Asemblea de Gandeiros da Suprema o luns 18 en Lugo

A asociación, que reúne a máis de 500 produtores de toda Galicia, celebra a súa xuntanza anual, marcada este ano pola polémica xerada polo cambio no Regulamento de Ternera Gallega que obriga a acortellar os xatos os últimos dous meses

Manifestación organizada pola asociación Gandeiros Galegos da Suprema a pasada primavera

Manifestación organizada pola asociación Gandeiros Galegos da Suprema a pasada primavera

A asociación Gandeiros Galegos da Suprema, formada por máis de 500 produtores de toda a comunidade, celebra o vindeiro luns 18 de decembro a súa Asemblea Ordinaria anual a partir das 11:00 horas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Como peche á xuntanza anual, a asociación celebrará tamén ese día a súa primeira comida de confraternidade, ás 14:30 horas no Torre de Núñez. 

A cita estará marcada este ano pola polémica xurdida despois de que o Pleno do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega aprobara a obriga de que os xatos maiores de 8 meses que se marquen co selo de Suprema teñan que ser acortellados e sometidos a un proceso de cebado para mellorar deste xeito a súa conformación e nivel de engraxamento.

Logo de 4 anos de actividade, Gandeiros Galegos da Suprema converteuse nunha das voces de referencia no sector e foi a lista máis votada nas últimas eleccións ao Consello Regulador. No seo da asociación conviven diferentes sistemas de manexo, aínda que a postura oficial do colectivo foi a de apoiar, co voto a favor dos seus dous representantes no Pleno, o cambio no Regulamento.

Axuda por animal sacrificado

Un dos logros da asociación, despois da tractoradas e as concentracións diante da Xunta e a Subdelegación do Goberno levadas a cabo esta primavera, foi o compromiso da Xunta para habilitar en 2024 unha axuda específica para os produtores de Suprema.

Está previsto que esta axuda, duns 200 euros por animal, comece a cobrarse a partir do vindeiro mes de xaneiro como un xeito de primar ás ganderías que producen carne de calidade e coidan o territorio. Na Asemblea, que comezará ás 11:00 horas en primeira convocatoria e ás 11:30 horas en segunda, explicaranse algúns dos pormenores desta nova liña de axuda ao sector.

Como peche á xuntanza anual, Gandeiros Galegos da Suprema celebrará tamén ese día a súa primeira comida de confraternidade da asociación

Entre os asuntos a abordar na reunión está tamén o compromiso de Ternera Gallega de compensar os custos de marcaxe das xatas que quedan nas explotacións como xovencas de reposición mediante a marcaxe sen custo dentro da IXP Vaca e Boi de Galicia das vacas que saen das ganderías cara ao matadoiro. Con esta medida, ademais de descontar o gasto da marcaxe das futuras reprodutoras, preténdese potenciar a IXP de vacún maior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información