Substituír o penso en ecolóxico por esta mestura de cereais e legumes personalizada e certificada en ecolóxico supuxo un aforro de máis do 50% dos gastos en alimentaciónUnha das prioridades do proxecto era procurar unha fórmula elaborada a base de cereais de proximidade, para ser máis sostible e reducir a pegada de carbono da propia gandería. Así, case tódolos ingredientes que conforman a ración actual son galegos. “Buscabamos que os ingredientes da ración procederan dun radio máximo de 200 quilómetros de distancia á gandería”, concreta Sueiro. Recoñecen que nestes últimos meses, nos que os pensos e os cereais importados experimentaron importantes subas ante a escaseza, ó optar por produtos de proximidade case non sufriron subas. Contar cunha fórmula propia permitiulle dispoñer dunha ración adaptada ós tempos de crianza que teñen na gandería e que se afastan das quendas propias das granxas cun manexo intensivo. “Os nosos galos sacrificámolos cando teñen un ano, cando os pitos doutras ganderías intensivas saen ós 50 días. As nosas galiñas chegan a ter 5 ou 6 anos, o que permite conseguir uns ovos especiais, aínda que teñamos unha produción máis baixa. Todos estes factores son diferentes das esixencias que teñen que cumprir os pensos pensados para unha granxa en intensivo, por iso buscabamos unha fórmula personalizada e certificada en ecolóxico”, indica o produtor.
Coa nova ración tamén procuraban mellorar o aporte nutricional dos ovos e carne ó incrementar a achega de ácidos graxos saudablesXunto cos chícharos, a ración, que lle prepara a cooperativa asturiana Campoastur, está baseada en trigo e millo, ambos chegados de Ourense. Ademais, no proxecto traballaron con outros ingredientes coa intención de mellorar o aporte nutricional e conseguir así mellores cualidades para a súa carne e ovos. Cun aporte do 5% de bagazo de cervexa, outro tanto de bagazo de aceite e a mesma cantidade de liñaza, conseguiron que os seus produtos teñan un maior contido tanto en Omega 3 coma Omega 6. “Deseguida puidemos etiquetar os nosos ovos como produtos con contido destes ácidos graxos saudables e logo tamén a carne das nosas aves, xa que en ambos casos superan amplamente a cantidade requirida para poder indicalo na etiquetaxe”, especifica o produtor.
“Aproveitar o bagazo é un exemplo de Economía Circular, xa que para a cervexeira é un residuo e para a gandería supón un recurso óptimo cun gran aporte nutricional”A liñaza procede de Ourense, ó igual que o bagazo de aceite, que decidiron non continuar administrando ós seus animais pese á súa achega nutricional. “Resultábanos moi difícil o manexo do bagazo de aceite e garantir a súa conservación en boas condicións, polo que debido a estas dificultades decidimos suprimilo e só seguiremos aportando un 5% de liñaza e de bagazo de cervexa”, concretan. A fórmula compleméntase cun corrector certificado en ecolóxico e libre de químicos.
A min o que me gusta é facer cousas diferentes e ter o que non ten todo o mundo. Hoxe en día hai que especializarseRamón recoñece que vende tamén outro tipo de carne de tenreira ou de porco porque hai que ter para todos os gustos (e petos) pero sempre que ten oportunidade convida á súa clientela a levar as razas que el mesmo cría, convencido de que quen probe repetirá. Dubido que haxa mellor comercial para as razas autóctonas que unha persoa coma el, que leva 20 anos de carniceiro, desde nada máis cumprir os 18. "Levo 15 anos nas asociacións de razas autóctonas galegas integradas en Boaga, como Avimós, Asoporcel ou Cachega e participando nas súas actividades", destaca. Importante labor de promoción
As feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non estánÉl é dos que outorga neste camiño unha importancia vital á promoción. "Fixen unha neveira pequena portátil específica para levar ás feiras", conta. É habitual velo tanto con animais como con produtos na Semana Verde de Silleda, en Expolougo, en Xantar de Ourense ou noutras citas locais como a Feira de Santos de Monterroso. Moitas delas non se celebraron este ano por mor do coronavirus, pero Ramón defende a utilidade destes mercados de proximidade. "Todo este tipo de mercados pegou un golpe grande con isto da pandemia. Levamos un ano parados, coa desculpa do coronavirus estanse facendo moitas cousas sen sentido, pero eu penso que as feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non están", evidencia. Dar saída ao que eles mesmos producen
Son produtos algo máis caros, pero a xente que economicamente pode optar está decantándose por produtos de máis calidade. Notamos algo iso a raíz do coronavirusPero ademais dos produtos propios, na súa tenda hai tamén mercadoría doutros produtores da zona, como os lácteos de Casa da Fonte, a gandería que elabora queixos e iogures no veciño concello de Pantón, onde eles teñen tamén as súas cachenas. "Hai outros criadores de razas autóctonas aos que tamén lles damos saída nós ao produto que eles producen", conta Ramón. Diversificar a produción
Ao ter variedade de produtos pechas moito máis o círculo da produciónRamón ten tamén seis exemplares de ovella galega e 10 nais reprodutoras de porco celta que quere ir aumentando até chegar ás 20. Contan tamén con 16 colmeas nun colmear ubicado a 20 quilómetros de Monforte, enriba dos Peares. "Tiñamos máis de 20 colmeas, pero o ano pasado despois de sacar o mel metíanse dentro as velutinas e atacáronas moito", conta. Do medio cento de galiñas de Mos que teñen comercializan os ovos, que venden a 4 euros. Malia a diferenza de calidade, na súa zona moita xente aínda ten galiñas na casa para autoconsumo e consideran que é por iso que non hai moita demanda e son pouco valorados ovos como os que eles teñen á venda na súa tenda, pero en entornos máis urbanos ou mesmo fóra de Galicia son moi aprezados. Agora están preparando o obrador que teñen en Monforte para poder etiquetar alí os ovos e non ter que levalos a envasar a Fontefiz, en Ourense, onde se atopa a sede de Avimós, a asociación que reúne aos criadores da única raza recoñecida de galiña autóctona gallega. "A produción destas galiñas é menor, pero a calidade é moito maior. Para facer un polo de Mos de dous quilos e medio fai falta un ano, catro veces máis tempo que para criar un polo industrial, igual que un xato de cachena pesa ao ano menos da metade que un xato de cebadeiro. Son produtos de baixo rendemento pero de gran calidade", destacan.
