O lugués Bonet Cid Salgado, xuíz internacional de Conafe, foi o encargado de xulgar este ano a 38ª edición de Feiradeza e o segundo Open Internacional da Raza Frisoa, celebrado en Lalín (Pontevedra) a pasada fin de semana. Cid Salgado leva como xuíz de Conafe dende o 2008 e na súa traxectoria xulgou diversos concursos a nivel nacional, coma o concurso de Gijón, así como varias edicións dos certames de Euskal Herria e Cataluña ou os de Mallorca e Menorca.
Ademais, é tamén socio da Gandería Cid, situada en Barreiros (Lugo), unha granxa familiar cuns 180 animais da raza Holstein, das cales teñen unhas 90 en produción. Falamos con el tras elixir á vaca Kergo Ozalid 6818, procedente da gandería A Lagoa Serabel, de Xermade (Lugo), como Gran Campioa do Open Feiradeza. Coñecemos os motivos das súa elección, así como aqueles aspectos que considera fundamentais para que un animal sexa vencedor deste tipo de concursos.
-Que te fixo escoller esta vaca como Gran Campioa do Open Internacional da Raza Frisoa Feiradeza 2023?
-A Gran Campioa deste Open é unha vaca fantástica da que só podo dicir cousas boas. É unha vaca cunha estrutura leiteira moi boa, que é un dos aspectos que máis buscamos os xuíces en pista. Ademais, acompáñaa un ubre posterior extraordinario, en canto á altura, anchura e ligamento. Por último, é un animal que camiña sobre moi boas patas.
-Á marxe dos aspectos que sinalaches neste animal, que criterios consideras imprescindibles para unha vaca gañadora?
-Realmente unha vaca gañadora ten que ter un fantástico ubre, como é o caso desta. Ademais ten que desprazarse sobre unhas moi boas patas e isto sempre debe estar acompañado dunha boa estrutura leiteira. As vacas gañadoras destes concursos teñen que ser vacas leiteiras. Tamén é moi importante que a condición, o estado de forma do animal, sexa moi bo para poder optar a ser campioas.
-É a primeira vez que xulgas Feiradeza, que opinión tiñas e levas deste certame?
-É o primeiro ano que asisto como xuíz de Feiradeza e do Open e resultoume unha moi boa experiencia. Levo unha moi boa impresión del polo bo ambiente que houbo entre os participantes e os bos animais que vimos. Marcho sorprendido da gran calidade dos exemplares que se presentaron na pista nestes dous días do certame.
“Estes concursos son unha exposición do tipo de animais que hai nas granxas galegas e permiten estar en contacto con outros gandeiros”
-Na túa experiencia como xuíz e como gandeiro, por que crees que son importantes este tipo de certames sobre gando frisón?
-Estes concursos son unha exposición do tipo de animais que hai nas granxas galegas e permiten estar en contacto con outros gandeiros. É verdade que para os gandeiros participantes é un hobby, pero participar neste tipo de certames require moito traballo previo na gandería. Realmente estar nestes concursos fai que sexas máis profesional, ademais permítenche ver a evolución da xenética e da morfoloxía da raza, o que fai que as nosas ganderías tamén vaian mellorando pouco a pouco.
-Que opinión tes da evolución morfolóxica das vacas Holstein en Galicia?
-Estes son animais para competir tanto a nivel nacional como internacional. A vaca que escollín como gañadora deste concurso é unha vaca que pode competir en calquera punto do estado e de Europa, é un animal que calquera xuíz vai valorar positivamente. Todos os gandeiros que nos gusten as boas vacas leiteiras nos fixamos en animais como esta gañadora.
-Hai canteira tamén nas ganderías galegas? Como viches a recría que participou?
-Dende logo. Neste certame vimos non só animais adultos, na xornada do sábado tivemos xovencas e tenreiras que poden competir en concursos internacionais.
-Están cambiando os criterios á hora de escoller ós mellores animais da raza Holstein?
-É unha pauta que se vai pouco a pouco preseleccionando. No caso dos xuíces de Conafe, tódolos anos temos unha remuda. Se botamos a vista atrás e vemos os concursos celebrados hai 10 anos a nivel provincial, autonómico, nacional ou internacional, apréciase unha notable evolución da raza Holstein.
“Trala pandemia os concursos morfolóxicos volveron con moito interese e continuidade”
-Atravesan este tipo de concursos momentos baixos?
-Non se pode dicir que este tipo de certames estean tendo máis xente que participe neles, pero tampouco creo que estean experimentando un baixón. Na pandemia houbo un pequeno parón, coma outros eventos tiveron que deixar de celebrarse, pero realmente os concursos morfolóxicos volveron con moito interese e continuidade.
-Por último, tendo en conta que como xuíz ves animais de moi boas características, que tipo de vacas escolles para a túa gandería?
-Nas ganderías queremos animais rendibles. Neste certame tivemos a oportunidade de ver vacas que, ademais de contar cun alto valor xenético, tiveron unha produción de máis de 50.000 litros de leite e que pasearon e foron premiados. Iso é o que buscamos os gandeiros. De aí que sexa tan importante este tipo de concursos, que nos permiten ver os animais que hai noutras granxas e as producións que manexan. Buscamos animais rendibles, funcionais e que teñan boa xenética.