Oviganic Ibérica, como unha empresa de Monforte se especializou en productos lácteos para China

A antiga Eurosérum, adquirida fai un ano pola compañía chinesa YeePer, transformou o ano pasado 50 millóns de litros de leite, fundamentalmente de ovella e cabra, en soro e leite en po. Agora investirán 10 millóns de euros para elaborar produto final listo para consumir, destinado todo á exportación

Camións descargando na planta ubicada no polígono industrial de Reboredo

Camións descargando na planta ubicada no polígono de O Reboredo

Oviganic Ibérica SL, a antiga Eurosérum, cumpre un ano baixo propiedade chinesa. A empresa ubicada en Monforte, que elabora leite en po e soro lácteo, semella encarar un novo renacer da man do conglomerado chinés Bei’An YeePer Dairy Co Ltd, un dos principais fabricantes de leite para bebés e produtos de nutrición infantil do país asiático, onde a demanda de lácteos non deixa de medrar.

Máis de tres décadas leva funcionando a planta no polígono industrial de O Reboredo, nos que pasou por varios donos, entre eles a cooperativa francesa Sodiaal, último propietario, que operou as instalacións desde o ano 2008 até xaneiro do ano pasado.

A venda ao grupo YeePer levou aparellado un cambio de estratexia no funcionamento da factoría para adaptarse ás necesidades do seu novo dono, que precisa soro e leite en po de cabra e ovella, materia prima coa que fabricar unha das súas gamas de produtos.

Desde a adquisición por parte do grupo chinés, a planta adaptouse ás necesidades de materia prima do seu novo propietario, especializado en leites infantís

Deste xeito, a transformación de leite de vaca, principal actividade da planta monfortina desde a súa creación en 1986, pasou a un segundo plano para centrar a súa produción actual na fabricación de leite en po, soro en po e manteiga procedente de leite de cabra e, sobre todo, de ovella.

Cambiar as vacas polos pequenos rumiantes

A materia prima vén agora de fóra de Galicia, de produtores de Castela e León fundamentalmente, aínda que as instalacións manteñen a actividade orixinaria de secado de leite de vaca para outras empresas, polo que os gandeiros do centro e do sur da provincia de Lugo dos que se surtía a factoría non se viron afectados polo cambio de rumbo.

A planta ten capacidade para transformar 24 toneladas de leite en po ao día, unhas 8.500 toneladas anuais, aínda que pechou 2019 sen completar as posibilidades totais que ofrece a súa torre de secado, fabricando unicamente unhas 4.000 toneladas, aínda que de 11 referencias diferentes, “o que consome moito máis tempo que se fora de 2 ou 3 productos nada máis”, explica Joaquín Garrido, que continua como director xeral trala adquisición por parte dos accionistas chineses.

A torre de secado ten capacidade para fabricar unhas 8.500 toneladas de leite en po ao ano

As instalacións da antiga Eurosérum, cuxa facturación rondou os 16 millóns de euros no ano 2018, procesaron o ano pasado 50 millóns de litros de leite entre vaca, cabra e ovella. “O noso forte agora é o leite de ovella e os soros de cabra e ovella. No caso do leite de vaca facemos maquilas para outras empresas, algo que en volume supón moitos litros pero en traballo e facturación pouco, arredor do 15% do total”, explica Joaquín.

Novos investimentos previstos

Un dos produtos elaborados por Yeeper Dairy

Un dos produtos elaborados por YeePer Dairy

Na planta monfortina traballan neste momento 50 persoas, cun crecemento do 10% no número de postos de traballo neste primeiro ano baixo batuta oriental. “Este primeiro ano foi un éxito, cumprimos os obxectivos fixados”, indica o director xeral da fábrica, que mira con esperanza o futuro.

YeePer pretende implantar en Monforte unha nova liña produtiva na que elaborar desde Galicia produto final destinado ao consumidor asiático. “Vanse facer investimentos non para aumentar capacidade, senón para diversificar, elaborando ademais de soro e leite en po, produto final listo para consumir, procurando deste xeito darlle máis valor aos produtos que facemos aquí”, explica Joaquín.

