Os produtores de Suprema esixen cambios na IXP Ternera Gallega

Piden que se equipare a idade de sacrificio a 12 meses, que se permita conxelar a carne para a exportación e que se poidan marcar xatos de raza limusín, blonde ou salers

Un momento da reunión mantida este mércores co presidente de Ternera Gallega, á que asistiron 300 produtores

Un momento da reunión mantida este mércores co presidente de Ternera Gallega, á que asistiron 300 produtores

Máis de 300 produtores convocados pola asociación Gandeiros Galegos da Suprema reuníronse o mércores pola tarde no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo co presidente e o secretario da IXP Ternera Gallega para lles facer chegar as súas reivindicacións e esixir un cambio de rumbo no funcionamento da marca de calidade da carne de vacún galega.

“Deixámoslle claro á IXP que hai cousas que hai que cambiar e coas que non estamos de acordo”, explica Santiago Rego, presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema. As súas reivindicacións pasan por unha maior diferenciación entre a carne de cebadoiro e a criada en extensivo e por unha serie de modificacións no Regulamento de Ternera Gallega destinados a favorecer a comercialización da carne e a apertura de novos mercados. 

Deixámoslle claro á IXP que hai cousas que hai que cambiar e coas que non estamos de acordo

Os gandeiros de Suprema queren “acabar coa confusión que hai no consumidor entre Ternera Gallega convencional e Suprema”. Para iso, propoñen diferenciar de maneira máis clara a etiquetaxe con cores máis vivas (na actualidade emprégase o amarelo para a convencional e o rosado para a Suprema) e mesmo mudar a forma de chamarlle á carne dunha e da outra categoría. 

Igualar a idade de sacrificio e diferenciar os xatos pasteiros dos cebados

Outra das esixencias pasa por igualar a idade de sacrificio da Suprema coa da Ternera Gallega convencional, que foi ampliada até os 12 meses, de maneira que os animais de Suprema que superen a idade actualmente fixada (10 meses) non se deprecien ao teren que ser comercializados como Ternera Gallega convencional. 

Nos últimos meses, a raíz da suba do penso, está a extenderse a tendencia de non cebar

Do mesmo xeito, os produtores consideran que “dentro da carne de Suprema non é toda igual”. Por iso, queren que se cree unha nova categoría para a carne Premium, aquela que é finalizada con 3 meses de cebo a base de forraxe e cereal, unha nova clasificación que a diferencie dos xatos pasteiros marcados tamén como Suprema pero que van directamente do prado ao matadoiro, unha tendencia que se está a extender sobre todo nos últimos meses a raíz do incremento de prezo dos concentrados. 

Permitir a conxelación para a exportación

Na actualidade a carne de Ternera Gallega debe ser comercializada en fresco (tan só se permitiu a conxelación de maneira excepcional para poder facer fronte á caída de demanda durante o confinamento) pero os produtores de Suprema piden que se modifique o Regulamento da IXP para permitir a conxelación en caso de que o destino da carne sexa a exportación. “Queremos que se abra a posibilidade de mandar carne conxelada para terceiros países, porque fóra de España hai nichos de mercado importantes que apostan pola carne de calidade, como pode ser China ou Corea”, argumenta Santiago Rego.

Fóra de España hai nichos de mercado importantes que apostan pola carne de calidade

Do mesmo xeito, desde a asociación da Suprema piden que Ternera Gallega se abra a sacrificar os animais en comunidades limítrofes, unha demanda á que o Consello Regulador da IXP é reacio. “Queremos poder matar en Asturias ou León para evitar o bloqueo que existe en Galicia e poder liberar animais en determinadas épocas nas que a demanda aquí está saturada”, xustifican.

Os produtores tamén queren que se abra o abano de razas amparadas pola IXP, de maneira que se permita marcar como Ternera Gallega xatos de outras razas diferentes á rubia galega, como a limusín, a salers ou a bronde de Aquitania. “Son razas de actitude cárnica demostrada e con presenza importante en Galicia”, argumentan. 

Ameaza de mobilizacións a partir do 15 de xuño

A Asociación Gandeiros Galegos da Suprema celebrou o pasado domingo unha Asemblea extraordinaria na que os socios apoiaron a realización de mobilizacións a partir do 15 de xuño se os prezos da carne en orixe non soben até cubriren, cando menos, os custos de produción. “É unha mensaxe para todos os estamentos que asinaron o acordo para revalorizar a carne”, avisan.

“Parte da distribución que asinou o protocolo do mes de marzo non o está a cumprir porque non está diferenciando nos liñais a carne de Suprema con respecto á convencional, coas dúas ao mesmo prezo, e tampouco se está cumprindo a Mesa de Prezos ao 100% por parte dos matadoiros”, argumenta Santiago Rego.

Mentres non estea operativa a Aica galega e o Observatorio de Prezos non temos armas para esixir o cumprimento efectivo do acordo asinado

Os prezos de venda oscilan entre os 4,80€ e os 5,25€/kilo, sen que existan ferramentas para estandarizar as cotizacións. “Mentres non estea operativa a Aica galega e o Observatorio de Prezos non temos armas para esixir o cumprimento efectivo do acordo asinado”, xustifican desde a Asociación, polo que piden á Xunta que “axilice” a posta en marcha destes organismos. 

Axudas directas

Os produtores de carne atópanse “afogados” entre os altos custos de produción e os prezos de venda da carne, que non subiron na mesma proporción. Por iso piden “axudas directas urxentes para salvar o sector”. “Anunciáronse unha serie de axudas pero aínda non as cobramos e ninguén sabe nada delas, cando os gandeiros de leite xa as cobraron”, comparan. 

Tamén piden que a Xunta saque a súa propia liña de axudas directas complementaria coa do Ministerio para incrementar deste xeito o importe a cobrar por parte dos gandeiros de vacún de carne, fixado neste momento en 60€ por vaca e 15€ por becerro, unha cantidade considerada insuficiente por parte dos produtores.

A campaña de publicidade comprometida iría moito mellor empregada en axudas directas ao sector, porque moitas explotacións non van ser capaces de aguantar

“A Xunta comprometeu, dentro do acordo asinado, 1,4 millóns de euros para este ano en publicidade para a carne de Ternera Gallega pero xa estamos case no mes de xuño e esa campaña, se non chega a tempo para os meses de verán, vai ser pouco efectiva, polo que dicimos que eses cartos irían mellor empregados este ano en axudas directas ao sector produtor, porque aínda que se lograran revalorizar os prezos de cara ao futuro, moitas explotacións non van ser capaces de aguantar”, advirten. 

Una idea sobre “Os produtores de Suprema esixen cambios na IXP Ternera Gallega

  1. Pablo

    Curioso que pidan que se pueda cebar razas como blonde o limosina cuando si están aceptadas, esto dice la reglamentación

    Artículo 6. Razas y cruces aptos
    El ganado apto para suministrar la carne que será amparada por la indicación geográfi-
    ca protegida Ternera Gallega es de las razas Rubia Gallega y Morenas Gallegas, así como
    de los cruces entre sí y también con las siguientes razas cárnicas: Asturiana de los Valles,
    Limusina y Rubia de Aquitania. También son aptos los cruces de machos de cualquiera de
    las razas anteriores con hembras de las razas Frisona y Pardo Alpina.

    En fin….y querrán y los tomemos en serio

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información