Archives

Contrachapados de bidueiro: o exemplo letón

As frondosas, xunto coas coníferas, conforman unha parte importante da cadea industrial da madeira nos países nórdicos. A firma letona Riga Wood, especialista en contrachapados de bidueiro, vén de participar recentemente a Lugo a unhas xornadas sobre frondosas, nas que presentou a súa experiencia. Esta compañía letona, radicada en Riga, preséntase como líder mundial en solucións de alto rendemento en produtos de contrachapado de bidueiro. Michael Kern, do departamento de desenvolvemento de produtos da firma, centrouse en explicar o seu sistema de produción, produtos e aplicacións. A firma orientouse nos últimos anos a innovar na mellora das características técnicas e ecolóxicas dos seus produtos. Un dos grandes problemas da produción de láminas contrachapadas eran os residuos xerados polos produtos químos empregados no proceso. Michael asegura que xa teñen un novo sistema totalmente ecolóxico e cero contaminante, baseado no encolado con lignina, nos contrachapados. A lignina é un produto natural extraído da propia madeira que substitúe ó fenol, derivado do petróleo.
Substituíron o fenol, derivado do petróleo, pola lignina, extraída da madeira, para o encolado de contrachapados máis ecolóxicos
Unha das conviccións desta empresa é que os produtos de madeira contrachapada son e serán unha das mellores solucións para o bidueiro, pero ao mesmo tempo consideran que é importante traballar en desenrolar novos produtos, na liña da bioeconomía. Ademais do seu produto estrela, as láminas de contrachapado de bidueiro, tamén ofrecen outros produtos como mobiliario, sinais de tráfico ou derivados do proceso de produción, como a lignina, que eles mesmo empregan na súa gama de contrachapados ecolóxicos. Da magnitude da firma da idea o mercado que acadou. Os seus contrachapados de bidueiro están presentes xa en 56 países, exportando o 91% da súa produción.
A betulina, extraída da casca do bidueiro, emprégase na industria cosmética e farmacéutica
En paralelo, traballan en liñas como o taboleiro de fibra, a produción de celulosa e packaging ou o suministro de biomasa para enerxía. Unha das innovacións máis importantes na que traballan é o laboratorio de betulina, que extrae este composto da casca de bidueiro. A betulina é un componente antibacteriano e de rexeneración celular que se emprega na industria farmacéutica e cosmética. Michael Kern, na xornada organizada por XERA en Lugo. Servizos en monte A industria ofrece servizos a terceiros en monte, incluída a plantación. Incentivan a creación de novas plantacións ofrecendo plantas arbóreas de alta calidade, bidueiro e ameneiro negro para reforestación e tamén para a reforestación de terras non empregadas para fins agrícolas. O seu viveiro foi fundado no 1998, sendo un dos máis antigos do país, e hoxe en día producen 1,5 millóns de novas plantas cada ano, de alta calidade xenética, cun sistema de microclima e rego automático, así como uso de últimas tecnoloxías. Unha das máximas da compañía, ademais de intentar buscar procesos o menos contaminantes posible, é o de agrupar ao máximo número posible de axentes da cadea, buscando unha asociación a longo prazo con propietarios de bosques, cooperativas, empregados, clientes ou grupos de investimento. Lámina de contrachapado de bidueiro

O bosque letón e dos países bálticos en cifras

  • O 52% dos bosques letóns son coníferas (piñeiros e abetos), outro 30% bidueiros, un 17% ameneiros e álamos e o 1% outras especies.
  • Nos países bálticos, calcúlase unha cobertura dos bosques de arredor do 45% do territorio. A propiedade dos bosques é nun 52% de propietarios privados.
  • Existe boa rexeneración natural tras corta dos bidueiros e ameneiros. No caso de piñeiros e abetos, en xeral óptase pola replantación, por unha peor rexeneración.
  • Cada ano córtanse 20 millóns de metros cúbicos de bidueiros nos principais países bálticos (Suecia, Finlandia, Lituania, Letonia e Estonia). En bosque existen arredor de 1.000 millóns de metros cúbicos de existencias, é dicir, anualmente córtanse un 2% das existencias en monte.

Abren axudas para fomentar a utilización de madeira na construción de vivendas

A Xunta de Galicia publica as bases das axudas para a realización de proxectos e obras que empreguen madeira como elemento estrutural na construción, dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros. Como novidade, inclúe unha partida específica destinada ás promocións de construción en altura, onde tamén poderán entrar edificacións con uso residencial dun mínimo de tres plantas. Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como as persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto. Ademais, como novidade, poderán beneficiarse por primeira vez dunhas axudas destas características as comunidades de montes veciñais en man común. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 2 de maio de 2024 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas para a anualidade de 2024 (os gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro) finalizará o 15 de outubro; mentres que o prazo de xustificación para a anualidade de 2025 (aqueles gastos realizados entre o 15 de outubro e o 30 de xuño) rematará o 30 de xuño.
A edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo
Con todo, a execución da obra non terá que estar rematada no momento de xustificación da solicitude de axuda, sempre que o obxecto de dita axuda é a redacción do proxecto de execución de obra e/ou a compra e instalación do material madeira. Actuacións subvencionables Serán subvencionables as accións vencelladas coa redacción de proxectos e a utilización de produtos de madeira nestas actuacións. No caso de pemes, comunidades de montes, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións ou entidades sen ánimo de lucro, a solicitude de axuda deberá ser para nova construción, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, e sempre que cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto correspondan a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída súa colocación) que serán utilizados cunha finalidade estrutural, sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados, excluíndose para dito computo o uso da madeira nas carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabados interiores. Ademais o uso da edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo. A Axencia Galega da Industria Forestal aconsella que, no caso das vivendas en altura, o soto e planta baixa deberán ter estrutura en formigón, sendo utilizada a madeira de forma estrutural, na primeira planta e superiores.

Madeira densificada, un material para competir coas aleacións metálicas

A innovación tecnolóxica está a disparar a potencialidade de usos da madeira, que a maiores dos seus usos tradicionais, vaise introducindo en novas aplicacións en substitución doutros materiais con maior pegada de carbono e impacto ambiental, como plásticos e aleacións metálicas. Unha das innovacións, que se presentou recentemente en Lugo nun congreso sobre as frondosas caducifolias, é a madeira densificada, un produto que multiplica ata por 10 a resistencia e dureza da madeira tradicional. Dúas industrias europeas presentaron en Lugo a súa liña de traballo coa madeira densificada, que xa se está a empregar en produtos comerciais. A madeira densificada obtense por unha combinación dun proceso químico cun proceso mecanico, que inclúe a aplicación de calor e de presión para aumentar a densidade orixinal da madeira natural. É un proceso que se pode aplicar con calquera madeira, incluso con madeiras brandas de crecemento rápido, como poden ser algunhas frondosas caducifolias, caso do chopo. As dúas industrias que presentaron a súa experiencia en Lugo, nun simposio organizado por XERA, dirixen os seus produtos a mercados moi diversos: desde produtos para a construción estrutural ata instrumentos musicais ou tarxetas de crédito feitas en madeira. Construción con bidueiro densificado A primeira das ponencias sobre madeira densificada, feita por Pekka Ritvanen, CEO e xefe de tecnoloxía de Avantwood (Finlandia) e titulada “Densificación e tratamento térmico para construción con bidueiro, centrouse en explicar a nova tecnoloxía que vén desenvolvendo nos últimos anos esta compañía finlandesa. Este proceso recibe o nome de Thermo- Mechanical Timber Modification (TMTM™), é dicir, modificación termo-dinámica da madeira, principalmente de bidueiro. É unha actualización dun sistema que xa tiña patentado esta empresa desde comezos do 2000, co que conseguiron un sistema que fai a madeira moito máis dura e resistente en moito menos tempo e con menos costes. Ainda que de momento traballan nun ámbito máis enfocado ao local, teñen a aspiración de poder escalar este proceso e poder exportar madeira estructural de calidade, así como a tecnoloxía do propio sistema. Esta tecnoloxía baséase nun hardware e un software fundamentado no uso dunha Intelixencia Artificial (IA) que vai interpretando en tempo real a estructura atómica da madeira, para poder controlar o proceso en todo momento. Hai un prensado mecánico das láminas de madeira e unha exposición a altas temperaturas que fan que este sistema, según conta Pekka, sexa o máis eficiente á hora de converter madeIra de pouco valor en madeira estructural, cunhas características moi diferentes ás orixinais.
A densificación elimina máis do 80% do contido en auga da madeira, co que aumenta a densidade, resistencia e durabilidade
Todo este proceso acontece nunhas cámaras especiais que van monitoreando e reaxustando os parámetros en tempo real, co uso dunha IA. Neste proceso conseguen eliminar entre o 80-90% da auga da madeira, e deste xeito a madeira gaña densidade, estabilidade, durabilidade, impermeabilidade e resistencia. Ao mesmo tempo defenden que é un sistema ecolóxico, no sentido de que ainda que consume enerxía (prencipalmente para prensar e quentar a madeira), non xera residuos, as máquinas son fáciles de empregar e sobre todo, abre un abano de posibilidades moi grande. Ademais, a madeira en construcción está considerado un material con moita menos pegada de CO2 que calquera dos materiais alternativos, especialmente no referido a uso estructural. Usan tamén productos químicos no proceso, pero insisten en que non son tóxicos nin contaminantes.
A tecnoloxía permítelles crear vigas laminadas para construción estrutural con madeira que inicialmente non sería para ese uso
A principal aplicación que lle dan a esta tecnoloxía é para a creación de vigas laminadas de uso estructural a partir de madeira que orixinalmente non servía para este uso, pero buscan outros usos, pois como din no seu eslogan: 'Modificamos a madeira coas características que o noso cliente queira, sempre a tempo'. O seu edificio emblema é o famoso Löyly en Helsinki, referente mundial da arquitectura feita en madeira. Solucións para usos cotiás A segunda conferencia foi feita por Oliver Kläusler, xefe executivo de Swiss Wood Solutions AG (Suíza), unha compañía centrada na creación de diferentes produtos en madeira densificada pero sen uso estructural. Os seus proxectos máis famosos feitos 100% en madeira densificada son, entre outros, a primeira tarxeta de crédito 100% de madeira, instrumentos musicais, bolígrafos, reloxos, pezas de xogos… Tamén son os proveedores oficiais das espinilleiras da selección de fútbol de Suíza e os seus instrumentos musicais destacanpor ter unha acústica e durabilidade superior, con grandes ventaxas para músicos e luthiers. Nesta compañía, os produtos son desenvoltos por un equipo interdisciplinar de expertos en diferentes aspectos da madeira, tecnoloxía, deseño, certificación, innovación, desenvolvemento corporativo e marketing. Defínense como expertos en buscar solucións ás túas ideas e retos, e din controlar todo o proceso de produción, asegurando a produción sostible e ética.