Cada ovo de avestruz, que se pode comer frito, asado, en revolto ou en tortilla, equivale a dúas ducias de ovos de galiñaPero a súa verdadeira paixón son neste momento as vacas cachenas. Ten unhas 40 cabezas repartidas en distintas fincas tanto a carón da casa en Monforte como en Ferreira de Pantón. "En Monforte teño 9 e en Pantón dous lotes con 18 cabezas en cada grupo. Están sempre fóra en fincas de 7 e 8 hectáreas con auga nas fincas e o único que lles damos é herba seca. Pero eu non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento", matiza. "No ano 2014, cando comecei coas cachenas, tiñamos unha vaca para limpar arredor da casa e para muxir o leite para autoconsumo. Cando decidín ampliar, de todas as carnes de vacún galego que eu probei noteille diferenza á cachena, as outras razas son máis parecidas no sabor á rubia galega, pero nesta o sabor é diferente, máis forte, estaría entre a carne de tenreira e a de boi, cunha textura tamén diferente porque é unha carne máis compacta que non merma nin solta auga. E como a min sempre me gustou ir a contracorrente e un pouco ao revés para non ter o mesmo que teñen os demais apostei por meter cachenas, que é unha raza anana, máis pequena e que produce menos quilos, por iso quizais haxa menos, aínda que está en proceso de recuperación", razoa. A aquel primeiro exemplar, de nome Cartera, sumáronse enseguida outras femias e un touro, chamado Curro, e a gandería medrou axiña en poucos anos.
O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne, vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis"A primeira que touxen merqueina no Faro, en Chantada, a un criador do que hoxe son moi amigo e ao que lle compro os becerros da súa explotación para comercializar aquí na carnicería. Vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis. Nós sacrificamos só os nosos machos, pero as femias van para vida todas. Vendémolas a 400 euros. Dache pena sacrificar esa xeración e tamén serve para seguir extendendo a raza, que segue en perigo de extinción. Nós temos todo certificado e dado de alta, polo que a nosa recría vai con todas as garantías, procuramos facer as cousas sempre o mellor posible. O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne", asegura. Con todo, coa carne de cachena pásalles un pouco como cos ovos de galiña de Mos e case venden máis para fóra, con envíos a toda España, que para a zona de Lemos. 40 reprodutoras en 60 hectáreas de terreo
En seis anos pasamos de ter unha vaca a ter 40 porque o terreo a xente dacho para que llo limpes. Pero hoxe xa temos o cupo cuberto. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidadeEste ano Ramón fixo uns 700 rolos de herba seca. "Facemos nós todo, temos maquinaria e non dependemos de ninguén para facer os traballos". "O terreo a xente dacho para que llo limpes pero hoxe temos o cupo cuberto, chéganos moito atender a todo. E preferimos ter menos dunha cousa e ter máis variedade. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidade", engade. Animais moi agradecidos
Non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento, porque o sabor da carne é distinto a das demais"Estes son uns animais moi agradecidos, que están acostumados a criarse fóra, á auga e ao frío, á intemperie, e a defenderse doutros animais como os lobos. Pero tamén teñen boa memoria, á persoa que un día lles faga algún dano fíchano para toda a vida", asegura. Ademais do sabor da súa carne, a Ramón gústalle a conformación estética da raza cachena e tamén o seu carácter. "Son unhas vacas ás que a xente lles ten medo polos seus cornos grandes, pero son uns animais moi nobles, de feito era un gando co que se facían os traballos agrícolas. Se te fixas, as casas de Entrimo, Olelas e esa zona da que son orixinarias tiñan as cortes cos dinteis das portas baixos, porque eran animais pequenos, pero anchos, polos cornos", describe. El hoxe exhíbeos con fachenda na súa carnicería.
