Ternera Gallega aborda posibles cambios de regulamento

Como adiantara a Xunta o pasado outono, o Consello Regulador das IXPs de Vacún de Galicia está a valorar posibles modificacións da súa normativa. Unións Agrarias presentou hoxe en rolda de prensa as súas propostas

Ternera Gallega aborda posibles cambios de regulamento

José Ramón González e Félix Porto, de Unións Agrarias, hoxe en rolda de prensa.

Este xoves, o Consello Regulador das IXPs de Vacún de Galicia reunirase para abrir o ‘melón’ do cambio de normativa de Ternera Gallega. É un asunto que estaba sobre a mesa, como xa adiantara a Xunta o pasado outono. Agora, logo de celebradas as eleccións ós consellos reguladores, toca escoitar ós representantes votados por gandeiros, industrias e cebadeiros.

Sobre os posibles cambios, o director xeral de Gandaría, José Balseiros, avanzara en decembro dúas cuestións polémicas: endurecer a obriga do acabado final dos becerros, cos animais acortellados, e a introdución dun protocolo de manexo que incluiría cuestións como a programación de partos.

Na reunión do xoves, espérase que as distintas partes presenten as súas propostas para a IXP, sobre as que haberá que chegar a acordos. “O positivo é que ningunha parte da IXP ten a maioría por si soa, nin gandeiros nin industrias nin cebadeiros, polo que teremos que chegar a acordos”, valora o vicepresidente do Consello Regulador polo sector produtor, José Ramón González, de Unións Agrarias, que hoxe ofreceu unha rolda de prensa para presentar as propostas de Unións sobre Ternera Gallega.

En resumo, as cuestións principais que defende Unións Agrarias son as seguintes:

Garantir un prezo da carne que cubra os custos de produción.

Unións valora en positivo o protocolo asinado en marzo do 2022 entre organizacións do agro, industrias e cadeas de distribución, que permitiu desde aquela elevar o prezo no campo en arredor de 1 euro. “Pasamos dunha media de 4,70 en Suprema no 2021 a 5,70 euros no 2022 e hoxe estamos por riba dos 6 euros”, sinala José Ramón González, que recoñece que esa mellora é insuficiente, dada a suba dos custos de produción.

“Para mellorar o prezo, o reto pasa por aumentar a comercialización da carne de Ternera Gallega fóra de Galicia. Hoxe en día o 55 – 60% da carne da IXP véndese en Galicia e temos que avanzar máis noutros mercados do resto de España, en especial en segmentos que proporcionen maior valor engadido, como a restauración. Aquí en Galicia non podemos subirlle máis a carne ó consumidor porque baixaría o consumo”, advirte González.

“Temos que abrir máis mercados en España, en zonas como Levante, e en especial na restauración”

“En España, estamos xa moi presentes en puntos como Madrid ou Barcelona, pero noutros queda moito por avanzar, como o Levante, cunha gran demanda turística”, opina.

Compromiso da industria para aumentar a transformación e comercialización de carne da IXP Ternera Gallega.

“Ten que haber un compromiso da industria coa IXP. Poño o exemplo das denominacións de orixe de viño. En ningunha D.O. galega as adegas que están na Denominación poden mercar uvas de fóra da Denominación. En Ternera Gallega deberiamos facer o mesmo e que as industrias que estean na IXP estean de verdade comprometidas coa IXP” -opina González-. “Se non están dispostas a iso, a solución é permitir o despiece dos canais de Ternera Gallega en industrias de fóra, que están interesadas en traballar con nós”.

“Ningunha adega galega que estea nunha Denominación de Orixe pode mercar uvas de fóra da D.O. As industrias de Ternera Gallega deberían asumir o mesmo compromiso”

Ata agora, a IXP ten autorizado o fileteado en industrias de fóra da comunidade, pero non o despiece das canais.

Homoxeneizar a oferta da carne de Ternera Gallega Suprema no mercado.
Unións Agrarias é partidaria de que se lle permita flexibilidade ás granxas no acabado final, de xeito que cada unha se adapte as súas circunstancias, pero si aposta por esixir unha maior homoxeneidade dos canais. “Para entrar en Ternera Gallega Suprema, os canais teñen que ter un mínimo de engraxamento, que se ten que esixir, de acordo cunha carne ‘premium’ como a nosa, e un máximo de peso”, opina.

“Tamén podemos valorar se interesa establecer distintas categorías comerciais de Suprema, en función do manexo que tivera o animal. Se hai un manexo que se demostre que obtén carne de mellor calidade, é interesante posicionar esa carne”, sinala.

Uniformizar o faenado dos canais e reforzar os controis de pesos nos matadeiros.

“Está fóra de lugar pensar en marcar razas como ‘salers’ ou ‘limusin’ en Ternera Gallega”

Outro dos posibles cambios do regulamento de Ternera Gallega sobre o que se vén falando nos últimos meses é a posible entrada de novas razas na IXP, como ‘salers’, ‘limusin’ e outras. Preguntado sobre esta cuestión, González é contundente: “É unha barbaridade. En primeiro lugar porque ese cambio tería que ser aprobado por Bruxelas e a ver como se lle explica a Bruxelas que queremos ser unha IXP de carne galega cunha raza francesa”.

“Sería difícil de explicar en Bruxelas que queremos ser unha IXP de carne galega cunha raza francesa”

Para González, o camiño da IXP pasa por potenciar a Rubia Galega, cos seus cruces, e as razas autóctonas. “Ese é tamén o noso forte a nivel de marketing. Podo estar de acordo en que é preciso avanzar máis na xenética da Rubia Galega, pero tamén hai que dicir que algúns problemas tradicionais da raza, como o problema de partos que adoitaba ter a Rubia Galega, xa o temos resolto os produtores cos touros limusin, por exemplo”, valora.

“Se nos miramos no mundo do viño en Galicia, un sector que durante anos fixo as cousas ben, a súa aposta foi a de producir viños en base a uvas autóctonas, non con variedades foráneas”, remata.

¿Programación de partos?
Unha liña de traballo de Ternera Gallega desde hai anos é a de fomentar a programación de partos das vacas, coa idea de reforzar a oferta de Ternera Gallega Suprema nos meses de verán, cando hai máis demanda. En decembro, o director xeral de Gandaría, José Balseiros, plantexou a posibilidade de que se inclúa a obrigatoriedade da programación de partos no manual de calidade da IXP, pero é unha cuestión sobre a que González amósase escéptico.

“A programación de partos véxoa complicada. Son máis partidario de que Ternera Gallega complemente a Suprema nos meses de verán”

“Como produtor, e isto poderacho dicir calquera gandeiro, é moi complicado ir contra a natureza. Pódense facer cousas de programación de partos, pero son máis partidario de pensar en que a oferta da IXP no verán se reforce con Ternera Gallega onde a Suprema non ten capacidade de chegar”.

“Non entendo que algúns produtores queiran enfrontar a Suprema con Ternera Gallega. Ternera Gallega é un complemento que nos permite manter mercados en meses en que a oferta de Suprema é escasa”

González afonda na cuestión do mercado: “Temos que pensar en Ternera Gallega convencional como un complemento da Suprema. Non entendo a postura dalgúns produtores de Suprema de pensar que teñen que enfrontarse a Ternera Gallega, cando é unha carne que nos complementa e que necesitamos para abastecer ós mercados”, opina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información