“A maioría das granxas xa non volverían ó secado tradicional, aínda que se puidera”

Falamos co veterinario de calidade do leite Juan Pérez sobre a redución do uso dos antibióticos para o secado das vacas en produción, así como das rutinas no muxido que contribúen a conseguir mellor calidade do leite

“A maioría das granxas xa non volverían ó secado tradicional, aínda que se puidera”

Juan Pérez Rouco é un dos veterinarios de calidade do leite da Cooperativa Aira

Juan Pérez Rouco é un dos veterinarios de calidade do leite da Cooperativa Aira. Leva máis de 20 anos traballando no control do leite das ganderías socias e na actualidade supervisa e asesora a granxas da zona de Taboada, parte de Chantada e Monterroso, Antas de Ulla e algunhas granxas de Rodeiro. Con el abordamos algunhas das cuestións de interese sobre a calidade do leite e aspectos a ter en conta nas granxas coma a redución de usos de antibióticos e as rutinas do muxido.

-Que te levou como veterinario a especializarte en calidade do leite?
-Aínda que ó principio quería traballar en clínica, comecei en calidade do leite, gustoume este traballo e xa decidín non cambiar. Xa levo máis de 20 anos traballando sobre isto.

-En que consiste o teu traballo dentro da cooperativa AIRA e como está organizado o servizo de calidade do leite dentro da mesma?
-Dentro do servizo de calidade do leite en AIRA centrámonos, sobre todo, no control da mamite, pero tamén prestamos moita atención ó risco de inhibidores e á bacterioloxía.

-Como puntuarías de 1 a 10 a calidade hixiénico sanitaria do leite das explotacións gandeiras nas que traballas e por que motivo?
-É certo que hai variacións entre as granxas, pero a nivel global as ganderías melloraron moito e agora mesmo se tivera que dar unha nota media sería un 8 ou máis alta. As granxas traballaron duro por mellorar nos últimos 10 ou 12 anos.

“O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por encima dos esixidos para ter un leite de gran calidade”

-Cales son as calidades medidas do leite das explotacións que controlas en canto a bacterioloxía e sólidos lácteos?
-É tamén complicado dar unha media xeral, xa que as granxas máis grandes, novas e profesionalizadas están por debaixo de 10.000 xermes e cun reconto de células somáticas tamén menor a 150.000. En granxas pequenas é máis difícil acadar esas cifras, aínda que estean a facer un moi bo manexo e estean a ofrecer un leite de calidade. A bacterioloxía está hoxe moi controlada. O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por riba dos esixidos para ter un leite de calidade.

-Cales son os aspectos clave que inflúen na calidade hixiénico sanitaria do leite e en cales ves máis marxe de mellora?
-Os aspectos fundamentais é a ausencia de inhibidores, o punto crioscópico, a bacteroloxía (que está moi relacionada coa limpeza e funcionamento da maquinaria de muxido e refrixeración), así como as células somáticas.
En xeral, non hai moita marxe de mellora, porque xa se está traballando por encima do esixido. Puntualmente cando se producen subidas das células centrámonos en baixar eses valores, pero o resto xa en cada gandería está a traballarse axustado ós estándares e dentro das posibilidades de cada gandería.

-No caso do muxido, que pautas imprescindibles se deberían seguir?
-É fundamental a rutina de limpeza para estimular ben a vaca e axustarse ós tempos que marcan estes procedementos. Comézase polo despunte dos tetos, seguido do pre dipping e a continuación o secado do teto, previo á colocación da máquina de muxido. Cada granxa debe establecer unha rutina de muxido na que se axusten o mellor posible as características desa gandería (tamaño da sala de muxido, número de persoas para o muxido…) cos tempos e procedementos para poder facer un bo manexo. Tamén é importante un bo funcionamento da máquina de muxido e ter identificadas as vacas con mamite para poder muxilas ó final.

-Por que a presenza de patóxenos nos silos, sobre todo os de herba, repercuten tamén negativamente na calidade do leite?
-Os silos mal conservados, con presenza de micotoxinas, silos que quecen acaban provocando non só problemas na calidade do leite, senón que deixan mamites, problemas en reprodución, na lonxevidade do animal, problemas de patas… Se as forraxes teñen pouca calidade inflúen en tódolos aspectos da granxa. Cada vez hai menos, pero segue habendo silos que saen mal e neses casos sae máis barato tirar esa forraxe, polos problemas que provoca na granxa.

