Premiados nas Catas de queixos e meles de Galicia 2021

Nesta edición do certame presentáronse 51 mostras de 30 queixerías e outros 43 rexistros de 25 envasadores de mel galego

Premiados nas Catas de queixos e meles de Galicia 2021

O conselleiro de Medio Rural, José González, este venres con algúns dos premiados na Cata de Mel de Galicia 2021.

O Pazo de Quián, en Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, acolleu esta mañá a entrega dos premios da XXIV Cata dos Queixos e da XX Cata dos Meles de Galicia, organizadas pola Consellería de Medio Rural en colaboración coa indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e as catro denominacións queixeiras.

Nesta edición do certame presentáronse 51 mostras de 30 queixerías e outros 43 rexistros de 25 industrias de mel galego.

Na XXIV Cata de Queixos, os premiados por categorías son os seguintes:

Na categoría de Queixo Tetilla, Queinaga logrou o ouro, Don Crisanto fíxose coa prata e Terra de Melide obtivo o bronce.

Na Denominación de Orixe Queixo Arzúa-Ulloa, os premiados foron Diqueixa (ouro), Terra de Melide (prata) e Barral (bronce). Na sección Arzúa-Ulloa curado o premio foi para Artelac.

Na DO San Simón da Costa, o queixo que logrou o ouro foi Fontelas, de Javier Piñeiro López, e a prata acadouna o queixo Daniberto.

Na categoría Cebreiro, o ouro foi para O Castelo, de Queixos Castelo de Brañas e no queixo curado o galardón foi para Santo André.

Meles premiados

No que respecta ós meles premiados, na categoría multifloral Horta das Colmeas, de Eva María Rey Timiraos, fíxose co ouro. A prata foi para o mel Manuel Sande de José Manuel Fernández Sande. O Tobro, Mel do Valadouro, de María Fe Sixto Pernas, logrou o bronce.

Nos meles monoflorais o mel de breixo O poder das flores, de Javier Carreiras Cuadrado, logrou o ouro. A prata recaeu no mel de castiñeiro de Mel o Testeiro, de María Munín Taboada. Tamén un mel de castiñeiro conquistou o bronce. Neste caso foi Labrega Mel, de Javier Sotelo Fernández.

Na categoría mel de bosque o ouro foi para Coelernis, de Johnny Pérez Alonso.

211217_Premiados CQM21

Relación de premiados nas catas de queixo e mel de Galicia 2021.

Produtos de calidade

O acto de entrega dos galardóns formou parte do programa de actividades da I Mostra de Calidade Alimentaria que se celebra dende o mércores nestas instalacións e que se clausurou esta mesma tarde. A celebración de entrega de premios estivo presidida polo conselleiro de Medio Rural, José González, quen destacou a profesionalidade dos gañadores, ó tempo que lle agradeceu o seu labor de dinamización do rural.

O titular de Medio Rural puxo ós queixos e meles distinguidos nas catas 2021 como exemplo de que Galicia etiqueta calidade en alusión á nova campaña impulsada polo goberno galego para divulgar o bo facer dos produtores galegos.

Xunto coa entrega deste venres dos premios ós mellores queixos e meles de Galicia, esta mesma semana na I Mostra de Calidade Alimentaria tamén se deron a coñecer as ganderías que producen o leite coa mellor calidade hixiénico-sanitaria nos premios Exceleite 2021.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información