YeePer Dairy conta cunha gama específica de ovino, de aí o seu interese por instalarse nun país como España, segundo produtor mundial de leite de ovella, e pretende elaborar desde Galicia produto final destinado ao consumidor asiático

A ampliación das instalacións, para as que xa contan cunha parcela de 5.000 metros cadrados adquirida recentemente no mesmo polígono de O Reboredo, a carón das actuais instalacións, completarían deste xeito a parte final do proceso de transformación, que agora se leva a cabo en fábricas ubicadas en China. O investimento previsto é de entre 10 e 15 millóns de euros e as obras estarán rematadas en outubro de 2021.

Primeira incursión do xigante asiático no sector lácteo galego

O grupo YeePer levaba anos subministrándose de materia prima en España pero até a compra de Eurosérum fai un ano non contaba con instalacións propias. A compañía buscaba estándares de calidade europeos na materia prima empregada para elaborar os seus produtos nutricionais.

Debido aos sucesivos escándalos de seguridade alimentaria en xeral, e en particular no sector leiteiro, para os consumidores chineses, a seguridade alimentaria é un factor importante na súa decisión de compra; especialmente naqueles produtos que son percibidos como saudables (entre eles os lácteos), motivo polo cal están dispostos a pagar un prezo maior se a marca lles ofrece maior confianza, algo que os consumidores chineses asocian ás marcas estranxeiras.

Por iso, a adquisición da planta monfortina non foi unha compra illada. A matriz chinesa da que agora depende a actual Oviganic está a facer distintas adquisicións semellantes en varios países, coas que apuntalar a súa expansión internacional.

O aumento de poboación e de poder adquisitivo no país asiático está a animar o interese de empresas de todo o mundo polo mercado alimentario chinés. Marcas como a galega Feiraco, pertencente á cooperativa Clun, teñen os ollos postos neste país. Pero, ao mesmo tempo, compañías de orixe chinés están saíndo fóra do país a faceren investimentos que as posicionen neste mercado, ao igual que teñen presenza en moitos outros ámbitos.

A adquisición fai un ano da planta monfortina foi a primeira operación de investidores chineses en empresas agrogandeiras de Galicia

Empresas de capital chino levan por exemplo anos operando xa en Galicia en sectores como o conserveiro, pero a adquisición da planta de Monforte trátase da primeira incursión de capital chinés no sector lácteo galego. Empresas do país asiático, onde o consumo de leite se está a incrementar de xeito exponencial, sendo un dos principais importadores mundiais de produtos lácteos xa neste momento, operan tamén en países como Francia dentro do sector agrogandeiro, tanto en producións de leite como de viño, mediante a adquisición de máis dun cento de bodegas nos últimos anos na zona de Burdeos.

A presenza en Galicia do grupo YeePer abre posibilidades tamén a outras empresas da nosa comunidade. Dairylac, participada maioritariamente pola cooperativa Aira, mantivo contactos coa empresa chinesa para subministrarlle soros desmineralizados de leite de vaca procedentes da súa torre de secado. O mercado mundial dos soros lácteos destinados á alimentación humana está a medrar de xeito importante e as previsións son que este crecemento se manteña a curto e medio prazo.

Historia da planta e vocación exportadora

Imaxe da planta cando traballaba para Danone

Imaxe da planta cando traballaba para Danone

Na fachada principal do almacén da factoría, a carón da torre de secado, aínda se poden ver medio desdebuxadas as letras dun dos nomes que tivo a empresa nas súas tres décadas de funcionamento: Gestión de Lácteos SL. Despois de Gestlact, que tiña un acordo de subministro en exclusividade para a francesa Danone, aínda se chamaría Lácteos Rocafort antes de pasar a ser Eurosérum.

Os distintos nomes son indicativos dos distintos avatares dunha planta que comezara a operar no ano 1986, coincidindo coa entrada de España na Comunidade Económica Europea, baixo o nome de Cofrilesa e funcionando inicialmente só como centro de recollida. Ocupando xa daquela nun terreo de 2.000 metros cadrados na súa actual ubicación, era propiedade dun empresario do sector leiteiro con instalacións en Salamanca e Ávila que chegara a Galicia atraído pola nosa produción de leite nun momento de demanda de materia prima.

