Archives

Galicia exportou en 2023 un total de 4.373 millóns de euros en produtos alimentarios

Presentación do informe sobre exportación de produtos agroalimentarios españois en 2023 Galicia representou no 2023 o 6% das exportacións de produtos agroalimentarios españois, segundo se desprende do Informe elaborado por Cajamar, que toma como base os datos da estatística oficial de comercio exterior. O valor das exportacións agroalimentarias procedentes da comunidade galega medrou en conxunto un 6% o ano pasado, ata alcanzar os 4.373 millóns de euros, o que converte a Galicia na quinta comunidade máis exportadora de alimentos.
As exportacións agroalimentarias galegas creceron un 7% na última década
En 2023 mantense o liderado rexional de Cataluña (15.300 millóns de euros) e Andalucía (case 14.000 millóns), que se resente polas dificultades do sector do aceite de oliva. Séguenlles a Comunidade Valenciana, con 8.673 millóns, Murcia con 6.776 millóns, e Galicia con 4.373 millóns de euros. As exportacións agroalimentarias representaron o 15% do total das exportacións galegas o ano pasado. As empresas galegas do sector alimentario máis exportadoras son as vinculadas á pesca e ao sector lácteo.
Os alimentos representan o 15% do total de produtos exportados desde Galicia
Peixes e mariscos frescos e as conservas de peixe supoñen máis do 60% das exportacións agroalimentarias da comunidade. Outras partidas destacadas son o leite e a nata. En conxunto, o ano pasado Galicia exportou leite e nata por valor de 169 millóns de euros, un importe un 6% inferior ao do ano anterior. Forte crecemento do sector porcino en Aragón En canto ao crecemento das exportacións por comunidades autónomas, destaca de novo este ano o dato de Aragón, cuxo impulso do seu sector cárnico eleva as súas vendas ao exterior un 21% con respecto ao ano anterior, así como Madrid, Castela e León, Galicia, A Rioxa e Estremadura, que crecen todas elas por enriba da media. Os datos menos positivos preséntanos as Baleares e Asturias. Andalucía reflicte unha caída do 3%, sen dúbida, influída pola baixada nas vendas de aceite de oliva. Na análise a medio e longo prazo, nas medias de crecemento a 5 e 10 anos, destaca novamente Aragón, cuxo incremento do sector porcino lévaa a unha taxa media anual do 16% con respecto ao dato de hai 5 anos, e do 14% respecto a 2013. En canto á importancia do sector agroalimentario nas exportacións totais, destaca Murcia, onde o 48% das súas vendas ao exterior corresponden ao sector agroalimentario; sendo ademais a segunda comunidade con maior balanza comercial agroalimentaria positiva, con 3.855 millóns de euros de superávit, só por detrás de Andalucía, líder con 5.934 millóns. Medran as vendas dentro da UE En conxunto, o valor das exportacións agroalimentarias españolas creceu un 3,5 % en 2023, pero o volume descendeu por segundo ano consecutivo. O estudo recolle, como dato positivo, que a balanza comercial agroalimentaria tivo un ano máis un superávit de 14.408 millóns de euros, sendo con diferenza o maior diferencial entre exportacións e importacións de entre os grandes sectores da economía española, o que resalta a importancia do agroalimentario dentro do sector exterior español.
O crecemento das vendas á Unión Europea contrasta coa caída nas exportacións a países terceiros
Nun ano caracterizado polas dificultades derivadas das caídas na produción de diferentes sectores pola seca, así como pola persistencia da inflación, as exportacións agroalimentarias conseguiron crecer en 2023 un 3,5% en valor ata os 69.608 millóns de euros. Este crecemento contrasta coa caída das vendas exteriores en volume, que descenderon un 9 %, con baixadas en todos os principais produtos exportados: -6% en froitas e hortalizas, -8% en carne de porco, -33% en aceite de oliva e -2% en peixes e mariscos e viños. Na análise das exportacións agroalimentarias por categorías, en 2023 destaca o bo comportamento de froitas e hortalizas (+5%) e porcino (+8%), mentres o aceite apenas creceu un +1% e a partida de peixes rexistrou un descenso do -3%.
Países Baixos, Alemaña, Francia e Italia seguen sendo os principais países exportadores agroalimentarios da UE
Nos datos por países destaca a puxanza das exportacións españolas tanto a Alemaña (+903 millóns de euros e +12%), Portugal (+795 millóns e +12%) e Francia (+ 674 millóns e +7%), como a países do Leste como Polonia (+220 millóns de euros e +13%), República Checa (+136 millóns e +19%) e Romania (+132 millóns e +24%). En países terceiros prodúcese por primeira vez no últimos dez anos un descenso global nas exportacións (-1.340 millóns de euros) marcado polos descensos en China (-642 millóns de euros e -26%). Outros mercados relevantes que baixan son Estados Unidos (-180 millóns e -6%), Corea do Sur (-213 millóns e -22%) e Xapón (-190 millóns e -14%), aínda que todos eles, excepto China, tiveron crecementos importantes o ano anterior que compensan estes descensos.

As exportacións de produtos lácteos españois a China aumentan un 15%

O sector lácteo español mantivo un comportamento dinámico nos últimos anos, nos que viu incrementar as súas vendas no exterior moi por enriba da media agroalimentaria. España é o noveno país exportador de produtos lácteos e queixos da UE, sendo os principais exportadores comunitarios Alemaña, Países Baixos, Francia, Italia e Bélxica, por esta orde. Na desagregación por produtos lácteos exportados en 2023, o 46% do total son queixos e o 26% leite, cun 28% para outros produtos (lactosuero, manteiga). Dez anos atrás, os queixos supoñían un 35%, o que dá idea da positiva evolución da exportación deste produto na última década.
A exportación de queixos aumentou 11 puntos porcentuais na última década
En 2023, os queixos experimentaron de novo un forte crecemento interanual (+14%), que se suma ao do ano anterior (+20%), e cun incremento medio nos últimos 10 anos tamén superior á media agroalimentaria (+11%). En canto a mercados, hai unha importante concentración xeográfica nas vendas á UE, cun 66% do total, aínda que descendeu 13 puntos desde o 79% de 2013. En canto a mercados concretos, Portugal, Francia, Italia, Estados Unidos, China e Reino Unido son os principais destinos, por esta orde, destacando ademais como curiosidade a presenza de Cuba no noveno lugar na clasificación.
Os queixos representan só o 5% dos produtos lácteos españois exportados a China
En canto aos crecementos, e dentro da boa tónica xeral en 2023, Cuba (+61%) destaca sobre o resto, aínda que partindo de cifras relativamente baixas. Outros mercados que soben de forma relevante, en termos relativos, son Reino Unido (+21%), Portugal (+20%), Estados Unidos (+16%) e China (+15%). Con respecto a fai 10 anos, China (+31%) e Cuba (+29%) ascenden claramente por enriba do resto, destacando Alemaña a escala comunitaria. Outro dato interesante é a composición das exportacións por produtos, que segue o patrón xeral da categoría, excepto en dous mercados: Estados Unidos, onde case o 100% dos 90 millóns exportados son queixos, e China, gran importador de leite e derivados, onde, pola contra, os queixos supoñen unicamente o 5% do total exportado desde España.

Galicia exportou en 2023 un 4,9% menos de viño pero vendeuno un 23,6% máis caro

As exportacións galegas de viño en 2023 caeron un 4,9% en volume e un 6% en valor, até os 52,98 millóns de euros, cun prezo medio de 4,07 euros o litro, un 23,6% máis caro que en 2022.

Así se recolle no informe realizado polo Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv). Segundo os datos analizados, España reduciu as súas exportacións vitivinícolas (viño, mosto, vinagre e aromatizado) un 2,8% en volume e un 1,8% en valor en 2023, até os 2.664,3 millóns de litros (-77,6 millóns) e os 3.360,2 millóns de euros (-62,6 millóns), a un prezo medio un 1% superior, até os 1,26 €/litro (+1 céntimo).

6 comunidades autónomas facturaron máis en exportación vitivinícola en 2023, a pesar da difícil conxuntura global actual. Castela-A Mancha foi a única que creceu entre as 10 primeiras e consolida o seu liderado ao ser a que máis gañou en termos absolutos (+19,7 millóns). O primeiro posto de Castela- A Mancha en volume é aínda máis claro con máis do 50% do total, a pesar de ser a que máis litros perdeu (-30,7 millóns) nun 2023 no que só 4 comunidades venderon máis cantidade. Cataluña en valor e Comunidade Valenciana en volume, segundas provedoras. 12 das 17 subiron de prezo.

Andalucía e Galicia son as comunidades que máis crecen en prezo

En canto aos prezos medios, Andalucía (+29,6%) e Galicia (+23,6%) foron as comunidades autónomas que máis se encareceron en 2023, até alcanzar os 3,10 e os 4,07 €/litro respectivamente. As seguintes que máis subiron de prezo foron Navarra (+18,4% até os 2,59 €) e Baleares (+14,7% até os 9,39€).