Plantacións de castiñeiros para madeira

Roque Julio Rodríguez Soalleiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría (EPS Lugo – Universidade de Santiago), abordou no ciclo de conferencias Luis Asorey os diferentes tratamentos culturais e silvícolas para a creación de plantacións de castiñeiros para a produción de madeira.

En primeiro lugar, hai que distinguir entre os soutos mansos, orientados á produción de castaña, caracterizados polo uso de plantas inxertadas cunha densidade baixa e unha xestión máis intensa, e os soutos bravos, orientados á produción de madeira, que teñen unha densidade máis alta, con plantas bravas (non inxertadas) e unha xestión menos intensa.

A madeira de castiñeiro é máis clara e menos resistente que o carballo, pero moito máis doada de traballar. En Galicia, no 2019 cortáronse arredor de 25.000 metros cúbicos de castiñeiro para aproveitamento madeireiro, un volume escaso, na liña do resto de frondosas caducifolias, se ben é destacable que o castiñeiro mesmo é superado por outras frondosas en volume de cortas, caso do carballo ou do bidueiro. En España, moita madeira de castiñeiro vén de Francia porque comezaron a facer silvicultura antes ca nós.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101886&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Analizamos a continuación os principais condicionantes a ter en conta para unha plantación de castiñeiros para madeira.

O solo “A profundidade do solo é un tema fundamental. As recomendacións mínimas son de 60 cm. de profundidade, pero crecerán mellor cun metro ou máis” sinala Rodríguez.

Outros factores a ter en conta son o tipo de chan, a altitude e a orientación. As recomendacións principais serían a orientación sur, a altitude non superior aos 1.000 metros e a riqueza mineral do solo, principalmente en potasio e fósforo.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101887&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

“Se temos zonas de frondosas ou espinosas, onde intercalar a plantación do castiñeiro, é un bo indicativo e teremos unha zona que vai moi ben para o crecemento. En cambio, se temos unha zona de uceiras e queirogais, é un fracaso asegurado”, advirte Rodríguez.

Fertilizantes O catedrático insiste na importancia da fertilización, en especial co uso de fertilizantes de liberación lenta, que teñen mellor resultado.

“A formulación recomendable do abono sería con baixo valor de nitróxeno – en Galicia temos solos que adoitan ter suficiente nitróxeno para a planta-, pero maior en fósforo, sodio, magnesio e micronutrintes. Unha composición típica dun abono para castiñeiro sería un NPK en proporción 11/22/9, enriquecido con magnesio. A aplicación será preferiblemente en bandas e en cobertera”, destaca Rodríguez.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 3 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101888&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Á hora de fertilizar, hai que ter tamén en conta o uso previo das terras. “Analizando os resultados de diferentes ensaios, pódese ver que as recetas para as terras agrícolas deben ser diferentes que para as terras forestais. No caso dos terreos agrícolas, si que podemos aportar máis nitróxeno, de forma amoniacal e non nítrica. As cinzas ou calizas complementadas con algún super fosfato serían a mellor opción. É unha boa inversión”, asegura Rodríguez.

Rego e temperatura Sobre a dispoñibilidade de auga, o profesor destaca que debe ser na xusta medida. O exceso de chuvia, humidade ou encharcamentos acaba por ter efectos negativos no crecemento dos castiñeiros, sendo unha boa opción o rego por goteo, sistema que non era moi frecuente en Galicia e que implica a creación de infraestructuras permanentes para a rega, que non son subvencionables.

Fóra de Galicia, temos varios exemplos, como en Trévelez (Granada), onde os golpes de calor chegan a matar grandes poboacións de castiñeiros, con temperaturas extraordinariamente altas. É un exemplo claro de como o cambio climático pode afectar aos castiñeiros.

Modelos produtivos Á hora de solicitar unha subvención para a plantación, é preciso plantexala segundo un dos modelos silvícolas deseñados pola Xunta, ou a través dun instrumento de ordenación. Existen diferentes modelos silvícolas: o CS1 (madeira para serra e chapa), o CS2 (produción de froito en novas plantacións) e o CS3 (produción de froito e outros aproveitamentos, dirixido aos soutos vellos).

No referido ás formacións produtoras de madeira, atopamos tres tipos: Plantacións con esa orientación específica, responde ao modelo selvícula CS1. Soutros de produción de castaña: algunhas variedades producen vigas rectas de calidade (importante facer as podas de renovación de copa para a produción de castañas e manter o tronco longo e recto). Montes baixos ou tallar de castiñeiro, moi pouco frecuente en Galicia, orientadas á produción de madeiras de poucas dimensións, pero co gran problema de ser moi sensibles ao chancro.

Podas e formación da árbore: evitar defectos Para obter madeira de calidade, a clave é evitar defectos. O obxectivo é acadar unha árbore final cun fuste limpo (libre de pólas), recto na maior lonxitude posible, con bo díametro e a copa limitada á parte superior. A

As intervencións deben ser o máis frecuentes e menos intensas posibles, especialmente entre os 2 e 6 anos. Debemos centrarnos en cortar as pólas con moita tendencia a engrosar, así como ramas con inserción moi vertical. Será tamén importante plantar con certa densidade, sen facer clareos nos primeiros anos, para así conseguir que as pólas non sexan moi anchas.

O cebolo “O cebolo é un dos defectos máis frecuentes e limitantes, nalgúns paises xa tiraron a toalla, como en Francia”, destaca Rodríguez. Tamén chamado “ring shake”, o cebolo é unha fenda radial de aceboladura, que deriva da escasa resistencia do castiñeiro á tracción perpendicular á fibra.

Recoméndanse facer unha silvicultura precoz para que as condicións de crecemento sexan o máis estables posibles. Outra clave é seleccionar sitios fértiles, de calidade. Algúns autores relacionan o acebolado co nivel do calcio no solo, e case sempre se relaciona con árbores de moita idade.

Rareos e cortas Seguindo o modelo silvícola, o seguinte punto despois das podas é o do control das densidades. No manexo da densidade, imos ter intervencións de cortas dalgunhas árbores e non doutras, o que se chama facer claras.

“Sen marcaxe de ábores non hai selvicultura. É fundamental marcar as mellores árbores para porvir” valora Rodríguez.

O que se corta nun rareo son as árbores que lle fan a competencia ás de porvir, o que lles vai sentar moi ben a estas árbores, que crecerán máis. A competencia entre as árbores mídese examinando as copas.

É importante non deixar aperturas excesivas ou claramentos. Ás veces costa decidir entre a árbore de porvir e a que se debe cortar, ainda que cada vez hai más especialistas e coñecemento ao respecto. É suficiente con 50 plantas de porvir por hectárea, para corta final.

Baixo risco en incendios O subpiso do castiñeiro adoita ser de follas pouco compactas, pero hai que vixiar que non haxa un exceso de toxeiras, que poden ser un risco en caso de lume.

Aproveitamentos As quendas de corta adoitan ser de entre 30 e 60 anos. Desde o punto de vista produtivo, non interesan árbores moito máis vellas. O nivel de cortas en Galicia no 2019 en xestión privada foi duns 25.000 m3, superado polo carballo e o abedul. Os prezos máis altos en decembro do 2022 rondaban os 100 euros por metro cúbico.

Axudas “En galicia hai dúas líneas: unha de castiñeiros para froito e mellora de soutos tradicionais de castiñeiro e outra para produción de madeira, para castiñeiros do país e híbridos. A contía da axuda é do 100%, pero non subvenciona o Ive. Como requisitos, o mínimo da superficie é unha hectárea, é preciso un proxecto técnico e unha serie de requisitos que son razoables, pois o que se intenta é facer as cousas ben” aclara Rodríguez.

