pastoreo e as forraxes producidas na propia explotación. Suplementan con silo de herba e herba seca cando escasea o pasto e labran tamén 3 hectáreas de millo para ensilar. "O silo de millo dámosllo ás vacas paridas e ás xovencas en inverno", explica. "Aquí o único que se merca é un camión de palla ao ano para encamar os becerros no inverno e o penso que se lle dá aos becerros, as vacas non comen penso", indica.  A suba dos custos de produción é unha oportunidade para a raza blonde, di. "É o momento desta raza, porque o penso está moi caro e hai que intentar facer os máximos quilos de carne posibles co mesmo gasto e un becerro blonde vai comer o mesmo que un dos outros, pero vai coller moitos máis quilos", razoa.  Prezos dignos para garantizar relevo nas explotacións Aínda que o seu mercado principal é o do gando de vida, Daniel está inscrito en Ternera Gallega Suprema e considera que non ten lóxica que razas como a limusín ou a blonde non se legalicen dentro da IXP. "É unha incongruencia que che deixen marcar unha vaca blonde como Vaca e Boi de Galicia e sen embargo un xato blonde que é fillo seu non cho marquen para Ternera Gallega", opina. 
Se non hai prezo non hai rendibilidade. Hoxe hai tristeza no sector da carne, igual que ves que no do leite hai máis alegría
Demanda mellores prezos e máis axudas para os produtores de carne de calidade para garantir deste xeito o relevo xeracional no sector. "Se non hai prezo non hai rendibilidade. Por moitas axudas que digan que che dan, empezar hoxe de cero, cos prezos que hai, é case imposible", asegura.  Daniel considera que "a de gandeiro é aínda unha profesión pouco respectada a día de hoxe". "Igual que no leite os gandeiros xa son moito máis profesionais, boto en falta que na carne non se sexa. Din que as vacas de carne non dan traballo, pero tes que velas todos os días e non vale velas desde a entrada", asegura. E lamenta que a nova PAC "castigue" aos produtores de vacún de carne en relación aos do leite. "Eu cobro 2.000€ menos pola media dos dereitos", exemplifica. 
A de gandeiro é unha profesión aínda pouco respectada a día de hoxe
Aposta por profesionalizar o sector e por diversificar noutras actividades. "Eu quería montar unha granxa de porcos como complemento. En Francia teñen moitas, pero para 2.000 porcos pedíanme 170 hectáreas de superficie e non o vin viable. Ademais, as fincas non reunían as condicións para montar a granxa, polas distancias, se non era polas casas era polos regatos ou por Patrimonio", explica. 

"Eu o que quero é que haxa mozos que se incorporen; cantos máis gandeiros sexamos mellor, porque máis servizos teremos"

Daniel e a súa familia con Lavanda, a vaca emblema da gandería, na feira Salamaq Nos últimos anos a raza blonde está a gañar presenza en Galicia. Son animais que desenvolven todo o seu potencial produtivo sobre todo nas zonas de chaira e que se adaptan á perfección en boa parte do territorio galego, pero Daniel recoñece que "non ten sentido meter blonde no alto do Fiouco ou na montaña de Ourense, onde hai que irse a un gando máis rústico e a un tipo de vaca máis pequena".  Con todo, conta, "na actualidade un terzo dos animais de raza blonde está nos Pirineos, a máis de 1.000 metros de altitude, pero é unha liña máis pequena porque hay que adaptar a vaca ao terreo no que vai estar. Se fas iso, todas as razas valen", asegura. 
A asociación galega de raza blonde conta con máis de 20 ganderías
Daniel é vicepresidente da asociación galega de raza blonde (ABAGA), á que pertencen máis de 20 ganderías que teñen os seus animais no libro xenealóxico, unhas 500 cabezas. A nivel de toda España son uns 8.000 animais os inscritos. "Fóra do libro hai tres veces máis animais", explica Daniel. "Hai moita xente reticente a cubrir datos, porque hai granxas que proceden do leite e meteron carne precisamente para despreocuparse e non cubrir tantos papeis e por iso prefiren non ter o gando inscrito", razoa.  Presenza en feiras e concursos Ameixeiras SC é unha das ganderías habituais en Salamaq, a feira que se celebra en Salamanca no mes de setembro e onde ten lugar o concurso nacional de raza blonde. Esta granxa de Guitiriz logrou o título de mellor gandería de España no ano 2019 e repetiu galardón o ano pasado, cando acudiu con 18 vacas e 6 becerras e acadou 13 premios.  Pero Daniel reclama que a Semana Verde de Silleda dea tamén cabida á raza blonde, cada vez máis estendida en Galicia. "Aí é onde tiñamos que estar os gandeiros galegos amosando o noso gando, pero sáenos moi caro ir, porque as razas autóctonas subvenciónanas para que vaian pero a nós non; nós se queremos ir temos que pagar e unha asociación como a nosa non o da asumido. Ao gandeiro xa lle custa cartos preparar os animais e levalos, para canto máis ter que facer fronte ao custo das instalacións", quéixase. 