No polo oposto atopamos a Cantabria (-76% até os 2,99 €/litro), Estremadura (-8,6% até os 51 céntimos) e Murcia (-3,3% até os 1,14 €). Baleares (9,39 €/litro) e Castela e León (7,67 €) son as que rexistraron os prezos medios máis elevados en exportación vitivinícola. Séguenlles Canarias (5,32 €) e País Vasco (4,66 €).

Descarga aquí o informe completo

Axudas á promoción do viño en terceiros países: Galicia só recibe 1,3 millóns de euros dos 45,8 que reparte o Goberno

A Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, presidida polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, acordou repartir 45,84 millóns de euros euros entre as comunidades autónomas para os programas de promoción do viño en mercados de terceiros países para o 2025. Na repartición por comunidades autónomas, apenas 1,3 millóns de euros destinaranse a Galicia. As axudas proceden do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA) para executar en 2025, cuxa convocatoria se realizou en setembro de 2023. Cun orzamento para esta medida de 55,59 millóns de euros, as solicitudes presentadas foron finalmente por un total de 45,8 millóns de euros. Por iso, o ministro Luís Planas expuxo aos conselleiros e conselleiras autonómicas do ramo elevar a subvención ao 50 %, máximo permitido, para os 673 programas presentados polas autonomías, que mostraron a súa conformidade coa proposta ministerial. Esta liña de promoción e comunicación dos viños españois en mercados de terceiros países está recollida na Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV), dentro do marco do Plan Estratéxico Nacional da Política Agrícola Común 2023-2027. A distribución entre as comunidades autónomas é a seguinte: Por outra banda, o ministro abordou, ademais, os 7 puntos que evocaron os conselleiros e conselleiras do ramo na reunión presencial celebrada en Madrid o pasado 19 de decembro e sobre os que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación está a facer un seguimento. O potencial do sector vitivinícola foi outra das demandas expostas en decembro polas comunidades autónomas. Luís Planas remarcou que o ministerio manterá o potencial do sector vitícola, coa extensión dos dereitos de plantación de viñedo até 2045 e que, a través da Intervención Sectorial do Viño (ISV) manterase a colleita en verde no caso de que sexa necesario.

Reclámanlle ao Goberno central menos trabas burocráticas para a exportación de produtos cárnicos

 A Asociación Nacional de Industrias de la Carne de España (ANICE) solicitou un encontro co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación Luis Planas para abordar distintos asuntos clave para o presente e o futuro do sector cárnico español. Doutra banda, aproveitando a configuración dos departamentos ministeriais do novo Goberno de España, ANICE enviou un carta ao titular da carteira de agricultura para propoñer a unificación de competencias en materia de comercio exterior alimentario da administración central, que actualmente están divididas entre a Dirección Xeral de Sanidade da Produción Agroalimentaria e Benestar Animal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e a Dirección Xeral de Saúde Pública e Equidade na Saúde, do Ministerio de Sanidade (MISAN). Unha medida dirixida a concentrar as competencias en materia de exportación de alimentos na Dirección Xeral da Sanidade da Produción Agroalimentaria e Benestar Animal do MAPA, que é quen mantén a interlocución cos países terceiros. Mentres que a Subdirección Xeral de Sanidade Exterior do MISAN centraría os seus traballos, como xa fai, no control oficial dos alimentos importados de países terceiros, un labor esencial para salvagardar a saúde dos consumidores españois. Esta unificación evitaría as graves disfuncións que esta dualidade de competencias en materia de comercio exterior veu xerando nos últimos anos, con prexuízos graves para as exportacións cárnicas e a imaxe país. MISAN non implementou procedementos áxiles e acordes ás esixencias que require o complexo comercio internacional, xerando ineficacias e complexidade burocrática, o que se traduciu nunha perda de competitividade da industria española fronte á de países mellor organizados e sen esas dualidades competenciais. Esta petición, que ANICE xa considera histórica para o sector cárnico, tivo tamén o aval doutras organizacións industriais agroalimentarias. De feito, a mesma Federación de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB), abordou este asunto e incorporouno nas peticións ao novo Goberno. “Estamos nun momento crucial para consolidar a competitividade das industrias cárnicas nos mercados exteriores e a concentración das devanditas competencias no MAPA redundaría nunha mellora significativa dos actuais procedementos existentes para avalar a calidade e a seguridade alimentaria da produción cárnica española cun enfoque máis áxil e directo”, subliña o secretario xeral de ANICE, Miguel Huerta.

“Galicia conta con magníficas variedades autóctonas que permiten elaborar viños excelentes”

Jhon Wilson nunha conferencia. Foto: https://wine.cookingisfun.ie/ John Wilson é posiblemente o maior experto de viños en Irlanda, un dos países que máis está a incrementar nos últimos anos as importacións de viños galegos. Este recoñecido crítico de viños do diario The Irish Times, participou recentemente en Dubín nunha xornada para promocionar os viños da Denominación de Orixe Ribeiro. Falamos con el para coñecer como percibe a situación dos viños galegos e cales son as tendencias de consumo no mercado irlandés. -Que lle atraeu do mundo do viño e cando decidiu dedicarse a este sector, converténdose nun dos críticos máis recoñecidos? Sempre me interesei pola cociña e a alimentación. A partir de aí intereseime polo viño mentres estudaba Historia, e empecei a preguntarme se podería gañarme a vida con iso. O viño combina historia, cultura, comida, economía e persoas dunha forma única. Nunca me arrepentín da miña decisión de vivir do viño. -Recentemente participou nun evento promocional do D.O. Ribeiro en Irlanda. Como valora este evento e como foi a acollida dos visitantes? A reacción parece ser moi boa. A maioría dos visitantes tiñan pouco ou ningún coñecemento da rexión e quedaron gratamente sorprendidos coa calidade e diversidade dos viños.
“Galicia ten unha magnífica gama de variedades de uva autóctonas de alta calidade que poden producir viños excelentes”
-Como coñeceu os viños do Ribeiro e que é o que máis lle atrae desta Denominación de Orixe? Coñecín estes viños nunha cata en Dublín hai moitos anos e encantoume que o goberno español me convidase despois a unha viaxe centrada nos viños de Galicia. Abriume os ollos á "España Verde" e á profundidade e calidade dos seus viños. -Como valora os viños galegos en xeral e cales considera que son as súas fortalezas pero tamén feblezas para competir no mercado irlandés? E no caso concreto do Ribeiro? Valoro moi positivamente os viños galegos. A rexión ten unha magnífica gama de variedades de uva autóctonas de alta calidade que poden producir viños excelentes, como demostra o éxito da DO. Rías Baixas. O consumidor irlandés está interesado en viños brancos máis lixeiros e refrescantes, e está disposto a ser aventureiro. O principal punto débil é educar ao consumidor nas distintas variedades de uva e rexións.
 “Hai un grupo crecente de consumidores que buscan viños tintos máis lixeiros e menos alcohólicos”
-As Illas Británicas foron historicamente un dos principais destinos de exportación dos viños do Ribeiro, mesmo desde a Idade Media, aínda que naquela época producíanse máis viños tintos. Que destacaría das posibilidades dos viños do Ribeiro no mercado irlandés nestes momentos? Creo que a uva Treixadura adáptase ben ao padal irlandés e podería ter moito éxito neste mercado. Os viños tintos presentan máis dificultades, pero teñen oportunidades. Hai un grupo crecente de consumidores que buscan viños tintos máis lixeiros e menos alcohólicos. -Cales considera que son as tendencias en canto á demanda de viños? No futuro, creo que o consumidor irlandés beberá menos viño, pero de mellor calidade. Isto xa está a ocorrer. A cervexa, os licores e os cócteles están de moda neste momento, pero cando os consumidores chegan aos 30 e empezan a comer na casa, daquela decántanse polo viño. Foto: https://wine.cookingisfun.ie/ -O cambio climático está a permitir que empecen a cultivarse viñedos en Inglaterra, ocorre o mesmo en Irlanda? Aquí en Irlanda temos uns graos menos, e aínda que hai entre 5 e 10 valentes agricultores que cultivan viñas, pasarán algúns anos antes de que podamos madurar uvas de forma consistente.
“Impresionáronme os viñedos da Ribeira Sacra”
-Por último, se lle preguntasen por un viño e unha paisaxe vitícola inesquecibles, cales elixiría? Esta é unha gran pregunta. Encántame estar en grandes viñedos; dá unha sensación real do que pasou antes. Eslovenia e Sudáfrica eran moi bonitos, pero os tres que máis me chamaron a atención son viñedos escarpados xunto a un río: o Mosela en Alemaña, o Douro en Portugal e os marabillosos viñedos da Ribeira Sacra.

