A Xunta non concreta cando pagará os 12 millóns comprometidos para as ganderías de Ternera Gallega Suprema

A Xunta non concreta cando pagará os 12 millóns comprometidos para as ganderías de Ternera Gallega Suprema

Reunión do conselleiro do Medio Rural o pasado 16 de maio en Lugo coa asociación Gandeiros Galegos da Suprema, na que anunciou as axudas por kilo de carne

A Consellería do Medio Rural segue sen concretar os prazos para o pago das súas propias axudas ás ganderías de vacún de carne para compensalas polo incremento dos custos de produción, complementarias ás aprobadas polo Ministerio de Agricultura.

En concreto, son entre 10 e 12 millóns de euros anunciados pola Consellería o pasado 16 de maio e dos que non se volveu saber nada.

O asunto chegou este venres á Comisión de Agricultura, Gandería e Montes do Parlamento de Galicia, onde o deputado do PsdeG-PSOE, Martín Seco, cuestionou ao Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, sobre se a Xunta achegará as axudas prometidas aos produtores adscritos a Ternera Suprema Gallega. O parlamentario socialista acusou de inacción á Xunta de Galicia en comparación ao Goberno central que achegou 15,6 millóns en axudas para as ganderías galegas de carne. Por outra banda, tamén lembrou que outras autonomías moveron fondos propios para apoiar os seus sectores agrarios mentres “a Xunta non moveu nin un euro”.

José Balseiros pola súa parte limitouse a responder que “as axudas acabarán materializándose porque a Xunta traballa facendo”, pero sen concretar datas. “Os 12 millóns de euros comprometidos a maiores polo Goberno galego para implantar unha liña de axudas directas ligadas á produción de carne de calidade serán tamén unha realidade, coma os demais compromisos adquiridos polo Executivo con este sector”, asegurou.

Axudas da PAC ás Comunidades de Montes pola superficie dedicada a usos gandeiros.

Por outra parte, a Comisión de Agricultura, Gandería e Montes rexeitou por sete votos en contra e cinco a favor a Proposición non de lei presentada polo BNG. O obxectivo desta Proposición era facilitar o acceso das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) ás axudas económicas directas da nova PAC. As axudas irían destinadas ás hectáreas con usos gandeiros destas comunidades de montes.

A nova PAC 2023-2027 aumentou as esixencias para acceder ás súas axudas directas “sen que as persoas estivesen preparadas para facerlles fronte” sinala o BNG. Deste punto culpa á Consellería de Medio Rural de non ter informado de todos os requerimentos da nova PAC, mais Medio Rural si puxo condicións en funcións que só lle atinguían ao departamento de José González, sinalou a deputada nacionalista Camen Aira.

As persoas que buscaban as axudas directas da PAC con gando pacendo en montes comunais precisaban dunha certificación da presidencia ou da secretaría da comunidade. Agora é necesario presentar un plan de aproveitamento silvopastoril. Este procedemento é cualificado como custoso e complexo, algo que desincentivaría a permanencia de gandeiros e gandeiras así como a perda de valor dos pastos.

A deputada do PSdeG, Carmen Rodríguez Dacosta, mostrou a disposición favorable do seu grupo parlamentario á Proposición dos nacionalistas na Comisión de Agricultura. Lembrou ademais que os socialistas pediran estudos á Xunta para a valorización do monte, así como a creación dun Consello de Comunidades de Montes que, entre outros puntos, permitise o mellor acceso ás axudas da Unión Europea ligadas á PAC. Os dous grupos parlamentarios recordaron que a Xunta emitiu unha serie de circulares para avisar dos cambios que presentaba a nova PAC 2023-2027.

Ante a postura de nacionalistas e socialistas, o parlamentario do Grupo Popular, José Luis Armada, remarcou que o FOGGA non é responsable dos contidos lexislativos mais si é responsable da aplicación das axudas PAC. Ante a petición dun período transitorio para a adaptación ante a PAC 2023-2027 e a creación de mecanismos que facilitasen a solicitude de axudas por parte dos gandeiros das CMVMC, Armada destacou as axudas postas por Medio Rural para crear elementos de xestión agrícola e forestal. En total, seis millóns en 2022 e unha “cantidade similar” en 2023.

O deputado popular insisitiu en que se está cumprindo coa Lei de Montes de Galicia onde se dispón que os terreos deberán ter un instrumento de xestión para potenciar o seu aproveitamento e rebaixar os índices de CO2. Ademais, insistiu que se pode recorrer a distritos forestais ou oficinas agrarias comarcais para acceder a toda a información necesaria sobre achegas, subvencións e datos sobre a nova PAC.

Finalmente a Comisión 7ª votou a Proposición non de Lei para crear un período de transición que permitise ás CMVMC adaptarse ás novas esixencias de acceso ás axudas europeas. A proposición foi rexeitada con sete votos en contra e cinco a favor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información