Nós apostamos desde o principio por que a galiña de Mos fose unha raza gandeira, non de simple exhibiciónNós o que queremos con esta forma de gandeiría é potenciar o campo e o rural. Nós unha das cousas que fixemos para conseguir apoio da Administración galega foi facelos reflexionar sobre que isto era unha maneira de axudar a asentar poboación. Hoxe cunha explotación un pouco profesional pódese vivir disto, daquela era impensable iso, pero podía axudar a complementar as rendas das familias e que o restaurante do lado poida dar unhas tortillas con ovos de galiña de Mós producidos na zona, xerando deste xeito riqueza e emprego a nivel local, que non se xera se os ovos veñen de fóra. Explicámosllelo ben e entendérono ben. – Pódese logo vivir de criar galiñas de Mos? – Hoxe temos xente en Avimós que vive disto, se non ao 100% si ao 80%, pero para iso habería que ter máis cantidade da que teño eu. O Rega de avicultura artesá diche que podes ter 50 galiñas de posta con galo, 50 galiñas de cría sen galo e cebar 400 galos ao ano. Con 250 galiñas e criando 1.500 galos ao ano penso que se pode vivir dignamente disto perfectamente. Un galo pode valer 50 euros e a ducia de ovos sobre 4,50. Hai que descontar custos, a alimentación, perdas, etc., pero para sacar un soldo de máis de 1.000 euros dá, non é algo descabelado. Temos que velar por que siga sendo crianza artesá pero podería ampliarse coas condicións de superficie necesarias para que en vez de 400 galos por produtor se puideran ter 1.000 para poder vivir disto. Tivemos empresas avícolas importantes que querían que lles aportaramos 10.000 pitos, pero a parte de que é imposible porque non os temos, aínda que os tiveramos nunca os tiveramos subministrado, porque desnaturaliza a cría e deixa de ser artesá. Queremos que cando unha persoa paga 50 euros por un galo de Mos teña a garantía de que os vale porque está fóra e son moitos meses de crianza. – Un dos problemas habituais dos produtores son os circuitos de comercialización. No voso caso? – Unha das cousas que conseguimos coa Xunta de Galicia foi que nos autorizaran a cada criador ter uns minicentros de embalaxe de ovos para que os nosos ovos poidan ir a todos os sitios cun selo como o que levan os ovos industriais, que marca a data de posta e de caducidade. Iso foi unha cousa moi importante porque profesionalizamos a comercialización. Temos un centro de embalaxe tamén en Fontefiz para todas as persoas que non dispoñan dese minicentro na súa explotación para poder ir alí a marcar e embalar os seus ovos.
Cada produtor xa conta neste momento cun minicentro de embalaxe de ovos. Agora o seguinte paso é que se autoricen tamén as salas de matanza domiciliarias e que haxa unhas canles de distribución e comercializaciónCos minicentros de embalaxe non temos ningún problema para sacar os ovos, pero se a min mañá un restaurante me pide que lle leve 3 ou 4 galos non teño onde matalos, porque os matadoiros están lonxe e non nos é rendible. Por iso outra das cousas polas que levamos loitando moito tempo é por aplicar ese mesmo modelo ás matanzas. Nós fomos os primeiros en esixirlle á Administración galega e estatal que autorice as salas de matanza domiciliarias para produtores, que é un modelo que en Europa está regulado e xa leva moitos anos implantado. De feito, nós vímolas en Francia e en Portugal e, sen embargo, aquí non se permiten. Con isto xa levamos moitos anos pelexando e o que fixemos foi tamén involucrar a outros sectores e a outras zonas de España que poidan ter este mesmo problema para que os tiros lle veñan á Administración de varios lados e por varias vías distintas. – A Xunta anunciou a posta en marcha dun matadoiro móbil. – Si, a Consellería neste momento está apostando por un matadoiro móbil, pero a nós non nos resolve nada, eu xa llo dixen ao conselleiro. O matadoiro móbil está moi ben para o capón de Vilalba ou o galo de curral de Vila de Cruces, porque se concentran as matanzas nun mesmo día. Pero a min mañá chámame o Mesón do Campo de Vilalba que quere dous galos e o matadoiro está en Tui e que fago, lévoos eu a Tui ou vén aquí o matadoiro desde Tui por dous galos?
A nós o matadoiro móbil que propón a Xunta non nos serve nin nos resolve nada. Vexo máis operativo que certos concellos cabeceira de comarca teñan unha sala pequena para poder matar ovino, caprino e aves dos produtores desa zonaÉ máis factible e máis barato para a Administración que nos autorice o modelo das salas de matanza domiciliarias, porque a Consellería calcula que o matadoiro móbil ten un custo dun millón de euros e logo custa outro millón ao ano o seu mantemento e funcionamento. Con eses cartos moitas axudas se poden dar para que os criadores interesados poidan facer as súas propias salas de matanza, as axudas concédelas unha soa vez e tes o problema resolto para sempre. Penso que hai que buscar cousas lóxicas e o ideal sería que cada un mate na súa casa, con control e regulación e coas condicións hixiénicas e sanitarias necesarias que se esixan. O único problema que terían é que esas salas domiciliarias servirían para comercializar a nivel de comunidade autónoma, pero todo o que mandes para fóra tería que ir a un matadoiro, pero cubriríanos moito as costas xa. Sen embargo, están empeñados co matadoiro móbil pero eu non o vexo, vexo máis operativo en tal caso que haxa certos concellos cabeceira de comarca que teñan unha sala pequena para poder matar ovino, caprino e aves para que os produtores desa zona leven alí e onde poidas matar dous días á semana, por exemplo. Nas salas domiciliarias só se poderían matar os animais da propia explotación, estas salas comarcais serían compartidas. É máis barato iso que ter un camión andando por toda Galicia cun custo anual dun millón de euros.
Aos restaurantes cústalles moito poñer galo ou polo na súa carta, porque o asocian cun prato de terceira división, pero cando proban o noso esas reticencias iniciais desaparecen. É o que se comía nas festas e nas vodas fai 60 anos, é un produto delicatesenO bo tes que dicir que é bo e que hai pouco, tamén co prezo. E hai mercado para todo, aínda que ao mellor non estea aquí. O meu mercado de ovos está por exemplo en Madrid. Cal é o problema? Ningún. Pero moitas veces a xente ten medo a iso. As nosas razas autóctonas, todas, están criadas en extensivo ao 100%, outras non, e iso é un plus. Por iso alá onde van sempre triunfan, por esa crianza en extensivo de estar todo o tempo fóra. Como pasa cos nosos galos. Son carne máis magra por estar sempre en continuo movemento, non paran. Hai outros galos, incluso en ecolóxico, que están nun metro cadrado e non se moven daí porque hai outros cinco ao seu arredor. E o prezo non ten por que ser o mesmo. Non ten por que valer o mesmo unha frisona que unha cachena ou un pito comercial que un galo de Mós. Pero ten que haber de todo, porque a xente ten que comer, e ao mellor non todo o mundo pode pagar 15 euros todos os días polo quilo de galo de Mos de 9 meses pero pode pagar dous euros por un quilo de carne de polo de granxa de dous meses e pico.