Un experto sinala a India e Corea do Sur como os destinos con máis potencial para as exportacións agroalimentarias galegas

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) vén de presentar o primeiro Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias galegas, unha iniciativa deseñada xunto á Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) a prol do talento e a mellora da competitividade do sector alimentario de Galicia que se impartirá de marzo a novembro de 2024. A xornada celebrada esta semana nas instalacións do Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela, que acolleu unha Masterclass do consultor do Banco Mundial, Mario Weitz, sobre as perspectivas económicas mundiais e o seu impacto no sector alimentario, e serviu para inaugurar a Formación, contou coa participación de Antonio Basanta, Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica; Andrés Rodríguez, Presidente de Clusaga; e con representantes de ABANCA, UIE, e empresas socias do Clúster, entre as que a iniciativa tivo gran acollida.

Perspectivas económicas e impacto no sector da alimentación

Tras a benvida aos asistentes, deu comezo o relatorio de Mario Weitz. O economista e experto abordou, en primeiro lugar, unha panorámica da economía actual, incidindo en factores clave como o conflito Ucraína - Rusia, os tipos de xuro ou a inflación. A Masterclass tamén serviu para analizar os mercados internacionais, sinalando Asia e América Latina como emerxentes. Ademáis, Weitz puxo o foco en India e Corea do Sur como os de maiores oportunidades de exportación para os produtos de alimentación, e situou a España como a novena potencia mundial do sector alimentario. A continuación, o experto profundou nas oportunidades da dixitalización, a robótica e a intelixencia artificial. A este respecto, Weitz apuntou que a destrución neta de emprego derivada da cuarta revolución tecnolóxica oscilaría entre o 3 e o 4% para aqueles postos de traballo que requiran baixa cualificación pero que, ao mesmo tempo, isto provocaría un aumento do salario medio. Sobre a transición do sector cara a modelos os meus respectuosos co medio ambiente, o consultor do Banco Mundial apostou por un avance gradual cara á sustentabilidade para que, desde o punto de vista económico, non se vexa afectada a competitividade. Para terminar, Weitz proporcionou unha análise aos asistentes sobre oportunidades de investimento, e abriu un debate sobre as fortalezas e debilidades do sector alimentario en relación coa economía española. O encontro finalizou coa presentación oficial do Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias, na que se avanzaron os aspectos máis destacados do curso, a súa misión e obxectivos, ou as datas propostas, entre outras cuestións. Na súa intervención, o Director Xeral de Pesca sinalou a oportunidade que supón o coñecemento compartido e puxo en valor a alta capacidade de networking do sector alimentario galego. Así, agradeceu a iniciativa de Clusaga de crear este Programa Formativo. “Embarcarse neste proxecto é embarcase no futuro de Galicia”, declarou Basanta. Andrés Rodríguez, pola súa banda, explicou que o Programa “nace do compromiso de Clusaga coa creación de talento, a mellora da capacitación dos traballadores e da competitividade do sector”, e que vai en liña coas actuacións recollidas no Plan Estratéxico 2021-2025 da asociación.

China: a construción dunha potencia láctea

China está multiplicando a súa producción láctea coa construción de macrogranxas na zona norte do país China aumenta a súa produción interna de leite e reduce as súas importacións. Produce xa máis leite que Alemaña, principal produtor europeo, e vai camiño de dobrar a Nova Zelandia, o seu principal provedor. Hoxe é xa o cuarto produtor mundial de leite de vaca, só por detrás dos EEUU, a India e a UE. A produción de leite en China está en mans de grandes empresas, como Modern Dairy, e triplicouse desde 2002, crecendo un 30% só nos últimos 5 anos. O xigante asiático logrou en 2022 unha produción de 39,2 millóns de toneladas e acabará 2023 por enriba dos 41 millóns. China está a multiplicar a súa produción dentro dunha estratexia impulsada polas autoridades do país, con importantes investimentos no sector co obxectivo de lograr unha maior autosuficiencia produtiva para garantir a seguridade alimentaria nacional reducindo a dependencia das importacións. O seu índice de autoabastecimiento acada xa o 80%, superior ao de países como España.
Comparativamente, China importa xa menos produtos lácteos que España
As políticas públicas fomentan o desenvolvemento de granxas lácteas a gran escala e unha maior produción de forraxes, debido á dependencia de insumos exteriores, por exemplo millo. China é tamén o maior importador de soia do mundo e o 60% procede de Brasil. A cabana gandeira do país aumentou considerablemente o pasado ano, coa importación de 232.000 cabezas de gando procedentes de Australia e Nova Zelandia, un incremento do 38% con respecto a 2021 e un récord en dez anos. Unha das 26 granxas que Modern Dairy, cuxo accionista maioritario é Mengniu, posúe en China A mellora xenética que achegan as vacas importadas e a mellora tecnolóxica e de xestión nas explotacións de gran tamaño contribúen a un incremento da produción por vaca. As de Modern Dairy, a maior empresa de produción láctea de China, que posúe 26 macrogranxas distribuídas en 7 provincias, producen unha media de 9.000 litros ao ano, superior á media do conxunto de países da UE.
A produción interna de leite en China triplicouse nos últimos 20 anos
China producía só 13 millóns de toneladas de leite en 2002. Son as mesmas que importa hoxe para cubrir o seu déficit interno. Varios foron os factores que impulsaron o consumo de lácteos nos últimos anos, entre outros, o aumento da inxesta láctea recomendada á poboación por parte das autoridades e o financiamiento por parte do Goberno dun programa nacional para proporcionar leite nas escolas, pero o desencadeante fundamental foi o aumento da clase media, que demanda produtos alimenticios de alta calidade. A agardada recuperación da demanda láctea de China non se está producindo ao longo deste 2023, mais o país segue incrementando notablemente a súa produción interna. No primeiro trimestre deste ano, a produción de leite de China aumentou un 8,5% interanual e espérase que acabe o ano no 5%, superando os 41 millóns de toneladas. Nos últimos 5 anos o xigante asiático pasou de producir 30,3 millóns de toneladas en 2017 a 39,3 en 2022, un incremento do 29,7%. O ritmo de crecemento foi in crescendo nos últimos anos: 1,2% en 2018, 4,1% en 2019, 7,5% en 2020, 7,1% en 2021 e 6,8% en 2022.
O prezo por litro de leite que recibe un produtor chinés está 5 céntimos por enriba do que cobra un gandeiro galego
O incremento na produción baséase na expansión das granxas nos últimos tres anos e ao aumento do seu tamaño. Se en 2015 as explotacións con máis de 1.000 cabezas representaban unha cuarta parte das existentes, 5 anos máis tarde eran xa o 44% e espérase que superen o 50% en 2025. O prezo pagado ao produtor sitúase nestes momentos en China en 52,3 centavos de dólar (xullo 2023), aínda que chegou a acadar os 61,2 centavos en xullo de 2022. Yili e Mengniu, os buques insignia chineses Principais empresas lácteas do mundo en 2022, segundo o ránking Rabobank (Fonte: OCLA) Entre as 10 principais empresas lácteas mundiais atópanse dúas chinesas, Yili e Mengniu cunha facturación en 2022 de 17,3 e 13,7 millóns de euros respectivamente, segundo o ranking anual elaborado por Rabobank. A industria chinesa enfróntase a un desafío importante, pois mentres a produción concéntrase no norte do país, o consumo acumúlase no sur e o leste. Mongolia Interior, Heilongjiang, Hebei, Shandong, Xinjiang e Henan son 6 provincias do norte que producen dous terzos da produción total do país.
A produción concéntrase no norte do país e o consumo nas cidades do sur
Mongolia Interior produce ao redor de 6 millóns de toneladas de leite ao ano, o dobre que Galicia, sendo a principal rexión produtora. Presenta un clima temperado durante todo o ano que ofrece as condicións ideais para o crecemento de pastos e forraxes. Esta rexión autónoma é a sede das dúas principais marcas lácteas do país, Yili e Mengniu, que posúen tanto granxas e terras para produción forraxeira como fábricas de envasado e transformación. O Val da Intelixencia e a Saúde do Futuro de Yili, coñecido como o Silicom Valley dos produtos lácteos, alberga fábricas de envasado de leite, iogures e preparados infantís co maior nivel de dixitalización tecnolóxica do mundo. A empresa utiliza estándares occidentais e comprometeuse, do mesmo xeito que fixo tamén Mengniu, a lograr a neutralidade de carbono en toda a súa cadea de produción agrícola, gandeira e industrial para 2050.
Yili comprou a segunda maior cooperativa de Nova Zelandia e Mengniu mantén unha alianza coa danesa Arla
Pero a industria láctea chinesa empezou xa a saír do país, asentándose principalmente en países da súa contorna, como Indonesia ou Tailandia, aínda que estendendo tamén a súa presenza a Nova Zelandia, Australia, Latinoamérica ou mesmo Europa. En Galicia a empresa Yeeper Dairy está presente en Monforte de Lemos, onde comprou Queserías Prado e proxecta novos investimentos para ampliar a súa planta de leite en po, que pertencera á cooperativa francesa Sodiaal. Fomento do consumo de lácteos O leite non formaba parte da dieta tradicional chinesa. Foi no século XIX, durante a dinastía Qing, cando este alimento foi introducido no país polos misioneiros e comerciantes estranxeiros. Durante décadas, o consuno de leite limitouse a zonas urbanas con presenza de poboación foránea. As primeiras industrias lácteas foron fundadas por empresarios británicos, franceses e daneses en cidades como Xangai, Tianjin ou Beijing.
O consumo per cápita sitúase en 36 litros ao ano, a metade que en España
Trala fundación da República Popular China en 1949, o goberno comunista comezou a promover o desenvolvemento da industria láctea no país, coa creación de granxas colectivas, cooperativas e empresas estatais. Pero o despegue do sector lácteo chinés non chegou ata as reformas económicas de 1978, que abriron o país ao sector privado e ao mercado internacional. A oferta multiplicouse coa entrada de novos actores e o consumo entre a poboación disparouse cunha clase media en expansión que busca unha alimentación máis variada e occidentalizada.
Mengniu, participada polo Estado, financia o programa espacial chinés, mentres Yili está involucrada no mundo do deporte
O consumo per cápita pasou de 25 litros en 2006 a 36 en 2019 e o consumo de leite entre a poboación está considerado hoxe en día beneficioso para a saúde, tralo impacto negativo entre os consumidores da crise do leite adulterado con melanina en 2008, que causou a morte a 6 bebés e a intoxicación a milleiros máis. Estímase que o consumo de leite cru superará as 43.000 toneladas en 2023. Os supermercados ofrecen frecuentes promocións de leite líquido e o prezo de venda sitúase en 12,58 CNY/litro (1,6 euros). O valor das vendas retallistas de produtos lácteos en 2021 foi de 62.000 millóns de dólares, o que o converte no segundo mercado máis grande do mundo despois dos EEUU.