Agora transforman sobre todo leite de cabra e ovella e o 100% é enviado a China en contedores desde os portos de Vigo e Marín

Joaquín, que leva desde o principio nas instalacións, decidiu mercar a planta no ano 95 xunto a outros dous socios, pasando a facer, ademais de recollida, tratamento e maquila, produto industrial. No ano 2002 ampliáronse as instalacións e montouse a mantequería.

No ano 2008 a empresa foi vendida a Sodiaal, a principal cooperativa francesa e a terceira en volume a nivel europeo, e pasou a chamarse Eurosérum Ibérica, nome que mantivo até a súa adquisición en xaneiro de 2019 pola china YeePer Dairy.

Malia o baile de nomes e propietarios en todos estes anos, a planta sempre mantivo o seu espírito exportador dunha materia prima abundante en Galicia. Hoxe a totalidade da súa produción de leite de cabra e ovella é enviada a China, pero cando pertencían á francesa Sodiaal xa enviaban a Corea e aos países do Magreb.

Mercado emerxente

Mercancía paletizada lista para enviar a China

Mercancía paletizada lista para enviar a China

China absorbe o 12% das compras mundiais de produtos lácteos e malia que multiplicou por catro a súa produción de leite nos últimos 20 anos (dos 9 millóns de toneladas en 1999 aos 36 millóns actuais), segue a ser o primeiro importador mundial de produtos lácteos e agárdase que o crecemento da demanda faga que a partir de 2021, supere en consumo a Estados Unidos.

Nun país con preto de 1.400 millóns de habitantes, o aumento do consumo de produtos lácteos explícase polo aumento da renta das familias, pola percepción dos lácteos como un produto saudable e pola introdución de gustos occidentais na dieta da poboación.

Debido á falta de instalacións de almacenamento ou refrixeración en frío, o sector lácteo está dominado polo mercado do leite en po, un produto máis doado tamén de transportar. Aproximadamente, a metade das importacións de China son leite en po, utilizada para a fabricación de preparados para lactantes e outros produtos lácteos. Con todo, nos últimos anos, China tamén se converteu nun importante consumidor doutro tipo de produtos lácteos como o iogur ou o queixo.

A China podemos ir, pero hai que ir con volume. Temos que ter capacidade e ser competitivos e aquí temos custos de enerxía moi importantes para o secado

O país importa produtos lácteos de 60 países e rexións distintas. Nova Zelandia, Estados Unidos, Francia e Australia son os principais países provedores. Mead Johnson (Estados Unidos), Fonterra (Nova Zelandia), Abbot Laboratories (Estados Unidos), Danone (Francia), Friesland Campina (Holanda), Nestlé (Suiza) ou Arla Foods (Dinamarca) son algunhas das compañías foráneas mellor posicionadas en China.

Desde a súa experiencia, Joaquín Garrido considera que tamén Galicia pode aproveitar ese mercado pero advirte: “A China podemos ir, pero hai que ir con volumen. Hai que ter capacidade para aproveitar ese mercado e temos que ser competitivos e aquí temos custos de enerxía moi importantes”, asegura. A torre de secado da planta de Monforte está alimentada con electricidade e con gas, procedente dunha planta de gas natural licuado ubicada nas propias instalacións da factoría e que conta con dous tanques de 60.000 litros cada un.

Considera, sen embargo, que o transporte non é un problema a pesares da distancia. “Enches un contedor e enseguida estás en China”, di. Toda a produción que a empresa manda ao país asiático sae por barco desde os portos de Marín e Vigo en contedores de 25.000 quilos cada un, o mesmo sistema empregado durante os 11 anos anteriores por Sodiaal para exportar unha media de entre 7.000 e 8.000 toneladas anuais.

