A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“A Moexmu cumpre 40 anos máis viva ca nunca”

A Mostra Exposición de Muimenta, que se celebra os días 5, 6 e 7 de abril, chega á súa 40 edición. Repasamos con José Manuel Rus, o seu xerente, as novidades deste ano

José Manuel Rus, no acto de entrega do Premio Aresa para a Moexmu

José Manuel Rus, no acto de entrega do Premio Aresa para a Moexmu

A Feira Exposición de Muimenta (Moexmu) vén de ser galardonada con Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento do sector agrogandeiro da comarca da Terra Chá e á implicación de todos os veciños e veciñas da localidade que ao longo destas catro décadas souberon manter unha cita de referencia no panorama rural galego.  

José Manuel Rus leva 26 anos como xerente da Moexmu e foi o encargado de recoller o premio na Facultade de Veterinaria de Lugo en nome deses veciños e veciñas da parroquia que no ano 1985 tiveron a visión de botar a andar o proxecto, moitos deles presentes tamén no acto nun auditorio ateigado de público. 

– A primeira pregunta é obrigada: que se sinte ao recibir un galardón tan recoñecido como é o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural?
– Unha gran ilusión polo recoñecemento e o prestixio que representa o Premio Aresa. Todo o mundo en Muimenta, en especial as Comisións organizadoras da Moexmu, están moi contentas. Cando se presentou o expediente para defender a  nosa candidatura fixémolo conscientes do gran nivel que ao longo destes anos tiñan tanto outros premiados como outros proxectos que se presentaron nesta edición. 

– Cantos veciños ten Muimenta?
– Non chegamos aos 800, e debemos ter en conta que, coma no resto do medio rural, o despoboamento empeza a notarse, ao igual que unha media de idade elevada entre a veciñanza.

– Ten moito mérito manter durante 40 anos unha cita como a Moexmu nunha vila dese tamaño. Como se logra?
– Totalmente certo. Moitas veces poñer en marcha estas iniciativas é complexo, pero mantelas no tempo, moito máis. Nestas catro décadas vivimos momentos complicados, como o mal da vacas tolas ou a pandemia no ano 2020, no que se tivo que cancelar todo a escasos vinte días da data de celebración. Pero o prestixio que foi acadando a Moexmu ao longo destes anos permitiulle ser un referente, non só en Galicia, e por iso ese esforzo merece a pena.

A implicación da veciñanza é o principal activo da Moexmu

Sen lugar a dúbidas, a implicación da veciñanza é o seu principal activo. As seis comisión están formadas por empresarios e empresarias que teñen o seu negocio no pobo e que nestes anos se foron renovando. Pero a colaboración do Concello de Cospeito, da Deputación Provincial de Lugo, da Xunta de Galicia, de moitas empresas e, sobre todo, dos gandeiros, é fundamental. Como digo moitas veces, organizar a Moexmu é lograr a cadratura do círculo.

– Ao longo destas 4 décadas as explotacións agrogandeiras foron evolucionando á par que a Moexmu. Cales son os principais cambios que ti destacarías no sector desde entón?
– O cambio de modelo das explotacións. Nos anos oitenta moita xente tiña granxas como un xeito de subsistir e hoxe son moito máis grandes, con mellor xenética, etc… O cambio que acompañamos nestas catro década foi bestial.

– A Moexmu mantén vivo o único concurso morfolóxico de raza frisoa que se celebra na provincia de Lugo. Cantos animais participarán na edición deste ano?
– A día de hoxe, a preinscripción previa do gando é de 81 vacas e 55 xatas, 136 cabezas frisoas en total, ao que lle temos que sumar outras doce que se porán á venda na Poxa de Gando Selecto. En total son 18 ganderías galegas (9 da provincia de Lugo, 5 da Coruña e 4 de Pontevedra) ás que estarán presentes na Moexmu deste ano. A maiores tamén virá unha gandería de Castropol (Asturias) e temos pendente a confirmación da participación dunha gandería de Euskadi.

Un total de 136 animais de 18 ganderías galegas participarán este ano no Concurso Morfolóxico de Gando Frisón

– Non fai moito, Alberto Iglesia, da gandería Rey de Miñotelo, afirmaba tras gañar por sétima vez o Concurso Autonómico de Gando Frisón, que comezou niso porque o seu soño de pequeno era gañar o Concurso da Moexmu. Consideras que o certame que puxestes en marcha en Muimenta contribuíu á mellora xenética da cabana gandeira e de acicate para a profesionalización do sector?
– Desde logo. E para iso contamos coa colaboración de Africor Lugo. 