É posible facer as plantacións en terreos de monte e en antigos pastizais.

Conclusións Como conclusións finais, Rodríguez lembrou as múltiples opcións de produción que presentan os castiñeiros. “Podemos ter castañas, madeira, produción micolóxica ou gandería extensiva… Ou incluso podemos combinalo todo”, enumerou. Ademais, o profesor destacou tamén que existe en Galicia un tecido produtivo asociado á madeira e á castaña, cunha boa implantación empresarial (viveiristas, empresas de servizos, técnicos, etc.).

- Modelos silvícolas da Xunta https://mediorural.xunta.gal/es/temas/forestal/ordenacion/adhesion-a-ms-y-rbfp-orientativos

- Modelo CS1 https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/forestal/adhesions-ms/modelos/CS1_cas.pdf

- Modelo CS2 https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/forestal/adhesions-ms/modelos/CS2_cas.pdf

- Modelo CS3 https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/forestal/adhesions-ms/modelos/CS3_cas.pdf

 

Vídeo coa conferencia completa:

Mobles e sector funerario, alternativas para diversificar Madera Fiber, auxiliar da automoción

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, reuniuse recentemente co comité de empresa de Madera Fiber (O Porriño, Pontevedra) para continuar traballando e colaborando na busca dun investidor. O obxectivo é atopar alternativas industriais viables que manteñan tanto a actividade como o emprego. A conselleira avanzou o contido dun informe independente que propón vincular o futuro de Madera Fiber a tres sectores: o do moble, o da automoción e o funerario. Paralelamente, a Consellería de Economía está colaborando coa de Emprego en posibles liñas de formación dirixidas ao persoal traballador para que poidan mellorar a súa cualificación profesional ante un eventual cambio de sector da empresa, que estaba especializada ata o de agora no sector da automoción. Finalmente, a conselleira tamén se comprometeu a realizar un seguemento periódico da situación e, deste xeito, manteranse reunións cada tres ou catro semanas para poder analizar calquera novidade que se poida producir e co fin de garantir un diálogo aberto e permanente.

“O piñeiro galego ten moitas posibilidades e imos polo bo camiño, pero tamén é certo que nos queda bastante por avanzar”

Jesús Nantón, director de Operacións do Grupo Malasa (Cerceda, A Coruña), leva 25 anos na empresa. Comezou a traballar como carpinteiro nos inicios da firma, cando era unha pequena carpintería, e viviu toda a súa evolución, ata convertirse no grupo empresarial que é hoxe en día, con proxectos de ‘contract’ a nivel internacional para cadeas de hoteis e ‘retail’. - Que potencialidade lle ves á madeira de piñeiro de Galicia para as aplicacións da madeira que vós traballades, tanto en mobiliario, interiorismo como en casas prefabricadas de madeira? - A madeira de piñeiro sempre estivo presente, o que pasa é que ao final o piñeiro, por equivocación ou ao mellor, porque non facemos fincapé os transformadores que estamos na parte final da cadea, estánselle descartando posibilidades xa cando se corta no monte. A limitación que sempre tivo é que se corta en monte en longos de 2,50 metros. Pensámolo desde o monte para palés, embalaxes ou para triturar. Nós agora estamos metidos na liña de casas de madeira, estamos intentado facer unha casa de madeira distinta, cunhas calidades top, cun sistema construtivo de entramado de madeira, con fachada ventilada. Podedes imaxinar toda a madeira que leva unha casa de 120 metros cadrados. Que pasa? Unha porcentaxe altisima desa madeira non pode ser piñeiro galego, cousa que a min me gustaría que fose. Non pode ser porque non temos suficiente piñeiro galego certificado para estrutural e non temos piñeiro galego cunhas dimensións suficientes para poder utilizalo para ese traballo. O máis grave para min é a limitación no longo. En canto consigamos que non haxa esas limitacións, xa lle podemos dar máis utilidades, pero esa limitación provócanos que teñamos que dar pasos atrás. Hai solucións que lles poderiamos propoñer aos clientes en madeira de piñeiro de Galicia, pero por esa limitación, non podemos facelo. - Houbo xa avances nos últimos anos en novos usos do piñeiro, como o da madeira contralaminada (CLT) para construción. Que máis pasos cres que habería que dar? - É certo que creo que imos mellorando, imos no bo camiño, con novos usos, pero aínda nos queda bastante. O primeiro é conseguir un piñeiro rendible no monte e que lle interese ós propietarios facer plantacións con el e cuidalo. Non son partidario de prohibir especies sen dar opcións. Hai que dar solucións para que se queremos que se plante piñeiro, sexa rendible, que lle interese ao propietario e que proporcione boa madeira para os transformadores. Porque agora mesmo, a madeira galega de piñeiro presenta nós, forma irregular e ten tonos, texturas e densidades variables. Pódese facer selección desa madeira, pero é un traballo extra para as empresas e iso é un problema.En canto a produtos, non se trata de comezar a cortar o piñeiro a 6 metros de longo, sen máis. A solución pasa por un proceso, unha madeira cun secado apropiado, cun ensaio estrutural para certificala, ver a que dimensións convén cortala, que laminados interesan e tomar decisións. Se tivésemos produtos de piñeiro galego con esas características e calidades, unha empresa como a nosa, a igual prezo, tiraría máis do piñeiro galego, en lugar de traballar, por exemplo, con abeto importado. - Que usos tedes actualmente da madeira de piñeiro de Galicia? - Por exemplo, nós facemos para unha cadea de ‘retail’ mobiliario en madeira de piñeiro, cousa que a min me enorgullece podela facer. Ao final vemos un moble elegante e que ten moitas posibilidades. A nivel estrutural, o mesmo. Podería ter todas as posibilidades. O 70 % da madeira dunha casa nosa é de ‘pino rojo’ ou abeto de Centroeuropa. A madeira que traemos nós para aquí está en costes un 30 % por riba da madeira de piñeiro galego. Realmente ese 30 % son costes do transporte, agora mesmo ese 30 %, se puidese repercutir en Galicia en toda a cadea da madeira, estabamos xa revalorizando sen darnos de conta o noso piñeiro e dándolle moitas máis posibilidades. O piñeiro galego nunha empresa como a nosa utilizámolo moi pouco, aínda así temos moito piñeiro. Estánselle buscando novas utilidades, nas casas estas que estamos facendo nós todas as fachadas van en piñeiro galego termotratado. É unha posibilidade que vemos que funciona, que gusta, ten un acabado de madeira moito máis nobre e ten bo comportamento para exteriores. Estase facendo agora un bo traballo co piñeiro, pero non sempre se fixeron as cousas como se tiñan que facer. Ás veces aplicáronse tratamentos en autoclave na madeira de piñeiro que non se fixeron como se tiñan que facer e que deixaron de funcionar como deberían. Entón, no exterior houbo algún fracaso con ese tipo de madeiras. O que non podemos é permitirnos que haxa fracasos.
"A madeira de piñeiro termotratada é unha solución que está gustando moito e ten moita cabida"
- A madeira termotratada de piñeiro, que empregades no exterior das vosas casas, é unha liña de produto á que lle ves posibilidades de crecemento? - O termotratado foi unha solución que está gustando moito e ten moita cabida. Hoxe mesmo aquí no almacén podemos ver piñeiro galego limpo, en espesor 50 milímetros, que dá gusto velo termotratado. Eu cando llo ensino a algunha persoa, a carpinteiros que colaboran connosco en moitos proxectos, sorpréndense de que iso sexa pino galego. Aí é onde temos que estar finos e ver as posibilidades que ten, non quedarnos en que é unha embalaxe. Aquí hai 20 metros cúbicos termotratados porque ten futuro. Teño que telo enriba da mesa porque xa aparecerá o momento no que o piñeiro teña a súa saída, porque é un pino que gusta, que ten posibilidades enormes e cun prezo competitivo. Hai pouco fixemos un proxecto con piñeiro galego para un hotel, con colocación de listóns de madeira no teito. O proxecto viña prescrito con nogal, pero para rebaixarlle o custo final ó cliente, propuxémoslle piñeiro termotratado. Encantou e temos chamadas de interioristas que nos preguntan que madeira é esa. Posibilidades hai moitas, só hai que facer un traballo coherente. - En canto ás casas prefabricadas en madeira, en que liña estades traballando? - A nosa casa de madeira, en concreto, ten un entramado de madeira que non está en contacto co exterior. É un sistema construtivo que funciona moi ben a nivel térmico e acústico. Lembro perfectamente unha casa de madeira que montamos a finais do ano pasado e xusto o día de fin de Ano, que había un temporal grande, a propietaria sorprendíase de que dentro da casa non se escoitaba nin chover nin o vento. Esa casa entregámola a inicios de xaneiro e creo que prenderon a calefacción un día en todo o inverno. Esteticamente queda preciosa tamén. É unha casa de alto nivel e que ten unha fachada ventilada, que neste caso é madeira, pero poderiámola combinar con porcelana, con metal, con outro tipo de acabados. Temos todas as posibilidades. O que temos é que facer unha casa de calidade, que loxicamente ten uns custos. Por prezo non podemos ir a unha casa de madeira, porque vai ser máis elevado que unha construción clásica e, sobre todo, unha casa de madeira coas características das nosas. A nosa casa pódese hipotecar porque non se vai acabar nunca. Un elemento moi favorable para a construción en madeira é que se fai todo en fábrica. Tes unha plataforma, chegas alí e ensamblas a casa. Unha montaxe dunha casa de 130-140 m2, en 3 - 4 semanas está feita e xa case o cliente está vivindo dentro. Loxicamente, ten un proceso anterior, pero en canto tes decidido o que queres, o proceso é áxil. Quizais un problema que vemos coas casas de madeira é que tecnicamente, para a construción das casas de madeira, en Galicia os técnicos non están aínda formados, saen da Universidade sen coñecementos suficientes neste campo, e é algo no que temos que avanzar. - Que madeiras empregades habitualmente para o mobiliario e acabados interiores? Habería madeira galega que vos puidese interesar, a parte da de piñeiro? - Unha madeira coa que temos traballado moito é o carballo europeo, no que agora mesmo temos unha situación grave, porque duplicou o prezo e é difícil de conseguir. Poderiamos substituílo por castiñeiro galego?. Si, se tivésemos madeira de calidade. O castiñeiro galego non é unha madeira carisima cando a mercamos por metro cúbico, pero ten un desperdicio esaxerado. Os castiñeiros que arrastramos ata o de agora non se trataron con cariño no proceso de corta, serrado e secado.
"Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos"
En xeral, as nosas madeiras teñen o problema de que necesitan procesos para empregalas en mobiliario, o que nos obriga a ir a outras madeiras. Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos. En canto á madeira de castiñeiro de Europa, é madeira con bos crecementos e limpa, pero non ten a densidade nin a elegancia do noso castiñeiro. Se falamos de carpinterías de exterior, en Galicia fabricáronse moitos anos do noso castiñeiro e funcionaron de marabilla. Para o exterior, eu optaría polo noso castiñeiro, pero volvemos ó mesmo, procesos da madeira. Temos agora un proxecto con vigas laminadas de castiñeiro nas Canarias e tivemos que ir a Asturias por elas, pois é onde están os mellores proveedores de madeira laminada de castiñeiro.