-O muxido robotizado incide nunha mellora da calidade do leite? Por que?
-Normalmente si. Non se debe a que o robot de muxido mellore a calidade do leite senón porque eses gandeiros teñen máis tempo dispoñible para o control do gando e estar na granxa atendendo dos animais. Tamén é verdade que hai gandeiros que teñen o robot porque non queren ou non poden pasar tanto tempo na granxa, neses casos non se aprecia esa mellora ou mesmo pode ir a peor.

-O punto crioscópico é a veces motivo de disputa entre gandeiros e control leiteiro. ¿Que factores inflúen no mesmo?
-Hoxe ninguén lle bota auga ó leite, xa que as calidades son un dos parámetros para pagar o leite, polo que o tema do punto crioscópico adoita deberse a problemas de arrastre no lavado. Nalgunhas granxas débese ó tanque de frío que é demasiado potente e non está ben dimensionado para as características da granxa, polo que pode chegar a conxelar o leite do primeiro muxido, mentres está baleiro e despois queda esa auga no leite. A solución nestes casos pasa por prender o tanque unha vez que se estea xa muxindo, para evitar que se conxele.

-Como valoras a implantación nas granxas da nova normativa sobre o uso restrinxido de antibióticos?
-Nas granxas de Aira estase facendo xa dende antes de que entrara en vigor a nova normativa. Levamos anos sabendo que isto ía pasar e dende xa hai máis dun ano, os veterinarios clínicos e de calidade do leite reducimos ó mínimo o uso do secado, pese a que os parámetros da normativa aínda non se coñecían.

-E en concreto, no secado selectivo, está sendo complicado a súa extensión?
-O cambio está a resultar moi ben, pese a que tamén levou a noites sen durmir tanto ós veterinarios como para os gandeiros, pola preocupación das consecuencias do cambio. Agora a maioría dos gandeiros xa non volvería ó secado, aínda que se puidera. O novo sistema élles agora unha tranquilidade, porque xa saben que non van ter inhibidores no leite e iso é significativo sobre todo cando tes rabaños grandes.

-Que foi o que máis custou para dar o paso ó secado selectivo?
-En Aira fixemos moito traballo cos gandeiros para ensinarlles a rutina, acompañándoos para que soubesen como se deben colocar os seladores internos, que é totalmente diferente á colocación dunha cánula de mamites, aínda que é o mesmo aparato, pero ten diferentes obxectivos.

A maioría das granxas están facendo un secado selectivo. En Aira non diferenciamos entre granxas de alto ou baixo risco, senón que diferenciamos entre vacas sas ou enfermas á hora de aplicar o secado selectivo, xa que en tódalas granxas hai vacas sas coas que se poden facer estas técnicas sen necesidade de tratar de xeito sistemático. Así conseguimos que tódalas granxas reducisen, na medida das súas posibilidades, o uso de antibióticos.

“É vital realizar un test de California no momento do secado, para comprobar os valores dese animal no momento de iniciar o tratamento”

-Que pautas seguides na cooperativa Aira?
-O procedemento que estamos a seguir é aplicar selado nesa lactación ás vacas que teñen mamite ou que teñen recontos altos no control leiteiro. Para min é vital realizar un test de California no momento do secado, para mirar a vaca cando realmente a vou secar para comprobar que os datos do control leiteiro nese momento seguen a ser como para tratar o animal.

-Desafortunadamente, de vez en cando circulan “fake news” sobre a presenza de antibióticos no leite de consumo. Por que é moi difícil ou practicamente imposible que iso ocorra en España?
-O uso dos antibióticos nas ganderías de vacún de leite é moi reducido. Das 90 granxas coas que eu traballo podo facer de media ó ano un total de 6 informes sobre inhibidores, o que dá xa boa conta do uso mínimo que se fai destes medicamentos. O problema de residuos de antibióticos no leite hoxe en día nas granxas galegas é practicamente cero e o risco de que chegue ó consumidor é cero.

-O control da calidade do leite depende da administración, do LIGAL, nutrólogos, persoal dos Africores, e gandeiros e veterinarios. En que aspectos cres que se podería mellorar nesta tarefa tan importante e na que participan tantos axentes?
-Xa se está traballando a un nivel moi alto. Estar por debaixo de 100.000 células e de 10.000 xermes son valores que están rexistrando moitas granxas e que xa son indicadores de calidade moi alta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información