Nós estamos matando galos con 9 meses, iso require o seu tempo e ten o seu custo. O bo tes que dicir que é bo e que hai pouco, tamén co prezoPero ti na túa tenda ou no teu restaurante tes que vender o que o cliente quere comprar, por moito que te empeñes ti noutra cousa. Eu acórdome cando no Viveiró había unha das explotacións máis grandes de vacún de raza hereford de Europa, da familia Páramo Neira, pero non triunfou porque a hereford era unha carne que tiña moitísima graxa e aquí non gustaba, a xente non a quería, hoxe tivera triunfado, porque os gustos do consumidor tamén cambian. – Dis que envías os ovos a Madrid. Onde está o mercado da galiña de Mos, en Galicia ou fóra? – Está tan considerada fóra de Galicia como en Galicia. A miña produción de ovos vai o 100% para Madrid, para dous restaurantes dalí, Taberna La Falda de Lavapiés e La Lorenza, e máis que tivera. En Galicia é máis difícil que os restaurantes aposten polos ovos de galiña de Mos. Eu comecei mandándolle unha caixa á semana con 15 ducias a La Falda de Lavapiés e foi un martes por alí Mikel Iturriaga, El Comidista, probou a tortilla, volveu o xoves ver se era sempre así, veu que era verdade e ese mesmo día na súa páxina puxo "mi tortilla de patatas preferida" e desde ese momento empezaron a pedirme máis e máis ovos. A calidade alí valórase. Nesa tortilla van ovos de verdade, non vai huevina nin ovos de un euro e pico a ducia e que son todo auga.
A galiña de Mos está tan considerada fóra de Galicia como en Galicia. O meu mercado de ovos, por exemplo, está en Madrid. Cal é o problema? Ningún. Pero moitas veces a xente ten medo a isoEu neste momento ando próximo ao límite das 100 galiñas e crío 400 galos, pero quedeime sen eles xa en Nadal. Unha galiña de Mos vén producindo entre 200 e 210 ovos ao ano, cando é nova pon un pouco máis e cando vai vella un pouco menos. Teño dúas incubadoras, pero hai xa máis dun ano que non crío, porque se me dedico a vender ovos non teño ovos que incubar, polo que recurro á sala de incubación que hai en Fontefiz, da que eles que aportan os pitiños cando os precisas. – Supoño que mandando a bares e restaurantes tamén che afectaría o coronavirus o tempo que estiveron pechados – Pois mira, mandaba cada semana un mínimo de 4 caixas de 15 ducias cada unha e agora estou mandando unha, porque os bares e restaurantes están arrincando moi despacio. E durante os meses de confinamento que estiveron pechados ningunha. Así que estes meses non gañamos nin para pagar o penso para alimentar as galiñas. Os ovos teñen unha caducidade de 28 días e non se poden gardar, así que neste tempo estiven facendo parroquia con eles, é dicir regalándoos a amigos e coñecidos, porque tampouco podes buscar outros clientes ou outras vías de comercialización, porque a produción que tes é limitada e tes uns clientes fixos desde fai tempo aos que lles envías a túa produción de xeito habitual e tes que volver garantirlles o subministro cando eles retomen a actividade de xeito normal. – Hai criadores que están tentando recuperar en Galicia outra raza, a pita piñeira, supón competencia ou é bo? – Para Galicia cantas máis razas autóctonas haxa e canta máis xente haxa adicada á avicultura mellor. A nós non nos afecta. Pero para que unha raza sexa considerada raza autóctona ten que dicilo o Ministerio e tes que demostrarlle ao Ministerio que durante moitísimos anos está documentado que esa ave estaba aí e o problema é que ás veces atopar esas probas é difícil. Nós xogamos cunha vantaxe, porque no ano 1936 no Rof Codina en Lugo houbo un veterinario que reuniu moita documentación sobre esta raza e tiña documentada a súa existencia por toda Galicia nesa época, entón con esa documentación foi chegar ao Ministerio e foi todo moito máis doado, porque se temos que reunir nós toda esa documentación igual nos levaba moito máis tempo lograr o recoñecimento de raza autóctona. Atopar aquilo foi chegar e bicar o santo porque había xa unha documentación preparada, con fotos e cun estudio sobre a raza elaborado por un veterinario da Sección Pecuaria de Lugo do Ministerio no seu momento.
Os concursos morfolóxicos non son para competir co veciño, senón para comparar e mellorarOs concursos morfolóxicos non son para competir co veciño, senón para comparar e mellorar. A Silleda imos con exposicións de animais individuais, galos e galiñas, outra de lotes e outra de galiñas con pitiños pequenos. Para que nos vale? Pois para dar a coñecer a raza á xente e para que os nosos criadores comparen o que teñen e poidan mellorar porque ven no que fallan, e ao mellor teñen unhas galiñas boas pero o galo non é tan bo e mércanlle a outro criador un galo bo ou viceversa. Tamén para facer un pouco de parroquia entre nós e animarnos uns aos outros. Ao principio viaxamos bastante por España, sobre todo a Cataluña, e tamén a Francia para entender un pouco o que é a avicultura, porque aquí iamos un pouco atrasados con respecto a esas zonas, aínda que alí a avicultura non ten carácter produtivo como ten aquí, senón que son animais de exposición. Nós aquí en Galicia apostamos por que fora unha raza gandeira, pero si que aprendemos moito do que fan os cataláns a nivel de exposicións e feiras. Hoxe en día non temos que aprender nada deles, somos quizais pioneiros en España en moitas cousas, de feito a raza Galiña de Mos foi a primeira raza de galiña autóctona considerada polo Ministerio de Agricultura e a que ten a día de hoxe un maior número de exemplares de toda España, quizais teñamos máis exemplares que todas as outras razas xuntas e conseguimos xa fai máis de dous anos que o Ministerio nos concedera o logo de autóctona 100%, que parece unha chorrada pero deunos moita visibilidade e moito caché e houbo unha campaña importante de promoción en Paradores por parte do Ministerio.
