O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación analizará o contido de carbono nos solos agrícolas do territorio español para determinar a súa capacidade de secuestro, e establecer as bases do futuro sistema de certificación de créditos, cuxa nova lexislación foi presentada pola Comisión Europea. Os traballos prolongaranse, na súa primeira fase, até marzo de 2024.
O contido en carbono nos solos en España é o máis baixo de Europa, especialmente nas rexións do centro e sur, e non tanto en Galicia e na Cornixa Cantábrica. Recoñecer as súas características e parámetros é importante para contribuír ao futuro desenvolvemento da actividade agraria. As análises permitirán coñecer a súa fertilidade, a súa capacidade de retención de auga, e favorecerán a loita contra o cambio climático.
O ministerio ampliou o ámbito da Enquisa de Superficies e Rendementos de Cultivo de España (ESYRCE) co fin de darlle máis valor engadido, pois xa non só terá información sobre rendementos e superficies, senón que incorporará datos de calidade do chan. Esta enquisa proporciona información precisa sobre as superficies cultivadas en España, os rendementos obtidos, e variables descritivas da actividade agraria como as técnicas de manexo do solo ou a tipoloxía de rega coa que se conta, para comparar os rendementos por cultivos e zonas. Agora, ademais, permitirá coñecer o contido en carbono dos chans, e incorporará a información á ferramenta dixital.
Debido ao amplo tamaño de mostras desta enquisa, analizaranse cada dous anos os solos de 16.000 leiras agrícolas repartidas por todo o territorio. Esta mostra permitirá ter datos significativos e robustos para todas as rexións, usos do chan ou técnicas de manexo deste, entre outros.
Ademais, ao estar incluída en ESYRCE permitirá coñecer aspectos como a relación entre técnicas de manexo da terra, contido en carbono e rendementos obtidos.
Avaliar a efectividade dos ecoesquemas da nova PAC
Con iso, o proxecto ten como obxectivo avaliar se as novas prácticas agrícolas e gandeiras como a agricultura de conservación, as cubertas vexetais nos cultivos, as rotacións con especies mellorantes ou o pastoreo extensivo, contribúen a mellorar o contido en carbono dos solos agrícolas, e a reducir a erosión e mellorar a súa fertilidade.
Desde o Ministerio de Agricultura destacan que “os traballos proporcionarán unha información moi valiosa para todos os agricultores no exercicio da súa actividade nun ámbito tan importante como é a agricultura de carbono. Por iso, a finalidade dos traballos que agora se inician non é só proporcionar a fotografía máis completa que se poida ter sobre o estado actual dos solos agrícolas, senón repetilos cada dous anos para analizar a súa evolución”.
O operativo de recollida de mostras involucra a máis de 200 axentes de campo especialistas. Os agricultores cuxas parcelas vaian ser mostreadas recibirán nos próximos días unha notificación informativa sobre os traballos, por se queren acudir durante os mesmos. A toma de mostras non ocasionará ningunha molestia nin afección á actividade, dado o pequeno volume de terra que se extrae (ao redor de 1,5 kg de terra por parcela). Os agricultores recibirán gratuitamente os resultados correspondentes ás súas parcelas.
O proxecto forma parte dos traballos de avaliación dos resultados da aplicación da nova Política Agraria Común (PAC), que comezou a aplicarse este ano.