Este xoves tivo lugar na Casa de Correos de Arzúa a presentación oficial do programa completo da 49.ª Festa do Queixo, a celebración decana de exaltación do queixo en Galicia.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, deu a benvida e presentou aos voceiros, non sen antes facer unha lembranza a historia desta festa de vital importancia tanto para a vila como para Galicia. Da primeira como motor fundamental da economía da zona e patrimonio cultural do Concello como a nivel galego ao ser declarada festa de interese turístico de Galicia desde 1999.
Destacou que o vento non e só unha exposición de produtos lácteos, senón unha experiencia para compartir coñecementos e unha ocasión para degustar e desfrutar de produtos gastronómicos propios e alleos.
Nese fío destacou tamén a importancia da música con concertos para todas as idades tanto no escenario como nas rúas da vila e de obradoiros e xogos de mesa. Tamén salientou a figura da pregoeira María Vázquez nomeada por segunda vez aos premios Goya.
En definitiva salientou a diversidade e inclusión nunha festa aberta cunha determinada aposta polo propio non sen antes agradecer ao concelleiro de Cultura e ao resto de traballadores do Concello o seu esforzo na organización do evento.
Rematou animando a todos a vira unha terra onde “Somos xente hospitalaria e afable que sempre vos recibirá cos brazos abertos”.
Pola súa parte, José Luís Lamas, presidente do CRDOP Arzúa-Ulloa, destacou algúns datos da D.O. como a aportación de 200 kg de queixo para obradoiros e agasallos, así como a colaboración no concurso de pinchos no que participarán 16 establecementos.
Arzúa-Ulloa é a primeira DOP en produción e venda de queixo en Galicia e tamén a primeira nos queixos elaborados con leite de vaca en España.
Para finalizar destacou o traballo de control continuo para manter a calidade do queixo Arzúa Ulloa asi como o esforzo promocional e de divulgación a través de catas comentadas nos colexios e escolas de hostelería, asistencia a feiras gastronómicas, patrocinios e campañas publicitarias a nivel nacional.
Por último, Alberto Alfonso, director do Festival do Queixo, debullou máis polo miúdo a programación artística do festival, que contará con 7 actuacións entre sábado e domingo, O sábado Tu Futura Exmujer, gañadores do ‘Queixo Maquetón’ (21:30 h), La Plazuela (22:25 hs), Arde Bogotá (00:20 h) e Grande Amore (02:05 hs); O domingo De Vacas (12:30 hs) Guadi Galego (18 hs) y Fillas de Cassandra (19:50 hs).
O director do Festival do Queixo tamén quixo facer fincapé no sistema de acceso, que como o ano pasado será gratuito ate completar aforo 3.300 persoas, e rematou agradecendo ao Concello contar novamente co seu traballo e animou a todos a asistir e desfrutar.