Malasa, unha empresa orientada a proporcionar un servizo integral

- Explícanos a historia da empresa e a liña de traballos que desenvolvedes. - O Grupo Malasa é unha empresa que se creou nun inicio como unha pequena ferretería para dar servizo aos carpinteiros. A anterior xeración tiña un serradoiro e almacén de madeira e vía unha necesidade de mercado, que era ter unha ferretería especializada de cara a eses carpinteiros, ós que xa se lles vendían taboleiros e madeira, pero que precisaban de máis servizo. Creouse esa ferretería no 1992 e no 94-96 montouse un pequeno taller de carpintería que nese momento tiña 1.000 metros. Comezouse a medrar con iso e no 1999 xa tivemos a oportunidade de entrar na colocación de tarimas nas tendas Inditex, que realmente foi a cadea que nos fixo crecer, independentemente de que nos diversificamos moito máis. Naquel momento había falta de instaladores e nós puidemos cubrir esa necesidade e entrar noutras ramas de traballo das tendas. No 2000 comezamos a fabricar mobiliario, coincidindo cun boom na construción, enfocámonos moito no mobiliario de fogar, todo o que son armarios, portas... Daquela comezamos tamén a fabricar mobiliario para o segmento de ‘retail’. Chegados a este punto, no 2007 vimos que as instalacións quedábanse pequenas para dar servizo aos clientes que estabamos adquirindo e ás posibilidades que tiñamos de mercado. Era un momento malo, porque foi cando caeu a construción de vivenda, pero por outra vía a nós entrounos unha carga de traballo, que era fabricar mobiliario. Entón tomouse unha decisión, montáronse unhas instalacións que son nas que estamos agora aquí en Cerceda, de 4.500 metros, que nos parecían esaxeradamente grandes, pero hoxe mesmo aquí en Cerceda temos 50.000 metros cadrados cubertos. Montamos unhas liñas de barnizado e adaptámonos un pouco ás necesidades que tiñamos para dar servizo ao cliente, que ao final é o que sempre fai Malasa. Considerámonos unha carpintería, pero máis ben unha empresa de servizos, que foi o que sempre intentamos facer: darlle un servizo cada vez máis integral ao cliente. Polas necesidades que tiñan os nosos clientes e que non eramos capaces de cubrirllas só con subcontratas, tivemos que ir abarcando outras ramas. Por exemplo, integrando dentro do Grupo unha empresa de metal, cristal... para ofrecer o conxunto completo, que é o habitual nos segmento de ‘contract’, no que se traballa para cadeas de hoteis, restauración, etc. Tamén hai que precisar que das nosas raíces non apartamos nada, seguimos dando servizos ó cliente particular. Seguímolo facendo, respectámolo moitisimo e creo que temos que seguir facéndoo así. De feito, na Coruña temos un showroom renovado, cun investimento importante, e seguimos mantendo esa carpintería pequena que tiñamos alí, para seguir dando servizo ao cliente particular, para non deixalo de lado. É algo que levamos no sangue todos.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

A Xunta publica a guía para fomentar o uso de madeira en edificios de contratación pública

A Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, publicou a Guía para o fomento da madeira na contratación pública de edificacións sustentables. Esta ferramenta -que xa se pode consultar na web desta axencia- busca facilitar a incorporación de melloras na contratación pública relacionada co uso de madeira na construción. Desta maneira, a Xunta considera que a través dos proxectos de construción pública en madeira, as administracións autonómicas e locais poden desempeñar un papel fundamental no fomento da penetración no mercado de novas solucións máis sustentables para a construción. Ademais, o uso da madeira estrutural na construción de edificios públicos xoga un papel fundamental en políticas de descarbonización mais tamén naquelas políticas de loita contra o abandono rural e fronte os lumes forestais. Dentro deste contexto nace esta guía, enmarcada no compromiso da Xunta co sector forestal galego con varias liñas de traballo. Á parte, a Xunta tamén quere garantir que ata un 20% das edificacións promovidas polo goberno autonómico empreguen madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá dun xeito gradual dende 2024. A finalidade desta guía é realizar recomendacións para incluír o uso da madeira nos contratos ou concesións de obras públicas das entidades do sector público galego. Así, o documento propón cláusulas ou criterios técnicos para o deseño, construción, renovación e xestión de edificios e obras, apostando por reducir o seu impacto ambiental e climático, e incentivar o desenvolvemento de produtos e tecnoloxías verdes no sector forestal. Os órganos de contratación poderán elixir en que obxectivos se queren centrar á hora de preparar o contrato, definindo os pregos de prescricións técnicas e/ou cláusulas administrativas. Na guía faise un percorrido polo que está a acontecer en países europeos como Alemaña, Finlandia, Noruega, Eslovenia, República Checa ou Francia, onde as administración públicas están asumindo compromisos ambiciosos no uso da madeira en novas edificacións publicas. Beneficios do uso da madeira A publicación tamén recolle diversas razóns polas cales é beneficioso o uso de madeira nas construcións. Por unha banda, no eido económico, diversos estudos conclúen que as diferenzas de custo entre unha mesma edificación construída en madeira e outra en aceiro-formigón oscilan ata nun 7%, polo que é o coñecemento dos prescriptores e a experiencia dos contratistas no emprego da madeira estrutural é decisivo para favorecer o aforro orzamentario. Así mesmo, outros estudos conclúen que o custo total do ciclo de vida de edificios en madeira é dun 2,4% inferior ao de formigón ou que, transcorridos 60 anos de vida do edificio, o valor do edificio en madeira é 153% máis alto que o de formigón grazas á revalorización dos seus compoñentes. Asemade, os prazos de execución da obra redúcense, o que se traduce nunha baixada dos curtos de construción. En relación coas razóns técnicas, as estruturas de madeira, ademais de ter unha durabilidade dos materiais semellante a outros sistemas construtivos, teñen un bo comportamento fronte a unha posible acción extraordinaria de sismo ao ser estruturas máis lixeiras que as doutros materiais. Así mesmo, a madeira ten baixa condutividade térmica o que fai que o interior dos elementos manteña a súa temperatura normal e, por tanto, as súas propiedades mecánicas sigan intactas ao contrario do que ocorre con outros materiais. No sector da construción cada vez medra máis o interese por outros materiais estruturais, como é a madeira, para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro dentro dunha estratexia de mitigación do cambio climático na que cobra especial interese fitos como a posibilidade de edificación en altura con paneis. Neste sentido, as construcións en madeira exercen un efecto especialmente beneficioso, debido ao prolongado almacenamento de carbono nos produtos ao longo do seu ciclo de vida. Ademais, estímase que o uso dun metro cúbico de madeira en substitución doutros materiais de construción reduce as emisións de CO2 á atmosfera unha media de 1,1 a 3,9 toneladas de CO2. Razóns sociais Con respecto a razóns sociais, demostrouse que a utilización de madeira ten importantes beneficios para o benestar das persoas usuarias, vinculados a un efecto positivo análogo ao que exerce o contacto directo coa natureza. Este feito xera melloras funcionais especialmente relevantes en edificios de carácter sanitario, educativo ou asistencial. Ademais, nun contexto de economía aberta, un euro investido na construción en madeira xera outro euro nalgún outro lugar da economía rexional. No caso da economía pechada, é dicir, do uso da madeira da propia rexión, os efectos multiplicadores duplícanse. Na estimación dos efectos sobre o emprego e o Produto Interior Bruto (PIB) rexional os resultados seguen a mesma lóxica, segundo estudos realizados. Compromiso co sector Esta guía enmárcase dentro do compromiso da Xunta cun sector forestal sustentable, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental. No marco desta estratexia, ademais da xa mencionada aposta por garantir un mínimo dun 20% -introducido de xeito gradual dende 2024- de novas edificacións promovidas polo goberno autonómico con madeira estrutural, no vindeiro ano tamén se publicará unha nova convocatoria no 2024 cun mínimo de dous millóns de euros para a realización de proxectos e obras de empresas e particulares que empreguen produtos de madeira na súa estrutura. Este paquete de axudas forman parte das achegas que se convocan anualmente para un eixo produtivo clave do rural galego, e que o vindeiro ano tamén contará con 11 millóns de euros para mellorar a competitividade do sector, a través de axudas a investimentos en tecnoloxías.

Os novos edificios da Xunta deberán empregar polo menos un 20% de madeira na súa estructura

A Comisión Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes aprobou hoxe por unanimidade a Proposta Non de Lei (PNL) do Partido Popular sobre a demanda dirixida á Xunta de Galicia para que impulse na construción de edificios do Goberno galego, co obxectivo do fomento dunha construción sustentable, a obrigatoriedade do uso de madeira estrutural. A iniciativa foi exposta polo deputado popular José Antanio Armada Pérez, quen afirmou que, cando menos, o 20 % das novas licitacións públicas da Xunta teñen a obrigatoriedade de incluír a madeira para usos estruturais. Destacou que a industria forestal é un sector “que manifesta un constante crecemento e con futuro, máis tendo en conta as nosas circunstancias”. Por iso, destaca que dende o Goberno están a lanzar liñas de acción “claras, firmes e concretas”. En cifras, o deputado indicou que Galicia conta cunha superficie forestal de más de 2 millóns de hectáreas. Así mesmo, en 2021 a facturación dos subsectores da cadea de valor ascendeu a 2.500 millóns de euros, un 29 % más que 2020, “e o máximo histórico de serie dende o 2006”. Ademais, as estimacións para 2022 son de 2.700 millóns de euros. Tamén detallou que actualmente neste sector traballan unhas 25.000 persoas. Outro dato que achegou foi que Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) subvencionou 164 empresas e particulares que recibiron 2,5 millóns de euros. “Proxectos e obras que empregaban produtos de madeira como elementos estruturais”. Nese sentido, indicou que a Xera publicará unha nova convocatoria cun mínimo de 2 millóns de euros de fondos propios para fomentar a construción en madeira para usos estruturais. Tamén indicou que xunto con outras entidades están a traballar no Plan Estratéxico da Industria Forestal Galego, que conta cun orzamento de 150.000 euros e que estará en vigor ata 2024. Este plan ten por finalidade responder ás necesidades e demandas do tecido empresarial.

Xestión das masas de coníferas

Outra das propostas non de lei que se debateron na Comisión foi sobre a demanda á Xunta de Galicia do impulso dun plan estratéxico de fomento e xestión das masas de coníferas. A iniciativa tamén foi proposta polo PP e debatida pola deputada Susana López Abellá. Expuxo que consolidar unha xestión forestal sostible “é posible grazas a unha planificación en todos os ámbitos, que ten por obxecto o fomento de recursos forestais e madeireiros e a súa mobilización, precedido dunha valorización das coníferas de alto valor”. Fixo fincapé nos piñeirais pola súa consolidación na superficie e do incremento da taxa volume de cortas na aplicación dunha silvicultura axeitada. A finalidade do plan é revitalizar o interese dos propietarios forestais na silvicultura de coníferas, “que se deben aliñar coas melloras xenética e silvícola”.

“A construción en madeira ten dous falsos mitos, o lume e a durabilidade”

- Cóntanos brevemente a historia de empresa. Maderas Besteiro é unha empresa que naceu no 1930 en Castroverde. Foi fundada por Bautista Besteiro Fornes. Nos anos 40 trasladouse para Lugo capital e estivo na cidade ata 1977, que foi cando se construíu a primeira nave na ubicación actual. Outro fito importante foi no 1988, que se instalou a maquinaria para transformar madeira maciza, que foi onde empezou a parte de transformación de Maderas Besteiro, pois a empresa nacera só como distribuidora de produtos de madeira. Destacar tamén que a mediados da década dos 60 incorporouse a segunda xeración á dirección da empresa e no 2000 a terceira xeración. - Explícanos as vosas principais liñas de traballo a día de hoxe. En Maderas Besteiro temos tres grandes liñas de negocio ou áreas de actividade. Por un lado temos o que é a madeira maciza, que nós mercámola a serradoiros en táboa e, ou ben distribuímos esa madeira ou ben transformámola facendo tarimas, frisos, molduras, marcos, escaleiras... Transformámola e vendémola a profesionais. Outra gran liña de negocio é o taboleiro, que o distribuímos ou o transformamos fabricando cociñas, armarios, corte mecanizado de taboleiro... e por último temos a construción con madeira, que quizais vén das dúas anteriores. - Na liña de construción en madeira, fálanos da evolución que estades vendo no mercado nos últimos anos. Nós empezamos con máis profundidade no tema da construción con madeira no 2013. Dende o 2013 ata agora, o que vimos foi unha evolución no tipo de construcións. Antes era máis unha estrutura pesada, é dicir, cubertas ou forxados, principalmente, en rehabilitación. Agora xa non só é a rehabilitación, senón construción de edificación nova con CLT (madeira contralaminada), con viga laminada e con taboleiro, e vamos cara a edificacións en altura, non só vivendas unifamiliares.
"Vemos interese por construír en madeira por parte dos arquitectos, consumidor final e administracións públicas por diferentes motivos: por ecoloxía, eficiencia, por aforro térmico..."
Estamos vendo unha evolución no proceso. Actualmente creo que temos un futuro moi interesante no que é a construción con madeira, simplemente polo que sucedeu en Alemaña, Austria e en todo o centro Europa e que se está a trasladar a España. Vemos ese interese por construír en madeira por parte dos arquitectos, consumidor final e administracións públicas por diferentes motivos, por ecoloxía, eficiencia, por aforro térmico... Por unha serie de elementos vemos que o mercado está a tirar por aí e como di un dos donos de Madeiras Besteiro, estamos no século da madeira. A ver se é certo e somos capaces de consolidalo. - Explícanos algúns dos proxectos nos que estades traballando ultimamente en construción con madeira. Na construción con madeira centrámonos en desenvolver o proxecto do cliente, tanto pode ser unha edificación en altura, como vivendas familiares como naves industriais. Como exemplo, nós como xa tiñamos que ampliar as instalacións, o que fixemos foi unha nave industrial en celosía, en viga laminada, con 26 metros de luz e 27 de longo. O importante é que con madeira de stock, con madeira estrutural de stock habitual, construímos unha nave que ten 26 metros de luz máis de 7 de voo por un dos laterais. Actualmente estamos tamén facendo en CLT dúas instalacións para a Consellería de Medio Rural, que son bases operativas dos equipos de loita contraincendios. Estamos tamén nestes momentos construíndo un par de vivendas unifamiliares en CLT e estanse ademais fabricando dúas estruturas pesadas de viga laminada cubertas para dúas rehabilitacións. - Existen falsos mitos relacionados coa construción en madeira? A verdade é que a madeira ten dous grandes mitos: o lume e a durabilidade. En canto ao lume, evidentemente a construción con madeira ten que cumprir os mesmos requisitos, o mesmo código técnico que ten que cumprir o ferro ou que ten o formigón ou calquera elemento que se empregue como estrutura. Entón, nese sentido o consumidor ten que estar totalmente tranquilo porque os requisitos son exactamente os mesmos. De feito, en canto ao lume, o ferro hai que protexelo. O ferro o problema que ten é que un lume nun edificio de madeira sábese como vai evolucionando e sábese cando o edificio pode chegar a ter problemas de que se derribe ou non. En cambio, co ferro prodúcese un colapso e cae no mesmo momento. Arderon en Madrid unhas torres que eran totalmente de ferro. Ocorreu unha desgracia terrible en Murcia na que a estrutura non era de madeira. En canto ao lume, está totalmente superado iso.
Sobre a durabilidade, eu sempre digo que imos cansar nós da madeira antes de que a madeira se vaia cansar de nós
En canto á durabilidade, o mesmo. O problema é que moitas veces emprégase a madeira inadecuada para usos incorrectos. Hai centos de especies de madeira e teñen a súa usabilidade, entón hai que facer un uso correcto da madeira. Temos edificios en Europa, centos de igrexas, que datan de 1600-1700. O edificio de madeira máis grande do mundo está en Xapón e data do 750. A última modificación foi feita no 1700. A durabilidade está totalmente garantida. O que hai que ter é un uso adecuado das especies. Eu sempre digo que nos vamos cansar nós antes da madeira que a madeira se vai a cansar de nós. - En madeira estrutural para construción, con que madeiras traballades e cal é a súa orixe? Na parte estrutural empregamos madeira e principalmente temos dous produtos: a viga laminada e o CLT. En canto á viga laminada, importámola do centro de Europa, é principalmente de abetos e pino silvestre, nun 95 %, hai outros elementos como o castaño ou eucalipto, pero en minoría. Por outra banda, empregamos o CLT (madeira contralaminada). Antes traíamolo de Centroeuropa, pero agora hai unha empresa en Galicia que fai CLT con Pino de Galicia, entón actualmente é o que estamos empregando. - Ves posibilidade de que a industria galega de piñeiro desenvolva máis produtos para madeira estrutural ou será complicado competir, por exemplo, coas vigas laminadas e outros produtos similares, de Centroeuropa? Competir con Centroeuropa en canto a produtos estruturais, que foron os que os desenvolveron, pois non é fácil, teñen gran cantidade de materia prima, tecnoloxía, coñecemento, pero evidentemente non é imposible nin moito menos. Proba delo é que Xilonor está facendo un CLT que pode competir co CLT de Centroeuropa. Eu creo que a viga laminada si se pode facer en Galicia, e creo que temos madeira para facelo. O pino pinaster ten unhas propiedades adecuadas. O que pasa é que si é certo que temos que evolucionar todos xuntos, é dicir, dende a xenética ata o contract, dende a primeira transformación ata a segunda ou ata os fabricantes de produtos finais. É dicir, toda a cadea de valor ten que evolucionar e mirar un pouco o que fixeron e fan os grandes fabricantes de produtos estruturais. Si temos posibilidades e capacidades, pero temos que mellorar dende a xenética ata o produto final. - En canto á vosa actividade como suministradores de táboa, traballades cunha ampla gama de madeira de coníferas, de distintas especies e procedencias. Como ves no contexto do mercado a marca Pino de Galicia? Eu creo que a marca Pino de Galicia é fundamental neste proceso de evolución e de mellora da calidade do pino de Galicia.
Pino de Galicia está poñendo as bases para que a calidade do piñeiro galego se valore
Primeiro porque crea marca, crea un nome. Ata agora o pino de Galicia está na parte baixa de valor dos distintos pinos que hai, e iso, en moitos casos, inmerecidamente. Ao non haber unha marca, algo que aglutine e que defenda e protexa a calidade do pino de aquí, que marque unhas directrices de como se debe de serrar, como deben ser as táboas, como debe ser a calidade que debe ter...fai que cada un vaia polo seu lado. Iso é inviable á hora de conseguir competir con estes grandes monstros do Centroeuropa. Pino de Galicia e a Fundación Arume están poñendo as bases para que a calidade do piñeiro galego se valore. - Falemos agora da liña de taboleiros e interiores. Cal é a situación de mercado e as tendencias que percibides en materiais e acabados? Actualmente hai unha tendencia cara a un gusto dos decoradores, arquitectos ou interioristas, a un uso da madeira como elemento decorativo, que para nós é fantástico. A verdade é que si que se está observando esta tendencia no consumidor final. Quizais no que é a madeira maciza está un pouco máis estable, pero si que nos taboleiros chapados con madeiras naturais ou melaminados, nos que se poden facer centos de acabados, hai unha infinidade de solucións dende o punto de vista do deseño. Isto abre moitas posibilidades no desenvolvemento da industria de Galicia. - Na gama de taboleiros, como están posicionados os produtos fabricados en Galicia? Eu creo que temos aquí, en Galicia, grandes fabricantes de taboleiros, iso é indudable. Son fabricantes de reconocidísimo prestixio. Nese aspecto, no aspecto do taboleiro, non temos nada que envexar ou pouco que envexar a outras zonas de Europa con produtos similares. Si na parte estrutural, na parte de madeira maciza. Eu creo que somos unha Comunidade, ou a Comunidade que produce o 50 % aserrada de España. Dentro de Europa temos un peso moi relevante. Como dicía José Carballo, temos a mesma superficie forestal que Baviera, en cambio non temos a mesma rendibilidade que ten Baviera. Temos as bases, temos monte, temos especies que nos poden dar moito xogo (pino, eucalipto, castaño...), que nos poden permitir xogar nas grandes ligas e evolucionar moito. Tendo todas esas bases, creo que entre todos, creo que é un traballo da sociedade, da industria, das administracións públicas, dos prescriptores... todos temos que valorar máis o que aquí facemos e o que aquí podemos facer.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

Os beneficios da madeira en terapias ocupacionais: O exemplo do Centro de Atención á Discapacidade Souto de Leixa

A madeira é un material incrible. Non só é renovable, reciclable, reutilizable, biodegradable, e sostible, tamén é unha materia prima que polas súas características ten un efecto positivo na nosa saúde, provocando sensacións como a tranquilidade e benestar. É un material nobre, co que podemos construír desde casas ata edificios de gran altura, e co que, neste caso, PEFC Galicia e o Centro de Atención á Discapacidade (CAD) Souto de Leixa, de Ferrol, construíron unha sólida ponte de amizade. O CAD Souto de Leixa é un centro de titularidade pública, xestionado pola empresa CLECE e situado na cidade de Ferrol, no que residen 95 usuarios e 33 máis que fan uso como centro de día ou centro ocupacional. Neste centro contan con gran variedade de actividades, entre elas, un taller de carpintería e reciclaxe e un taller polivalente, polo que a madeira forma parte do seu día a día. A madeira é un vehículo marabilloso a través do cal os usuarios amosan as súas habilidades e emocións, sentindo ademais que os seus traballos teñen unha verdadeira utilidade. Gustavo Pampín, un dos usuarios asegura que se sinte feliz ao empregar madeira, desde a súa recollida no monte ata cando a corta ou lixa, e sobre todo satisfeito porque moitos dos traballos que realiza faino cos seus compañeiros como Gustavo Rico ao que lle gusta máis serrar e montar, ou Juan Barco e Javier Casteleiro que fan patróns ou serran, ou Luis Gundín ao que lle encanta empregar ferramentas como chave de parafusos ou alicates. Todos forman un gran equipo. De esquerda a dereita: Juan Barco, Javier Casteleiro, Gustavo Pampín, Gustavo Rico e Luis Gundín A súa monitora de carpintería, Ledicia López, relata que lles encanta chegar ao taller todos os días, ver a madeira e empezar a imaxinar cal pode ser o seu destino, desde unha caixa de almacenaxe, un chaveiro para as súas nais ou unha casa para os paxariños. «Son eles os que deciden e é iso é o máis lles motiva», subliña. De esquerda a dereita: Gustavo Pampín, Luis Gundín e Ledicia López, monitora do Taller de carpintería. A reciclaxe é unha prioridade no CAD Souto de Leixa. Así, caixas de madeira para froita acaban converténdose en estupendos marcos de fotos ou nun portal de Belén, ou vellos armarios aos que se lles dá unha nova vida transformándoos noutro obxecto ou recupérandoos e decorándoos novamente. No taller polivalente da man de “Monchi”, realizan moitos traballos diferentes empregando madeira, serraduras, papel ou cartón pedra, e actualmente encóntranse inmersos nun proxecto moi gratificante no que constrúen pequenas casas de madeira que serven de refuxio para os gatiños sen dono. De esquerda a dereita: Patricia Bello, Patricia Bellón e “Monchi”, monitora do Taller Polivalente. A educadora social Miriam Lago, explícanos como dan uso a todo o que fan, e encántalles amosar aos demais os resultados do traballo ben feito. «Cando utilizan madeira, a creatividade xorde, e dunha idea aparece outra e outra máis, e parece que non ten fin», asegura. Miriam Lago, educadora social do CAD Souto de Leixa

A madeira para os usuarios de Souto de Leixa é sinónimo de felicidade

En moitas ocasións dicimos que a presenza de madeira nas nosas contornas de vida xera un efecto psicolóxico positivo en nós, conectando ás persoas coa natureza, e nesta ocasión demostramos un paso máis alá. Esas outras cualidades que nos ofrece a madeira como a cor, o aroma, o son, a textura ou a súa xeometría, empréganse en diferentes usos terapéuticos para a gran diversidade de persoas con diferentes capacidades, facilitando a estimulación sensorial ou mellorando habilidades motrices. Lucía Prados PEFC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que promove a xestión forestal sostible do monte galego a través da certificación forestal. Por iso desenvolve diferentes actividades divulgativas, non só para que os propietarios ou profesionais do sector forestal obteñan un selo que garanta a boa xestión que realizan nos montes ou asegurar a rastrexabilidade da madeira en toda a cadea de transformación ata que chegue ao consumidor final, “senón que consideramos esencial que a cidadanía visualice a multitude de beneficios que aporta esta materia prima renovable, a madeira”. Se queres saber máis, podes ver o vídeo na canle de youtube de PEFC GALICIA: 

O futuro é de madeira

Esta acción está cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal. #Galiciaémadeira #industriaforestalmadeira #XERAsavia #ElasXeranSector #PEFC #PEFCGalicia #PEFCEspaña #OFuturoÉdeMadeira #industriaforestal «O apoio da Axencia Galega da Industria Forestal para a elaboración desta publicación non implica a aceptación dos seus contidos, que serán responsabilidade exclusiva dos seus autores. Por tanto, a Axencia Galega da Industria Forestal non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida»
 

