“Gustaríanos manter os prezos pero e imposible competir con leite que está entrando a 42 céntimos”

As industrias lácteas galegas, como o Grupo Lence, síntense prexudicadas pola entrada a baixo custo de cisternas de Francia ou Portugal. Malia esa situación, prevén unha liña continuísta nos prezos do leite

Jesús García, director de operaciones del Grupo Lence

Jesús García Fernández, director de operacións do Grupo Lence

Está a sobrar leite en Europa e os seus efectos nótanse en Galicia. Os excedentes que se están xerando nesta primavera en países como Alemaña, Holanda ou Polonia acaban inundando os mercados e desestabilizando os prezos. Pero esta situación non prexudica só aos gandeiros, senón tamén ás industrias galegas.

O Grupo Lence é neste momento a segunda empresa que máis leite recolle na comunidade, só por detrás da multinacional francesa Lactalis. Os preto de 900.000 litros diarios (unhas 325.000 toneladas anuais) que se procesan nas dúas fábricas de Río de Galicia no polígono do Ceao, en Lugo, e na planta de Leyma, en Arteixo, supoñen o 17% da produción láctea galega.

A empresa fai gala, desde a chegada de Carmen Lence, de comprar toda a súa materia prima en Galicia e de ser por iso unha compañía clave no panorama lácteo da comunidade. Pero esa decisión, nestes momentos, supón unha desvantaxe competitiva a respecto doutras industrias, debido ao diferencial de prezo existente con outras zonas produtoras.

Como empresa seguimos defendendo a orixe galega do leite e indicámolo na etiquetaxe

O director de operacións do grupo lucense, Jesús García, é claro: “Como empresa seguimos defendendo a orixe galega do leite, e indicámolo na etiquetaxe. Pero esta situación está a penalizarnos, porque compites con industrias que utilizan materia prima moito máis barata”, explica.

“É distinto pagar o litro de leite a 53 céntimos que facelo 10 céntimos menos e nestes momentos pódenche poñer leite de Francia aquí a 42 céntimos, é un diferencial moi importante”, insiste.

De Galega 100% a Orixe UE

Desde o Grupo Lence sinalan ademais que algunhas empresas da competencia modificaron a súa etiquetaxe para aproveitar a actual conxuntura de excedentes de leite en Europa e prezos máis baixos que en España. “Hai industrias que están a cambiar o etiquetado a orixe UE”, afirma Jesús García.

Desde xaneiro de 2019 en España é obrigatorio indicar a orixe do leite, sinalando o “país de muxidura” e o “país de transformación”, e, se ambos coinciden, utilízase o termo “Orixe do leite” seguido do país de procedencia.

Esta normativa, que inicialmente se aprobou para ser aplicada con carácter experimental durante dous anos, en liña con regulacións similares establecidas noutros Estados, fora ampliada ata xaneiro deste ano pola Comisión Nacional de Mercados e Competencia co fin de achegar máis información e garantías ao consumidor.

Desde 2019 é obrigatorio en España indicar a orixe do leite

Outra vía de identificación da orixe do leite é selo PLS. No 2013 o Ministerio de Agricultura creou o selo Produtos Lácteos Sostibles (PLS), ao que se sumaron 15 industrias lácteas e 9 empresas de distribución. O selo PLS acabou converténdose en garantía da orixe española do produto.

A Xunta creou tamén o seu propio selo de garantía, Galega 100%, que xestiona o Laboratorio Interprofesional Galego de Analise do Leite (LIGAL), para aquelas empresas cuxo centro de procesamento estea situado en Galicia e utilizen materia prima exclusivamente de explotacións incluídas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

O leite máis caro de Europa

Ata o ano pasado, en Galicia comprábase en orixe o leite máis barato, non só de España, senón de toda Europa. Pero o escenario mudou. Trala brusca subida producida na segunda metade de 2022, desencadeada pola escaseza de subministración en toda Europa, os prezos remontaron. E mentres no resto de países os prezos practicamente volveron xa aos niveis previos a ese repunte, en España seguen aguantando en niveis elevados, aínda que corrixidos á baixa nos contratos desta primavera.

Imos facer ofertas continuistas; gustaríanos manter o prezo

“Nas renovacións de abril nós baixamos unha media duns 6 céntimos, na liña ao que fixeron o resto de industrias no panorama nacional, pero seguimos moi desfasados con Europa, onde seguen baixando os prezos”, asegura Jesús García.

O Grupo Lence renovará contratos en agosto, para o que está a empezar a preparar as propostas que enviará aos gandeiros. “Imos facer ofertas continuistas pero o prezo final vai depender do que fagan o resto de industrias porque non podemos quedarnos illados. Se ti pagas o leite 3 céntimos máis que o teu competidor, ao final sácante do mercado. Nós estamos un pouco á expectativa, pero gustaríanos manter o prezo”, avanza o director de operacións da compañía.

Ampliación da recollida

O Grupo Lence recolle nestes momentos leite nunhas 400 ganderías das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Nos últimos anos modificou a súa política de subministración, tratando de fidelizar ás súas explotacións provedoras, unha intención que manterán na próxima firma de contratos.

Estamos nunha senda de crecemento e querémonos achegar nos próximos anos ao millón de litros diarios

“A idea é renovar o mesmo volume ou mesmo medrar un pouco. Nós estamos actualmente nunha senda de crecemento e querémonos achegar nos próximos anos ao millón de litros diarios; estamos nestes momentos preto dos 900.000 litros”, detalla Jesús García.

Problemas de subministración no outono

O aumento na recollida é tamén unha garantía de subministración para as súas marcas ante o temor a un novo desabastecemento de materia prima como o vivido o ano pasado. “A curto prazo, as industrias non imos acusar tanto esa posible falta de leite no campo, porque agora é cando menos consumo hai, ao final da primavera e de cara ao verán, pero no próximo outono e inverno vaise volver ver”, avanza.

O director de operacións do Grupo Lence non espera unha recuperación da produción española para este ano, debido a factores como a seca, e destaca as condicións privilexiadas de Galicia para a produción forraxeira. “A nivel español creo que se seguirá dando unha concentración da produción láctea en Galicia e un descenso noutras zonas, polo que somos optimistas de cara ao futuro”, afirma.

En Alemaña o prezo xa caeu e o leite está a 37 céntimos; iso vaise empezar a notar nos próximos meses

En canto á produción en Europa, Jesús García augura un descenso nos próximos meses, o que serviría para frear as importacións. “Debemos analizar os datos globais anuais e non os dun período concreto do ano, e aínda que neste momento se poida estar dando un pico de produción, non tanto en Francia pero si noutros países europeos, seguimos crendo que a tendencia a longo prazo é que o número de ganderías e volume total de leite a nivel europeo descenda”, prognostica.

“É normal que nestes momentos no norte de Europa haxa máis produción porque o leite chegou a alcanzar tamén alí prezos de 60 céntimos, polo que aínda que teñan restricións ambientais e custos altos de produción, as ganderías puxéronse a producir. Pero hoxe o prezo en Alemaña xa caeu e o leite está a 37 céntimos. Iso vaise empezar a notar nos próximos meses e a produción volverá baixar alí”, argumenta.

O consumo mantense a pesar da inflación

O Grupo Lence está a tratar de diversificar os produtos transformados que saen das súas fábricas, por exemplo con batidos da gama OptiPRO, para lograr desta forma maiores marxes e valor engadido, pero o envasado de leite UHT e a nata son aínda a día de hoxe os principais produtos transformados que saen das factorías do grupo.

A demanda destes produtos básicos mantívose estable malia á revalorización do prezo no supermercado e á conxuntura económica das familias. “A pesar da inflación, nós non notamos unha caída significativa no consumo. Tanto nas nosas marcas como nas marcas de distribución que envasamos a demanda está a manterse”, asegura Jesús García.

Una idea sobre ““Gustaríanos manter os prezos pero e imposible competir con leite que está entrando a 42 céntimos”

  1. Xinxo Xioxán

    Xa hai países nos que o prezo está a subir, coma Países Baixos, Nova zelanda, Italia. Se durante estas 5 semanas que faltan ata a firma dos novos contratos, o leite segue a subir, que excusa poñeredes para baixalo aquí? Decide a verdade, estades acostumados a que os gandeiros galegos sexamos escravos, e iso igual vai mudando, non o olvidedes

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información