Cando traballas por facer unha cousa diferente non podes despois metela no mesmo lote porque entón estás desvirtuando ese traballoÉ necesario diferenciar e diferenciarse. Deste xeito non estás metendo no mesmo lote todo. De feito, nós falando con restaurantes en Madrid dinnos que non mercan carne de Ternera Gallega precisamente por iso, porque a carne que lles chega non é uniforme, un día chégalles unha canal dunha maneira e ao día seguinte doutra, e prefiren mercar por exemplo Asturiana de Los Valles porque son sempre máis ou menos iguais. Se ti no teu restaurante ao teu público o que lle gusta é a carne de rubia galega non queres que che chegue unha limiá ou unha limusín. Para min o fallo que ten Ternera Gallega é ese, que non especifica. E dentro colle todo, porque se o animal nace e se cría en Galicia é ternera galega, evidentemente, sexa da raza que sexa. Pero non é o mesmo unha limiá que unha vianesa ou unha caldelá que unha cachena. A ovella de raza galega ten unha carne exquisita, son años moi pequenos e que non cheiran, hai que diferenciala, non pode ir todo no mesmo lote. Cando traballas por facer unha cousa diferente non podes despois metela no mesmo lote porque entón estás desvirtuando ese traballo. Por iso, meter todo nun lote sen especificar non é positivo pero, se se especifica, a marca Galicia Calidade valería para todos.
Orixinariamente os capóns eran de raza Mós, máis pequenos que os actuais. Logo introducíronse outras razas de crecimento rápido, pero penso que os capóns de 6 quilos terán que desaparecer porque non era o tradicional. Antigamente decían ovos de marzo, pitos de abril, que eran os que se deixaban para os capónsE logo hai outra cousa. Cada criador de Avimós ten a súa propia marca, Avimós o único que fai é garantir que ese animal é de raza Mos, pero despois como traballe ou como crie cada produtor xa é problema del. A miña marca comercial, por exemplo, é Aves do Concello, porque a finca onde se atopa a explotación estaba escriturada como Concello. Pois no capón terá que pasar igual. O mesmo que pasa coas denominacións de orixe do queixo ou do viño. Cando vas á feira do Queixo San Simón, ves queixaría Crisanto, Fontela, Prestes ou outras e cada un represéntase a si mesmo aínda que son San Simón todos e no capón terá que pasar o mesmo. Capón de Vilalba si, pero do criador Pepito ou Manolito. No viño é igual, todo é Ribeira Sacra pero cada marca e cada bodega ten o seu prestixio. O que marca a diferenza é iso. En Capón de Vilalba non se está facendo e non sei por que. É unha cousa importante que a xente se dea conta de que as cousas hai que facelas ben. De todos os criadores que imos á feira só hai dous que teñamos Rega. E o único criador de capón de Vilalba de raza Mos que vai á feira do capón son eu. – Ademais do peso, en que outras cuestións se diferencian os capóns de raza Mos do resto? – No tipo de carne e no seu sabor. O capóns de raza Mos teñen máis de oito meses pero malia ter máis idade a súa carne é moito máis tenra porque esta raza ten menos coláxeno que as industriais e, ao mesmo tempo, é unha carne máis escura, con máis hemoglobina e sabor máis forte, semellante ao da caza.
Esta galiña nunha casa para autoconsumo pode durar 4 ou 5 anos tranquilamente e ven producindo uns 200 ovos ao anoEsta galiña nunha casa pode durar 4 ou 5 anos tranquilamente, porque diminúe na frecuencia de posta e en vez de poñerche un ovo cada día e medio ponche un cada dous días ou dous días e medio pero os ovos son cada vez máis grandes e compensa igual mantelas, porque non che consumen porque están pacendo, así que che merece a pena telas. Se te adicas a isto profesionalmente para vender os ovos non podes aguantalas tanto tempo porque tes un límite máximo de 100 de animais e tes que garantir unha produción estable para os clientes que tes. Eu cámbioas cada dous anos e medio máis ou menos, renóvoas entre os dous e os 3 anos, cada ano meto unhas 40 galiñas novas. Pero cando acaban o seu ciclo de produción mátalas e obtés ao mellor 3 quilos de carne, non é como as de produción comercial, que ao ano mátalas e non tes máis ca ósos, aquí aproveitas a galiña. – Como é a alimentación? – Trigo, millo, soia, verzas e o que pacen elas pola finca. A mesma alimentación tanto para as galiñas como para os galos, tan só a variamos cando son pequenas, até que teñen 3 meses, que comen penso para que saian para adiante e teñan un bo desenvolvemento. Pero o penso hoxe é cereal, non é como fai anos, que era veleno. Hoxe o penso non ten mal ningún, pero non se lles dá penso todo o ano porque o penso é moito máis caro, pero é a base de cereal, non leva as fariñas animais e as fariñas cárnicas que levaba antes. Os pitiños xa saen fóra a partir de mes e medio ou dous meses de vida e están até os 8, 9 ou 10 meses, depende un pouco da época do ano e a demanda.
