Entrepinares e Megaro Foods, interesadas en suministrarse de leite e carne de granxas de ovino e caprino

A Confederación de Empresarios de Lugo acolle un encontro de Ovica con representantes de ambas empresas, así como con investigadores. O obxectivo é impulsar un proxecto de granxas piloto, ben explotacións xa en funcionamento ou de nova instalación

Entrepinares e Megaro Foods, interesadas en suministrarse de leite e carne de granxas de ovino e caprino

Reunión hoxe na Confederación de Empresarios de Lugo.

A Confederación de Empresarios de Lugo, que está a impulsar unha fundación ligada ó agro, a Fundación Agroalimentaria de Galicia, acolleu hoxe unha reunión sobre o sector do ovino e caprino da provincia. O encontro contou coa presenza de Sergio Vargas, do departamento de compras de Entrepinares, e de Carlos Cebrián (Megaro Foods). Ambos confirmaron o interese das dúas industrias en abastecerse de granxas ovinas da provincia. No caso de Entrepinares de leite, e no de Megaro Foods, que xestiona unha sala de despece en Castro de Rei, de animais de desvelle.

Á reunión asistiron tamén a xerente de Ovica, Amaya Santamarta, e Miguel Viña, responsable da ADS ligada a Ovica, así como un consultor e dous catedráticos da Universidade de Zaragoza que se atopan na provincia de Lugo analizando as posibilidades do sector do ovino e caprino.

O obxectivo da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) é impulsar un proxecto de granxas piloto que comecen a abastecer tanto a Entrepinares como a Megaro Foods. Poderían ser ben ganderías xa en funcionamento, ben novas explotacións.

Para este proxecto, a Confederación de Empresarios de Lugo sinala que agarda o apoio da Administración autonómica, da provincial e dos municipios. De feito, onte mesmo mantivo xa un encontro coa Deputación de Lugo para trasladarlle o seu proxecto de incentivar as granxas de ovino e caprino na provincia.

Outra industria láctea que xa ten manifestado o seu interese na compra de leite de ovino en Galicia é Oviganic Ibérica (Monforte de Lemos), que recentemente asinou un acordo coa Consellería do Medio Rural para impulsar esta produción na comunidade. Oviganic abastécese maioritariamente de leite de ovino procedente de Castilla, polo que incorporar produtores máis cercanos é de especial interese para a industria.

Ao movemento de Oviganic súmase o de Entrepinares e o de Megaro Foods, unha industria esta última centrada na carne de vacún maior e no ovino e caprino para a exportación. Esta industria viña abastecendo a súa liña de ovino e caprino de ganderías doutras comunidades, polo que chegar a un acordo coas granxas galegas, a súa vez interesadas en darlle saída ós seus animais de desvelle, é tamén unha oportunidade para ela.

O responsable de Megaro Foods, Carlos Cebrián, implicouse ademais de cheo coa Confederación de Empresarios de Lugo na posta en marcha da Fundación Agroalimentaria de Galicia, pois segundo sinala a propia CEL, á reunión de hoxe asistiu tanto en representación de Megaro Foods como da propia Fundación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información