“Traemos a materia prima de fóra porque aquí non hai. Esta planta representa unha oportunidade para a produción de leite de ovella en Galicia”

Joaquín Garrido, director xeral de Oviganic Ibérica SL

Joaquín Garrido, director xeral de Oviganic Ibérica SL, no almacén da empresa en Monforte

O cambio de materia prima principal na planta monfortina cara o leite de ovella e cabra supón tamén unha diversificación na industria láctea galega, centrada basicamente na transformación de leite de vaca. “Esta planta representa unha oportunidade para a produción de leite de ovella en Galicia”, afirma o responsable de Oviganic Ibérica, cuxo nome, elixido mediante escolla democrática polos traballadores entre varias propostas penduradas do taboleiro de anuncios, fai referencia precisamente á procedencia ovina do leite transformado no polígono de O Reboredo e á querencia pola produción ecolóxica do novo propietario da empresa, Mu Shanbo.

Malia a súa dilatada experiencia no sector lácteo, Joaquín Garrido admite ter chegado “virxe” ao mercado do leite de cabra e de ovella, aínda que constata “moitas similitudes” co de vaca. Subminístranse de produtores de ovino e caprino de varias provincias de Castela e León “basicamente porque aquí non hai”, di.

A planta de Monforte nunca tratou directamente con produtores, senón que os seus subministradores sempre foron primeiros compradores, aínda que agora están adquirindo leite directamente a cooperativas de ovino e caprino de Castela e León. “Nunca mercamos a gandeiros directamente, nin cando eramos Lacteos Rocafort nin sendo Sodiaal”, explica Joaquín.

Compañía líder en produción ecolóxica en China

Mu Shanbo durante a súa visita ás instalacións en marzo

Mu Shanbo durante a súa visita ás instalacións en outubro

Os empresarios chineses caracterízanse pola discreción e son contadas as aparicións públicas dos propietarios da planta monfortina, aínda que persoal enviado desde China leva meses traballando nas oficinas de Monforte supervisando a integración da planta no conglomerado de empresas.

“YeePer globalizarase e abrazará ao mundo”, indica a empresa chinesa na súa páxina web. Toda unha declaración de intencións da compañía propiedade de Mu Shanbo, fundador e presidente de YeePer Dairy, que “asume a responsabilidade de revitalizar a industria láctea de China e acadar o primeiro nivel mundial”, asegura.

O seu eslogan como empresario é concentrarse nunha cousa para lograr os mellores resultados e deixar que os profesionais fagan o seu traballo. El empeñouse en facer o mellor leite en po de China para favorecer o crecemento dos nenos e nenas chineses e confiou á empresa monfortina, cuxas instalacións visitou o pasado mes de outubro, a materia prima para logralo.

YeePer conta con miles de vacas en China e Rusia, produción de millo e soia na rexión de Heijonjiang e fábricas de procesado tanto en China como en Corea do Sur

Asentada nunha das principais zonas de produción láctea de China, a rexión de Heilongjiang, onde se dan cultivos como o millo ou a soia, Mu Shanbo creou a primeira fábrica de produtos lácteos en 1995 e desde entón desenvolveu toda a cadea desde a produción agrícola até o procesado, envasado e comercialización de derivados lácteos. A compañía conta con miles de vacas, que producen diariamente 50 toneladas de leite a base de pastos, que son procesadas posteriormente nas distintas fábricas da compañía (catro en China e unha en Corea do Sur).

A empresa, con sede central en Qingdao, emprega estándares europeos de tratamento e control microbiano do leite e lidera a industria láctea chinesa en termos de I+D+i. Conta con distintas liñas de produto, baseados no leite de fórmula, no leite en po de vaca e ovella e no leite ecolóxico. YeePer é, de feito, un dos primeiros fabricantes de leite en po ecolóxico de China e conta con produción en ecolóxico tanto en China como en Rusia.

O leite en po de ovella é un produto novo desenvolvido pola empresa chinesa nos últimos anos e que gañou o premio Monde Selection Gold, considerado o Nobel dos alimentos. A base é o leite puro de ovella procesado en plantas como a que agora posúe en Monforte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información