– En moitas ganderías e no medio rural en xeral existe un problema evidente de relevo xeracional, pero na Moexmu a xente moza segue a ser protagonista en moitos dos actos principais da Feira, como pode ser o Concurso Morfolóxico ou o Certame de Preparadores e Manexadores de Gando. Cal é a clave para conectar coas novas xeracións?
– Ese traballo creo que se fai fundamentalmente nas casas porque tenche que gustar o gando. Pero evidentemente, as actividades que se encamiñan para os máis novos axuda a incentivar ese gusto, de feito o xuíz deste ano, Bonet Cid, participou na década nos noventa como xoven manexador na Moexmu. Calquera actividade que se organice para que a xente nova se involucre, debe ser potenciada.

– A modo de avance, pódesnos adiantar algunhas das novidades do programa da Moexmu deste ano?
– Mantemos a esencia de todos os anos e as principais actividades, que están xa consolidadas, pero en cada edición hai sempre lugar para introducir algúns cambios e novidades. O programa provisional é o seguinte: 

VENRES, Día 5 (Día da Veciñanza)

08:00   Apertura do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

08:05   Comenzará a entrada do gando no Recinto Feiral “Manuel Vila López” ao longo de toda a 
xornada e verificación da correspondente documentación.

10:00   Ubicación nos stands e parcelas dos expositores de maquinaria, automóbiles, motos, 
artesanía popular, dos productos galegos de calidade e da terra, etc.

15:00   Remate da entrada de gando no Recinto Feiral “Manuel Vila López”

17:00   Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando (Organizado coa colaboración do Clube de Xóvenes
Gandeiros)

18:30   Actuación musical a cargo de “Asubíos da Chaira”, en colaboración coa Área de Cultura da
Deputación Provincial de Lugo.

18:45   Recepción por parte da comisión organizadora do inaugurador, pregoeira e demáis autoridades
que acudan ao Recinto Feiral “Manuel Vila López”.

19:00   Inauguración oficial da XL Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), XXXVIII Concurso de 
Gando Raza Frisona, XXXVIII Exposición de Gando de Raza Rubia e XXVIII Poxa de Gando Selecto a 
cargo do Presidente da Deputación Provincial de Lugo, Don José Tomé Roca.

19:20   Lectura do “pregón” a cargo de Dona Carmen Uz (xornalista nada en A Pastoriza) e Presidenta
da Asociación da Prensa de Lugo.

19:40   Merenda para os asistentes á inauguración da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), coa 
que se celebra o día da veciñanza.

21:30   Peche do Recinto Feiral “Manuel Vila López” ao público.


SÁBADO, Día 6 (Día do Gando Frisón)

09:00   Apertura do Recinto Feiral para os expositores e gandeiros.

10:00   Apertura ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

10:15   Apertura das instalacións para poder ver parte da exposición do Traxe Tradicional do Centro
de Artesanía da Deputación Provincial de Lugo.

10:30: XXXVIII Concurso de Gando Frisón da MOEXMU – Sección de xatas e xovencas, así como os 
campionatos correspondentes.

11:30   Apertura da exposición fotográfica itinerante, “Crónica da pegada do Porco Celta en 
Galicia”, de Asopocel (Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta”, que estará ubicada na Igrexa
Vella de Muimenta. De balde.

12:00   Apertura dos Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicadas no campo da Igrexa Vella) por parte
da directiva de Xotramu para toda a xente que desexe visitala. De balde.

12:30   XXVIII Poxa de gando selecto.

12:30   Incio do taller de cestería a cargo de Beatriz Valín,en colaboración co Centro de Artesanía
da Deputación Provincial de Lugo.

15:30   XXXVIII Concurso de Gando Frisón MOEXMU, coas sección correspondentes ás vacas de lactación
e os correspondentes campionatos.

16:30   Retómase o taller de cestería a cargo de Beatriz Valín, en colaboración co Centro de 
Artesanía da Deputación Provincial de Lugo.

17:30   Reapertura do Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicadas no campo da Igrexa Vella) por parte 
da directiva de Xotramu para toda a xente que desexe visitala; e tamén da exposición fotográfica 
“Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia”. Ambas de balde.

21:00   Peche ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”


DOMINGO, Día 7 (Día da Clausura)

09:30   Apertura do Recinto Feiral para os expositores e gandeiros.

