O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) reclama á Consellería do Medio Rural que as anunciadas axudas de 12 millóns de euros para aquelas produtoras e produtores amparados baixo a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega (IXP TG) non exclúan as ganderías de Suprema que non marcan os becerros en matadoiro e venden os animais a través de circuitos de comercialización local.
En concreto, dende a organización labrega alertan de que “segundo os criterios anunciados pola Xunta, esta prestación non podería ser percibida por aquelas persoas gandeiras que teñen animais marcados ao nacer dentro da categoría Suprema, pero que logo son distribuídos en circuítos curtos de comercialización -por exemplo vendidos directamente a carnicerías locais ou á restauración-, e que até o dagora en moitas ocasión non están sendo sacrificados por dentro da marca ao non aportar este segundo certificado -polo que ademáis hai que pagar- ningún valor engadido ao produto”.
O coordenador do sector vacún de carne no SLG-CCLL, Brais Álvarez, advirte de que esta axuda “é un exemplo máis da preocupante industrialización que están tentando que teña a IXP Ternera Gallega, e en especial a Suprema. Esta axuda que segundo anunciaron vai esixir para poder cobrala que os animais sexan marcados co selo no matadoiro da IXP so beneficia ás industrias, que son quen esixen este selo para logo poder comercializar a carne, cun valor engadido que a miúdo non repercute na persoa produtora”.
Axudas a todas as ganderías de vacún de carne, non só ás de Ternera Gallega
Por outra banda, dende o SLG-CCLL defenden tamén que “esta axuda debería estar dirixida a todo o sector e non só a quen marcan dentro da IXP Ternera Gallega”. “De feito, o valor medioambiental que as gandarías de carne teñen por todo o país fai que sexa moito máis necesaria unha axuda por vaca nutriz, e non esta axuda para unha parte do sector. Do mesmo xeito, a suba dos custos de produción afecta a todas as granxas do sector por igual. Tal e como está plantexada, esta axuda afondará no peche de granxas, en especial daquelas que están ligadas ao territorio dende a produción á comercialización”, analiza Brais Álvarez.