A adaptación ao cebo é un período complexo e de transición en moitos casos traumático para os animais e desafiante para o gandeiro.
Os primeiros 15 días son cruciais para a adaptación do tenreiro procedente do destete. Os picos de tensións disparan o cortisol do animal e pon en xaque o seu sistema inmunitario. Nese momento, o lote xa debería ter totalmente implantada a inmunidade para enfrontarse a este novo reto. Como norma xeral, os xatos viaxan nun camión durante máis ou menos horas e, tras a chegada, deberán adaptarse, nalgúns casos, a un tipo de cama, un bebedoiro e un comedeiro novos, e han de esquecer o que foi a súa etapa lactante.
De onde proveñen os animais? Cal é o risco en cada caso?
-Mercado.
-Granxa de orixe.
-Centro de concentración.
Como principio básico, deberíamos de ter moi claro a que nivel temos implantada a inmunidade, que vacinas recibiron antes da saída do destete, e todo o relativo ao complexo respiratorio -parainfluenza-3 (PI3); virus respiratorio sincitial (VRS); Mannheimia; Pasteurella; así como a diarrea vírica bovina (BVD). É de especial relevancia que a implantación do que se supón inmunidade respiratoria sexa polo menos 15-20 días antes da saída do destete.
En canto ás vacinas de enterotoxemia, tamén é importante que estean implantadas, de modo que, se os nosos becerros proceden dun destete no momento da súa adquisición, o documento máis importante que habemos de pedir será o programa vacinal que se lles implantou.
Ante a nova situación coa lei do medicamento, as profilaxe antibióticas de entrada quedan no pasado, polo que é agora cando temos que ser máis cautos coidando as entradas; que os nosos tenreiros teñan suficientes puntos de auga e comida é fundamental, e xa sabemos que os programas de benestar obrígannos a dispor de múltiples, pero, ás veces, colocar un par de comedeiros móbiles suplementarios podería axudarnos coas nosas entradas. Cando falamos da alimentación debemos seleccionar unha forraxe de alta calidade, que debe ser o mellor para estes lotes que entraron para evitar que os tenreiros deixen para comer. Esta forraxe vai ter unha importancia capital no momento de conseguir o efecto tampón ante posibles acidoses nos primeiros días provocadas pola falta de consumo. Con respecto á auga, debe proporcionarse en suficiente cantidade e de calidade garantida. Teriamos que tomar mostras, polo menos, dúas veces ao ano.
Un dos seguros que podemos fixar para evitar enfermidades é unha corte perfectamente desinfectada. Un baleiro sanitario sempre é unha solución para empezar ben un novo lote, con limpeza completa e a fondo e desinfección tanto das camas como dos elementos estruturais.
A cama dos tenreiros convértese, hoxe en día, nunha odisea debido aos altos prezos das forraxes. Dispor unha cama suficientemente branda e conseguir tela limpa supón un custo elevadísimo, pero debemos saber que, se non chegamos a encamar o suficiente, sempre estamos a xogar en contra do bo estado sanitario dos tenreiros, así como dos índices de crecemento que desexamos alcanzar. Nunha cama ben feita xogámonos os índices de crecemento e mortalidade na nosa granxa.
Con respecto ao concentrado temos que ter claro que é o que imos utilizar, decidir entre fariña ou gran e que, se o que eliximos é un gran, debe ter a durabilidade adecuada e evitar os finos. O nivel de proteína metabolizable e enerxía é clave durante este período. Existen aditivos que poden colaborar neste período asegurando unha estabilidade ruminal que evite problemas. Neste aspecto, o uso de buffers e tampóns, como fermentos, aceites esenciais ou algas calcáreas pode ser unha opción válida. Os pensos da gama Kovital Arranque, Crecemento e Antiestrés son os idóneos para este período.
Este momento da entrada sería ideal para detectar posibles colas e tomar decisións sobre animais que non deben formar parte dos nosos lotes, por ser potenciais reservorios de enfermidades que unicamente nos van dar problemas.
Un inimigo dos cebadoiros ao que debemos ter en conta son os coccidios. Facer mostraxes de lote ou aleatorios ante certos síntomas pode darnos unha idea da nosa carga infectiva evitando así desgustos no rabaño a longo prazo.
Os primeiros 15 días son decisivos para que o lote arrinque a comer correctamente, polo que debemos estar moi atentos a todo o que sucede no mesmo. Ter o ollo posto nos tenreiros para detectar calquera síntoma de enfermidade antes de que esta sexa irreversible é fundamental. Debemos tomar temperaturas no lote a todos os animais que nos evoquen sospeitas. Ser capaces de detectar unha suba de temperatura rectal antes de que esta supere os 40º garante probablemente que o tratamento que efectuemos nestes tenreiros sexa eficaz. Coidar apropiadamente dos nosos tenreiros supón revisar aqueles animais lánguidos ou tristes, que quedan atrás, excesos de lagrimeo ou salivación, disneas suaves que se acabarán convertendo en lesións irreversibles a nivel pulmonar e darán lugar a longo prazo a tenreiros cola ou baixas. É importante manexar sempre co termómetro no peto e os ollos postos dentro do lote.
Por último, debemos ter clara a estratexia de cebo buscando a máxima eficiencia alimentaria e económica, axustando a enerxía e proteína do penso aos ritmos de crecemento de cada un dos tecidos corporais, tendo en conta a raza, o sexo e o xenotipo. As primeiras fases do cebo correspóndense, polo xeral, cun maior crecemento músculo-esquelético, e as últimas, con maior deposición de graxa.
A gama Kovital foi deseñada para adaptarse de forma precisa e eficiente ás diferentes fases do cebo e os tipos xenéticos dos tenreiros, incorporando o sistema de formulación exclusivo de De Heus que garante un funcionamento óptimo do rume, o que se traduce nun triplo beneficio para o gandeiro: máis rendibilidade, máis benestar animal e menor impacto ambiental.
Mensaxe para levar a casa:
-Decidir a estratexia de recepción e plan sanitario en función da orixe, a raza, o estado dos animais e as condicións de transporte.
-Utilizar feno na recepción en lugar de palla minimiza os riscos de problemas dixestivos nos primeiros días.
-Garantir as condicións correctas de estabulación:
1. 5 metros cadrados por tenreiro.
2. Lonxitude de comedeiro 0,75 m/animal.
3. 2 bocas de auga cada 20 tenreiros. En períodos de calor, o consumo de auga pode superar os 6 litros/kg materia seca inxerida.
4. Grupos de non máis de 20 becerros, homoxéneos.
5. Definir claramente a estratexia de cebo e o tipo e cantidade de pensos a usar; todos os sistemas teñen vantaxes e desvantaxes.
6. Revisar exhaustivamente os patios nos primeiros 15 días, co termómetro no peto e os ollos postos dentro do lote.