Os produtores de Ternera Gallega Suprema bloquean os matadoiros mentres os camioneiros manteñen pechado o porto da Coruña

As plantas de fabricación de pensos comezan a parar ante a falla de subministro de materias primas. Un barco cargado con 33.000 toneladas de millo procedente de Rumanía, que permanece fondeado fronte á dársena de Punta Langosteira, podería marchar ante a imposibilidade de ser descargado

A entrada e saída de camións de Novafrigsa permanece cortada desde as 10 da noite deste luns. Os gandeiros non deixan nin entrar animais nin saír carne procesada. Na imaxe, bloqueo dun camión frigorífico da empresa Valín e Hijos cargado de carne

A entrada e saída de camións de Novafrigsa permanece cortada desde as 10 da noite deste luns. Os gandeiros non deixan nin entrar animais nin saír carne procesada. Na imaxe, bloqueo dun camión frigorífico cargado de carne

A folga de transportes segue a condicionar a actividade agrogandeira en Galicia. Se o luns, no primeiro día do paro, o máis salientable foi o bloqueo das industrias lácteas para evitar a saída de mercadoría con destino aos supermercados e centros de distribución, este martes as consecuencias trasladáronse a outros sectores.

Os produtores de Ternera Gallega Suprema, aglutinados en torno á asociación Gandeiros Galegos da Suprema, sumáronse ao paro dos camioneiros bloqueando as entradas e saídas aos principais matadoiros da comunidade: Novafrigsa en Lugo, Carnicosa na Coruña e Baixo Miño no concello pontevedrés de Tomiño.

Estamos botando unha man aos transportistas e tamén para reivindicar o noso e estaremos mentres non se busque unha solución aos prezos baixos da carne e aos custos de produción

Desde a pasada noite, en grupos dunhas 15 ou 20 persoas, os gandeiros fan turnos ás portas de Novafrigsa, o matadoiro pertencente ao Grupo Coren, impedindo a entrada de camións con gando e a saída de carne e das canais de animais sacrificados en días pasados.

“Estamos botando unha man aos transportistas e tamén para reivindicar o noso. Estivemos toda a noite e todo o día e estaremos mentres non se busque unha solución aos prezos baixos da carne e aos custos de produción”, explicaba este martes a Campo Galego Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema.

Ao longo do día o peche iniciado en Novafrigsa trasladouse tamén aos matadoiros de Carnicosa na Coruña e a Baixo Miño en Tomiño

“Queremos denunciar os baixos prezos que temos no sector cárnico en Galicia. As nosas explotacións están en quebra cos prezos desorbitados dos custos de produción e os baixos prezos da carne en orixe. Solicitamos urxentemente axudas vinculadas ao sector gandeiro e unha mesa de negociación para fixar un prezo mínimo para a nosa carne en orixe”, reivindican.

Ao longo da xornada, o bloqueo iniciado na planta de Novafrigsa, ubicada na parroquia luguesa de Coeses, trasladouse tamén aos matadoiros de Carnicosa na Coruña e Baixo Miño en Tomiño, nun intento por forzar o desabastecemento dos mercados, algo ao que tamén podería contribuír o feito de que este martes non se teña celebrado o mercado semanal de Silleda e previsiblemente mañá tampouco se celebre o de Amio pola falta de animais ante a falta de transporte e a suspensión das recollidas nas explotacións.

“A situación nas fábricas de penso é crítica”

O Wilson Gaeta é un dos buques bloqueados no porto da Coruña cargados de fertilizantes

O Wilson Gaeta é un dos buques bloqueados no porto da Coruña cargados de fertilizantes

O porto da Coruña está a ser, xunto aos polígonos industriais, un dos epicentros da folga do transporte. Os camioneiros manteñen pechado desde este luns o acceso á dársena coruñesa, impedindo a entrada e saída de camións con mercadoría.

O bloqueo está a ter consecuencias importantes sobre o subministro de materias primas ás plantas de fabricación de penso ubicadas en Galicia, que dependen das existencias de cereal nos almacéns portuarios para poder facer as distintas mesturas e formulacións e subministralas ás explotacións.

O comité de folga non permite entrar a cargar cereal ao porto e as existencias nos silos das fábricas esgótanse

Aínda que o comité de folga está a permitir, dentro dos servizos mínimos, levar penso ás granxas, o mesmo que recoller o leite, néganse a deixar que os camións entren a porto a buscar materias primas coas que repoñer os silos das fábricas, o que está a obrigar a parar os muíños.

As reservas de cereal dos fabricantes de penso non están nas distintas plantas de fabricación, senón nos almacéns portuarios

“Non nos permiten cargar en porto e as fábricas están empezando a parar a produción porque non teñen stock de cereais. Este martes pola tarde pararon varias e algunha delas non é pequena”, explica Bruno Beade, director de Agafac, a asociación que engloba aos fabricantes de pensos galegos.

“A situación é crítica, porque ao alto prezo e á falta de dispoñibilidade de millo, motivado pola guerra en Ucraína, súmase agora isto”, lembran desde a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos, que alertan dun “inminente paro na produción das fábricas”.

Hoxe pola tarde algunhas fábricas xa tiveron que parar por falta de stock dalgún produto

De faltar subministro, as granxas máis afectadas serían as que dependen en exclusiva dos concentrados para alimentar os seus animais, como as de polos ou porcos. Nas de vacún de leite, que no caso das intensivas dependen tamén en boa medida dos pensos, os efectos serían unha baixada drástica da produción, mais as vacas poderían manterse alimentadas a base de forraxes.

Barcos con millo e fertilizantes bloqueados en porto

A situación agrávase ademais pola presenza dun cargueiro con 33.000 toneladas de millo procedente de Rumanía que chegou na mañá deste martes e até o de agora non puido ser descargado pola negativa dos camioneiros en folga a permitir estas tarefas.

O buque con 33.000 toneladas de millo ameaza con marchar mañá se non é descargado. Trataríase do cargamento ponte que aseguraría as reservas mentras non chega o cereal arxentino

“Neste momento o barco está fondeado, nin sequera chegou a atracar e córrese o risco de que marche. É un risco certo, se non se descarga entre hoxe e mañá o máis probable é que marche para outro lado; hai moitos interesados”, indica Bruno.

Nese cargamento tiñan os fabricantes galegos de pensos postas as súas esperanzas para poder suplir a falta do millo ucraniano. “Custou moito que viñera ese buque e o millo que trae era a solución para chegar ao enlace co millo arxentino. O Goberno comunicounos xa oficialmente a autorización para importar cereais americanos, pero eses cargamentos tardarían un mes en chegar”, explica o director de Agafac.

Nós non lles botamos as culpas aos camioneiros, entendemos que as súas peticións son xustas, pero non podemos estar así máis días

“Pedímoslle ao Goberno que negocie cos transportistas e atenda as súas peticións para que isto se resolva canto antes. Nós non lles botamos as culpas aos camioneiros, entendemos que as súas peticións son xustas, pero non podemos estar así máis días”, aseguran os fabricantes de pensos.

Na mesma situación, á espera de seren descargados, atópanse dous buques que transportan fertilizantes e que chegaron este luns a porto. Traen abonos para dúas empresas galegas con miras á súa utilización nas campañas de fertilización de pradeiras de raigrás e sementeira de millo.

Na dársena coruñesa hai tamén dous barcos con fertilizantes que tampouco foron descargados

Contrariamente ao que acontece co cereal, o fertilizante non se almacena no porto, senón que a medida que o barco se descarga é levado para as propias instalacións das que dispoñen os distintos comercializadores que logo subministran ás explotacións, polo que, se a folga do transporte se prolonga, nos vindeiros días podería tamén faltar abono nas granxas galegas.

Una idea sobre “Os produtores de Ternera Gallega Suprema bloquean os matadoiros mentres os camioneiros manteñen pechado o porto da Coruña

  1. Amelia Senín

    O governo ten que garantizar a descarga dos creais. Incluso si se ten que militarizar, Non poden empezar a morrer animais por falta de alimento nas próximas semanas.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información