Nalgún momento teño cultivado eu os cereais, pero sacounos moito as gañas de cultivar o xabarín e os custos da recolección– O trigo ou o millo son de cultivo propio? – Nalgún momento teño cultivado eu, pero sacounos moito as gañas de cultivar o xabarín e os custos da recolección. Houbo épocas que eu labraba 3 e 4 hectáreas de millo pero logo para collelos non hai máquinas por aquí para apañar o gran, hainas para o ensilado do millo para o gando vacún, pero para apañar o gran hai pouco. Plantamos trigo do país tamén fai 2 anos. Moitas veces boto un ano si e outro non porque che vai quedando e reduces custos a respecto de botar todos os anos. Bota para atrás o xabarín, porque custa preparar o terreo e labrar e logo non sacas o rendemento que tiñas que lograr.
A localidade de Ferreira do Valadouro acollerá o próximo 2 de febreiro por segundo ano consecutivo unha feira de animais de razas autóctonas galegas. A cita reunirá a animais de todo tipo e nela repartiranse un total de 4.000 euros en premios. A novidade deste ano é a celebración da primeira poxa de gando rubio galego na comarca da Mariña.
A partir das 10 da mañá e durante todo o día poderán verse nunha carpa ubicada no parque Concepción Arenal da localidade exemplares de distintas razas de gando galego, desde ovellas, cabras ou cabalos de pura raza galega, a porcos celtas, galiñas de Mos, cans de palleiro ou vacas das razas cachena, caldelá, frieiresa, limiá, vianesa e rubia galega.
O evento, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración das distintas asociacións que promoven a recuperación destas razas autóctonas, como Acruga, Can de Palleiro, Asoporcel, Puraga ou a Federación de Razas Autóctonas Boaga, reunirá a criadores chegados desde distintos puntos de Galicia e dará a coñecer entre o público asistente as características destas razas tradicionais do noso país e que en moitos casos estiveron a piques de desaparecer.
O concelleiro de Cultura, Eduardo Chao, impulsor desta cita, agarda que volva despertar, igual que o ano pasado, o interese tanto dos gandeiros da comarca coma do público en xeral e contribúa a dar a coñecer as distintas razas de gando autóctono e axudar deste xeito á súa cría e conservación. Insiste ademais que a aposta por recuperar as razas autóctonas é tamén unha aposta pola calidade.
Dentro das actividades da feira terá lugar precisamente unha conferencia de Juan Carlos Puente, que é vicepresidente da asociación Can de Palleiro, sobre as razas autóctonas galegas. Será ás 12 e media do mediodía no salón de actos da Casa da Cultura da localidade.
Amplo programa
A feira abrirá as súas portas ao público ás 10:00 horas. O lugar habilitado para o seu desenvolvemento será o aparcadoiro a carón da piscina municipal. Pero ademais do tradicional mercado de gando están previstas diferentes actividades:
Ás 11:00 horas no campo da feira a Asociación de criadores de cabalo de Pura Raza Galega organiza o concurso morfolóxico de cabalo PRG.
Seguidamente, Xacobe Pérez (presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego) fará unha demostración de traballos pé a terra con rédeas longas con cabalo de PRG.
Ás 13:00 no recinto feiral realizarase a I Poxa de gando de Raza Rubia Galega na Mariña.
Xa pola tarde, sobre as 16:30, o público asistente poderá observar unha demostración de Monta á Amazona con cabalos da PRG.
Rematará a xornada sobre as 18:00 horas coa entrega de premios, na que se repartiran máis de 4000 € entre as distintas especies de gando, nas inmediacións da carpa, sobre as 18:00 horas.
Os asistentes poderán contar con amplos aparcadoiros e un posto onde comer polbo á feira e/ou xamón cocido.
Os interesados en participar poden recibir información e inscribirse entre o 21 e o 29 de xaneiro na Casa da Cultura da localidade, no teléfono 982571516 ou no enderezo electrónico cultura@valadouro.org.
4.000 euros en premios
Esta cita pioneira na comarca da Mariña contará ademais cunha importante dotación económica para animar a participación dos distintos criadores. En total, repartiranse 4.000 euros en premios entre os máis de 30 galardóns que serán entregados aos lotes máis numerosos de cada unha das categorías participantes (cabalos, vacas, porcos, ovellas e cabras), así como para os mellores sementais exemplares de xeito individual.
O diñeiro dos premios distribuirase entre unha gran variedade de categorías co que a organización tentará recoñecer e fomentar a participación da maior cantidade posible de animais de distintas especies. En concreto, repartiranse premios nun total de catorce especialidades diferentes. Serán premiados tanto lotes de animais como exemplares individuais.
Manter viva a actividade agrogandeira do municipio e recuperar as razas do país
O Concello do Valadouro está tentando recuperar nos últimos anos a actividade agrogandeira do municipio con iniciativas como a posta en marcha da Escola de Horta Ecolóxica, así como coa recuperación das feiras e mercados tradicionais. Trátase dun traballo no que está implicado todo o Goberno municipal e no que traballan de xeito coordinado o alcalde, Edmundo Maseda, e o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Eduardo Chao.
O Valadouro mantén aínda unha importante actividade gandeira, e a cria de cabalos e gando vacún en liberdade ten unha fonda tradición en distintas parroquias, sobre todo nas zonas máis altas deste concello do interior da comarca da Mariña, ubicado ao pé da Serra do Xistral, onde todos os anos se celebra a comezos de agosto a rapa das bestas no curro de Santo Tomé.
Ademais, nos últimos anos vense impulsando desde o Concello a recuperación de feiras e mercados tradicionais, como o Mercado da Primavera, a Feira do Mel ou o Mercado da Castaña, aos que agora se suma desde o pasado ano a Feira de Razas Autóctonas Galegas.
