Ternera Gallega deixará de marcar como Suprema os xatos que vaian directamente do prado ao matadoiro

A IXP endurecerá os criterios para a clasificación dos becerros, pois as explotacións deberán acortellar os animais na fase final. Pedirase ademais o cumprimento dun protocolo de manexo do gando que inclúe a programación dos partos

David Lopez Garcia rubia galega (Barreiros)3A suba do prezo do penso levou este ano a que parte das ganderías de vacún de carne decidisen non cebar os seus becerros, mandándoos directamente do prado ao matadoiro, para reducir deste xeito os custos de produción.

Pero esta práctica podería ter os días contados. Ternera Gallega prepara unha modificación no Regulamento da IXP que endurecerá os criterios para a marcaxe de animais como Suprema, e no que se obrigará, entre outras cuestións, ao acortellamento dos xatos e xatas por un período de cando menos dous meses para a realización do cebo final.

Estas modificacións, que foron impulsadas pola Xunta, van no camiño de consolidar o posicionamento ‘premium’ de Ternera Gallega Suprema, en comparación coa Ternera Gallega convencional, e de lograr unha maior estabilidade no suministro ó mercado.

Vanse modificar os requisitos para marcar os becerros dentro da IXP, para que non se marque de calquera maneira (José Balseiros)

“Vanse modificar os requisitos para marcar os becerros dentro da IXP, para que non se marque de calquera maneira”, anuncioulles o director xeral de Gandería, José Balseiros, aos gandeiros asistentes a unha recente charla sobre a PAC en Friol.

Acortellamento, de recomendación a obriga

Actualmente, o acortellamento do gando para a súa finalización é unha simple recomendación no Regulamento da IXP. “Nos sistemas de produción semiextensivos e extensivos orientados á produción cárnica de Ternera Gallega Suprema será necesario realizar un acabado dos animais, durante un período mínimo de dous meses, no cal se recomenda o encortellamento”, recolle de xeito literal neste momento a norma que regula a producción de Suprema.

Dentro de Ternera Gallega Suprema conviven a día de hoxe distintas formas de manexo do gando e de cebo dos becerros

Sen embargo, unha vez entre en vigor o cambio no Regulamento, o acortellamento dos becerros e becerras pasaría a ser de obrigado cumprimento para a súa marcaxe dentro da categoría Suprema, polo que os animais que non pasasen este proceso de finalización no establo perderían a categoría e pasarían a ser simplemente Ternera Gallega. 

Manual de calidade e programación de partos

Entre outras novidades, a IXP obrigará a cumprir cun protocolo de manexo ás explotacións no que se inclúen cuestións como alimentación, xenética do gando ou programación de partos, un aspecto no que o Consello Regulador leva anos insistindo e que agora se ligará á obtención do selo de Suprema.

A IXP pretende deste xeito que os gandeiros varíen a súa forma de manexar o rabaño para levar parte dos partos que actualmente se concentran na primavera ao outono, evitando así a saturación do mercado nos meses de febreiro e marzo e aportando un maior volume de reses con idade de sacrificio de cara ó verán, a época na que hai máis demanda.

A IXP pretende que os gandeiros varíen a súa forma de manexar o rabaño para levar os partos que actualmente se concentran na primavera ao outono

A aprobación deste “manual de calidade”, xa previsto no Regulamento actual, correspondería á Consellería do Medio Rural a proposta do Consello Regulador, segundo se recolle no artigo 4: “No manual de calidade poderanse recoller normas complementarias sobre o manexo dos animais nas gandarías e nos cebadeiros inscritos, co fin de respectar as prácticas tradicionais na cría e ceba do gando e fomentar a produción de carne de calidade”.

Mantense a idade de sacrificio e o aleitamento

Da redacción deste documento encargouse a Fundación Juana de Vega por encargo da Consellería e para a súa realización mantivéronse xuntanzas con distintos representantes do sector, dado que hai intereses encontrados en canto á forma de manexo entre os produtores que teñen o gando sempre fóra (ben sexa en ecolóxico ou en convencional) e os que realizan un sistema de manexo semiextensivo ao estilo tradicional, metendo todos os días as vacas para dar de mamar aos becerros.

O que semella que non sufrirá cambios é a idade máxima de sacrificio, que se manterá nos 10 meses, así como a obriga de que os animais se manteñan en aleitamento cando menos nos primeiros 7 meses de vida.

Un dos controis que o Consello Regulador leva a cabo de forma individual aos becerros nas explotacións é o dos 7 meses mamando

É un dos aspectos nos que fan fincapé os controis que o Consello Regulador leva a cabo nas explotacións. Estas visitas, que se producen xustamente no día 210 de vida do animal, comproban mediante a identificación individual de cada becerro que se atopan mamando da nai no momento de cumprir os 7 meses. 

Animais cruzados

Na actualidade, o gando apto para subministrar a carne que será amparada pola IXP Ternera Gallega procede das razas rubia galega, cachena, frieiresa, caldelá, vianesa e limiá, así como dos cruzamentos entre si ou coas razas cárnicas asturiana de los valles, limusin e rubia de Aquitania. Tamén son aptos os cruzamentos de vacas leiteiras frisonas e pardo alpinas con machos destas razas.

