Ternera Gallega celebra este ano o seu 30 aniversario e faino cunha modificación que vai supoñer ampliar a idade de sacrificio dos xatos desde os 10 meses actuais até os 12. O cambio, que se prevé que xa poida estar en vigor a mediados de xaneiro para poder facer fronte á habitual baixada de prezos dos meses do inverno, busca “flexibilizar” a idade coa que os becerros son enviados ao matadoiro para que o gandeiro teña máis capacidade de adaptarse ao mercado escollendo o momento de venda.
“Todos os anos nos meses de febreiro, marzo e abril hai exceso de gando, o que provoca atascos na súa saída ao mercado e baixada de prezos, sobre todo en Ternera Gallega Suprema”, explicou o presidente do Consello Regulador, Jesús González, no transcurso da Xornada Técnica celebrada este venres no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo e que reuniu a preto de 400 produtores.
“Os gandeiros neses meses teñen que andar pedindo que lles saquen os xatos da casa e en ocasións o becerro pasa de 10 meses porque non hai saída e iso fai que caia de categoría e perda moito valor comercial”, engadiu. Segundo a situación actual, cando un becerro supera os 10 meses de idade, tanto se está marcado como Ternera Gallega Suprema como se é Ternera Gallega, pasa a ser considerado Añojo e debe venderse baixo este indicativo, previsto para os sacrificios entre os 10 e os 18 meses de vida.
Non se modifica o límite para Ternera Gallega Suprema, que seguirá fixado nos 10 meses, nin para Añojo, que é de 18 meses
Tras moito debate no Pleno do Consello Regulador sobre esta problemática recurrente á que se enfrontan moitos gandeiros, sobre todo en épocas de pouca demanda de carne no mercado, o órgano xestor da IXP decidiu facer unha modificación na idade das distintas categorías comerciais establecidas dentro de Ternera Gallega, ampliando dous meses a idade máxima permitida para o sacrificio baixo o amparo de Ternera Gallega, sen tocar os límites fixados tanto para Suprema como para Añojo, que seguirán establecidos nos 10 e nos 18 meses respectivamente.
Deste xeito, co cambio realizado, un xato marcado como Ternera Gallega Suprema que supere a idade dos 10 meses poderá ser vendido como Ternera Gallega até que teña un ano de vida e só despois pasará a ser considerado Añojo. A modificación normativa na idade permitida de sacrificio beneficiará aos becerros marcados como Ternera Gallega, pero sobre todo aos inscritos como Ternera Gallega Suprema, que son na actualidade os que máis se devalúan de prezo ao superar a idade máxima de sacrificio e caer dous chanzos pasando directamente de Suprema a Añojo.
Os cambios foron enviados a Bruxelas para a súa aprobación
“É unha medida coa que se pretende conseguir unha maior flexibilidade á hora de comercializar os xatos, para que o gandeiro poida decidir nun momento puntual se adianta a saída do gando da explotación ou a retrasa en función do mercado e da demanda”, explica Jesús González. Pero trátase dunha solución para determinadas coxunturas, que non implica con carácter xeral que a partir de agora os xatos se vaian sacrificar todos ao ano de vida. “O obxectivo de Ternera Gallega non é producir animais de 12 meses e 300 quilos de peso. Non queremos cambiar o noso sistema produtivo e pasar a facer animais de máis idade e máis quilos”, aclara. Entre outras cousas, porque “se todo o mundo comeza agora a vender aos 12 meses non solucionamos nada”, insistiu. “Non sabemos como vai reaccionar o sector a este cambio e o tempo dirá se acertamos ou non na decisión”, admitiu.
A normativa nova está en tramitación pero contan poder aplicala xa para a vindeira campaña de inverno. A modificación do Prego de Condicións de Ternera Gallega aprobouse no Pleno do Consello Regulador do pasado mes de xuño e a Consellería do Medio Rural publicouna no DOG en agosto. A Xunta deulle traslado dos cambios neste mes de outubro tanto ao Ministerio como á Comisión Europea, que ten un prazo de tres meses para contestar. “É unha modificación menor, pero Bruxelas ten un retraso enorme”, di Jesús, que explica que a Comisión Europea dispón de tres meses para respostar, que se cumpren a mediados de xaneiro, e superado ese prazo, se non puxo obxeccións, os cambios xa se poderían aplicar de cara ao vindeiro ano.
O “erro” de non programar os partos
Jesús González indicou que os prezos este ano foron “regularciños no inverno e bastante bos no verán” e incidiu en que os gandeiros seguen cometendo o “erro” de non programar a produción ao longo do ano segundo o mercado. “Seguimos repetindo o erro de sempre, non se programan os partos e hai dentes de serra nos nacementos que fai que haxa fluctuacións nas cotizacións do inverno ao verán e iso non permite estabilizar os prezos”, asegura.
Por iso considerou básico de cara ao futuro “adaptar a oferta á demanda” cunha regularización produtiva e a planificación dos partos. “Debe haber maior orientación ao mercado, pero os gandeiros en Galicia tradicionalmente deixan que a natureza sexa a que estableza o ciclo reprodutivo”, explicou.
“Tradicionalmente os gandeiros en Galicia deixan que a natureza sexa a que estableza os ciclos reprodutivos e iso provoca que haxa dentes de serra nos nacementos que non permiten estabilizar os prezos” (Jesús González, Ternera Gallega)
Do mesmo xeito, considerou que é necesario “aproveitar e valorizar a canal con elaborados premium e novos usos culinarios” porque “vai a menos a venda de canais e medias canais e aumenta a demanda de fileteado e produto elaborado”, asegurou. Tamén é preciso, dixo, “mellorar os circuitos comerciais apostando pola internacionalización”, así como “cumprir cos requisitos de benestar animal tanto nas explotacións como durante o transporte e o sacrificio” e comunicar ao consumidor e á sociedade en xeral “a importancia do vacún de carne no mantemento da natureza e o medio rural para evitar o despoboamento”.
A maior das marcas de calidade galegas
A situación actual da IXP reflicte a súa importancia dentro das denominacións de orixe galegas. Con 8.200 explotacións inscritas con actividade, un cento de industrias cárnicas e unha facturación en primeira venda de 122 millóns de euros, Ternera Gallega ocupa o primeiro posto no ranking das I.X.P. e D.O. galegas, que pecharán este ano cun volumen de negocio de 500 millóns de euros no seu conxunto, segundo detallou na clausura das xornadas Manuel Rodríguez, director da Agencia Gallega de Calidade Alimentaria (Agacal).
Máis da metade da carne de vacún que se vende cun distintivo de calidade en España pertence a Ternera Gallega
Ternera gallega certificou 96.000 canais, o que supón 21,5 millóns de quilos de carne comercializada en 1.360 establecementos coa imaxe corporativa da IXP. Máis da metade (o 55%) da carne de vacún que se vende cun distintivo de calidade en España pertence a Ternera Gallega, que conta con 134.000 terneiros identificados neste momento. A segunda IXP de vacún de carne por volume no conxunto do Estado español é Ternera Asturiana e logo sitúanse as marcas propias do País Vasco e Navarra.
A IXP Ternera Gallega foi creada en 1989 e neste momento ostenta a presidencia de Origen España, que engloba a un total de 60 Indicacións Xeográficas Protexidas. Segundo detallou tamén o presidente da Agacal, Galicia é a terceira comunidade con maior número de IXPs, só superada por Andalucía e Cataluña.
Fai 10 anos todas as IXP galegas xuntas facturaban uns 200 millóns de euros, mentres que este ano chegarán aos 500 millóns, un volume equivalente a máis da metade do que factura o sector lácteo galego, segundo destacou Manuel Rodríguez. Desa cifra, unha cuarta parte da facturación corresponde a Ternera Gallega.
Fréanse as inscricións en Vaca e Boi Galego
A nova IXP Vaca e Boi Galego leva dous anos de funcionamento. Neste momento está recoñecida pola Xunta de Galicia e tamén a nivel estatal, mediante unha Protección Nacional Transitoria, o que lle dá certa provisionalidade. Sen embargo, os trámites para o seu recoñecimento por parte da Comisión Europea e a inscrición no Rexistro Comunitario de Indicacións Xeográficas Protexidas estanse a alongar no tempo. “Estámomos atopando con atrancos burocráticos en Bruxelas e con lentitude na resposta das autoridades europeas, que tardaron un ano en contestar”, queixouse o presidente de Ternera Gallega.
O vindeiro día 14 de novembro, explicou, está prevista unha nova reunión en Bruxelas de membros do Consello Regulador e da Consellería con técnicos da Comisión Europea para explicarlles de novo o proxecto de IXP. “Xa veremos se podemos seguir co nome único ou hai que facer dúas denominacións, unha para a vaca e outra para o boi, porque semella que en Bruxelas non lles gusta que vaian xuntos vaca e boi no nome da IXP”, indicou.
Só 478 bois
Malia ao interese que a nova IXP suscitou en moitos gandeiros nos seus inicios, o número de inscricións foise ralentizando, con poucas novas altas este ano. Os datos neste momento sitúanse en 880 explotacións e 11 industrias cárnicas inscritas. O número total de animais certificados é de 17.802, dos que 17.324 son vacas e 478 bois. O número total de canais certificadas nestes dous anos foi de 693, entre as que só se contaron 18 bois, e a carne comercializada baixo a nova IXP supuxo só 305 toneladas.
“As cadeas de distribución están interesadas en comercializar carne de vacún maior pero hai industrias que están desincentivando aos produtores”
Sen embargo, Jesús asegurou que “a distribución está interesada en comercializar carne de vacún maior e temos propostas de cadeas que non se poden atender por falta de produto”. E advertiu: “Se nós non somos capaces de sacar a IXP adiante, encherán os liñais con carne de vacún maior doutros lados, mesmo procedente doutros países”, dixo.
Este interese da distribución contrasta coa da industria cárnica. “Algunhas das industrias máis importantes non certifican as canais e prefiren seguir traendo reses de fóra como até agora”, di. E mesmo algunha destas industrias “está desincentivando aos produtores”, denunciou. “Nós non podemos prometer prezo a 2 ou 3 anos vista porque nós non mercamos o gando”, xustificou.
A importancia de contar con volume
Tamén se queixa o presidente da IXP da pouca colaboración mostrada polos gandeiros. “Hai 160.000 vacas nas explotacións de Ternera Gallega pero só 17.000 delas están inscritas na nova IXP Vaca e Boi Galego, insistiu. E lembrou que as altas non teñen custo algún para o gandeiro.
“Cando estea aprobada a IXP imos denunciar prácticas actuais de venda de carne de Zamora ou do norte de Portugal como carne galega”
“É importante ter volume de produción para poñer enriba da mesa tanto para xerar expectativa no mercado como para poder cubrir as necesidades das cadeas de distribución”, asegurou Jesús.
E lanza unha advertencia: “Non podemos permitir que se siga usando o nome de Galicia no mercado sen unha garantía de orixe desa carne. Cando teñamos o recoñecemento de Bruxelas, non se poderá vender carne de Zamora ou do norte de Portugal co nome de vaca galega porque imos actuar no mercado e denunciar esas prácticas”, advirte.