“A orixe xenética da Galiña de Mos está na chegada dos celtas a Galicia”As primeiras referencias da raza son do ano 1936, trala creación da Estación Pecuaria Rexional de Lugo, onde se efectúa un Programa de Selección da raza, a partir das galiñas que había na comarca da Terra Chá e noutras zonas do interior de Galicia, e que eran empregados para a produción de capóns. Estaba estendida por todo o interior de Galicia pero para facer aquela selección da raza, mercáronse os primeiros exemplares na parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, na provincia de Lugo, dándolle á raza o nome de raza Mos. Así tomou o seu nome desa maneira tan anecdótica. Desde ese momento a raza contou xa co seu primeiro estándar e a partir de aí, xa se admitiron os rasgos morfolóxicos actuais. Pódese falar de que xa non está en perigo de extinción? A raza Galiña de Mos está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras. Seguindo as recomendacións nacionais, europeas e internacionais en materia de xestión de recursos xenéticos animais e coñecendo a realidade censual da raza, estase a aplicar un programa de conservación, no que prima o mantemento da súa variabilidade xenética, coa conservación da súa rusticidade, produción oveira media, características morfolóxicas, da canal e da carne, e a súa evolución censual positiva, ademais de evitar a deriva xenética na raza.
“Hai agora unhas 6.000 galiñas de Mos, pero necesitamos chegar a 25.000 para que non estea en perigo de extinción”Este programa está a dar os seus froitos, xa que considérase que existe un número suficiente de femias reprodutoras, actualmente de en torno a 6.000, para pasar a obxectivos máis ambiciosos. Pese a iso a Unión Europea, para considerar a unha raza de galiñas como fora do perigo de abandono, indica que debe superar as 25.000 femias reprodutoras, cifra que aínda está moi lonxana. ¿Qué diferencia a súa carne con respecto á doutras razas comerciais? Neste traballo o que fixemos foi analizar as características de calidade da canal e da carne dos produtos principais da raza, como son o galo, o capón, a pularda e a galiña, comparándoa coas estirpes industriais de tipo campeiro máis empregadas en Galicia. E atopáronse moitas diferenzas. En todos os produtos o rendemento das partes nobres (peituga, ás, zanco e contrazanco) foi superior ao das estirpes industriais.
“A Galiña de Mos rende máis nas partes nobres e ten menos graxa que as estirpes industriais”Teñen un mellor rendemento carniceiro, xa que teñen unha porcentaxe baixa de pel e graxa subcutánea, moi inferior ás estirpes industriais, que nalgúns dos casos foi do dobre. A cantidade de graxa na peituga e no zanco é menor que en estirpes industrias, que ademais é de alta calidade cunha mellor relación de Poliinsaturados/Saturados (P/S) que nos industriais, maior contido de omega 6 e de omega 3 e, unha mellor relación entre estes, sendo unhas carnes moi nutritivas, escuras e apreciadas polo consumidor. Pese a que a cantidade de graxa nas carnes dos produtos da Galiña de Mos é menor, ao ter un contido inferior en coláxeno e maior humidade fan unhas carnes máis brandas. Isto é importante xa que en moitas ocasións pensamos que unha carne se ten máis graxa é máis branda, cando en realidade inflúen outros factores. Neste caso a raza sae beneficiada xa que como sabemos, un menor contido en graxa é beneficioso para a nosa saúde. ¿Inflúe a idade de sacrificio e o peso nesas cualidades? ¿Cal sería o ideal? O peso e a idade determinan o tipo de produto que queremos criar. Segundo a idade obtemos polos ou galos e si se castran capóns. Nas femias pulardas ou galiña. As cualidades cambian en función de cada produto pero así tamén se pode chegar a todo tipo de consumidor. Se queremos obter un produto de calidade e diferenciado é moi importante que teñan unha idade ben definida. Nos galos e capóns o ideal é levar a crianza ata os oito meses. Nas últimas décadas no rural galego isto non se está a facer xa que debido ao emprego de estirpes de crecemento rápido, se sacrifican cada vez antes, en detrimento da calidade do produto.
“Nos galos e capóns o ideal é levar a crianza ata os 8 meses e nas pulardas aos 5”Fai moitos anos para a produción de capóns de cara ao Nadal había unha máxima que dicía “ovos de marzo e pitos de abril, nunca mellores os vin”. Polo tanto deducimos que como o sacrificio era en decembro o ideal son oito meses de crianza. No estudo comprobamos como é unha idade idónea para estes produtos na Galiña de Mos, momento no que alcanzan 4,220 quilos de peso vivo de media os galos e 4,360 os capóns. Para as pulardas o ideal son os cinco meses xustos de vida, cando pesan en vivo de media 2,3 quilos. As galiñas vellas cando acaban o segundo ou terceiro ciclo de posta alcanzan os 3 quilos de peso, sendo moi apreciada a súa carne como en tempos pasados. Como din moitos consumidores “por fin se pode volver a comer unha galiña”. ¿Os seus ovos tamén teñen características diferentes? A Galiña de Mos, criada nun sistema artesanal ao aire libre, ten unha produción oveira inferior á das galiñas de tipo industrial, pero o seu ovo ten unhas maiores cualidades nutritivas xa que ten maior cantidade de aminoácidos esenciais (4826,20 mg/100gr. nos ovos Mos, fronte a 4659,13 mg/100gr. na estirpe Isa Brown). Teñen unha maior proporción de xema (30,64% vs. 24,49%) e menor de clara (53,82% vs.61,49%) e un menor contido de auga (74,98% vs. 77,65%), contido de auga moi inferior ao de galiñas en batería (79,9%), o que provoca que salten menos na tixola cando se friten, ofrecendo un aspecto máis consistente no prato. A xema dos ovos de Galiña de Mos ten un color amarelo máis intenso e a súa casca é de cor máis clara que a das estirpes de color industriais.
