As industrias lácteas definirán en marzo as súas ofertas de prezos do leite para primavera

O sector agarda que haxa unha moderación das baixadas anunciadas na primeira proposta de contratos, pois o mercado industrial mantense estable e o leite líquido segue cun valor alto nos supermercados

As industrias lácteas definirán en marzo as súas ofertas de prezos do leite para primavera

Para mediados de marzo, o sector gandeiro espera que as industrias lácteas concreten a súa proposta final de prezos do leite para os contratos que se asinan esta primavera. A perspectiva apunta a unha estabilidade á baixa, con lixeiras caídas de prezo pero por baixo do anunciado polas industrias hai un par de meses.

Datos internacionais
O escenario de mercado semella estable a nivel europeo e internacional, de acordo cos últimos datos. En produtos lácteos industriais, en Europa a manteiga mantén unha lixeira tendencia á alza (+1,5% no último mes), cun valor un 23% superior ó de hai un ano.

En queixos e leite en po, en cambio, as cifras apuntan a unha estabilidade en valores baixos, pois a maioría de queixos móvese en cifras un 5 – 8% inferiores ás de hai un ano, coa excepción do cheddar, que caíu un 29%.

No nivel internacional, a subasta quincenal de lácteos de Fonterra, en Nova Zelanda, leva encadeando subas de prezos desde setembro pasado. Na última subasta desta semana, o índice xeral de prezos subiu un 0,5 %. Como nota negativa, queixos e leite en po enteiro manteñen unha tendencia á baixa, en consonancia coa situación europea.

Mercado español
A característica particular do mercado español, fronte ó europeo e ó internacional, é o elevado peso do leite líquido, que representa máis dun 40% do destino de todo o leite producido no país. A ese respecto, as organizacións agrarias sinalan que o leite continúa mantendo un valor alto no supermercado, polo que se entende que non hai motivos para baixadas nas granxas, que á súa vez desencadearían abaratamentos non desexados do leite no supermercado.

Claro que distinta é a percepción das industrias, que perderon cota de mercado nas súas marcas de fabricante, en favor das marcas de distribución, e aspiran a recuperar vendas se o prezo do leite se abarata nos liñais.

Así as cousas, o sector agarda a ver cal é a decisión final das industrias sobre as propostas de contratos para a primavera. Queda por valorar como están a evolucionar en Europa prezos do leite e entregas nestes primeiros meses do ano.

España polo de agora continúa en prezos superiores á media europea, que para xaneiro calcúlase en 45,9 céntimos, cos países veciños, Francia (45) e Portugal (44,5) nesas cifras, o mesmo que Alemania (45).

Control da produción?

En vista do escenario, unha organización de produtores de leite de Castela e León, Agaprol, está a recomendarlle ás súas granxas que moderen as entregas de leite, pois consideran que unha maior produción levará a un abaratamento dos prezos.

A moderación das entregas por parte das granxas, sen embargo, é un escenario que en Galicia desaconsella Ulega, a organización de produtores de Unións Agrarias, que agrupa a 1.600 ganderías galegas.

“Limitar a nosa produción para que entre máis leite de fóra?. Non lle vemos sentido” (Óscar Pose, Ulega)

“Limitar a nosa produción para que entre máis leite de fóra?” -pregúntase Óscar Pose, responsable de Ulega-. “Esa proposta tería sentido se España non fora un sumidoiro do leite europeo –vía queixos e outros produtos importados-. Ou se houbera posibilidade dun acordo europeo de produtores para regular as entregas, pero aconsellar ás granxas a que tomen esa decisión de xeito individual non lle vemos sentido”, valora Óscar Pose.

Contratos
En canto á negociación de contratos do leite para a primavera, un dos motivos polo que naceron as organizacións de produtores, Pose é pesimista sobre a posibilidade de chegar a acordos colectivos en Galicia.

“Con Lactalis, Naturleite e Celta podémonos sentar a falar de prezos, con independencia de que despois cheguemos ou non a acordos. O resto de grandes industrias nin sequera están dispostas a dialogar” (Óscar Pose)

“Basicamente seguimos no modelo de contratos de adhesión, sen negociación. Hai industrias como Lactalis, Naturleite ou Celta coas que podemos sentarnos a falar de prezos, con independencia de que ás veces cheguemos a acordos e outras non, e logo unha maioría de industrias que se negan de xeito sistemático a sentarse con nós”, valora Pose.

“A única solución que vemos para que as organizacións de produtores verdadeiramente funcionen pasa por cambios lexislativos, como a creación da figura dun mediador público que verifique as conversas e que poida contar ademais con ferramentas, como índices de custos de produción, para valorar a situación e intermediar entre as partes”, sinala.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información