A renda agraria española alcanzará este ano os 31.931 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,1% con respecto a 2022, segundo a primeira estimación das principais cifras macroeconómicas elaborada polo Ministerio de Agricultura.
Neste exercicio, a produción da rama agraria, que engloba a produción vexetal e a produción animal, rexistra un valor récord de 65.081 millóns de euros, un 3,3% máis que en 2022.
O aumento do valor da produción e da renda agraria fundaméntase principalmente na subida dos prezos e no descenso dos custos tralos máximos rexistrados en 2022.
A suma de agricultura e gandería rexistra un valor récord de 65.081 millóns de euros, un 3,3% máis que en 2022
Ese aumento global reflicte, sen embargo, un comportamento moi diferente entre sectores, o que responde “á gran variedade de producións españolas”, destaca o Ministerio, entre as que se constatan este ano descensos importantes nas que foron máis golpeadas pola seca.
En termos xerais, o factor prezo e a redución dos insumos compensou os descensos de volumes, que foron moi acusados nalgúns sectores como os cereais. A renda agraria en termos correntes por unidade de traballo anual (UTA) aumentou un 16,9 % ata alcanzar os 39.535 euros.
Produción animal
A produción animal alcanza o seu valor récord de 27.685 millóns de euros debido exclusivamente a un aumento dos seus prezos (+16,3%), xa que a cantidade producida descende respecto ao ano anterior (-2,5%). Destaca o porcino (+16,3%) e as aves (+6%), así como o leite (+21,1%) e os ovos (32,2%).
No sector lácteo destaca o importante incremento medio do prezo do leite en orixe no conxunto do ano (un 22,4%), a pesar dos descensos de entorno ao 10% aplicados pola maioría das industrias na primavera. A produción total española, con todo, pechará este exercicio cun descenso do 1,1%, malia o incremento de produción rexistrado en Galicia.
Insumos
O aumento de rendibilidade das explotacións lácteas viuse favorecido, ademais de polo incremento no prezo de venda, polo descenso dalgúns dos principais custos de produción, Este comportamento vén determinado principalmente polos pensos (-1,3 %), a enerxía e combustibles (-31,9%) e os fertilizantes (-27,4%).
Pola contra, este ano incrementouse o prezo das sementes un 10,3%, dos produtos fitosanitarios (1,1%), dos gastos veterinarios (2,2%), dos servizos agrarios (5,9%), así como os derivados do mantemento de maquinaria e edificios.
Os consumos intermedios sitúanse en 32.155 millóns de euros, o que supón un descenso dun 4,6% respecto ao máximo histórico que rexistraron en 2022
Os consumos intermedios, entre os que se atopan o gasto en sementes, enerxía, pensos, fertilizantes ou fitosanitarios, rexistran no conxunto de España un descenso en valor (-4,6% respecto á cifra récord de 2022) e alcanza os 32.155 millóns de euros. O descenso de prezos foi do 5,3% e a cantidade utilizada aumentou un 0,7%.
Descende á metade a renda da produción de cereais debido á seca e á caída nas cotizacións
A produción vexetal descendeu un 3,4% en valor, ata os 35.741 millóns de euros, debido á diminución das cantidades producidas (-11,7%), nun ano marcado por unha primavera inusualmente seca e cálida no conxunto de España. O recorte de volumes non se viu compensado polo aumento dos prezos percibidos polos agricultores (9,4%).
Os datos poñen de manifesto os efectos das adversidades climáticas nalgunhas das producións. Os cereais sofren un importante descenso dun 50% en valor, froito tanto da seca, que fixo reducirse a súa colleita (-34,7%), que se sumou ao descenso dos prezos (-23,7%), tras un ano 2022 no que as cotizacións foron extraordinariamente altas debido aos efectos da guerra de Ucraína.
A colleita de aceite de oliva descendeu un 58% pero viuse compensada cunha suba de prezos do 70%
Así mesmo, foi notable o descenso do aceite de oliva (-29,4% en valor na campaña 2022-2023), debido á súa escasa colleita (-58,6%), pero neste casi si que se viu compensada en gran medida cun significativo incremento de prezos (70,7%). Tamén se reduciu o valor da produción de viño e mosto (-20%), fundamentalmente pola curta vendima rexistrada.
Neste exercicio destacou o comportamento positivo do grupo das froitas, cuxo valor subiu un 16,9%, e hortalizas, que crecen un 8,8%.