Claves para a obtención de madeira de piñeiro de calidade

A produción de madeira de calidade é clave para toda a cadea monte – industria, pois permite destinar a madeira a usos de maior valor engadido. Eses usos de maior valor, como por exemplo a madeira destinada a construción (CLT, madeira para exteriores, etc.), repercuten en primeiro lugar nos ingresos que poden recibir os propietarios forestais pola venda de piñeiro en monte. E en último termo, a calidade da madeira contribúe a potenciar en Galicia unha industria de primeira e segunda transformación especializada en darlle valor á materia prima. Co obxectivo de divulgar as claves para a obtención da madeira de calidade, a Fundación Arume vén de elaborar un vídeo que explica os requerimentos da industria e as vías de traballo en monte para adaptarse ás demandas dos serradoiros. A cuestión principal a ter en conta é o coidado dos traballos silvícolas (podas, rareos), así como o emprego de planta de boa xenética. Outro punto de interese do vídeo é a explicación dos criterios de clasificación da madeira da marca Pino de Galicia, que busca prestixiar a madeira galega no mercado pola vía de garantir a súa orixe e estandarizar a clasificación das súas calidades. O vídeo ofrece as explicacións do enxeñeiro de montes Jorge Bouzas (Asociación Forestal de Galicia), do secretario da marca Pino de Galicia, David Lorenzo, e de José Lozano (Maderas Goiriz, Vilalba). Con esta peza, a Fundación Arume continúa a serie divulgativa de vídeos sobre a madeira, cos que quere dar a coñecer o traballo da cadena monte industria de coníferas, destacando a ampla gama de usos e aplicacións que ofrece a madeira galega de piñeiro. Este traballo conta coa cofinanciación de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

“No centro e norte de Europa nunca deixaron de construír en madeira, aquí sí, e agora temos que recuperar esa cultura”

A ampliación do centro de saúde do Porriño é a segunda edificación en madeira do Sergas, trala boa acollida que tivo o centro de urxencias da Laracha (A Coruña). De ambos proxectos encargouse o estudo Ezcurra e Ouzande Arquitectura, que leva apostando pola construción en madeira desde os seus inicios. “Para os centros de saúde, o uso da madeira aporta calidade de ambiente interior. A madeira é un material que contribúe a dar tranquilidade e acouga, dálle benestar tanto ás persoas traballadoras como ás usuarias, algo moi importante tras todo o que vivimos na pandemia”, valora a arquitecta Cristina Ouzande, unha das responsables do proxecto do Porriño. - Fálenos do proxecto de ampliación do centro de saúde do Porriño. - Este proxecto sae dun concurso que nós gañamos. A Administración pedía que fose un edificio basicamente de madeira e nós propuxemos un sistema mixto, que leva uns forxados de madeira contralaminada e uns paramentos de entramado. Practicamente é unha construción 100% de madeira, salvo a cimentación, que é de formigón. Tanto na estrutura como nos acabados interiores empregamos madeira. As carpinterías son de madeira, con emprego tamén de taboleiros derivados da madeira en baños e consultas. Nas fiestras, a parte de poñer uns vidros baixo emisivos, colocamos unhas celosías nas fachadas leste e sur, que tamén axudan a que non se produza un quecemento importante dentro do edificio, que é un problema que había no edificio inicial do centro de saúde, onde faremos unha intervención posterior para intentar controlar este aspecto. Por último, incorporamos cubertas axardinadas, que é un elemento que a nós nos parece moi interesante a nivel térmico e ambiental. - Tódalas fachadas exteriores son tamén de madeira. Explíquenos o material que empregaron para as fachadas. - Esta é unha madeira de piñeiro de Galicia, termotratada, que ten unha clase 3 de resistencia ó exterior e leva un tratamento ignifugado, de resistencia ó lume, xa que é obrigatorio nestes edificios. É toda unha madeira que leva trazabilidade. Poremos na entrada un código QR que permitirá que calquera poida ver no seu móbil todo o percorrido da madeira, desde que se cortou en monte ata a súa chegada á obra. Nos interiores traballamos tamén con piñeiro nalgúns acabados e con outras madeiras, como o castiñeiro para as tarimas ou o cedro para as fiestras. - A construción estrutural en madeira é unha tendencia que se está introducindo en Galicia nos últimos anos. Que cre que se necesita para que colla impulso? - Creo que se precisa algo máis de difusión todavía e que a xente vexa que é un sistema que non xera problemas. Porque unha persoa cando inviste nalgo quere que teña unha durabilidade, entón ver que estes sistemas teñen esa durabilidade e que aportan beneficios que non aportan outros sistemas construtivos é unha das claves. Outra cuestión importante é que en Galicia temos xa empresas fabricando material con madeira galega para construción, pero precisamos máis gamas de produto para poder ter un suministro local e que a pegada de carbono da edificación sexa relativamente pequena. - A durabilidade das construcións en madeira é unha das dúbidas habituais entre a cidadanía. Que nos pode dicir sobre iso? - A durabilidade é toda a que se poida necesitar. O único a ter en conta é que a arquitectura de madeira hai que pensala como arquitectura de madeira, hai que deseñala como arquitectura en madeira. Non serve facer un proxecto de formigón e despois executalo en madeira, xa que precisas ter as solucións constructivas ben traballadas para que funcionen e a madeira permaneza en bo estado todo o tempo que se precise. - Incluso nos exteriores? - Como se pode ver aquí no centro de saúde do Porriño, nós non temos ningún medo. Hai que coidar certas cousas, adaptar as solucións. Por exemplo, nós temos uns verteaugas nas fiestras para recoller as cabezas do entaboado, temos uns petos cubertos cuns topetes que protexen da auga os remates superiores, etc. En definitiva, tendo en conta unha serie de cuestións á hora de construír, non debería haber ningún problema, pero son cuestións que tamén tes que ter en conta con outros materiais, non é tan extraordinario, é construír ben, máis nada. - Falaba antes da necesidade de máis materia prima de orixe galega. Onde ve necesidades? - Por exemplo, a día de hoxe, hai materiais como os laminados de piñeiro silvestre (‘pino rojo’) que veñen de fóra, cando o piñeiro do país, nalgúns aspectos, é mesmo mellor a nivel técnico para usos estruturais. Que sucede?. Que os europeos nunca deixaron de construír en madeira. Eles levan moitos anos facendo silvicultura coidada e sostible, cunha industria xa moi potente, e nós temos que collelos, imos un pouco atrás. Nin Francia, nin Alemaña, nin os países nórdicos nin en Inglaterra se deixou de construír en madeira. Nós deixamos de construír absolutamente en madeira. Entón, claro, tamén se perderon os oficios e se perdeu coñecemento. De feito, atopar carpinteiros é un problema. Vista aérea das obras no centro de saúde de O Porriño. - No contexto da bioeconomía, a madeira preséntase como un material renovable e sostible de gran interese. Cre que pode coller máis importancia na construción? - A madeira é importante en construción porque ten unha pegada de carbono moi baixa e ese é un elemento bastante definitivo, tendo en conta o cambio climático. A propia Unesco vén de pedir máis madeira e materiais reciclados nos edificios, xa que a pegada de carbono da construción é moi alta. Outro factor a ter en conta é que cos actuais sistemas de traballo, que permiten fabricar as pezas en taller e reducir o traballo da obra case a unha montaxe, logramos acurtar moito os tempos de construción e obtense moita precisión. Unha vantaxe adicional é que se trata dunha construción en seco, co que eliminas as humidades dos morteiros e todo isto son melloras sobre os sistemas tradicionais. - Pódese dicir que a madeira ten tamén vantaxes técnicas en comparación cos edificios tradicionais de formigón e ladrillo? - Si, é un material que ten un bo comportamento dentro da hidrometría ambiental do edificio, ten un bo comportamento técnico, tamén acústico e aporta esa calidade de ambiente interior que, por exemplo no caso do centro de saúde do Porriño, é moi importante para os usuarios. - Cre que proxectos como o do Porriño, de iniciativa pública, poden ser importantes como modelos de referencia para a cidadanía? - Crear modelos de referencia é importante porque cando alguén decide facer algo en madeira, necesita ver outras cousas, para ver que realmente hai máis que cabanas, xa que o imaxinario da xente en relación á construción en madeira é o dunha casiña para ir as fins de semana. Non se entende que poida haber unha arquitectura cun programa xa complexo e cunhas instalacións importantes. Por iso é interesante que se poidan ver estes exemplos. Tamén hai que destacar que unha cousa boa é a liña de axudas autonómicas que se están a sacar para incentivar a arquitectura en madeira.
“A arquitectura tradicional galega era basicamente en madeira”
- En Ezcurra e Ouzande Arquitectura destaca a especialización que tedes na construción en madeira. Como chegastes a esta liña de traballo? - Tanto a miña socia, Cristina Ezcurra, coma min arrancamos traballando nunha oficina de rehabilitación, entón estivemos traballando en intervencións de arquitectura protexida e aquí a arquitectura tradicional é basicamente madeira. Temos os muros de pedra, pero tanto os forxados como a tabiquería como as carpinterías son de madeira. Para nós é un material moi próximo, que entendiamos moi ben, e que unha vez se xunta coa maneira en que nós cremos que se debe facer a arquitectura, tendo en conta as necesidades sociais e ambientais do momento, pois optamos por traballar coa madeira tamén na arquitectura de nova planta. - Que proxectos destacarías dos que levades acometido? - Un proxecto moi querido para nós é un proxecto de rehabilitación, que é a intervención no castelo de Monterrei (Monterrei, Ourense), tanto do interior do castelo como da casa reitoral. No caso da reitoral, estaba en ruínas, polo que nela fixemos unha intervención de rehabilitación estricta, con reposición dos sistemas estruturais en madeira, entaboados, carpinterías e cubertas, tal e como era en orixe. Tamén destacaría a rehabilitación de Vila Concepción (Cambre) como Casa de Cultura. É unha casa de inicios do século XX, estilo palacete parisino, e ten un interese moi importante polos oficios de madeira e de metal, por como están traballados os elementos decorativos. É un sitio para ver como eran os oficios nese momento, que é algo que en Galicia non se ve habitualmente, xa que en Galicia o modernismo pasou con moita discreción. - E en obra nova? - En obra de planta nova, destacaría o PAC da Laracha, porque foi un cambio de paradigma na concepción en que se ten que facer un edificio público. En principio, o Sergas non tiña en mente cando se fixo ese edificio facer nada en sistemas de madeira. Propuxémolo nun concurso, que gañamos, e a partir de aí fomos pechando con eles a solución, para ver a viabilidade do sistema, que funcionou moi ben, xa que tivo moi boa acollida por parte dos sanitarios e dos usuarios, e iso para o Sergas foi importante.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

