As leguminosas como os trevos, vezas ou alfalfa apenas necesitan de abono nitroxenado xa que elas mesmas obtéñeno do nitróxeno atmosférico. Como o fan? pois a partir dunha simbiose con bacterias formando os rizobios. Estes nódulos son capaces de fixar o nitróxeno para que o aproveite a planta para sintetizar proteína. Así redúcese o uso de abonos nitroxenados que poden actuar como contaminantes atmosféricos e das augas. Esta é a razón pola que a Política Agraria Común (PAC) subvenciona os cultivos de leguminosas. Poden ser puros como a alfalfa ou en combinación con cereais como a veza e avea ou ben gramíneas herbáceas como o raigrases e trevo. Estas últimas mesturas, ás veces tamén coa adición de veza, foron as máis sementadas en Galicia nesta última campaña. Suman moitas hectáreas que renden un ou dous cortes até maio cando se aran as pradarías para sementar o millo.
Polo menos na provincia da Coruña puiden observar, ao contrario do habitual, que as leguminosas fixéronse as donas do cultivo. Os raigrases escasean e vese moitísimo trevo. Por que? Desde o outono choveu case sen parar, tampouco fixo demasiado frio e apenas houbo xeadas invernais que sanean de pragas as terras de cultivo. A típula spp e o verme soldado Mythimna unipuncta multiplicáronse moito e devoraron preferentemente as gramíneas. O resultado é que aproveitándose da debilidade das gramíneas, os trevos ocuparon toda a superficie de cultivo.
Ás malas condicións meteorolóxicas que adoitan ocorrer durante o primeiro corte, este ano engadirase o problema do mal que ensilan as leguminosas. Por que ensilan tan mal?: Xúntanse dúas razóns:
1 As leguminosas teñen poucos azucres, necesarios para a formación do ácido láctico, imprescindible para a acidificación do silo. Gústame dicir que un silo é como un yogurt de herba pois ambos se conservan grazas a que os azucres se transforman en láctico
2 A riqueza de proteína que fai tan interesante esta familia de pratenses, actúa de alcalinizante dificultando aínda máis a acidificación e por tanto a conservación. As leguminosas teñen outros bufferes naturais: as saponinas e pectinas, beneficiosas como alimento evitando a acidificación do rume, acción non desexable no silo.
Que se recomenda para o seu ensilado para reducir os riscos dunha fermentación butírica (Clostridios) ?
1 Extremar todas as accións para evitar a presenza de contaminantes: terra e xurros: cortar a máis de 7 cm, evitar excesos de estendidos e hilerados, zonas con toupeiras, controlar o tempo entre a aplicación de xurros e o corte etc.
2 É necesario o acondicionado e o presecado para conseguir polo menos un 27% de materia seca. Os silos de herba con produtos químicos pódense salvar con moitísima humidade pero non así as leguminosas. Chegar a esta materia seca nos meses de marzo ou abril cando hai que facer o primeiro corte non é nada fácil en Galicia.
3 intercalar capas de raigrás e alfalfa para achegar azucres, pola mesma razón. Se hai posibilidade, sería interesante engadir melazas.
4 Usar conservantes químicos a base de nitrito sódico e hexamina ( 2 litros/ Tm) ou fórmico (3 L / Tm).
A normativa da PAC en teoría está moi ben e ten a finalidade de reducir a contaminación diminuíndo o uso de abonos nitroxenados. Pero a realidade é que en lugares como Galicia onde hai zonas que superan os 2.000 mm anuais de chuvia, as leguminosas complican moitísimo o xa difícil ensilado. Espero que paren as choivas en abril pois un silo en mal estado o mellor que se pode facer é tiralo, pero todos sabemos que ter que tirar o primeiro corte e así ter que comprar forraxe de fóra supón económica e medioambientalmente un custo elevadísimo.