“Non á conxelación da carne da IXP Ternera Gallega e manter o tempo de lactancia dos becerros”

O Sindicato Labrego Galego acorda defender na IXP Vacún de Galicia manter o tempo de lactancia e non permitir a conxelación

“Non á conxelación da carne da IXP Ternera Gallega e manter o tempo de lactancia dos becerros”

A Dirección Nacional da Carne do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas reuniuse este venres no Centro Social de Montecubeiro (Castroverde) para abordar varios dos debates activos no sector.

A Dirección Nacional da Carne do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas reuniuse este venres no Centro Social de Montecubeiro (Castroverde) para abordar varios dos debates activos no sector.

A situación na IXP Vacún de Galicia, a idoneidade das idades de sacrificio, as categorías, a forma de crianza, o coidado do benestar animal, a promoción da carne certificada de indicación xeográfica protexida e a posibilidade de inclusión de novas razas na IXP, foron algúns dos aspectos a analizar en primeiro termo.

No tocante ao benestar animal e calidade da carne que chegan ás persoas consumidoras, a DN da Carne do SLG-CCLL amosouse contundente ao rexeitar a proposta de que gando certificado como IXP Ternera Gallega poda ser alimentado en cebadeiros industriais, considerando que esta práctica “sería contraproducente á hora de defender a marca”. “Teño unha granxa pequena, con 17 vacas. As miñas vacas están cas súas nais ata o día antes de marchar para o matadoiro, para min iso si que é Suprema”, defendeu unha das gandeiras asistentes.

A Dirección Nacional da Carne do SLG-CCLL concluíu polo tanto que o vogal do Sindicato Labrego na IXP Vacún de Galicia, Samuel Formoso, defenderá que se siga mantendo o mínimo de 7 meses de lactancia vixente arestora, en lugar da proposta de que os xatos sexan cebados a partir dos 5 meses.

“Se acaban cebando en cebadeiros, con prácticas industriais que non se fan nas granxas, con normativas de saneamento distintas ás das granxas, con mais antibióticos, etc, impactará na calidade final da carne. Ademais, a trazabilidade non vai ser a mesma se a IXP ten os xatos nos cebadeiros, o cal pode ser un problema para a credibilidade da marca”, abondaron as integrantes da DN da Carne.

O vogal do Sindicato Labrego na IXP Vacún de Galicia tamén se oporá á prolongación do tempo de sacrificio, “dado que é unha medida que non redunda en beneficios para o gando, nin tampouco compensa economicamente ás granxas”.

Non á conxelación da carne

Nesta mesma liña, valoraron que a proposta realizada polas industrias de poder vender como IXP Vacún de Galicia carne conxelada “non ten cabida”. “Ademais de poder prexudicar ás dinámicas de produción, increméntanse as posibilidades de que o produto se degrade ao conxelar ou desconxelar. Por outra banda, as industrias poderían aproveitarse desta opción para forzar unha baixada de prezos ás persoas produtoras, ou de subida ás persoas consumidoras”, advirten.

“A industria tamén se vén queixando nos plenos da IXP da estacionalidade das granxas, obviando os ritmos naturais dos animais. A tendencia aos partos é na primavera, concentralos conlevaría máis riscos. Dende o SLG-CCLL consideramos que se algunha industria ou comercializadora quere que se lle concentren os partos debe negociar previamente as condicións económicas cas persoas gandeiras/os que lles subministran”, engaden dende o Sindicato Labrego.

A dirección nacional da carne tamén concluíu a pertinencia de que dende o Sindicato Labrego Galego se lance unha campaña informativa para impulsar a produción tradicional, “facendo fronte ao paradigma intensivista, que redunda nun peor benestar animal, e polo tanto tamén nunha peor calidade na alimentación á que acceden as persoas consumidoras”.

Por último, as gandeiras/os da DN confirmaron tamén que “segue habendo problemas ca campaña de vacinación da lingua azul, que lonxe de estar sendo executada con eficacia pola administración pública conleva un incremento de gastos para as granxas, que están tendo que vacinar a través de veterinarixs privados para poder levar o gando ao matadoiro”, unha situación que dende o SLG-CCLL veñen denunciando nestas últimas semanas.

A reunión da DN da Carne concluíu cunha visita á granxa de vacas de carne Angus do Campo (Montecubeiro).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información