“A marca Pino de Galicia pode ser unha vía para achegar valor engadido á táboa de calidade”

Serrerías Rodríguez, situada en Valga (Pontevedra), é unha empresa especializada no serrado de coníferas e foi unha das primeiras en contar co selo Pino de Galicia, que se puxo en marcha en 2022. Coñecemos da man de Ana Busto Zúñiga, adxunta de dirección da firma e cuarta xeración de Serrerías Rodríguez, máis sobre esta empresa. -Cóntanos como é Serrerías Rodríguez? -Serrerías Rodríguez somos unha empresa familiar, somos xa a cuarta xeración. A nosa principal liña de negocio é a fabricación de táboa para empresas que fabrican e reparan palés. Ademais, temos outras liñas, pero son de menor volume, como a táboa de carpintería. En total, temos unha produción aproximada de 6.000 metros cúbicos ao mes. - A embalaxe é o primeiro segmento de negocio do piñeiro galego. No voso caso, cando e por que comezastes a especializarvos na fabricación de palé? -Comezamos coa fabricación de táboa para palé sobre a década dos 70. Inicialmente a serrería estaba centrada na fabricación de táboa para envases de froita ou bebidas, pero cando comezaron a fabricarse tamén os palés para utilizar no transporte doutro tipo de produtos, viron que había un nicho de mercado e decidiron especializarse nel. Os nosos principais clientes son fabricantes e reparadores de palés que están especializados, sobre todo, nos sectores da alimentación e distribución. Nós estamos enfocados ao mercado nacional, aínda que tamén temos clientes en Portugal, Italia e Francia. - Traballades sobre outras liñas de negocio? -Xa levamos uns anos potenciando outras liñas de negocio como a embalaxe industrial para sectores químicos ou empresas que traballan con pedra. Ademais, temos outra liña centrada en proporcionar táboa para carpintería, aínda que esta é unha liña de negocio con menor volume -Con que tipo de madeira traballades? -Traballamos con piñeiro galego. Traemos piñeiro de toda Galicia, maioritariamente procedente de Lugo e A Coruña, aínda que tamén temos algo de piñeiro do norte de Pontevedra e algo procedente de Ourense. -Que vantaxes vos proporciona o piñeiro fronte a outras especies? -O 90% das embalaxes realízanse con piñeiro, é unha esixencia dos fabricantes, que prefiren esa madeira, é unha materia prima moi compatible e con boas calidades para destinar a este tipo de uso. Ademais, no noso caso, traballamos co piñeiro porque tamén é unha madeira que temos preto e dispoñible. -Sodes unha das empresas rexistradas na marca de garantía Pino de Galicia, impulsada dende a Fundación Arume, que supón esta marca para vós? -Pasamos a auditoría meses atrás e xa somos unha das empresas que conta coa marca Pino de Galicia acreditada. Polo momento, non estamos á comercializar porque está aínda empezando todo o proceso. -Que expectativas tedes sobre a marca? -Cremos que é unha boa oportunidade e que nos pode achegar moito nun futuro, sobre todo na táboa de carpintería. Este selo de Pino de Galicia pode traducirse nun maior valor engadido á táboa de calidade que producimos. -No seu momento, apostastes tamén pola certificación forestal, que garante un manexo sostible do monte, é unha demanda dos vosos clientes? -Levamos moitos anos certificando porque os nosos clientes así nolo pedían e cada vez é unha demanda maior. Agora mesmo estamos a certificar en PEFC porque o noso sector é o que máis nos demanda. Hoxe en día, o 80% das nosas vendas son certificadas en PEFC. -Estades tamén apostando pola dixitalización e automatización no serradoiro. Cales foron as últimas accións que levastes a cabo? - Cada ano tentamos mellorar, ben sexa unha máquina ou un proceso concreto. Estamos a especializarnos cada vez máis en ofrecer aos nosos clientes a táboa de reparación de palé xa lista, con todo o pintado, así como os buracos que precisan para os palés pequenos… Neste sentido, cada ano tentamos tamén automatizar e dixitalizar algunha das máquinas. - Aínda que o mercado de piñeiro xa se retardou, o 2022 pode cualificarse dun ano histórico en prezos. De que maneira vos afectou o incremento da demanda e os prezos da madeira de piñeiro que se viviu nos últimos anos? -Xestionalo foi un pouco difícil, xa que había novos clientes que querían que lles servísemos e os nosos propios clientes demandábannos unha maior cantidade de mercadoría. A parte positiva foi que puidemos trasladar a subida de prezos que houbo da materia prima porque o mercado permitíanolo.
"A parte positiva foi que puidemos trasladar a subida de prezos que houbo da materia prima porque o mercado permitíanolo"
Creo que foi algo positivo para o sector porque puidemos situar ao piñeiro nuns prezos competitivos con respecto a outras madeiras, o que resulta bo para toda a cadea, desde o propietario. É un incentivo para optar polo piñeiro, que foi positivo para o sector. -Continúa a elevada demanda de palé polos cambios nos fluxos do comercio que se produciu tras o Covid e coa guerra de Ucraína? -Estabilizouse a demanda e diminuíu. Nos primeiros meses do ano, xaneiro e febreiro, a demanda foi moi baixa. Houbo unha leve recuperación en abril e maio, pero estamos moi lonxe das cifras que se manexaron o ano pasado. Esta baixada da demanda débese á reactivación dos fluxos mundiais e isto coincide cunha baixada da demanda de palés. -Volvéronse a incorporar ao mercados produtores de palé como Chile ou Brasil? -Si, xa volve entrar táboa tanto de Chile como de Brasil, así como de Europa do Leste, o que está a provocar unha maior competencia. Sobre todo está a entrar en barco na zona do Levante moita madeira de fóra e iso estanos afectando de maneira significativa. Os prezos están a caer con esa maior oferta e ao haber tamén unha menor demanda. -A que creedes que se debe esta baixada da demanda de palés? -Pode deberse a que as empresas teñen un alto stock de palés despois das compras que realizaron o ano pasado. Aínda que tamén pode estar relacionado cunha baixada da economía e que haxa unha menor demanda. O que está claro é que non estamos nos números que se barallaron en 2022. Esperamos que se incremente esa demanda de fronte ao próximo ano.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

A Xunta aproba apoios para a industria forestal e de segunda transformación da madeira por importe de 16,5 millóns de euros

O Consello da Xunta avaliou este xoves o informe da Consellería do Medio Rural que dá conta da resolución de dúas liñas de axudas xestionadas pola Axencia Galega da Industria Forestal, que buscan mellorar a competitividade da industria forestal galega. Así, aprobáronse un total de 150 expedientes de axuda por importe total de case 16,5 millóns de euros, o que suporá un investimento público-privado mobilizado de 48 millóns de euros. Concretamente, na liña de axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais houbo 116 beneficiarios que recibirán unha subvención de 14,1 millóns de euros. No caso da liña de achegas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract (conxunto de actividades orientadas ao deseño, fabricación, subministración e instalación de equipamento integral para construcións de uso colectivo) aprobáronse 34 expedientes por importe de 2,4 millóns de euros. En ambos casos falamos do maior importe convocado e concedido en cada unha destas liñas de achegas por parte da Axencia Galega da Industria Forestal. Os beneficiarios foron pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal. Ademais, este ano tamén foron beneficiarias as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que tivesen base asociativa e prestasen os ditos servizos, sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En todos os casos, os beneficiarios desenvolven a súa actividade en Galicia. Axenda de impulso da industria forestal-madeira Ademais, cabe ter en conta que ambas liñas de axudas están encadradas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, promovida pola Axencia da Industria Forestal en 2019 e revisada no ano 2022. O obxectivo que se busca con estas achegas é consolidar as pemes que conforman este sector, permitíndolles gañar en competitividade e apostando por procesos de produción con menor impacto ambiental. Neste senso, a Axenda de impulso é unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.