Os cambios proxectados en Ternera Gallega xeran división de opinións entre os gandeiros

Recabamos a valoración do sector produtor sobre as modificacións previstas no Regulamento da IXP, que marca o acortellamento dos becerros de Suprema durante os dous meses finais e unha programación anual dos partos

Casa Pardo rubia galega (Baleira)Os cambios que Ternera Gallega prevé acometer no seu Regulamento a vindeira primavera, unha vez pasen as eleccións ao Consello Regulador, están a causar debate estes días entre o sector produtor de vacún de carne en extensivo, con división de opinións en relación a algunha das medidas propostas.

As máis polémicas, e que implicarían cambios no manexo que están a levar a cabo na actualidade unha parte das explotacións, son a obriga de acortellamento dos animais por un período mínimo de dous meses para realizar o cebo final e a programación dos partos ao longo do ano dentro dun manual de manexo de obrigado cumprimento por parte das ganderías de Suprema.

Malia aos diferentes pareceres, no que todos os gandeiros e as organizacións que os representan coinciden é na necesidade de incrementar o prezo da carne en orixe para garantir a rendibilidade das explotacións, a súa profesionalización e o relevo xeracional no sector.

Das 22.500 toneladas de carne amparadas cada ano pola IXP Ternera Gallega, a metade son marcadas como Suprema

A Ternera Gallega Suprema representa o buque insignia da Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Das 22.500 toneladas de carne amparadas cada ano polo distintivo de calidade, a metade son marcadas como Suprema. Por iso, os cambios, que están a ser impulsados pola Xunta, terían un calado importante.

O Consello Regulador posterga calquera decisión ás elecións de febreiro nas IXPs e DOs de Galicia

O Consello Regulador da IXP prefire non entrar no debate e manterse nun segundo plano. “Sobran debates externos e mediáticos, sobre todo cando ademais se está no medio dun proceso electoral das IXPs e denominacións de orixe (DOs) de Galicia, convocado para o mes de febreiro pola Consellería”, valoran.

Sobre os posibles cambios da normativa en canto aos requisitos de produción de Ternera Gallega Suprema, o Consello que preside Jesús González indica a través dun comunicado que non hai nada en firme. “É necesario aclarar que o Consello Regulador aínda non tomou ningunha decisión ao respecto”, asegura, e recalca que “calquera modificación do Regulamento ou do Prego de Condicións deberá ser debatida e aprobada polo novo Pleno do Consello Regulador, que se conformará nos próximos dous meses por representantes dos produtores e das industrias”, precisan.

Entre as competencias do Consello Regulador está propoñer posibles cambios da normativa reguladora que afecta tanto aos produtores como ás industrias cárnicas inscritas. Pero matizan desde a IXP que “dada a súa trascendencia, eses cambios teñen que ser analizados e debatidos ampliamente nas reunións do Pleno, onde os vogais elixidos polos gandeiros e polas industrias teñen a oportunidade de manifestar a súa posición. É un proceso reglado onde os acordos tómanse por maioría”, indican.

Como consecuencia da convocatoria electoral, o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia atópase actualmente en funcións, polo que “calquera decisión que implique a modificación do Regulamento ou do Prego de Condicións da IXP Ternera Gallega deberá ser abordada ao remate do proceso electoral, cando estea constituído o novo Pleno, e non agora”, conclúen.

Santiago Rego. Gandeiros Galegos de Suprema

“Seriamos partidarios de crear unha liña ‘premium’ para os becerros mellor acabados, pero sen sacarlle a categoría Suprema ós outros”

Santiago Rego é o presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que reúne a case 600 produtores de toda Galicia, a maioría da provincia de Lugo, onde se segue a manter o sistema tradicional de cría cos xatos na corte e as vacas no prado.

Na súa opinión, os cambios no Regulamento deben ir encamiñados a lograr unha diferenciación clara dos diferentes tipos de carne amparados pola IXP Ternera Gallega, de cara a aportar transparencia ao consumidor, para que isto redunde nun mellor prezo para os gandeiros.

Todos estes cambios vanse ver repercutidos no prezo? Porque se non, podémoslle dar 40 voltas á tuerca pero de nada vale

“Na nosa asociación hai de todo, tanto gandeiros que facemos un manexo tradicional do gando, cos becerros no establo e traendo as nais dúas veces ao día para darlles de mamar, como outros compañeiros que teñen os xatos fóra no prado e fan un cebo final de dous meses. Pero chegamos todos á mesma conclusión, que todos estes cambios e voltas de tuerca están ben se van facer máis viables as nosas explotacións. É dicir, a pregunta é: van repercutir no prezo?”, argumenta.

Crear unha liña Premium

“Non pode ir toda a carne mesturada: ten que haber unha diferenza de prezo nos becerros nos que hai acortellamento”, defende Santiago, que propón “crear unha liña Premium específica para eses animais máis tenros que se crían dentro sen ter que sacarlle a categoría de Suprema aos outros, aos que medran fóra”, di.

“Estamos dacordo que toda é Suprema, porque os xatos están mamando ata os 7 meses, pero os custos de produción son maiores se os xatos están dentro, polo que está claro que non poden ir ao mesmo prezo eses animais e os que están fóra, porque os custos de produción son distintos”, razoa.

En función da calidade dos xatos e do tipo de manexo, desde a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema propoñen distintas categorías de cebo. “O problema é que na IXP Ternera Gallega non se lle chaman ás cousas polo seu nome. No porco ibérico, por exemplo, hai catro categorías de cebo distintas; pois aquí haberá que facer unha cousa parecida”, insisten.

Se existe claridade nas distintas categorías, din, o mercado será máis transparente. “Será o consumidor o que se decante, elixindo unha ou a outra en función das súas preferencias, pero se vai todo mesturado, non pode elixir”, evidencia Santiago. “Na nosa asociación hai de todo, pero estamos dacordo en que hai que diferenciar os tipos de carne en función do sistema de produción”, asegura.

Abertos a marcar outras razas

Outro dos debates desde hai tempo dentro de Ternera Gallega xira en torno ás razas e cruzamentos admitidos. Desde a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema consideran que o Consello Regulador “ten que estar aberto a marcar novos animais doutras razas se iso vai favorecer que o nivel das canais dentro da IXP mellore”.

Pola contra, din, se unha flexibilización dos criterios xenéticos “o que vai facer é meter máis quilos de carne no mercado, como aconteceu ata agora coa ampliación da idade de sacrificio dentro de Ternera Gallega, está claro que vai ser prexudicial”, opinan.

Se incluír máis razas, favorece que haxa mellores animais dentro da IXP é bo, pero se só vai meter máis quilos de carne no mercado, é prexudicial

“Pensamos que non todo debe valer e que hai que ser máis estritos á hora de marcar, pero iso non está reñido con novas razas”, consideran, sen entrar a valorar cales se deben admitir e cales non.

Santiago Rego pensa que esta podería ser tamén unha maneira de “suplir” a falta de carne en determinadas épocas do ano, como o verán, con máis demanda e menor oferta, e non é partidario de obrigar a programar partos, senón de buscar incentivos vía prezo para que os gandeiros trasladen voluntariamente os partos de primavera ao outono.

“Contra a natureza non se pode ir, pero se o prezo fai que sexa realmente interesante vender nunha determinada época, todo o mundo o vai facer motu proprio, aínda que non estea no Regulamento. Pero está claro que por 30 céntimos de diferenza que hai hoxe ninguén o vai facer”, razoa.

José Ramón González. Unións Agrarias

“En Ternera Gallega Suprema, os becerros deben cumprir uns estándares de peso e engraxamento, pero cada gandeiro que decida como logralos”

José Ramón González é o responsable de producións extensivas de Unións Agrarias e defende que “dentro de Ternera Gallega Suprema ten que haber homoxeneidade”. “Todos os animais que se sacrifican como Suprema deberían cumprir cuns estándares, tanto de peso máximo e mínimo como de nivel de engraxamento, porque estamos falando do produto top da IXP”, afirma.

Sen embargo, considera que “debe ser o gandeiro o que determine en cada caso, en función das características da súa explotación, como conseguir esas características de peso e engraxamento mínimas”.

A Consellería do Medio Rural encargoulle á Fundación Juana de Vega a redacción dun manual de calidade dos becerros de Suprema, no que se inclúan aspectos relativos ao manexo dos animais. José Ramón González sinala que participou en reunións dentro deste grupo de traballo, convocadas para tratar de unificar criterios dentro do sector produtor, pero apunta que as conclusións aínda non se presentaron.

Autorización por parte de Bruxelas

A maioría dos aspectos que se está valorando modificar no Regulamento son de competencia autonómica, agás un, que tería que ser autorizado pola Comisión Europea. É o relativo á posible ampliación das razas permitidas. “Eses cambios necesitan a aprobación de Bruxelas. Eu non teño nada a favor nin en contra, pero ten que haber datos enriba da mesa porque ten que ser unha raza con vocación cárnica que sexa representativa dentro de Galicia, é dicir, cun censo importante de animais. Pero se unha raza ten ese peso debería ser tida en conta, porque no sistema produtivo galego as razas pasan a un segundo plano”, defende José Ramón.

”No sistema produtivo galego, as razas pasan a un segundo plano, pero para ser admitida dentro da IXP, tería que ser unha raza cun censo representativo dentro de Galicia” (José Ramón González, Unións Agrarias)

En canto á obrigatoriedade de realizar unha programación dos partos, desde Unións din que a súa posible aplicación depende de varios factores, entre eles a alimentación ou a climatoloxía, polo que “non é o mesmo logralo nunhas ganderías ou noutras, por exemplo nunha explotación de montaña onde no inverno fai moito frío”, advirten.

“A natureza é difícil de cambiar, pero pódense facer cousas para mellorar o manexo nas granxas”

“A natureza é moi difícil de cambiar e as vacas en extensivo e semiextensivo seguen o ciclo da natureza, por iso quedan preñadas na primavera. Pero si que hai cousas que se poden facer, como variar a data de cubrición das xovencas ou determinar en que época do ano deixas a recría”, afirma José Ramón, que considera que “hai que convencer aos gandeiros e se houbese un aliciente grande no prezo para poder gastar máis en alimentación, sería máis doado cambiar o ciclo natural”.

Samuel Formoso. Sindicato Labrego

“Non estamos por crear unha nova submarca para os becerros pasteiros que os devalúe”

No Sindicato Labrego Galego (SLG) son partidarios de non modificar o actual sistema de clasificación de animais dentro de Ternera Gallega e, en todo caso, consideran que “é un debate de suficiente calado que hai que discutir primeiro co sector”.

“O Sindicato Labrego sempre defendeu a produción tradicional en base á terra, cos becerros mamando directamente das vacas”, salienta Samuel Formoso, produtor da zona da Limia e responsable do sector vacún de carne do SLG, que considera que a cría en extensivo e cara a produción ecolóxica vai na liña do que a UE demanda para os vindeiros anos.

”Os produtores vémonos obrigados a rematar dunha maneira ou doutra porque a industria o demanda, non é cousa do consumidor” (Samuel Formoso, Sindicato Labrego)

“Nós non estamos por crear unha nova submarca para os pasteiros que o que vai facer é devalualos. Xa temos catro marcas dentro de Vacún de Galicia (Ternera Suprema e normal, e Vaca e Boi de Galicia), e introducir unha categoría máis non vai axudar, ao contrario, porque o que imos é confundir ao consumidor; estamos sempre a dispersar a mensaxe”, considera.

”Unha esixencia máis da industria”

Para o SLG a obriga de cebar “é unha esixencia da industria máis que unha demanda do consumidor”. “A industria quéixase de que ás veces lle chegan becerros pasteiros non suficientemente engraxados. Pero ao mellor ese tipo de carne ten un mercado que está por descubrir”, opina Samuel.

“Non sei se detrás deste cambio que se anuncia pode estar tamén a industria. Ao mellor é unha maneira de encher os cebadeiros de becerros pasteiros. E o colmo sería que un becerro de calidade, que estivo no prado mamando da nai, o haxa que vender a un cebadeiro antes de que saia ao mercado”, quéixase.

O responsable do sector vacún de carne do SLG considera que en zonas de clima máis benigno, como poden ser zonas costeiras da Coruña ou de Lugo é posible realizar unha finalización axeitada sen meter os xatos dentro. “Depende da zona e da época do ano, pero pode haber tenreiros tan ben acabados no prado coma outros acortellados”, afirma.

E, en todo caso, considera que dentro das normas actuais de Ternera Gallega xa hai instrumentos dabondo para penalizar un xato mal conformado. “Xa hoxe descalifica se un animal non vai ben engraxado”, asegura, polo que non cre que sexan necesarias esixencias a maiores neste sentido.

“Estamos nas mans de urbanitas”

Sobre a esixencia de programar os partos para ampliar a oferta de carne nos meses de verán, Samuel considera que “é ir en contra da natureza, polo que é practicamente imposible de lograr a non ser que utilices hormonas e nós non podemos estar a favor diso”, aclara.

Aquí cando hai comida e horas de luz, que é cando as vacas quedan preñadas, é na primavera

“Aquí a metade do ano as vacas non quedan preñadas porque é algo que depende da luz e a alimentación e aquí cando hai comida e empeza a haber horas de luz é na primavera, que é cando as vacas saen en celo e quedan preñadas. Hai xente que proba a programar os partos e desbótao porque non lle funciona. Pero estamos nas mans de urbanitas e no papel nunha oficina en Santiago todo é moi doado”, critica.

Non se pode producir Ternera Gallega con blonde de Aquitania

Finalmente, o Sindicato Labrego Galego non é partidario tampouco de ampliar a novas razas os animais permitidos dentro da IXP. “Nós temos unha Indicación Xeográfica Protexida que está ligada a unha forma de producir e a unhas razas en concreto. Emprégase o criterio de razas autóctonas máis os seus cruces, e con iso é suficiente”, opina Samuel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información