“Os ovos de Galiña de Mos teñen maiores cualidades nutritivas”Unha das obxeccións que se lle pon á crianza da Galiña de Mos é que o seu crecemento é bastante máis lento que outras. ¿Que hai de certo? Segundo con que se compare. A nivel de razas autóctonas españolas é a que ten un crecemento maior, pero se a comparamos coas estirpes industriais, que están seleccionadas a partir de moitos cruces para acadar crecementos moi rápidos aí perde, loxicamente. Pero o problema é que existe moito descoñecemento. As estirpes industriais de crecemento rápido están feitas para producir polos dun gran tamaño nun período curto para facer un produto, os polos que atopamos nos supermercados, cun rendemento espectacular. Pero desgraciadamente se tende a comparar a ese tipo de aves que se comercializan como polos coas autóctonas, cando o produto que se obtén non ten nada que ver. Son sistemas de produción e produtos obtidos totalmente diferentes. É coma se comparamos viños brancos ou tintos e de colleita, crianza ou reserva. Non teñen nada que ver un con outro e cada un ofrece sabores diferentes.
“As normas europeas obrigan a que os polos campeiros sexan de crecemento lento, a partir de razas autóctonas, algo que non sempre se cumpre”Ademais, convén informar ao consumidor que as normas europeas indican que para producir aves criadas ao aire libre e baixo sistemas campeiros tradicionais, é obrigatorio empregar estirpes ou razas de crecemento lento, entre a que se inclúe a Galiña de Mos, xa que se consideran estes tipos de crecementos coma os de maior calidade, pese a que nalgúns casos estase a empregar en Galicia aves de crecemento rápido. Aí é onde a Galiña de Mos desenvolve mellor o seu potencial, xa que se a comparamos coas estirpes de orixe francesa de polos de crecemento lento, para o emprego de aves criadas ao aire libre, os crecementos son similares pero os rendementos cárnicos son mellores no caso da nosa raza autóctona. Para unha persoa que queira dedicarse á crianza desta raza, ¿Que recomendacións lle darías para unha xestión eficiente da súa crianza? O primeiro é que se debe ter ben claro se quere ter as galiñas por simple afección ou ben para facer unha comercialización das súas producións. No primeiro caso pode ter a raza tendo en conta os beneficios que pode sacar de ela, que non serán económicos pero si nun plano sentimental e de orgullo polo noso, disfrutando duns produtos saudables para a súa casa e participando co seu gran de area nunha conservación dun patrimonio que nunca se debeu perder. Pero no caso de querer obter un rendemento económico, debe ter en conta que a avicultura é un tipo de gandería e debe formarse e posuír coñecementos relativos ao sistema de produción. Este tipo de aves deben criarse ao aire libre e sen masificacións para ter éxito na crianza. Ao xuntarse co sistema de tipo artesanal, podemos adaptar galiñeiros de construcións xa existentes, co conseguinte aforro de custes, valorando o aproveitamento de terreos colindantes para a plantación de cereais, etc. Empezan a aparecer pequenos proxectos empresariais en Galicia centrados na Galiña de Mos e na comercialización tanto de Galo, Capón, Pularda como dos ovos. ¿Cal cres que son as claves para que económicamente e comercialmente estes proxectos saian adiante? Actualmente no mercado atopámonos con polos de tipo industrial que se sacrifican con algo máis dun mes de vida, feitos a partir de estirpes de crecemento moi rápido e tamén, outros polos de tipo campeiro que rondan os dous meses de vida. Pero pouco máis ata o mercado de Nadal, onde xa aparecen galos, capóns ou pulardas en unidades limitadas. Cunha xestión eficiente poderíamos poñer no mercado estes produtos o resto do ano, como xa se está comezando a facer, atendendo a demanda actual que existe.
“Hai un mercado, fóra da época de Nadal, para o galo, capón ou a pularda”O avicultor artesanal debe adquirir cultura empresarial, o que lle chamamos o gandeiro como empresario. Ten que ser capaz de poñer o seu produto directamente no mercado, sen intermediarios, responsabilizándose da súa propia marca comercial e establecendo sinerxias cos seus clientes. É importante que vexan o que está a facer e ter relación o máis directa posible cos seus compradores. É a maneira de que se sinta orgulloso e recoñecido polo seu traballo. Para iso debe explotar o mercado local que é o principal nicho de mercado que ten esta produción. As tendas e carnicerías dos pobos, os restaurantes da zona, a venda directa ao consumidor final en feiras ou no propio domicilio e sendo máis ambicioso, explorar a curto prazo mercados noutros territorios da península, que están a demandar esta produción diferenciada.
“Había outra raza autóctona en Galicia, a Galiña da Montaña, pero é posible que estea desaparecida”Nas investigacións históricas realizadas para o traballo desenvolvido na tese, non atopamos referencias escritas a outro tipo de razas de galiñas definidas existentes no noso territorio. Pese a iso, nos últimos anos sonan algunhas outras posibles poboacións autóctonas de galiñas como a galiña piñeira, susceptibles de ser considerada como raza, que ben poderían estar englobadas nalgúns tipos de aves antigas que aínda recordan os galegos de máis avanzada idade. ¿Algo máis que queiras engadir? Que en xeral a raza é ideal para un tipo de produción mixto carne-ovos, en sistemas de crianza artesanal e ao aire libre, ofrecendo produtos de maior calidade nutritiva e organoléptica fronte ás estirpes industriais, aínda que de menores crecementos. É un cambio de cantidade por calidade. Coa raza autóctona recupéranse os sabores de antes, a importancia do xenotipo, da raza. O sabor de raza.