10:00   Apertura ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

11:30   XXII Concurso de xóvenes manexadores, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia:
            sección 1:        menores de 9 anos
            sección 2:        nen@s de entre 10 a 15 anos
            sección 3:        rapaces e rapazas de entre 16 e 20 anos
            sección 4:        xóvenes de entre 21 e 25 anos

11:30   Apertura da exposición fotográfica itinerante, “Crónica da pegada do Porco Celta en 
Galicia”, de Asopocel (Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta”, que estará ubicada na 
Igrexa Vella de Muimenta. De balde.

12:00   Apertura dos Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicadas no campo da Igrexa Vella) por parte 
da directiva de Xotramu para toda a xente que desexe visitala. De balde.

12:30   Concurso de manexadores adultos

13:00   Entrega de premios aos participantes e gañadores das diferentes seccións e campionatos do 
concurso de gando.

14:00   Clausura oficial da XL Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), do XXXVIII Concurso de Gando 
Frisón, XXXVIII Exposición de Gando de Rubia Galega e XXVIII da Poxa de Gando Selecto, a cargo do
Alcalde-Presidente do Concello de Cospeito, Armando Castosa Alvariño.

15:30  Inicio do Taller de telar, a cargo de Lourdes Otero Mato, en colaboración co Centro de 
Artesanía da Deputación Provincial de Lugo.

16:30   XXI Concurso Monográfico da Raza Can de Palleiro (VI Monográfico da  MOEXMU), no propio 
Recinto Feiral “Manuel Vila López” de Muimenta, valedeiro para o Trofeo Can de Palleiro deste ano.

17:30   Reapertura do Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicadas no campo da Igrexa Vella) por parte 
da directiva de Xotramu para toda a xente que desexe visitala; e tamén da exposición fotográfica 
“Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia”. Ambas de balde.

21:00   Peche ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

A Moexmu: pasado, presente e futuro

Veciños e veciñas de Muimenta que asistiron á entrega do Premio Aresa á Moexmu

Veciños e veciñas de Muimenta que asistiron á entrega do Premio Aresa á Moexmu

Reproducimos a continuación un extracto do discurso lido por José Manuel Rus o pasado 1 de marzo no acto de entrega do Premio Aresa no que repasa a historia da Moexmu e marca as liñas de futuro desta cita imprescindible tanto para o sector produtor como para as empresas que forman parte do ecosistema agrario e gandeiro de Galicia: 

A concesión do Premio ARESA de Desenvolvemento Rural á a Mostra Exposición de Muimenta constitúe todo un respaldo ao traballo que durante estas catro décadas leva a cabo a veciñanza de Muimenta, a través de 89 homes e 10 mulleres que forman, ou formaron parte das seis comisións de empresarios que a organizan de maneira rotatoria.

Os comenzos da Moexmu no ano 1985 confirmaron o espíritu emprendedor da xente do pobo que se reflicte neste tipo de eventos e que foron xurdindo ao longo de todos estos anos: Festa da Filloa, XOTRAMU, festival do Pozomouro ou iniciativas como as do Museo Pedagóxico, ou a Área Ribas do Miño.

Nas primeiras edicións da Moexmu promocionouse a artesanía, e para iso, contouse coa participación de Bernardo Falcón, un dos veciños de maior idade neses anos e que fora zoqueiro de profesión, un dos principais motores económicos da parroquia na dédada dos corenta e dos cincuenta. Hoxe o proceso de elaboración das zocas e a historia destes case cen zoqueiros, está recollida no Museo da Zoca ubicado na pórtico da Igrexa Vella, recentemente restaurada co esforzo e traballo dos veciños e veciñas de Muimenta.

Grazas á Moexmu e á participación nela durante moitos anos dos poucos zoqueiros que quedaban vivos en Muimenta (Herminio do Carboeiro, Perfecto da Panadería, José de Morán ou Germán de Jesús), un rapaz de 16 anos, Álvaro Pin Campo, O Florencio de Barreiros, coñeceu máis polo miúdo esta profesión, e ampliou coñecementos grazas ás visitas que fixo a Paco da Reigosela. Con total naturalidade, na entrevista publicada no diario de El Progreso de Lugo con motivo da súa participación na última edición, fai agora un ano, Álvaro dicía que: “se debe reivindicar a necesidade de protexer e recuperar os oficios máis ancestrais”.

