A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Xornada de portas abertas en gandaría Abrita SC, unha granxa de Portomarín con 4 robots de muxido Lely

Lely organiza o vindeiro xoves 18 de abril unha xornada de portas abertas nesta gandaría lucense con catro Lely Astronauts A5 e un arrimador de comida Lely Juno Flex

José Manuel Rodríguez xunto cos seus fillos Manuel e Rubén Rodríguez

José Manuel Rodríguez xunto cos seus fillos Manuel e Rubén Rodríguez

O 18 de abril a partir das 10 da mañá, Lely organiza unha xornada de portas abertas na gandaría Abrita SC, unha explotación situada na provincia de Lugo no concello de Portomarín, na parroquia de Vilaxuste. A granxa conta desde o ano 2022 con catro Lely Astronaut A5 e un arrimador Juno Flex da firma holandesa.

Esta granxa familiar encabézana José Manuel, Manuel e Rubén Rodríguez, que contan ademais coa axuda de catro empregados para todas as tarefas relacionadas coa súa explotación. Hai que lembrar que ás súas 500 vacas, entre muxido, secas e xovencas, hai que sumar case 180 hectáreas de terreo das cales se encargan eles mesmos. 

Manuel Rodríguez comenta que “levamos 25 anos nesta nave, agora mesmo temos 250 vacas en muxido con catro robots”. José Manuel, o seu pai, contaba que “empezamos con sete vacas na granxa vella hai moitos anos e temos ido medrando até o que temos na actualidade”. 

lely a brita FOTO 2

Para pór os robots de muxido, Manuel di que “fixemos unha ampliación para meter os robots, levamos máis de dous anos e medio e a verdade é que estamos encantados”. Da adaptación dos seus animais, este gandeiro lucense di que “desde os primeiros meses démonos conta de que acertaramos plenamente, porque o traballo cambiou como do día á noite”, engadindo que “o traballo con robots é moito máis levadeiro”.

O número de avarías das máquinas é tamén unha gran vantaxe que lle ven ás máquinas de Lely. “Se tes ben os robots, con auga e luz, o robot non para. As avarías son mínimas. A verdade é que estamos moi contentos, porque a máquina funciona á perfección”, comenta Manuel Rodríguez.

lely a brita FOTO 3

En canto a números, Manuel fala dun gran incremento na produción das súas vacas. “O cambio foi de entre 5 e 6 litros máis por vaca e por día, este incremento dá dabondo para pagar os robots e gañar diñeiro”, asegura o gandeiro.

Para a adaptación, os primeiros meses foron os que máis lles custaron, xa que puxeron a funcionar as máquinas en dúas fases, primeiro instalaron dous robots, e logo os outros dous. Aínda así, Manuel Rodríguez asegura que “en dous meses as vacas estaban afeitas e producindo máis litros de leite”. 

José Manuel, o pai, asegura que “nós non quedamos nunca ningunha noite enteira aquí para afacer o gando, a verdade é que nos levou dous meses pero volveriámolo facer porque os beneficios son extraordinarios”. 

lely a brita FOTO 4
Na granxa, conta Manuel que “traballamos nós e temos catro empregados, porque facemos todo nós, tanto os labores de agricultura como na granxa”. 

Grazas á instalación dos robots “suprimimos seis horas de traballo diario de dúas persoas, que son 12 horas ao día”, conta Manuel. Agora “a xente pode atender mellor as cousas, e podemos estar pendentes moito máis de todo”, comenta o gandeiro. Para os robots recoñece que “non fai falta unha man de obra tan cualificada, polo que é máis fácil atopar persoal”.

En Abrita SC compaxinan o traballo cos robots Lely Astronaut A5 coa sala de muxido, cun lote de vacas moi pequeno. “Grazas a isto non temos problemas nos robots, o único que temos en sala son as vacas que están enfermas, ou que requiren da nosa intervención. Así as vacas están moito máis aliviadas e os robots con moito máis tempo libre e sen perder muxidos con leite que non se vai aproveitar”, asegura Manuel Rodríguez. 

lely a brita FOTO 5

A granxa está dividida en dous lotes, con dous robots en cada zona. “Temos 110 vacas en cada lote, metemos moi poucos atrasos, ao redor de 4 vacas por cabina á mañá e á tarde, o número é moi levadío, porque dáche moi pouco traballo e moita flexibilidade”, afirma o gandeiro.

Manuel Rodríguez di ademais que “grazas aos robots xa non ves leite nas camas, e os animais están moito mellor”.

O seu irmán Rubén é o encargado de facer o carro de comida para as vacas, e conta que “metemos 11 quilos de herba, 26 de millo, 2,5 de silo de herba de inverno, e 8 quilogramos de concentrado na ración”. A maiores “punteamos no robot unha media de seis quilos por vaca e por día”, comenta.

FOTO 6

As camas son de carbonato e serrín, e Rubén Rodríguez di que “as camas gradámolas sempre á mañá e repásanse pola tarde”. A mellor cama para Abrita é a area, “pero para a agricultura é a peor, polo que nos decidimos por este tipo de cama”, finaliza Rubén.

O deseño nesta granxa lucense estaba moi claro, querían pór os robots en forma de L. “Era a única forma que viamos para que se puidese compartir área de contención e que quedase moi cómodo para o traballo diario”. Ademais, di Manuel Rodríguez, “podes pasar dun robot a outro en moi poucos metros, algo que é moi práctico”. 

FOTO 7

O bo servizo e a forma de traballar de Lely “foi o que nos axudou a tomar a decisión, nós estamos moi contentos con todo”, asegura Manuel. 

José Manuel só lle pon unha única pega ás máquinas de muxido, que é “non térmolas posto antes, porque a verdade é que estamos encantados, grazas aos robots isto cambiou moitísimo”.

As inseminacións fanas sempre a partir dos 60 días, “salvo vacas de 70 litros para arriba”, comenta Manuel Rodríguez. “Traballamos en exclusiva con ABS o tema do seme e os acoplamentos, levamos desde xaneiro traballando 100% con eles pero aínda é pronto para facer algunha valoración, aínda que seguro que a relación vai ser moi positiva, porque nos coñecemos de hai moitos anos”. O que buscan nas súas vacas é “velocidade de muxido e quilos de leite, e como non queremos aumentar moito máis o número de vacas, por iso decidímonos polo programa que nos propuxo ABS”, di Manuel.

lely a brita FOTO 8

En Abrita SC non externalizan ningún servizo para os seus animais, “desde que nace a vaca ata que se marcha, está nas nosas instalacións, contamos con máis de 500 vacas en total”, asegura Manuel.

Ademais dos robots de muxido Lely Astronaut A5, nesta explotación láctea contan cun arrimador de comida Lely Juno Flex. “Estamos moi contentos, porque o vemos moi necesario. O arrimador é completamente esencial, porque ao arrimar a comida, as vacas comen máis, e por conseguinte, dan máis litros de leite e non temos restos, algo moi cómodo para nós”, conclúe Manuel Rodríguez. 

lely a brita FOTO 9

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *