Estas son as ganderías galegas que producen o leite coa mellor calidade hixiénico-sanitaria

A Xunta distingue cos premios Exceleite ás 20 explotacións que entregaron o leite co menor reconto bacteriolóxico e células somáticas no último ano, segundo as analíticas do Ligal

Premios Exceleite 2021O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este xoves a entrega dos premios Exceleite 2021, no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria organizada polo Goberno galego no Pazo de Quián. Estes galardóns, que recoñecen ás explotacións galegas de vacún de leite que destacan polos baixos índices de células somáticas e reconto bacteriolóxico nas analíticas do Ligal, avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca da comunidade, con ganderías como a de Antonio Sufuentes en Guntín ou Casa Codesal en Friol que repiten entre as premiadas. 

Neste contexto, o titular de Medio Rural quixo recoñecer e agradecer aos gandeiros galegos en xeral e aos galardoados neste acto en particular, polo “encomiable labor que desenvolven nun eido produtivo fundamental da economía agraria de Galicia”. 

Foron recoñecidas explotacións pequenas, medianas e grandes, tanto en ecolóxico como en produción convencional

O obxectivo da Xunta, asegurou José González, é o de “consolidar o sector lácteo galego a través da súa profesionalización e da mellora da súa rendibilidade, así como da defensa da calidade dos produtos lácteos galegos por enriba da cantidade”.

Neste sentido, lembrou que Galicia xa é a principal comunidade produtora de leite en España e atópase entre as dez primeiras rexións lácteas de toda Europa e salientou, sobre todo, que se atopa “entre as primeiras en calidade de produto”. Por iso, remarcou, “somos cada vez máis competitivos no mercado, máis sustentables na produción e máis resilientes na práctica”.

Todo gandeiro é un empresario e somos cada vez máis competitivos no mercado

“Todo gandeiro é empresario”, salientou, para poñer en valor a necesaria formación empresarial dos titulares das explotacións, orientada a mellorar a posición negociadora dos gandeiros coas industrias que lles recollen o leite. “O lácteo é un sector motor de Galicia”, concluíu, para destacar a importancia da produción de leite para o mantemento da economía no medio rural galego.

gañadores premios Exceleite 2021

Aprobación o vindeiro ano da futura Lei da Calidade Alimentaria de Galicia

No transcurso do acto de entrega dos premios Exceleite 2021, o conselleiro José González trasladou que a futura Lei da Calidade Alimentaria de Galicia, que ultima a Xunta, supón “a aposta definitiva pola calidade, pola singularidade e pola diferenciación”. “A futura Lei da calidade alimentaria será a panca na que asentemos a produción de proximidade, a produción san e sustentable e a produción de calidade que sempre distinguiu a Galicia no ámbito gastronómico”, afirmou. 

Neste sentido, avanzou que a lei entrará no Parlamento no vindeiro ano 2022 e referiuse á calidade como sinónimo de Galicia, do produto e da maneira de producir das persoas que xa traballan ou que queren traballar no sector primario.

A Xunta desenvolverá tamén o vindeiro ano a campaña Galicia Etiqueta Calidade, na que investirá 700.000 euros para divulgar a excelencia da despensa alimentaria da comunidade. Esta iniciativa engloba, entre outras marcas, o leite certificado baixo o selo Galega 100%, os queixos galegos con denominación de orixe, e o novo selo GaliciaCalidade Alimentaria, que englobará produtos alimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información