Acordo histórico para revalorizar a carne de Ternera Gallega do campo ó supermercado

Industrias cárnicas, supermercados e gandeiros, co aval de Medio Rural, asinan un protocolo para que cada parte da cadea perciba prezos que estean por riba dos custos de produción, de xeito que queden marxes de beneficio para granxas, matadoiros e distribución

Acordo histórico para revalorizar a carne de Ternera Gallega do campo ó supermercado

Primeira rolda de asinantes do acordo. En próximos días, Medio Rural espera pechar a sinatura do resto de empresas e entidades do sector.

O sector galego de vacún de carne culminou esta tarde un acordo que se levaba fraguando con discreción desde hai máis de tres meses. Industrias cárnicas, cadeas de distribución e Unións Agrarias puxeron sinatura a un protocolo que se presenta como histórico. Tódalas partes se comprometen a unha revalorización en cadea da carne da IXP Ternera Gallega, desde o campo ata o supermercado.

O acordo conta coa coordinación e co aval da Consellería do Medio Rural, que acolleu esta tarde a sinatura do pacto, e co apoio da propia Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. No trasfondo do acordo están os últimos dous anos de dura crise que arrastra o vacún de carne, con baixos prezos derivados da Covid e cun importante aumento dos custos de produción nos últimos meses.

Implicación de industrias e supermercados
A falta de rendibilidade das granxas constituía un risco a medio prazo para o conxunto do sector, polo que tomouse conciencia da necesidade de revalorizar os prezos que se pagan no campo. O director de Novafrigsa, Secundino Grobas, que falou no acto de hoxe en representación das industrias, destacou que estamos ante “o comezo dunha nova etapa na que se ten que valorizar o produto como o que é, un produto galego de calidade”. “Sempre dixemos que vivimos dos clientes (os supermercados), pero sen os produtores que hai en Galicia non seriamos nada”, recoñeceu Grobas.

Por parte das cadeas de supermercados, falou Santiago Codesido, director comercial de Gadis, quen destacou que o acordo busca rematar “coa destrucción de valor da carne ao longo da cadea, de xeito que cada parte cobre como mínimo os seus custos de produción”.

Xunto con Gadis e Novafrigsa, tamén asinaron hoxe o acordo outras cadeas da distribución, como Vegalsa-Eroski, Froiz, Carrrefour ou Alcampo; así como industrias cárnicas como Frilea ou Baixo Miño, entre outras. A partir do luns, espérase que o resto de industrias e cadeas da distribución completen a sinatura do compromiso.

Marxes de beneficio e promoción da Suprema
En representación das granxas de vacún de carne asinou hoxe o acordo Unións Agrarias. O seu secretario xeral, Roberto García, destacou que “tras máis de tres meses de conversas discretas coas industrias e coa distribución, aprazando as protestas que tiñamos planificadas, chegamos a un acordo que garantirá que as granxas cobran por riba dos custos de produción e que terán unha marxe de beneficio”, salientou.

García incidiu en que o acordo chegará acompañado dunha campaña de promoción “na que se fará partícipe ó consumidor” da diferencia entre as dúas gamas de carne da IXP, Ternera Gallega Suprema, a producida polas granxas con vacas nutrices, e Ternera Gallega, producida en cebadoiros”.

Campaña de promoción
Esa campaña de promoción foi confirmada polo conselleiro do Medio Rural, José González, que anunciou unha partida para este ano de 1,4 millóns de euros para a promoción da carne de Ternera Gallega en toda España. González destacou que Galicia é a primeira comunidade en asinar un acordo deste tipo e lembrou que Ternera Gallega é o buque insignia da carne de vacún en España, pois representa máis do 50% da carne de vacún con IXP que se vende no país.

O conselleiro incidiu na legalidade do protocolo que asinan tódalas partes e subliñou que, “para tranquilidade de todos”, se remitirá o protocolo asinado á Comisión Galega da Competencia, coa petición de que se pronuncie sobre o mesmo. Trala sinatura de hoxe, o conselleiro destacou que a partir do luns se convocaría ó resto de axentes do sector, de cara a que non queden partes descolgadas do acordo.

No medio prazo, Medio Rural proponse tamén elaborar un estudo de custos do vacún de carne que poida servir de referencia para toda a cadea. Farao por medio do Observatorio Galego de Calidade Alimentaria, en proceso de creación.

Valoración da IXP
O protocolo asinado hoxe supón un espaldarazo para a potenciación da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que se ben mantén cifras anuais de crecemento en vendas, con máis de 100.000 canais seladas cada ano, viña atravesando un par de anos con dificultades de prezos para as granxas.

