Queixerías Prado (Monforte de Lemos, Lugo), unha histórica industria do sector lácteo galego, nada no 1982, vén de ser adquirida por unha alianza de dúas empresas, co liderazgo de Oviganic Ibérica e a participación de Leite Noso. O obxectivo dos novos propietarios pasa por aumentar a produción e oferta da queixería, cunha aposta pola innovación que consolida as perspectivas de futuro da empresa monfortina.
O acordo de compra inclúe a continuidade dos 25 postos de traballo da factoría, así como o mantemento dos acordos con tódalas granxas proveedoras. De feito, Queixerías Prado, a petición das dúas empresas compradoras, procedeu recentemente a renovar no campo a totalidade dos acordos coas ganderías.
A factoría, xa dirixida a partir de agora por Oviganic Ibérica e Leite Noso, segue co seu ritmo de funcionamento habitual, garantindo o suministro a tódalas cadeas de distribución coas que opera, sen cambios nese sentido.
O novo proxecto que encara Queixerías Prado supón un impulso para a histórica empresa monfortina, que naceu como tal no 1982 a partir de dúas familias ligadas ó sector lácteo, Prado e González. A empresa foi dirixida na última década por Inmaculada González -sucesora de Julio González-, que coa venda deixará tamén a dirección da firma.
Queixerías Prado é unha referencia en Galicia na diversificación da oferta de queixos. Foi a empresa que contribuíu a prestixiar o queixo de barra de Galicia, adaptándose ás demandas de consumo, e na actualidade mantén unha ampla gama de produtos que inclúe diferentes formatos (loncheados, cuñas, queixos do país tradicionais, etc.), comercializando tamén queixos da denominación de orixe Tetilla.
A capacidade de procesado da queixería sitúase en 100.000 litros de leite ó día, se ben traballaba ata o de agora a un ritmo menor. O obxectivo de Oviganic Ibérica e de Leite Noso é aumentar a produción de Queixerías Prado, así como a súa oferta de produtos.
Oviganic Ibérica, unha peza singular da industria láctea que se orienta ó mercado chinés
O novo proxecto para a queixería monfortina está liderado por Oviganic Ibérica, unha industria asentada tamén en Monforte que destacou nos dous últimos anos por un importante investimento para a modernización da súa planta.
Oviganic Ibérica, propiedade da multinacional china Yeeper desde o 2019, está a poñer en marcha novas liñas de fabricación de leite en po para alimentación infantil de alta gama, así como liñas para a desmineralización de soro e para a elaboración de aceite de manteiga, que serve de ingrediente base para a industria alimentaria.
Boa parte da produción de Oviganic Ibérica oriéntase á exportación a China, polo que é previsible que Queixerías Prado, a parte de manter as súas actuais liñas de comercialización en Galicia e no resto de España, pase a producir tamén con perspectivas á exportación.
A entrada de Oviganic Ibérica en Queixerías Prado é considerada no sector como unha garantía para a modernización da histórica empresa monfortina.
Leite Noso, a sociedade gandeira que comercializa Deleite e Muuu, dá novos pasos na industrialización do leite galego
A outra empresa que participa na compra de Queixerías Prado é Leite Noso, a sociedade propiedade de gandeiros galegos que envasa as marcas Deleite e Muuu. Desde o seu inicio, Leite Noso significouse no campo por manter contratos estables coas granxas a prezos xustos. En abril do pasado ano protagonizou ademais unha importante captación dalgunhas das ganderías máis innovadoras de Galicia, coas que asinou contratos a 3 anos.
Leite Noso xa fora pioneira en ofertar contratos no campo a 1 ano e no 2020 convertiuse tamén na primeira empresa en ofrecer contratos a 3 anos en Galicia, o que lle aporta unha maior estabilidade ás granxas.
Coa entrada en Queixerías Prado, as perspectivas de Leite Noso aumentan, pois espérase que ademais de continuar o envasado de leite coas marcas Deleite e Muuu, engada novos produtos lácteos a súa oferta.