Poñer a andar este tipo de iniciativas é complexo, pero mantelas no tempo, aínda máis

A principal idea dos promotores da Moexmu sempre foi poñer en marcha actividades para promocionar o principal motor económico da comarca da Terra Chá, o sector primario, o cal se logra, por fin, no ano 1987.

Con moita ilusión e grazas a unhas instalacións de madeira e xestas feitas de modo manual polos veciños e veciñas lógrase organizar, con grande éxito, a primeira edición do Concurso de Gando Frisón e Exposición de Raza Rubia Galega, dos primeiros de Galicia, e que se celebra anualmente e sen faltar nunca a súa cita (agás pola pandemia mundial).

A década dos noventa comezan para a Moexmu cunha nova ubicación. Déixanse atrás as rúas do pobo e os terreos que hoxe ocupa o Colexio Público, polo Recinto Feiral Manuel Vila, o cal se merca cos cartos dunha masa forestal pertencente ao pobo.

A partir dese momento, e coa afianzamento da Moexmu no calendario de feiras multisectoriais de Galicia, comézase a levantar en dito terreo diversas instalacións: naves para o gando, pavillóns, stands… , e a organizar a Festa da Filloa no ano 1992 ou a Poxa de Gando Selecto no 1999.

Co novo século, comézase a barallar, tras moitas reunións e debate, a posibilidade de modificar a súa data de celebración. Dende os seus inicios, a Moexmu era no mes de xullo e facíase coincidir coas Festas Patronais. Definitivamente, no ano 2002, e a punto de alcanzar a maioría de idade, independizámonos e adiántase a celebración da Moexmu ao primeiro fin de semana do mes de abril.

         O cambio foi todo un acerto e marca un antes e un despois para a Moexmu. O recinto faise pequeno ano tras ano, e consolídase no mapa de celebracións tanto en Galicia como no resto de España.

E para exemplo a seguinte anécdota que lle pasou a Fina de Neira en Madrid aló polo ano 2014. Tocáballe organizar á Comisión á que ela pertencía. Logo dunha conversa que mantivemos ambos por teléfono sobre a Moexmu, un compañeiro seu de traballo, veciño de Bilbao, preguntoulle que tiña que ver ela con esa Feira, o cal lle resumiu nun par de minutos e o seu compañeiro manifestoulle que para el o concurso de Gando Frisón da Moexmu era un dos de máis prestixio tiña no norte da Península Ibérica. Fina quedou abraiada da repercusión que tiña aquel certame que se organizaba no seu pobo.

         Moita xente de Muimenta descoñece o prestixio e o nome que ten a Moexmu e as actividades que nela se desenvolven. Seguro que se a algún dos primeiros organizadores lles din cando empezaron onde estamos hoxe, seguro que non o creen. Poñer a andar este tipo de iniciativas é complexo, pero mantelas no tempo, aínda máis.

Dende os seus inicios ata o día de hoxe, a Mostra Exposición de Muimenta foi testemuña da transformación que viviu o rural de Galicia

Dende os seus inicios ata o día de hoxe, a Mostra Exposición de Muimenta foi testemuña da transformación que viviu o rural de Galicia: o número de ganderías que están abertas a día de hoxe distan moito en número das existentes na década dos oitenta, pero estas agora son máis grandes, con maior número de cabezas, con mellor xenética e con maior produtividade; e a Moexmu acompañou nesa revolución tecnolóxica ás ganderías. Pero, pola contra, tamén asistimos ao gran problema que temos a día de hoxe: o despoboamento do noso rural.

A xente nova marcha cara a cidade, con todas as derivadas que isto conleva. Este é un dos grandes retos que, como sociedade, enfrontaremos nas vindeiras décadas, porque sen xente non temos servizos e, sen servizos, non teremos xente.

Por iso, dende a Moexmu queremos poñer en valor a toda a xente nova que se queda no rural e que constitúen o futuro do sector primario e dos nosos pobos. Gañas, traballo e forza non lles faltan, pero non podemos fallarlles; temos e debemos  apoialos.

Esperamos que rapaces e rapazas como: Anxo, María, Lorena, Xavi, Simón, Andrea, Helena, Martina, Xoel, Claudia, Samuel, Brais, Aldara ou Íker; e nenos e nenas que non alcanzan os noves anos, como Álex, Diego, Cloe, Xoel, Antón, Alejandra, Luca, Saínza ou Enar (todos participantes na última edición do concurso de xóvenes manexadores da Moexmu), poidan dicir dentro de moitos anos aquilo de “comezamos na Moexmu, comezamos en Muimenta”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *