Aira dobra o volume de negocio nos primeiros cinco anos de actividade e factura 206,5 millóns de euros

A cooperativa agrogandeira mantén a tendencia de crecemento en tódalas áreas de negocio e incrementa o volume de actividade. Destina a investimentos 33 millóns de euros nestes anos

Aira dobra o volume de negocio nos primeiros cinco anos de actividade e factura 206,5 millóns de euros

Celebración da asemblea xeral, este xoves en Taboada.

A cooperativa agrogandeira Aira acaba de presentar balance dos 5 primeiros anos de actividade, dende o proceso de intregración que realizaron no 2018. Fíxoo durante a súa asemblea ordinaria, celebrada este xoves en Taboada (Lugo). Aira conseguiu dobrar o volume de negocio nestes anos e presenta unha facturación consolidada de 206,5 millóns de euros, cun crecemento continúo e significativo durante tódolos exercicios.

A cooperativa medrou en tódalas áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro, coma o leite ou o penso. Reivindica tamén o seu compromiso de valorizar a produción e servir de apoio ós máis de 2.900 socios e socias que integran a entidade. “Seguimos medrando e facémolo en tódalas áreas de negocio, en especial no volume de actividade da fábrica de penso e na planta láctea”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de Aira.

Outro dos datos significativos é que acadou un nivel de EBITDA de 7,2 millóns de euros. Estas cifras, como apuntan dende a entidade, permítenlle afrontar o volume de investimentos que manexa. Nestes 5 anos Aira investiu máis de 33 millóns de euros, sobre todo na transformación láctea, á que destinaron un 70% dos investimentos, en especial á planta láctea de Melide.

A cooperativa destinou 33 millóns de euros a investimentos, sobre todo para a transformación láctea. Este ano teñen previsto realizar investimentos por 5 millóns de euros

Mentres, investiron preto de 12 millóns de euros noutras actividades de interese para a cooperativa. “Só no 2023 temos previsto destinar a investimentos outros 5 millóns de euros”, detalla Ferreiro. No último ano, algúns dos proxectos destacados foron a construción dun novo taller para os carros mesturadores da Cooperativa e unha nova gasolineira, que se atopan aínda en plena fase de construción.

A cooperativa pechou este último exercicio cuns beneficios antes de impostos de 4,2 millóns de euros, dos que máis do 50% capitalizaráselle ós asociados.

Leite e penso, motores de AIRA

A comercialización do leite das ganderías socias segue sendo unha das prioridades e un dos motores da cooperativa. No 2022 Aira comercializou un total de 115 millóns de litros de leite, fronte ós 91 millóns de litros de leite que xestionaba no 2018, cando se formalizou o proceso de integración da Cooperativa. Ademais, nestes 5 anos, Aira pasou a transformar o 55% deste leite nas industrias lácteas nas que participa. “A transformación do leite é unha das prioridades de Aira e unha das liñas nas que imos seguir sumando esforzos”, ratificou Ferreiro na asemblea.

Aira tranforma o 55% dos 115 millóns de litros de leite que comercializa das ganderías socias

A fabricación de alimentos para o gando é outra das actividades principais da cooperativa. Nestes 5 anos, Aira conseguiu dobrar o volume de produción e só no 2022 fabricáronse máis de 270.000 toneladas de penso e mesturas húmidas, unhas cifras polas que se mantén coma unha das principais fábricas de penso especializadas en vacún de leite en España.

A dixitalización das granxas

A cooperativa tamén está destinando importantes esforzos a contribuír á dixitalización das granxas, con programas especializados como o TRAC PLUS, co que ademais de proporcionar ferramentas de utilidade para as ganderías buscan poder chegar a certificar todo o proceso dende a granxa ó consumidor, cunha trazabilidade completa. “Tentamos dar resposta ás esixencias que se lle presentan dende Europa ás granxas socias”, explica Ferreiro.

Ademais, as ganderías de Aira seguen a colaborar en distintos proxectos para a análise da pegada de carbono e hídrica, para seguir apostando por unha produción sostible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información