Desde a IXP, o seu presidente, Jesús González, agradeceu a vontade de tódalas partes en chegar a un acordo, así como a “vontade de consenso” nun momento que é “difícil para todos” por circunstancias como a Covid, o aumento de custos ou a guerra de Ucraína.

Queda por ver agora como este acordo se traslada á práctica nunha progresiva revalorización dos becerros no campo, se ben desde o sector produtor pronostícanse importantes aumentos nos próximos meses, a medida que se poñan en marcha as campañas de promoción anunciadas.

Axudas directas
No acto, o conselleiro lembrou asísmesmo que Europa vén de concederlle a España unha partida de 63,5 millóns para compensar ó agro polo aumento de custos de produción. “Desde a Xunta xa lle trasladamos ó Ministerio que o vacún de leite e o vacún de carne teñen que ser sectores prioritarios nestas axudas. Tamén nos ofrecemos a complementar a financiación europea e a estatal con fondos propios”, subliñou González.


Pisarse as mangueiras

A sinatura do acordo para revalorizar a carne de Ternera Gallega chega xusto un día despois de que os gandeiros da asociación Gandeiros galegos de Suprema desconvocasen o bloqueo que tiñan ante os matadoiros. Esa coincidencia levantou suspicacias no sector, pois hai quen entende que o acordo é froito da protesta liderada pola asociación de gandeiros.

O certo é que, tal e como se explicou no acto, o acordo é consecuencia dunha negociación de máis de tres meses entre industrias cárnicas, cadeas de distribución e Unións Agrarias, coa participación da Xunta, que actúa como garante do cumprimento do protocolo. O compromiso podíase ter asinado hai 15 días, pero o peche dos últimos adherintes retrasou a sinatura. Entón arrancou a folga de transportes, que unida ó bloqueo dos matadoiros, obrigou nas últimas semanas a pospoñer o acto ata hoxe.

Durante ese tempo, os produtores de Gandeiros galegos de Suprema protagonizaron unha mobilización que tamén merece o recoñecemento de histórica. Cunha situación complicada nas granxas de baixos prezos e aumentos de custos, os produtores uníronse para bloquear os matadoiros durante dez días, con presenza día e noite nalgúns deles, caso do de Nova Frigsa. Foi unha presión que non ten precedente no sector de vacún de carne.. Con esa acción, a asociación demostrou a súa forza e a súa capacidade como instrumento útil para as súas granxas socias, que se uniron para buscar unha solución que agora semella chegar co acordo asinado hoxe.

Máis alá da ridícula pelexa por ver quen é o bombeiro que apaga o lume, o verdadeiramente importante é que o lume se apague. Para iso, sería conveniente que os bombeiros non se volvan pisar as mangueiras entre sí, xa que se un desfai o que o outro quere facer e viceversa, o lume será complicado de controlar.

E como evitan os bombeiros pisarse as mangueiras?. Pois normalmente falan e comúnicanse. Igual é unha solución un pouco louca para o agro, onde con frecuencia as novas asociacións de gandeiros, xurdidas nos últimos anos, non queren saber nada dos ‘sindicatos’ agrarios. Critícanos, con maior ou menor xustiza, polos moitos erros que perciben que cometeron, e acúsanos de estar politizados, subvencionados ou directamente vendidos, entre outras lindezas.

Nos ‘sindicatos’ ou organizacións agrarias, tampouco espertan excesivas simpatías as asociacións de produtores, pois senten que estas asociacións desprézanos e que non lles recoñecen o seu papel de representación ante as Administracións nin os logros e acertos que tamén tiveron e teñen. O presente acordo semella en principio un deles, á espera de ver como se concreta.

Así as cousas, os problemas de fondo seguen aí. Como mellorar prezos?, como baixar custos de produción, como ser máis eficientes?. Esas son as cuestións que preocupan ás granxas e ás que organizacións agrarias, asociacións, cooperativas e Administracións teñen que dar resposta.

O camiño para todo iso semella pasar por unha maior profesionalización das granxas e das propias asociacións, organizacións agrarias e cooperativas. De cara ó futuro, o reto para todas elas é mellorar os servizos que lle dan ós produtores.

Entre eses servizos, estará previsiblemente a negociación en conxunto de prezos e de volumes de produción coas industrias cárnicas. Para esa función, están a crearse as organizacións de produtores de vacún de carne, tanto por parte de organizacións agrarias, caso da que prepara Unións, como previsiblemente por parte de distintas asociacións de produtores.

Cada granxa é libre de estar nunha asociación, nunha organización agraria ou de simultanear ambas, de estar tamén nunha cooperativa ou non, de participar dunha organización de produtores ou non, ou de, directamente, non estar en ningún lado e ir absolutamente por libre. É o bo que teñen as democracias.


Nota: Información actualizada ás 23.45 h.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información