Denuncian a “discriminación” dos produtores ecolóxicos nas axudas da Xunta para previr ataques do lobo

A Plataforma de produtores e produtoras de ecolóxico de Galicia (PROECOGAL) denuncia o que consideran “trato discriminatorio” para este colectivo por parte do goberno da Xunta. "Queremos resaltar e recordar, a inexplicable incoherencia de que os productores de ecolóxico estamos excluídos na liña de axudas do PDR por ataque de lobo, polo que debemos comprender que a carne dos animais ecolóxicos non debe ser de bo dente para os seus depredadores, sendo o gando no sistema de manexo ecolóxico o que máis exposto está pola cantidade de horas que están nos pastos”, critican dende PROECOGAL. Neste sentido, dende a asociación anuncian que están a traballar  na presentación dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra esta decisión da Xunta por considerala “totalmente discriminatoria”.   Ademáis, chaman a atención polo que consideran dobre vara de medir do goberno galego, pois mentres decide ampliar as axudas para a contratación de pastores e así cubrir todas as solicitudes “cando os produtores en ecolóxico solicitamos unha ampliación das axudas agroambientais do ano 2022 para cubrir todas as solicitudes que foran denegadas, non por incumprir os requisitos da axuda, se non por non ter orzamentado suficiente para a mesma, a resposta, pese o recoñecemento público, pola súa falla de previsión e comunicación entre entidades administrativas implicadas, foi un rotundo e reiterado non”.

Galicia renuncia a abatir lobos, mentres Asturias e Cantabria actúan para reactivar as extraccións

A inclusión do lobo no Listado de Especies en Protección Especial (Lespre), a partir de setembro do 2021, complicou o control de lobos en zonas con elevados danos ó gando. Ata daquela, entre Asturias e Cantabria viña executándose a extracción anual de arredor de 40 lobos, ben por medio de actuacións dos axentes ambientais, ben pola caza do cánido en batidas de xabarín que tiñan permitido abatir lobos. Desde o 2021, ambas comunidades traballan para reactivar as extraccións, que se esperan inminentes. A actual normativa que protexe ó lobo establece que as comunidades autónomas poderán autorizar extraccións “cando non exista outra solución satisfactoria”. É dicir, a normativa permite os controis se se demostra que nunha zona con elevados danos ó gando, as explotacións afectadas por ataques tiñan “aplicado axeitadamente medidas preventivas ou de protección do gando, e estas resultaron ineficaces”. A autorización farase sempre co matiz de que a extracción “non afecte negativamente ó estado de conservación favorable da especie”. O caso cántabro Sobre esa base, Cantabria procedeu a autorizar en xuño do 2022 extraccións de lobos en áreas problemáticas, se ben a medida foi logo suspendida de xeito cautelar polo Tribunal Superior de Justicia de Cantabria, previa denuncia dun colectivo ambientalista. O caso pechouse finalmente no mes de maio do 2023, desestimando o Tribunal a denuncia contra a autorización de extraccións, polo que se agarda que o Goberno cántabro volva a decretar autorizacións de extracción nas próximas semanas. O sector agrario da comunidade advirte de que os danos do lobo sobre o gando disparáronse no último ano, pois houbo máis de 2.400 reses mortas no 2022, segundo os datos oficiais, cando no 2020 foran pouco máis de 1.800. Así as cousas, as organizacións agrarias instaron esta primavera ó Ministerio de Transición Ecolóxica a axilizar os informes preceptivos que ten que emitir sobre a petición de autorizacións de extraccións. Son informes non vinculantes, pero en tanto non estean emitidos, o Goberno cántabro vese imposibilitado de decretar as autorizacións. Asturias En Asturias, o Goberno rexional aprobou tamén a extracción de lobos no Parque Nacional de Picos de Europa no verán do 2022, se ben o proceso está a retrasarse por choques entre o Goberno asturiano e o Ministerio de Transición Ecolóxica, que demanda garantías adicionais que demostren que a extracción non afectará negativamente á conservación da especie. Entre tanto, está a aumentar a conflictividade social, chegándose ó punto de que apareceron dúas cabezas de lobo na porta dun Concello o mesmo día da visita ó consistorio do presidente rexional. En Picos de Europa, os datos do Parque Nacional revelan que ata o 2021 viñan abatíndose unha media de 8 lobos ó ano, a metade por acción de axentes ambientais e a outra metade en batidas de xabarín. Esa cifra de 8 lobos / ano estímase que era un 20% da poboación do Parque, sen que se detectase un empeoramento dos censos da especie. Si que se recoñece que con extraccións do 30% dos exemplares, a especie vía reducida lixeiramente a súa reproducción, pero indícase que esa situación recuperábase en só dúas campañas, polo que se conclúe que o lobo ten unha alta resiliencia e capacidade reprodutiva, o que permite compatibilizar as extraccións coa conservación da especie. Situación en Galicia O caso de Galicia é distinto, pois na práctica a caza legal do lobo a penas era operativa na comunidade. Só se permitía a caza do lobo en batidas específicas por danos, con escasos resultados. Entre o 2010 e o 2020 abatíronse 11 exemplares en 60 batidas permitidas por danos ó gando, segundo os datos da Xunta. Por que ese escaso control do lobo en Galicia?. As dificultades que ten a caza do lobo en batidas específicas, pois trátase dun animal moi esquivo, xunto coa contestación animalista que tivo algunha das batidas por danos organizadas, facían que houbese poucas solicitudes de control de danos da especie cada ano. No sector, dáse como probable unha importante caza furtiva ou control furtivo con métodos ilegais, como velenos, como principal vía de control poboacional da especie. Co aumento de protección da especie, as batidas xa non semellan unha opción, se ben si sería posible que Galicia puxera en marcha protocolos como os establecidos en Asturias ou Cantabria. No caso cántabro, o Goberno decretou que as extraccións autorizadas de lobos deberían ser executadas por axentes do medio natural, ben en esperas -que poden ser nocturnas, con uso de focos, visores nocturnos e produtos atraíntes-, ben en batidas, cun máximo de 10 axentes armados e 30 participantes colaboradores (non armados), previamente autorizados. Consultada por Campo Galego, a Consellería de Medio Ambiente confirma que descarta aplicar controis do lobo en Galicia.

