Consellos para o cultivo da pataca

Estamos na época de empezar a plantar este cultivo de gran importancia na nosa alimentación. Velaquí algúns consellos sobre preparación da terra, semente, plantación e coidados.

Publicidade
Consellos para o cultivo da pataca

Estamos no mes de marzo, época intermedia na que en Galicia se poden empezar a plantar as patacas. Nas zonas máis cálidas xa se empezaron a plantar no mes de febreiro, mentres que nas máis húmidas e frías haberá que agardar ata o mes de abril.

Trátase dun cultivo, tamén coñecido como baloca nalgunhas comarcas, que durante séculos foi, xunto co millo -os dous traídos de América- unha das bases da alimentación en Galicia, e que a día de hoxe segue ocupando un lugar moi destacado na nosa gastronomía.

Velaquí algúns consellos para o seu cultivo:  

Terreo e abonado: 

A pataca é un cultivo esixente que detrae moitos nutrientes do solo. Por iso require un terreo ben aboado con materia orgánica, ben cavado e non encharcadizo.

Ao ser un cultivo de raíz é unha planta que demanda tamén potasio, o que favorecerá o crecemento dos tubérculos e unha boa colleita. Recoméndase aplicalo como fertilizante granulado, máis efectivo e doado de aplicar e que está permitido en agricultura ecolóxica.

Cando se trata dunha horto pequeno, tamén podemos incorporar potasio no momento da plantación enterrando follas de sabugueiro ou de albahaca, ricas neste mineral, ou como fertilizante foliar cun purín de consolda (symphitum officinale).

Ao igual que o resto de vexetais, non é recomendable repetir o cultivo da pataca no mesmo terreo dous anos seguidos.

Variedades:

Como as variedades máis comúns salientaremos:

Kennebec: É a variedade máis consumida en Galicia pois a súa carne branca e a súa textura son moi apreciadas. A maior parte das patacas de Xinzo e de Bergantiños son desta variedade. É moi boa tanto para cocer como para fritir. É unha pataca de ciclo medio e entre a súa plantación e a colleita pasan arredor de 110 días.

Baraka: É unha variedade máis tardía, un pouco máis dura e máis resistente a enfermidades. A súa carne é lixeiramente amarela e está recomendada para cocer. É especialmente apta para conservala ata tarde.  O seu ciclo de cultivo é máis longo, de arredor de 130 días.

Red Pontiac: De pel vermella e carne branca é unha pataca moi saborosa, especialmente indicada para cocción. Como desvantaxes é máis difícil de pelar e resiste menos a conservación.

Preparado da semente:

Podemos mercar a semente prexermolada, en bandexiñas de 100 unidades. A vantaxe é que a planta sole dar máis rendemento e desenvolve menos enfermidades. O prezo é maior, a partir de 10 euros. Se o que queremos é plantar un pequeno terreo é unha opción interesante.

A outra opción é mercar pataca de semente en sacos de 25 kilos. O calibre máis normal é de tamaño medio, o que nos permitirá picar a pataca en varios anacos, xeralmente dous.

Debemos cortar as patacas con cortes limpos e rectos deixando un mínimo de 2 xermolos en cada anaco. Unha vez cortadas estenderémolas nun lugar enxoito e sen moita luz durante uns días para que cure o corte e agromen antes de plantalas.

Tanto nun caso coma noutro o recomendable é mercar semente de pataca certificada, xa que nos ofrece unha garantía de que está libre de enfermidades. No caso de que unha parte significativa dos tubérculos da semente presenten podredume temos o dereito de devolverlla ao vendedor e que nola cambie.

Plantación: 

Enterraremos as patacas nun terreo previamente abonado e labrado, deixando uns 40 centímetros entre patacas e entre 60 e 70 centímetros entre liñas. A separación é importante para evitar a propagación de enfermidades e para que a pataca teña espazo para desenvolver as súas raíces. Abonda con cubrilas cunha lixeira capa de terra, non máis de 5 centímetros.

A mellor fase da lúa para a plantación das patacas é finais de lúa chea e, sobre todo, a minguante.

Coidados:

Unha vez nadas as patacas teremos que realizar unha sacha para eliminar herbas e abrandar a terra. Máis adiante aporcarémolas con terra para evitar que as patacas verdeen e facilitar posteriormente a colleita. Pero disto falaremos máis noutro artigo.

Fonte: Elaboración propia e a partir das guías de cultivo do MAGRAMA. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información