As importacións de leite e nata aumentaron un 66% no que vai de ano

Analizamos a situación do mercado lácteo de cara á renovación de contratos que se aveciña, no que as industrias buscan reducir o diferencial de prezo a respecto das compras noutros países europeos

Chegada dunha cisterna de leite procedente de Portugal a Inleit

Chegada dunha cisterna de leite procedente de Portugal á planta de Inleit en Teixeiro

España, que importa cerca dun terzo dos produtos lácteos que se consomen no país, mantiña en maio un diferencial positivo de 8 céntimos no prezo do leite con respecto á media da UE (6 céntimos no caso de Galicia), unha situación que podería mudar nos vindeiros meses, á vista das ofertas que están a presentar as empresas que mercan leite en Galicia ás explotacións das que se subministran

As industrias alegan abundancia de leite barato noutros países para xustificar a corrección de prezos á baixa e, no caso das empresas enfocadas a produtos industriais, como Inleit, Reny Picot, Galacteum ou Entrepinares, nula rendibilidade na coxuntura actual, transformando leite mercado nas granxas a 50 céntimos e vendido no mercado a 35. 

A situación é preocupante, o leite en po e a manteiga están a 35 céntimos equivalentes e o queixo posto aquí de Alemaña ou Polonia a 3€

“O leite en po e a manteiga están a 35 céntimos equivalentes e o queixo posto aquí de Alemaña ou Polonia a 3€ o quilo. A situación é preocupante porque temos un desfase moi importante con Europa e mentres iso non se corrixa hai moita incertidume e iso sempre é malo tanto para o gandeiro como para a industria”, recoñece o xefe de compras dunha empresa que opera en Galicia e que apostou por renovar contratos a moi curto prazo. 

Analizamos a continuación unha serie de condicionantes que están a influir na decisión das industrias de baixar o prezo ás granxas para os vindeiros meses: 

1. Os produtos industriais frean a caída pero non acaban de remontar

evolución cotizacion produtos lacteos industriais UEDespois dos máximos históricos acadados no verán de 2022, as cotizacións dos principais produtos industriais sufriron un descenso en picado no outono de 2022 e o inverno de 2023 que se freou nesta primavera. Pero aínda que semella que a caída tocou fondo e enceta unha pequena recuperación, os valores seguen estancados.  

cotizacións produtos lácteos industriais xuño 2023 GALO prezo da manteiga tocou teito no verán do 2022, cando chegou a cotizar a 6.826€ a tonelada. Pero desde o pasado mes de outubro até este mes de xaneiro caeu a plomo, até valores de 4,600-4.800€, onde se mantén hoxe. 

O mesmo lle pasou ao queixo, que chegou aos 5.234€/tn e está cotizando na actualidade a 4.000€. O leite en po, que chegou daquela aos 3.996€/tn, sitúase hoxe arredor dos 2.500€; e o soro en po, que chegou a valer 1.448€/tn, está hoxe a 638€ nos Países Baixos, 570 en Alemaña e 461 en EEUU.

En canto ao leite spot en Italia está neste momento, mércase a 52,5 céntimos, case un 20% máis baixo que ás portas do verán do ano pasado e un 23,5% máis baixo que o prezo acadado no outono, cando chegou aos 68 céntimos, pero xa remontou desde niveis por baixo dos 45 céntimos marcados en abril deste ano, o que podería estar apuntando un rebote nos vindeiros meses nos valores de compra nas granxas europeas, sa que se trata dun termómetro da demanda que se usa habitualmente como referencia para anticipar a tendencia nos prezos en orixe. 

2. Os excedentes dos principais países europeos seguen sen caer

Aínda que se agarda unha caída de produción para o outono, como acostuma acontecer dentro do ciclo lácteo habitual, polo de agora a produción nos países do norte segue alta, con Holanda (+3,4%) e Alemaña (+2,5%) liderando o incremento, que tamén se está a dar en Dinamarca (+1%), Polonia (1,5%), Romanía (13,6%) ou Bélxica (+4,3%). 

Pola contra, no lado oposto, atoparíanse as caídas de Francia (-1,9%), Irlanda (-1,3%), Italia (-1,4%) ou España (-0,7%), mentres que Portugal atópase xa en valores positivos (+0,6%).

Portugal aumentou a súa produción nos primeiros catro meses deste ano nun 0,6% mentres España perdeu un 0,7%

A rexión da Europa Central, na que se atoparía tamén Francia ou Irlanda, é a principal área produtora de leite e acapara 2 de cada 3 litros muxidos na UE. O incremento de produción nesta zona fixo que os excedentes lácteos se incrementaran un 4% desde xaneiro, pasando así Europa Central de producir un 30% de leite máis do consumido a un 34% na actualidade. 

Esta tendencia de incremento de produción entre os países máis leiteiros de Europa repítese este ano tamén no resto das principais zonas produtoras a nivel mundial: EEUU +0,8%; México +1,8%; Nova Zelandia +2,9%; Rusia +4,3%; Bielorrusia +4,6%; Turquía +3,8%; Reino Unido +1%. Tan só Australia (-2,5%), Brasil (-1,6%) e Arxentina (-0,3%) amosan índices negativos.

