Un ano máis a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acaba de facer pública a terceira edición das bolsas para estudos de posgrao.
En concreto convócanse dúas bolsas cun límite máximo de dotación de 40.000 euros cada unha para o estudo dun máster nunha universidade de recoñecido prestixio nacional ou estranxeira.
A contía da bolsa poderá utilizarse para cubrir gastos de matrícula e aloxamento. O importe final dependerá da localización do centro no que se realicen os estudos e do custo do programa do máster.
Para poder optar a algunha das bolsas, os solicitantes deberán ter un título universitario, ter vinculación con Galicia, podendo ser estudantes recentemente licenciados ou profesionais que xa estean a traballar na actualidade.
A selección dos bolseiros basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional, no caso de que exista e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior prevista.
A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, creada en outubro de 2021, ten como obxectivo contribuír a promover a investigación e a educación, de forma prioritaria no sector agroalimentario e forestal e con especial atención aos estudos superiores. Todo iso co propósito de perseguir a excelencia e especialización dos nosos profesionais presentes e futuros para que iso poida reverter no progreso e a mellora das actividades produtivas de Galicia. Entre as súas prioridades está a convocatoria de bolsas para a realización de estudos superiores ou masters coa finalidade de formar a profesionais nos centros máis vangardistas co propósito de que poidan achegar coñecemento ao tecido industrial galego.
O prazo de solicitude estará aberto ata o 31 de maio e as solicitudes, do mesmo xeito que as bases desta convocatoria, poderán atoparse na páxina web www.fundacioncruralnotario.gal no apartado de convocatorias.