Outros cruces ou razas, sen embargo, non están amparados pola IXP, como por exemplo, os cruzamentos con azul belga, blonde ou salers nin os animais limusín puros.

Na inminente modificación do Regulamento, espéranse tamén cambios a nivel xenético sobre os animais que ampara a IXP.

Para despois das eleccións

Non é a primeira modificación que se realiza no Regulamento e o Prego de Condicións de Ternera Gallega. Ambos documentos sufriron diversas modificacións nos últimos anos para adaptalos á realidade do sector e do mercado en cada momento.

No 2020, por exemplo, ampliouse a idade máxima de sacrificio da Ternera Gallega convencional, que pasou de 10 a 12 meses, e este mesmo ano modificáronse os niveis de engraxamento das canais e habilitouse a posibilidade de fileteado fóra do territorio galego

Os cambios poden resultar polémicos entre determinados produtores

Con todo, é a primeira vez que se van introducir elementos adicionais importantes de diferenciación entre Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema (máis aló da obriga de aleitamento de 7 meses que xa estaba establecida), así como requisitos como o acortellamento e a programación de partos, que van obrigar a facer cambios no manexo a unha parte dos produtores.

Pero aínda que estas modificacións están xa ultimadas e foron consensuadas entre a Consellería do Medio Rural e a IXP Ternera Gallega, a súa publicación e entrada en vigor podería non ser inminente.

As eleccións aos distintos consellos reguladores, previstas para mediados de febreiro e entre as que se atopa tamén o de Ternera Gallega, poderían adiar a reforma do Regulamento. O Consello Regulador actual, formado por representantes de gandeiros e industrias, atópase en funcións, polo que a modificación normativa previsiblemente quedará enriba da mesa para que sexa aprobada polo novo Pleno unha vez se constitúa. 

A Xunta mercará unha báscula móbil que irá pesar os becerros ás explotacións

Unha das queixas frecuentes dos produtores de carne é a súa indefensión tanto nos prezos que fixan os matadoiros de xeito unilateral coma nas pesaxes que realizan dos seus animais, que se volve un motivo de desconfianza frecuente por parte dos gandeiros.

Por iso a Consellería do Medio Rural tomou a decisión de dispoñer dunha báscula móbil para evitar posibles enganos que se poidan dar. “En colaboración coa IXP vaise mercar un camión cunha báscula portátil, para ir ás explotacións a pesar os animais que se vaian sacrificar. Estas pesaxes serán en peso bruto pero, en base aos rendementos establecidos, terán que ser coincidentes cos pesos do matadoiro, e se non dan haberá fraude e a axencia de control galega actuará”, asegurou Balseiros aos produtores.

A creación desta axencia de control autonómica, xurdida a raíz do acordo para a revalorización do prezo da carne, retrasouse nos últimos meses, pero o director xeral de Gandería explicou que “aínda sen ter a axencia funcionando, fomos aos matadoiros cos inspectores e atopámonos con que tiñan contratos asinados por vós onde diciades que vos estaban pagando por enriba dos vosos custos de produción, así que non puidemos facer nada”, xustificou.

Establecer criterios unificados para o sacrificio e o despece

Entre os cambios previstos na normativa da IXP, preténdese tamén fixar un criterio de sacrificio e despece dos animais, xa que actualmente son aspectos que decide o operador e que inflúen notablemente no rendemento e a clasificación das canais. O corte (con máis ou menos graxa) e a forma de matar (a altura do pescozo, con rabo ou sen el, se se inclúe ou non a riñonada), varían tamén o peso final da canal e, polo tanto, o prezo que cobra o produtor.

A Consellería presentará o Plan Estratéxico da Carne e a aplicación Conta Carne a finais deste mes

Outro dos anuncios que Balseiros deixou aos gandeiros presentes na xuntanza da pasada semana é que o vindeiro día 27 a Xunta presentará a Estratexia do sector cárnico, ao igual que xa fixo coa do leite, e facilitará aos produtores unha aplicación, denominada Conta Carne, para que poidan calcular os seus custos de produción, a semellanza da Conta Láctea.

3 ideas sobre “Ternera Gallega deixará de marcar como Suprema os xatos que vaian directamente do prado ao matadoiro

  1. Jose

    Todo eso está muy ben, pero haverá que pagarllo o ganadero, non solo esigencias e ir acabando co sector da carne como con todos os outros. Solo se fala de esigencias non de precios mínimos

    Contestar
  2. Domingo

    Los mejores terneros q pueden comer las personas son los q se matan directamente del campo q estén gorditos mamando y comiendo hierba naturales totalmente sin aditivos y otras cosas q le ponen a los piensos compuestos en mi casa los llevamos comiendo 20 años así y todo el que lo prueba le gusta
    A los carniceros es a quien le interesa menos eso
    Respecto a todas esas colaciones de la igptg eramos pocos y parió la abuela
    Si fueran poco lo q nos quieren meter

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información