3. Situación interna: a produción en España non se recupera

prezos leite FEGA en España maio 2023En España, a oferta de leite segue estancada. O mercado interno segue lastrado pola caída de produción en comunidades como Castela e León, Cataluña ou Andalucía debido á seca e os altos custos de produción.

O último informe FEGA publicado polo Ministerio, relativo á produción e prezos no mes de maio, indica que a produción baixou no conxunto de España (incluíndo Galicia) en 1.300 toneladas en comparación con maio do 2022, o que supón un descenso do 0,8%. En Galicia, sen embargo, as entregas subiron arredor do 0,5% en comparación con maio do 2022 (foron 1.400 toneladas máis as producidas).

Os gandeiros galegos cobraron en maio 5,5 céntimos menos polo leite que os de Asturias

En canto aos prezos, a media no conxunto de España en maio situouse de 54,3 céntimos (para un 4% de grasa e 3,30% de proteína), mentres en Galicia o prezo medio foi de 52,2. Na parte alta están novamente Asturias (57,7 céntimos), País Vasco (57), Cataluña (56,4), Castela e León (55,6) e Andalucía (55,4), mentras Galicia é das comunidades onde menos cobran os produtores, xunto con Murcia e Baleares.

4. Distorsión do mercado polo incremento das importacións de leite

Importacións de produtos lácteos en toneladas (Fonte: DataComex)

Importacións de produtos lácteos en toneladas nos primeiros catro meses do ano (Fonte: DataComex)

No que vai de ano (xaneiro-abril) importáronse en España case 110.000 toneladas de leite e nata, 11.000 de manteiga, 73.000 toneladas de soro, e case 112.000 de queixo, segundo as estatísticas de Comercio Exterior do Goberno central.

Supón un incremento considerable das entradas de produtos lácteos a respecto do mesmo período do ano pasado, xa que nos primeiros catro meses deste 2023 están chegando unha media de 33 cisternas diarias de leite e nata, fronte ás 20 que entraban pola fronteira o ano pasado.

Están a entrar pola fronteira unha media de 33 cisternas diarias

Estas entradas están motivadas polo aumento da produción láctea europea desde o mes de xaneiro. Os excedentes están a ser canalizados cara a países deficitarios coma España en forma de queixo barato fabricado en Alemaña ou Holanda e de leite líquido, procedente neste caso sobre todo de Francia e Portugal.

5. Leite barato de Europa: oportunidade para pagar máis en Galicia?

A correción de prezos á baixa en Europa foi anterior á seguida en España, cun par de meses de antelación na decalaxe. Por exemplo, o prezo medio da UE en maio situouse en 46,64 céntimos, un prezo similar ao que anticipan os novos contratos en Galicia a partir de agosto. 

O diferencial de prezo existente neste momento a favor do leite e do queixo importados está tensionando o mercado interno, tanto para as queixerías como para as industrias envasadoras de leite para consumo.

A corrección dos prezos á baixa en Europa foi anterior á seguida en España, cun par de meses de anticipación na decalaxe

Para aproveitar a coxuntura, en Galicia, algunhas empresas cambiaron a etiquetaxe das súas botellas e bricks de Orixe España a Orixe UE para poder envasar leite procedente de fóra.

Pero ao mesmo tempo, o leite que chega ás fábricas galegas a un prezo máis competitivo está a permitir incrementar a conta de resultados das industrias, aumentando a marxe coa que traballan ao reduciren o prezo medio de compra da materia prima, o que daría pe a pagar máis aos gandeiros galegos polo seu leite. É o mesmo que fai CAPSA, pero á inversa, en Asturias, pagando máis o leite aos seus socios aproveitándose do leite barato que merca en Galicia. 

Onde sobra e onde falta leite en Europa?

UE produción de leite por paises GAL

De xaneiro a abril deste ano o conxunto da UE produciu 48,6 millóns de toneladas de leite, un 0,8% máis ca nos primeiros catro meses do ano pasado. Ese incremento deuse sobre todo en países que xa son excedentarios, como Bélxica (+10%), Holanda (+80%), Alemaña (+32%), Polonia (+31,5%) ou Dinamarca (115,8%).

A produción no conxunto da UE de xaneiro a abril foi un 0,8% superior á do mesmo período de 2022

Pola contra, a perda de produción dos países do sur de Europa no que vai deste ano, caso de Italia, España ou Grecia, fixo que se elevase aínda máis o seu grado de dependencia das importacións de leite e derivados, como países deficitarios que son a nivel de produción. 

mapa-UE-suficiencia láctea UE por paísesPero máis aló dos desequilibrios no nivel de autosuficiencia por países, a propia UE, no seu conxunto, é excedentaria na produción de leite. Moxe neste momento un 17% máis leite ca precisa para cubrir a súa demanda interna e é, despois de Nova Zelandia, o segundo exportador de lácteos a China, primeiro comprador mundial e verdadeiro árbitro co comercio de produtos lácteos a nivel internacional.

A UE acabou o ano 2022 con 144,5 millóns de toneladas de leite producidas, un 17% máis do que consume

A produción láctea conxunta dos 27 países acadou en 2022 os 144,5 millóns de toneladas, 25 máis das que se consomen dentro da UE. Alemaña produce o 22% do leite da UE, Francia o 17%, Holanda o 10%, Polonia e Italia o 9% cada un, Irlanda o 6%, España o 5%, Dinamarca o 4% e Bélxica o 3%. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información