China absorbe un de cada catro litros de leite que circulan polo mundo

A poboación nova das cidades do sur e o leste máis poboadas, cun perfil máis cosmopolita e moderno, é o prototipo de consumidor lácteo en China China segue sendo o gran motor da demanda de lácteos no mercado internacional, aínda que nos últimos dous anos está a reducir as súas compras. As importacións de produtos lácteos de China viñan medrando significativamente entre 2013 e 2021 (agás na crise de 2015) a unha taxa acumulativa do 10,6% anual, aínda que ese vento cortouse en 2022, cunha caída do 16,5%, que reduciu o crecemento ao 7,2% anual, e continúa tamén en 2023. No primeiro semestre deste ano, as importacións chinesas rexistraron unha caída do 10,4% en toneladas de produto, do 23,8% en litros de leite equivalentes e do 4,5% nos valores medidos en dólares.
China centrouse este ano en reducir as existencias acumuladas durante a pandemia
A situación coincidiu na primavera cunha produción mundial de leite superior á de anos anteriores nas principais rexións produtoras a nivel internacional, o que acentuou a caída de prezos xeneralizada de 2023. A economía chinesa non acaba de arrincar A caída nas compras de China responde a varios factores, entre eles unha maior produción propia, grandes stocks de produto tralas históricas compras do ano 2021 e o proceso inflacionario que está a lastrar o arranque da economía chinesa tralo levantamento das medidas de covid cero nas cidades. Historicamente sempre houbo unha forte relación entre o crecemento económico de China (medido polo PIB per cápita) e o seu volume de importación de produtos lácteos. Por iso, na actualidade, o momento dunha recuperación da demanda láctea chinesa segue sendo moi incerto.
China acapara o 25% das importacións de produtos lácteos no mundo
O comportamento das importacións chinesas é moi relevante para a determinación dos prezos en calquera zona produtora do mundo. As compras de China no mercado internacional acadaron o seu récord no ano 2021, con case 20.000 millóns de litros de leite equivalentes, o que supón unha cuarta parte de todo o comercializado no mercado internacional. É tal a capacidade chinesa para desestabilizar o mercado, que no ano 2022 unha caída do 17,1% nas importacións chinesas supuxo unha baixada de máis do 4% do comercio mundial de produtos lácteos, cando o comercio internacional de lácteos sobe normalmente a un ritmo dun 3% anual. 
Ante a caída nas compras chinesas, Fonterra buscou este verán refuxio nos mercados do norte de África
Este mesmo ano, a paralización nas compras de leite en po por parte de China obrigou á cooperativa neozelandesa Fonterra a buscar refuxio en Alxeria, ofertando en agosto 40.000 toneladas de leite en po a 3.000 dólares a tonelada na subasta de ONIL, para dar saída deste xeito aos seus excedentes non vendidos a China, o que provocou unha caída considerable nos prezos do Global Dairy Trade (GDT), unha das subastas de referencia a nivel internacional.  Protagonismo do leite en po Evolución das importacións de produtos lácteos de China (Fonte OCLA) Normalmente unha terceira parte do valor das importacións realizadas por China correspóndese con leite en po. Pero neste momento o crecemento do consumo interno de leite é lento, o que fai que parte do incremento que se está dando na produción de leite nacional acabe convertido en leite en po, o que fai diminuír a demanda de importacións. China é o principal importador mundial de leite en po enteiro e o seu principal provedor é Nova Zelandia. O 90% do leite en po enteira que entra a China procede deste país (456.841 toneladas en 2022). Séguenlle, a moita distancia, Uruguai (con 19.000 toneladas) ou Australia (con 13.000).
China mantén aranceis de represalia sobre a maioría dos produtos lácteos estadounidenses e condicións vantaxosas aos neozelandeses
España exportou o ano pasado un total de 437 toneladas de leite en po a China, unha cifra amplamente superada neste 2023 (ata agosto exportáronse 658 toneladas, un 35% máis que en todo 2022). O Acordo de Libre Comercio asinado en 2008 entre China e Nova Zelandia foi reducindo gradualmente os aranceis sobre os produtos lácteos importados por China desde Nova Zelandia até chegar a cero en 2019. Con todo, no acordo adoptáronse medidas especiais de salvagarda para determinados produtos, como o leite, o leite en po, a manteiga e o queixo. Unha vez que o volume de importación supera un tope, deixa de aplicarse o tipo arancelario acordado. O período aplicable destas medidas especiais finaliza en 2023. Aumenta o consumo de queixo O xigante asiático é tamén o principal importador de manteiga, mentres a compra de queixos mantense polo de agora nun segundo plano, aínda que a occidentalización da sociedade chinesa está a modificar os seus hábitos de compra e alimentación, incrementándose nos últimos anos o consumo de queixos, o que abriu oportunidades de negocio para empresas como a galega Quescrem, que é a empresa española que máis queixo vende en China.
O consumo de queixo segue concentrado nas cidades prósperas das provincias do sur e do leste
Prevese que o consumo de queixo siga crecendo, o que incentivará novos investimentos no sector, aínda que a produción queixeira a partir de leite de orixe chinesa segue sendo limitada e a maior parte do queixo producido en China (unhas 25.000 toneladas) incorpora queixo importado como ingrediente. O consumo de queixo segue concentrado polo momento nas cidades prósperas das provincias do sur e do leste. China importa anualmente unhas 150.000 toneladas de queixo. Nova Zelandia domina o mercado, con case o 70% do total, seguido de Australia, Italia e os EEUU.

Asinado un acordo para comercializar carne de Ternera Gallega Suprema en Luxemburgo

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega acaba de asinar un acordo para a comercialización de carne de Ternera Gallega Suprema en Luxemburgo, onde será vendida a a través do grupo Steffen, que xestiona varias carnizarías, restaurantes e cátering, cun total de once puntos de venda. O acto de sinatura celebrouse na sede do Consello Regulador en Santiago de Compostela, coa presenza do seu presidente, Jesús González, e do fundador e propietario maioritario do grupo, Frank Steffen. Este convenio formaliza e reforza as relacións comerciais iniciadas xa a principios de ano coa empresa cárnica, froito do labor promocional e divulgativo desenvolvido polo Consello Regulador en Luxemburgo desde o 2022 e que se suma ao que realiza de xeito habitual en Alemaña. Tras participar nunha misión comercial inversa en xaneiro, o grupo Steffen converteuse en poucos meses nun dos principais comercializadores de Ternera Gallega Suprema fóra de España. Durante a firma do convenio, o seu fundador puxo en valor a alta calidade do produto certificado e os bos datos de implantación nos seus puntos de venda en Luxemburgo; país con case 700.000 habitantes que ofrece grandes posibilidades de futuro no seu mercado. Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador destacou a confianza amosada polo grupo Steffen en tan pouco tempo e a súa firme determinación en comercializar Ternera Gallega.

Importante presenza en Alemaña

No país xermano, Ternera Gallega ten firmados acordos de colaboración cunha quincena de puntos de venda, tanto en carnizarías tradicionais coma nas cadeas Edeka e Rewe, situados en diferentes localidades: Bremen, Jülich, Hannover, Ulm ou Hagen. Destacan as relacións consolidadas con grupos de referencia como Otto Gourmet, a maior compañía alemá de venda online de carnes premium, e FD Fleischerdienst, grosista para restauración e carnizarías no estado de Baviera.

Medra un 5,2% a exportación dos viños brancos españois con Denominación de Orixe

No primeiro semestre deste ano, os viños españois facturaron 18 millóns de euros máis nos mercados internacionais, a pesar de que se exportaron 3,5 millóns de litros menos que o ano pasado, segundo as cifras presentadas no último informe realizado polo Observatorio Español del Mercado del Vino, en colaboración coa Organización Interprofesional del Vino de España. En concreto, no primeiro semestre de 2023, exportáronse 1.018,2 millóns de litros, por valor de 1.453,4 millóns euros, o que supón un 1,3% máis. Trátase do mellor primeiro semestre da serie histórica, en termos de valor. A pesar das boas cifras en canto ao valor, os viños que máis sufriron neste primeiro semestre foron aqueles envasados e con Denominación de Orixe Protexida (DOP). Neste tipo de viños deixáronse de exportar 9,65 millóns de litros (-7%) e de facturar 15 millóns euros. Tamén caeron as exportacións dos viños a granel, tanto en valor (-3,3%), como en volume (-0,9%). No lado positivo, destaca a boa marcha dos varietais envasados, que xa superan en valor aos viños con IXP. No informe tamén destaca a caída dos viños envasados comercializados nos mercados dos EEUU, onde o valor reduciuse en case un 2%, situándose nos 130 millóns de euros. Aínda así, mantense como o principal destino dos viños envasados españois. Mentres, incrementouse nun 14% os viños envasados con destino ao Reino Unido, cun valor que se sitúa xa nos 127 millóns de euros.

Viños con DOP

Os viños con DOP mantéñense como a categoría máis exportada dentro dos viños tranquilos envasados. Na primeira metade de 2023 perderon un 2,3% en valor, ata os 632,6 millóns de euros e un 7% en volume, ata os 129,3 millóns de litros. O seu prezo medio foi un 5% superior, situándose no 4,89 €/litro (+23 céntimos), o máis elevado entre todos os produtos analizados. Nos viños envasados e con DOP os que máis sufriron esta caída foron os tintos. Así, na campaña de xuño 2022 ao mesmo mes deste ano, os tintos pasaron a facturar 81 millóns de euros (9% menos), mentres que os viños brancos conseguiron un incremento do 5,2% e alcanzan os 27 millóns de euros. Aínda que de ambos se venderon menos litros. O volume de litros de viños brancos con DOP situouse nos 6 millóns de litros (6% menos) e no caso dos tintos e rosados foi de 17 millóns de litros (10% menos). Pola súa banda, as exportacións de viños con IXP envasados, perderon un 4% en valor, ata os 68,8 millóns de euros (-2,9 millóns), pero aumentaron un 6% en volume, ata os 62,3 millóns de litros (+3,4 millóns), ao caer o seu prezo medio un 9%, ata o 1,10 €/litro (-12 céntimos). Foi o único produto, entre os viños tranquilos envasados, que reduciu o seu prezo medio. Os viños varietais envasados foron o produto que mellor evolucionou neste período, con crecementos do 26% en valor, ata os 78,6 millóns de euros (+16 millóns) e do 21% en volume, ata os 45,6 millóns de litros (+8 millóns). O seu prezo medio tamén aumentou (+3,5%), ata o 1,72 €/litro. O gran crecemento dos viños varietais, practicamente ininterrompido desde 2019, fai que xa superen aos viños con IXP en termos de valor, e que se vaian achegando en termos de volume.

-Descarga aquí o informe completo do Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMv).

As exportacións agroalimentarias e pesqueiras baten un récord superior aos 68.000 millóns de euros

O Ministerio de Agricultura Pesca y Alimentación (MAPA) deu a coñecer as cifras de exportacións agroalimentarias e pesqueiras españolas que superan os 68.000 millóns de euros en 2022. Estas vendas ao exterior supuxeron un 17,5% do conxunto económico español e un incremento do 13,1% sobre os datos de 2021. Pola súa parte, as importacións do mesmo sector incrementáronse un 31% respecto ao 2021, chegando aos 54.150 millóns de euros, o que supón un 11,8% da economía española. As exportacións agroalimentarias e pesqueiras experimentaron en 2022 un incremento do 13,1 % respecto ao exercicio anterior e alcanzaron a cifra récord de 68.018 millóns de euros. A invasión rusa de Ucraína en febreiro de 2022 proxectou importantes efectos sobre a economía europea e mundial, agravados no ámbito agroalimentario por tratarse de dous grandes produtores mundiais. No escenario actual, caracterizado polos altos prezos internacionais dos produtos, no conxunto da economía española as exportacións incrementáronse un 23,6% respecto a 2021. Neste contexto, o saldo comercial (exportacións menos importacións) do total da economía reduciuse nun 116,7 % respecto a 2021, e o do sector agroalimentario e pesqueiro baixou un 26 %, quedando en 13.869 millóns de euros, motivado polo notable incremento do valor das importacións. Como apunte destacable do importante papel que ten o sector agroalimentario e pesqueiro no comercio exterior español é que as súas exportacións supuxeron o 17,5% das do conxunto da economía, e as súas importacións o 11,8%. Polo que respecta aos principais subsectores exportadores en 2022: Por importancia económica sitúase en primeiro lugar o grupo das froitas, con 9.845 millóns de euros, seguido polo das carnes, con 9.708 millóns de euros; e o das hortalizas (8.029 millóns de euros). O grupo de aceites e graxas é o que presenta un maior aumento das exportacións respecto a 2021, cun incremento do 33,1% e un valor exportado total de 7.194 millóns de euros. O grupo das bebidas rexistrou un aumento do 8,6% dentro das súas exportacións. Sobre os destinos das exportacións agroalimentarias e pesqueiras en 2022: Un 64,1 % das exportacións dirixíronse á Unión Europea (UE-27), con aumento do 15 % respecto a 2021.As exportacións a terceiros países (35,9 % do total), incrementáronse nun 9,9 %. Estes datos proveñen do Informe Anual de Comercio Exterior publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que contén unha análise detallada e actualizada das principais magnitudes e indicadores, que permiten coñecer en profundidade a situación actual. O estudo está elaborado sobre a base dos datos provisionais do ano 2022 do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Queren medrar en produción e tamaño as denominacións de orixe vitícolas de Galicia?

Está entre os plans a curto prazo das Denominacións de Orixe (DO) vitícolas de Galicia seguir medrando? Esta foi unha das preguntas que abordaron os representantes das distintas DOs durante a mesa redonda que os reuniu no marco do I Foro de Uva e Viño celebrado recentemente en Cenlle (Ourense). As súas estratexias e obxectivos son diferentes e, aínda que todas elas están a poñer esforzos en manter o crecemento que experimentou ao longo dos últimos anos o sector vitícola galego, teñen posta a vista en distintas prioridades. No Consello Regulador do Ribeiro teñen claro que tanto á hora de fomentar o crecemento como a internacionalización dos viños producidos nesta demarcación o seu papel é como motor e xerador de oportunidades para as adegas que traballan baixo o seu amparo. “O Consello Regulador non está para vender viños, senón para xerar oportunidades que logo poidan aproveitar as adegas e viticultores ”, reivindica Juan Manuel Casares, presidente da DO Ribeiro.
“O Consello Regulador non está para vender viños, senón para xerar oportunidades que logo poidan aproveitar as adegas e viticultores”
Ademais, o crecemento da produción está dentro das súas prioridades. “Debemos seguir crecendo, aínda que temos que facelo con determinadas cautelas”, apunta Casares. Así, apostan por un crecemento no que non só se mire cara á internacionalización senón que se protexa os mercados propios. A internacionalización está tamén condicionada, en certa medida, nos recursos económicos, polo que reivindican as accións que xa se realizaron de forma coordinada entre as distintas DOs. Rías Baixas é unha das demarcacións que ten entre os seus obxectivos prioritarios a curto prazo manter un crecemento, así o recolle no seu Plan director ata 2030, para o cal realizaron enquisas no sector e entre os consumidores internacionais, sobre todo nos mercados americano e inglés, que representan o 53% das exportacións dos viños de Rías Baixas. “Debemos seguir crecendo, aínda que temos claro que debe ser un crecemento sostible”, reafirma Juan Carlos Vázquez Abal, vicepresidente da DO Rías Baixas. Apuntan a que é necesario seguir crecendo en especial nestes dous mercados. “Temos que ter unha maior presenza nestes mercados”, indica Vázquez. Aínda que pode parecer que os viños de Rías Baixas teñen xa unha presenza destacada en ambos, apenas un terzo dos consumidores ingleses coñece os viños de Rías Baixas e só unha quinta parte dos americanos oíron ou probaron estes viños.
“Necesitamos seguir apostando polos mercados internacionais, en especial polo mercado americano e inglés”
“Necesitamos seguir apostando polos mercados internacionais. Temos previsto incrementar a nosa presenza con máis eventos promocionais nestes destinos sen desatender outros mercados como son os países europeos, Centroamérica e mesmo Asia”, apunta Vázquez. Outra das liñas nas que están a traballar para seguir crecendo é a elaboración dun porfolio de viños premium, no que tamén se inclúen viños de garda. É unha estratexia para chegar a outros perfís de consumidores. “Na actualidade este tipo de viños representan en Rías Baixas apenas un 4% e a nosa intención é que se incrementen a un 10%”, indican desde a DO. Reivindican que se aposte por este tipo de viños dado o potencial dos viños de garda desta denominación. “Os viños de Rías Baixas evolucionan moi ben no tempo e dados os custos de produción que temos, debe apostarse tamén por este tipo de viños”, valoran desde a DO.
“A paisaxe como o gran aliado dos viños da Ribeira Sacra”
Os socalcos que caracterizan a produción vitícola na Ribeira Sacra son un dos puntos fortes para manter o crecemento destes viños, tal e como reivindican desde a DO. “Temos a paisaxe como gran aliado dos nosos viños”, apuntan desde o Consello Regulador. Nesta DO son moi conscientes de que os característicos viñedos, de pequenas dimensións e onde se realiza unha viticultura heroica polas difíciles condicións da produción do viño nestes predios, son máis un punto forte que unha limitación. Así, para seguir crecendo apostan por achegar aos prescritores á realidade dos seus viños, para que coñezan de primeira man e valoren o esforzo de producir viño nesta terra e os bos resultados nos que se traduce. Atraer aos prescritores é tamén unha forma de que recoñezan o valor que deben ter estes viños, de maneira que o prezo final do viño sexa comprendido polo consumidor e se cubran os elevados custos de produción que manexan nesta DO.
“Debemos atraer ao consumidor ao territorio para poñer en valor o viño e facerlle ver como é a produción en Valdeorras”
Na DO Valdeorras teñen moi presente que a reducida dimensión que manexan de media as súas adegas son unha limitación para promover unha gran expansión destes viños cara a mercados internacionais, por iso, do mesmo xeito que na Ribeira Sacra, a súa estratexia de crecemento céntrase máis en dar a coñecer os seus viñedos. “Temos que atraer ao público xeral e ao consumidor ao territorio para poñer en valor o viño e facerlle ver ao cliente como é a nosa produción”, explica Ricardo Dobao, vogal da DO Valdeorras.
“En Monterrei somos partidarios de seguir un crecemento moderado, lento e progresivo”
Do mesmo xeito que ocorre en Valdeorras, na DO Monterrei tanto o limitado tamaño da propia Denominación de Orixe como das adegas reduce a capacidade de expansión cara a mercados internacionais e o crecemento, tal e como apuntan desde o Consello Regulador. O seu obxectivo é afianzar a posición das adegas nos mercados nos que xa conseguiron facerse un oco e buscar un crecemento seguro. “Somos partidarios de seguir un crecemento moderado, lento e progresivo”, valora Manuel Vázquez Losada, vicepresidente da DO Monterrei.

Aumentar a superficie de viñedo

O crecemento polo que apostan as distintas Denominacións de Orixe non sempre está vinculado cun incremento da produción e da superficie de viñedos. Este é un dos aspectos nos que se atopan grandes diferenzas. Así, mentres que por exemplo no Ribeiro levan anos traballando por incrementar a superficie para viñedos dispoñible para os viticultores e adegas amparadas na DO, outras denominacións teñen claro que o seu crecemento non pasa por incrementar a superficie a traballar. De feito, desde o Consello Regulador do Ribeiro xa enviaron á Consellería do Medio Rural un informe sobre a recuperación da terra abandonada para conseguir darlle forma a ese crecemento en base territorial polo que están a traballar. Incrementar a base territorial tamén é unha prioridade nas Rías Baixas para atender a demanda que xera a estratexia de internacionalización que están a levar a cabo. De feito, as súas previsións para 2027 é sumar unhas 1.000 hectáreas de viñedo, o que supoñerá un incremento de entre 6 e 8 millóns de quilos de uva.
Tanto Ribeiro como Rías Baixas teñen entre as súas prioridades incrementar a base territorial dos seus viñedos, mentres que Valdeorras e Monterrei buscan un reaxuste e ordenación do territorio
Mentres, na situación contraria atópanse na DO Ribeira Sacra, onde ao falar de crecemento pensan en crecer en calidade e posicionamento dos seus viños, non en cantidade. “Nos nosos viñedos non é posible a mecanización e co envellecemento dos produtores e a falta de substitución xeracional non ten sentido pensar en incrementar superficie”, explican desde o Consello Regulador. Noutros territorios como Valdeorras, están a traballar tamén por unha ordenación do territorio para organizar este crecemento e o incremento da superficie de viñedos. Tamén teñen presente a baixada de rendementos por hectárea debido ao cambio climático, como un condicionante máis para este crecemento. “Antes de crecer debemos de valorar cales son os terreos dentro do noso territorio que mellor se adaptan para o viñedo, non ten sentido crecer sen ter isto en conta”, xustifican desde o Consello Regulador de Valdeorras. En Monterrei manteñen un posicionamento similar, buscando un incremento da superficie de viñedos, pero seleccionando as parcelas que mellor se adapten para este cultivo. “Non todo o noso territorio é apto para producir viño de calidade, mentres que temos concellos limítrofes cunhas moi boas condicións e unha fonda tradición na produción vitivinícola, cara a onde sería máis interesante que se ampliase a base territorial”, explican.

As importacións de leite e nata aumentaron un 66% no que vai de ano

Chegada dunha cisterna de leite procedente de Portugal á planta de Inleit en Teixeiro España, que importa cerca dun terzo dos produtos lácteos que se consomen no país, mantiña en maio un diferencial positivo de 8 céntimos no prezo do leite con respecto á media da UE (6 céntimos no caso de Galicia), unha situación que podería mudar nos vindeiros meses, á vista das ofertas que están a presentar as empresas que mercan leite en Galicia ás explotacións das que se subministran.  As industrias alegan abundancia de leite barato noutros países para xustificar a corrección de prezos á baixa e, no caso das empresas enfocadas a produtos industriais, como Inleit, Reny Picot, Galacteum ou Entrepinares, nula rendibilidade na coxuntura actual, transformando leite mercado nas granxas a 50 céntimos e vendido no mercado a 35. 
A situación é preocupante, o leite en po e a manteiga están a 35 céntimos equivalentes e o queixo posto aquí de Alemaña ou Polonia a 3€
"O leite en po e a manteiga están a 35 céntimos equivalentes e o queixo posto aquí de Alemaña ou Polonia a 3€ o quilo. A situación é preocupante porque temos un desfase moi importante con Europa e mentres iso non se corrixa hai moita incertidume e iso sempre é malo tanto para o gandeiro como para a industria", recoñece o xefe de compras dunha empresa que opera en Galicia e que apostou por renovar contratos a moi curto prazo.  Analizamos a continuación unha serie de condicionantes que están a influir na decisión das industrias de baixar o prezo ás granxas para os vindeiros meses:  1. Os produtos industriais frean a caída pero non acaban de remontar Despois dos máximos históricos acadados no verán de 2022, as cotizacións dos principais produtos industriais sufriron un descenso en picado no outono de 2022 e o inverno de 2023 que se freou nesta primavera. Pero aínda que semella que a caída tocou fondo e enceta unha pequena recuperación, os valores seguen estancados.   O prezo da manteiga tocou teito no verán do 2022, cando chegou a cotizar a 6.826€ a tonelada. Pero desde o pasado mes de outubro até este mes de xaneiro caeu a plomo, até valores de 4,600-4.800€, onde se mantén hoxe.  O mesmo lle pasou ao queixo, que chegou aos 5.234€/tn e está cotizando na actualidade a 4.000€. O leite en po, que chegou daquela aos 3.996€/tn, sitúase hoxe arredor dos 2.500€; e o soro en po, que chegou a valer 1.448€/tn, está hoxe a 638€ nos Países Baixos, 570 en Alemaña e 461 en EEUU. En canto ao leite spot en Italia está neste momento, mércase a 52,5 céntimos, case un 20% máis baixo que ás portas do verán do ano pasado e un 23,5% máis baixo que o prezo acadado no outono, cando chegou aos 68 céntimos, pero xa remontou desde niveis por baixo dos 45 céntimos marcados en abril deste ano, o que podería estar apuntando un rebote nos vindeiros meses nos valores de compra nas granxas europeas, sa que se trata dun termómetro da demanda que se usa habitualmente como referencia para anticipar a tendencia nos prezos en orixe.  2. Os excedentes dos principais países europeos seguen sen caer Aínda que se agarda unha caída de produción para o outono, como acostuma acontecer dentro do ciclo lácteo habitual, polo de agora a produción nos países do norte segue alta, con Holanda (+3,4%) e Alemaña (+2,5%) liderando o incremento, que tamén se está a dar en Dinamarca (+1%), Polonia (1,5%), Romanía (13,6%) ou Bélxica (+4,3%).  Pola contra, no lado oposto, atoparíanse as caídas de Francia (-1,9%), Irlanda (-1,3%), Italia (-1,4%) ou España (-0,7%), mentres que Portugal atópase xa en valores positivos (+0,6%).
Portugal aumentou a súa produción nos primeiros catro meses deste ano nun 0,6% mentres España perdeu un 0,7%
A rexión da Europa Central, na que se atoparía tamén Francia ou Irlanda, é a principal área produtora de leite e acapara 2 de cada 3 litros muxidos na UE. O incremento de produción nesta zona fixo que os excedentes lácteos se incrementaran un 4% desde xaneiro, pasando así Europa Central de producir un 30% de leite máis do consumido a un 34% na actualidade.  Esta tendencia de incremento de produción entre os países máis leiteiros de Europa repítese este ano tamén no resto das principais zonas produtoras a nivel mundial: EEUU +0,8%; México +1,8%; Nova Zelandia +2,9%; Rusia +4,3%; Bielorrusia +4,6%; Turquía +3,8%; Reino Unido +1%. Tan só Australia (-2,5%), Brasil (-1,6%) e Arxentina (-0,3%) amosan índices negativos. 3. Situación interna: a produción en España non se recupera En España, a oferta de leite segue estancada. O mercado interno segue lastrado pola caída de produción en comunidades como Castela e León, Cataluña ou Andalucía debido á seca e os altos custos de produción. O último informe FEGA publicado polo Ministerio, relativo á produción e prezos no mes de maio, indica que a produción baixou no conxunto de España (incluíndo Galicia) en 1.300 toneladas en comparación con maio do 2022, o que supón un descenso do 0,8%. En Galicia, sen embargo, as entregas subiron arredor do 0,5% en comparación con maio do 2022 (foron 1.400 toneladas máis as producidas).
Os gandeiros galegos cobraron en maio 5,5 céntimos menos polo leite que os de Asturias
En canto aos prezos, a media no conxunto de España en maio situouse de 54,3 céntimos (para un 4% de grasa e 3,30% de proteína), mentres en Galicia o prezo medio foi de 52,2. Na parte alta están novamente Asturias (57,7 céntimos), País Vasco (57), Cataluña (56,4), Castela e León (55,6) e Andalucía (55,4), mentras Galicia é das comunidades onde menos cobran os produtores, xunto con Murcia e Baleares. 4. Distorsión do mercado polo incremento das importacións de leite Importacións de produtos lácteos en toneladas nos primeiros catro meses do ano (Fonte: DataComex) No que vai de ano (xaneiro-abril) importáronse en España case 110.000 toneladas de leite e nata, 11.000 de manteiga, 73.000 toneladas de soro, e case 112.000 de queixo, segundo as estatísticas de Comercio Exterior do Goberno central. Supón un incremento considerable das entradas de produtos lácteos a respecto do mesmo período do ano pasado, xa que nos primeiros catro meses deste 2023 están chegando unha media de 33 cisternas diarias de leite e nata, fronte ás 20 que entraban pola fronteira o ano pasado.
Están a entrar pola fronteira unha media de 33 cisternas diarias
Estas entradas están motivadas polo aumento da produción láctea europea desde o mes de xaneiro. Os excedentes están a ser canalizados cara a países deficitarios coma España en forma de queixo barato fabricado en Alemaña ou Holanda e de leite líquido, procedente neste caso sobre todo de Francia e Portugal. 5. Leite barato de Europa: oportunidade para pagar máis en Galicia? A correción de prezos á baixa en Europa foi anterior á seguida en España, cun par de meses de antelación na decalaxe. Por exemplo, o prezo medio da UE en maio situouse en 46,64 céntimos, un prezo similar ao que anticipan os novos contratos en Galicia a partir de agosto.  O diferencial de prezo existente neste momento a favor do leite e do queixo importados está tensionando o mercado interno, tanto para as queixerías como para as industrias envasadoras de leite para consumo.
A corrección dos prezos á baixa en Europa foi anterior á seguida en España, cun par de meses de anticipación na decalaxe
Para aproveitar a coxuntura, en Galicia, algunhas empresas cambiaron a etiquetaxe das súas botellas e bricks de Orixe España a Orixe UE para poder envasar leite procedente de fóra. Pero ao mesmo tempo, o leite que chega ás fábricas galegas a un prezo máis competitivo está a permitir incrementar a conta de resultados das industrias, aumentando a marxe coa que traballan ao reduciren o prezo medio de compra da materia prima, o que daría pe a pagar máis aos gandeiros galegos polo seu leite. É o mesmo que fai CAPSA, pero á inversa, en Asturias, pagando máis o leite aos seus socios aproveitándose do leite barato que merca en Galicia. 

Onde sobra e onde falta leite en Europa?

De xaneiro a abril deste ano o conxunto da UE produciu 48,6 millóns de toneladas de leite, un 0,8% máis ca nos primeiros catro meses do ano pasado. Ese incremento deuse sobre todo en países que xa son excedentarios, como Bélxica (+10%), Holanda (+80%), Alemaña (+32%), Polonia (+31,5%) ou Dinamarca (115,8%).
A produción no conxunto da UE de xaneiro a abril foi un 0,8% superior á do mesmo período de 2022
Pola contra, a perda de produción dos países do sur de Europa no que vai deste ano, caso de Italia, España ou Grecia, fixo que se elevase aínda máis o seu grado de dependencia das importacións de leite e derivados, como países deficitarios que son a nivel de produción.  Pero máis aló dos desequilibrios no nivel de autosuficiencia por países, a propia UE, no seu conxunto, é excedentaria na produción de leite. Moxe neste momento un 17% máis leite ca precisa para cubrir a súa demanda interna e é, despois de Nova Zelandia, o segundo exportador de lácteos a China, primeiro comprador mundial e verdadeiro árbitro co comercio de produtos lácteos a nivel internacional.
A UE acabou o ano 2022 con 144,5 millóns de toneladas de leite producidas, un 17% máis do que consume
A produción láctea conxunta dos 27 países acadou en 2022 os 144,5 millóns de toneladas, 25 máis das que se consomen dentro da UE. Alemaña produce o 22% do leite da UE, Francia o 17%, Holanda o 10%, Polonia e Italia o 9% cada un, Irlanda o 6%, España o 5%, Dinamarca o 4% e Bélxica o 3%. 

Galicia, entre as Comunidades cun mellor comportamento das exportacións de viño en 2022

Segundo datos analizados polo Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMv), as exportacións vitivinícolas españolas alcanzaron en 2022 o seu máximo histórico en termos de valor, con 3.422,8 millóns de euros, un 3,5% máis que en 2021. Porén, caeron un 11,9% en volume até os 2.744 millóns de litros (comparados cun 2021 de récord), ao subir o prezo medio un 17,4% até os 1,25 €/litro, o máis alto dos últimos 4 anos. Respecto de 2021, España facturou 114,3 millóns de euros máis a pesar de exportar 370 millóns menos de litros. En 2022, 13 das 17 comunidades autónomas españolas facturaron máis en exportación vitivinícola, a pesar de que só 5 venderon máis litros. Estas 5 (Murcia, Andalucía, Asturias, Canarias e Baleares) foron as únicas que baixaron de prezo. Castela-A Mancha liderou un ano máis as exportacións de forma clara, seguida de Cataluña en valor e da Comunidade Valenciana en volume. Murcia foi a que máis medrou en termos absolutos, tanto en valor como en volume. Galicia exportou un 11,9% menos, até os 17,9 millóns de litros, facturando un 1,8% máis, até os 59 millóns de euros (cifra récord), a un prezo medio un 15,5% superior (3,29 €/l.). Con todo existe un importante contraste entre provincias: En Pontevedra, cuxas exportacións de viño están case todas amparadas polo CRDO Rías Baixas, o prezo medio foi de 5,70 euros o litro, mentres que nas provincias de Ourense e Lugo, con maior peso do viño fóra de DO ou a granel, os prezos medios foron de 2,14 e 1,60 euros o litro, o que lastra o dato global galego.

Descarga aquí o informe completo

“Preocúpanos a caída da produción de leite e de granxas. Pode perigar toda a cadea láctea”

O presidente da Organización Interprofesional Láctea (InLac), Daniel Ferreiro, e o presidente de Cajamar, Eduardo Baamonde, presentaron este xoves en Lugo a publicación El sector lácteo en España xunto aos dous coordinadores da obra, Edelmiro López, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Láinez, consultor de investigación e innovación alimentaria de Cajamar. O libro analiza en profundidade a evolución experimentada polo conxunto do sector desde 2015, cando desaparece o sistema de cotas lácteas na UE e se inicia unha progresiva liberalización da produción, atopándose na actualidade a oferta española de leite e os seus derivados “nunha conxuntura favorable de prezos á alza”, considera a análise realizada. O obxectivo desta publicación, promovida por Cajamar en colaboración coa Interprofesional Láctea é “achegar unha visión actual da dinámica recente, a realidade e os retos futuros da cadea láctea en España”. Esta monografía foi publicada en xullo de 2022. Con todo, e “a pesar da conxuntura do sector no último ano, conserva no esencial a súa vixencia”, aseguraron Manuel Laínez e Edelmiro López, coordinadores do estudo.
Na actualidade a oferta española de leite e os seus derivados atópase nunha conxuntura favorable de prezos á alza
Na súa elaboración participaron 38 especialistas recoñecidos do ámbito académico e investigador, analizando os diferentes elos da cadea (explotacións gandeiras, industria, distribución e consumo) desde distintos enfoques (contexto europeo e internacional, análise socioeconómica, mercados, tecnoloxía, sistemas de produción, sustentabilidade ambiental, nutrición e saúde). De 200.000 a 20.000 produtores Eduardo Baamonde destacou a evolución que experimentou o sector lácteo, adaptándose aos diferentes retos como a globalización, as melloras tecnolóxicas e as novas políticas comunitarias. “A clave da procura da rendibilidade xa non é tanto a mellora da competitividade, pois creo que este sector, sobre todo, na parte da produción, fixo os deberes nesta reconversión, e hoxe en día a produción media española está á altura da media comunitaria”, recalcou. Natural de Vilalba e enxeñeiro agrónomo, o presidente de Cajamar lembrou que o número de explotacións lácteas pasou nas últimas décadas de 200.000 ás 20.000 actuais. “Produciuse unha restruturación importante, sobre todo na parte produtora pero o sector actualmente está moito máis profesionalizado e moito máis orientado ao mercado. Estase internacionalizando máis, enfocándose a produtos de valor engadido, que eu creo que é o que hai que facer. O sector xa é moi competitivo e agora o que está buscando é productos e procesos que aporten valor”, afirmou. Neste sentido, recalcou que “debemos enfocarnos a analizar como podemos agregar valor, a través da diferenciación de procesos e produtos, e tamén o posicionamento de marca, que é un elemento clave para poder garantir o recoñecemento do verdadeiro valor do leite e dos produtos lácteos por parte do consumidor”.
Non poderiamos entender Galicia e o mundo rural sen o sector lácteo
“Queda unha asignatura, que é difundir e divulgar os valores do sector lácteo, porque o consumidor moitas veces descoñece aspectos relevantes como o contido nutricional dos produtos lácteos, os beneficios que teñen para a saúde ou o valor social e medioambiental que aporta o sector lácteo. O sector lácteo en Galicia é unha forma de vida, forma parte dunha cultura e dunha forma de entender o mundo e é fundamental sobre todo no mantemento do tecido rural porque fixa poboación e mantén o territorio”, asegurou. Escenario “muy volátil” Daniel Ferreiro, presidente da InLac, xunto a Eduardo Baamonde Pola súa banda, Daniel Ferreiro agradeceu a Cajamar o seu apoio para a elaboración desta publicación, que definiu como “unha pequena biblia do sector”, destacando a súa presentación en Lugo, “capital láctea de España”, afirmou. Así mesmo, o presidente da InLac reiterou a necesidade de afrontar os retos actuais que ten o sector: “Estamos preocupados pola caída da produción e a perda de efectivos no sector. Todos os factores van unidos: non hai relevo porque falta renda, recoñecemento social e calidade de vida. Ou buscamos solucións ou estaremos a poñer en perigo a toda a cadea láctea, desde a produción e as cooperativas á transformación láctea, pero non só iso, senón tamén ao medio rural e os ecosistemas”, argumentou o presidente da Interprofesional.
Debemos buscar saídas máis adecuadas fronte ao imparable aumento dos custos de produción e a enerxía
Ademais, engadiu,“debemos buscar saídas máis adecuadas fronte ao imparable aumento dos custos de produción e a enerxía, agravado trala invasión de Ucraína, e loitar porque o leite non se utilice como produto reclamo nos lineais. Necesitamos que a sociedade sexa consciente do traballo que existe detrás de cada vaso de leite, iogur, porción de queixo ou calquera outro alimento lácteo que consuma”. Vertebración e internacionalización Ferreiro insistiu no papel da Interprofesional Láctea para “mellorar a vertebración, a sustentabilidade e a xeración de valor”. “Somos un foro estable de debate e acordo entre todos os axentes da cadea láctea, un punto de encontro para representar os intereses comúns", destacou. 
A INLAC é un punto de encontro das distintas patas da cadea; aí confluímos, discutimos e acordamos
Destacou tamén a necesidade de “recuperar” o papel central dos produtos lácteos na dieta e o labor que está a levar a cabo a Interprofesional Láctea neste sentido. “Houbo moita desinformación e os produtos lácteos chegáronse a banalizar. Temos que recuperar o prestixio nutricional dos produtos lácteos no consumidor e facer un esforzo en poñer en valor o traballo desas 20.000 familias que están á fronte das explotacións e a súa importancia desde o punto de vista económico, social e ambiental”, afirmou.
Temos que facer un esforzo por conectar de novo co consumidor e coa sociedade en xeral para que se recoñeza o valor dun vaso de leite desde o punto de vista económico, social e ambiental
Neste sentido, a INLAC seguirá apostando pola divulgación e promoción dos produtos lácteos con diversas campañas, algunhas xa moi recoñecidas polo consumidor, como 3 lácteos ao día ou Quesea. Un novo campo de acción é o apoio ás estratexias de internacionalización do sector. “Nos próximos meses abordaremos unha campaña de promoción dos queixos españois en EEUU, para o que contaremos coa colaboración da Unión Europea. Estamos moi ilusionados por abrir o mercado americano, que é un mercado moi importante en derivados lácteos e concretamente en queixos”, explicou Ferreiro.

Principais conclusións: aumento do consumo mundial grazas a Asia, incremento de prezos en Europa e redución do déficit comercial en España

Manuel Láinez e Edelmiro López durante a presentación das conclusións do estudo Manuel Láinez e Edelmiro López, coordinadores do libro, foron os encargados de debullar o seu contido. Entre as principais conclusións, os autores do estudo destacan que “o consumo de produtos lácteos segue medrando no mundo, especialmente en Asia (90% do aumento mundial 2008-2018)”. Esa expansión prevese que continúe na presente década, aínda que a un ritmo menor. Na parte da oferta, “desde 2015 (desaparición das cotas) as entregas de leite de vaca aumentaron na UE a taxas moderadas (+5,5% no período 2015-2020)”, indica o estudo. O destino dese incremento de produción europea repartiuse ao 50% entre o mercado interno e a exportación.
Perspectiva ata 2030: ralentización do crecemento de produción (a un ritmo dun 0,6% anual) e alza do prezo do leite no mercado comunitario
Pero ese crecemento da produción freouse no último ano como consecuencia de factores como o incremento de custos nas explotacións por mor da guerra de Ucraína, así como de factores climáticos e ambientais. “As perspectivas ata 2030 indican unha ralentización dese crecemento (a un ritmo dun 0,6% anual) e unha alza do prezo do leite no mercado comunitario”, destaca Edelmiro. Concentración da produción O incremento en España, destacando comunidades como Galicia, foi desde 2015 “significativo” e “claramente superior á media comunitaria”. O estudo prevé que continúe o “proceso de restruturación das ganderías lácteas cara a explotacións máis grandes, tecnificadas e intensivas, concentradas en zonas especializadas”. España conta con máis de 20.600 gandeiros dedicados á produción do leite. Deles, 12.500 fano na produción láctea procedente da vaca (61%), 4.800 de cabra (23%) e 3.300 de ovella (16%). España é hoxe o sétimo maior produtor de leite de vaca de Europa, tras Alemaña, Francia, Reino Unido, Holanda, Italia e Irlanda; é tamén unha potencia en leite de ovella, só superada por Grecia; e a segunda en leite de cabra, despois de Francia. Crecemento das empresas de tamaño medio En España hai máis de 1.500 centros autorizados para a recollida e transformación de leite, que xeran máis de 30.000 empregos, o 8,5% do total do conxunto do sector agroalimentario, e un volume de negocio superior aos 9.500 millóns de euros. A industria en España absorbeu todo o incremento da produción interna de leite. “Na última década o volume de leite procesado aumentou en 1,3 millóns de toneladas, máis da metade dese aumento foi destinado a queixos e o resto a iogures, sobremesas e produtos industriais, fronte á estabilidade do leite envasado”, concretan os autores do libro. Ao mesmo tempo, producíronse cambios na estrutura empresarial, cun forte crecemento dun grupo de empresas de tamaño medio.
Na última década as vendas ao exterior de queixo español rexistraron un incremento do 125%
No últimos ano reduciuse o déficit estrutural da balanza comercial española de produtos lácteos, destacando datos como que na última década as vendas ao exterior de queixo español rexistraron un incremento do 125%. Dominio da gran distribución A análise realizada pon de relevo o “forte dominio da gran distribución no comercio minorista de leite e produtos lácteos, superior ao 90%” e recomenda “a necesidade de consolidar relacións estables e estratexias de colaboración entre os elos da cadea”. O estudo destaca ademais o “rol relevante” das cooperativas, sobre todo na comercialización do leite e o aprovisionamento de insumos ás explotacións, así como a súa “contribución á resiliencia da cadea”.