O agro demanda controis e apoio a medidas preventivas eficaces

O sector agrario en Galicia é partidario de que a Xunta proceda a executar controis en situacións de danos reiterados nos que se demostre un censo elevado de lobos na zona. “En Galicia, a caza nunca foi un instrumento de control poboacional do lobo, pero si que é necesaria para executar controis en zonas de elevados danos sobre o gando, onde fallasen os métodos preventivos”, valora o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.
"En Galicia o lobo está a achegarse ás zonas habitadas. Estamos xogando á ruleta rusa" (Jacobo Feijoo)
“Estamos vendo zonas, como a Mariña lucense ou as Mariñas coruñesas, nas que as mortes de gando e cans prodúcense en terras preto das zonas habitadas. Esa situación hai que xestionala, pois o lobo tamén é un risco obxectivo para as persoas, sobre todo nenos ou persoas maiores. No pasado houbo mortes por ataques de lobos en Galicia -a última nos anos 80- e se perdemos un instrumento de control para afastar ó lobo do ser humano, estamos xogando á ruleta rusa”, sostén Jacobo Feijoo. Os problemas co lobo danse nun ciclo no que as políticas europeas promoven a extensificación do gando, o que aumenta os riscos de danos ós animais. “A parte dos controis, é preciso xestionar suficientes axudas para métodos de prevención e actualizar os criterios de indemnización, pois hai moitos animais, como xatos pequenos ou cabalos que quedan fóra das axudas porque non se atopan os corpos. Hai que buscar un sistema para compensar esas perdas, xa que os danos do lobo en Galicia están moi subestimados”, cuestiona. En Galicia, no último ano Medio Ambiente computou 2.436 reses mortas, unha cifra similar á cantabra, que ten catro veces menos lobos que Galicia. Medidas de prevención Joan Alibés, gandeiro de ovino e asesor especializado na prevención de ataques de lobo, é da opinión de que os controis do lobo non son unha solución, se ben considera que se outras comunidades teñen capacidade para facelos, Medio Ambiente tería que seguir ese camiño. “Se o gran cabalo de batalla da Consellería era que o Lespre non permitía extraccións e outras comunidades actúan para facelas, habería que concluír que os controis poden facerse pero que en Galicia non se queren facer”, valora.
"O lóxico sería que as ganderías contasen cunha convocatoria bianual de apoios a medidas de prevención, con prazos de execución razoables e fondos suficientes" (Joan Alibés)
A prioridade de acción para Joan Alibés pasa por destinar fondos suficientes para as medidas de prevención, con prazos de execución razoables. “Sería preciso, por exemplo, un sistema de convocatoria bianual de axudas, pois estes últimos anos, cando Medio Ambiente resolve as axudas de prevención, na parte final do ano, os gandeiros vense sen prazo para a compra de mastíns. E peor é o caso daqueles que queren executar un valado fixo, pois non hai tempo material no prazo que deixa a Consellería”, conclúe. Alibés incide ademais na necesidade dun asesoramento especializado na prevención de danos do lobo e lamenta que a Xunta renunciara ós 4,3 millóns de euros que o Goberno central tiña previsto destinar a medidas de prevención de danos en Galicia. A decisión da Xunta de non asinar a estratexia do lobo do Goberno central deixouna fóra do reparto de apoios.