A empresa chinesa Yeeper ampliará a súa planta de Monforte con dúas novas liñas de fabricación de leite en po e aceite de manteiga para alimentación infantil

Supón un investimento de 16 millóns de euros e a creación de 50 postos de traballo na factoría de produción de derivados lácteos ubicada no polígono do Reboredo, que está a vivir un impulso importante desde a súa venda no ano 2019 por parte da súa anterior propietaria, a cooperativa francesa Sodiaal

Vista das instalacións actual da planta de Oviganic Ibérica no polígono industrial do Reboredo, en Monforte

Vista das instalacións actual da planta de Oviganic Ibérica no polígono industrial do Reboredo, en Monforte

O Consello da Xunta declarou este xoves iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Oviganic Ibérica, a antiga Euroserum, para a ampliación e modernización da planta produtiva que a empresa ten no municipio de Monforte de Lemos. Así, a declaración aprobada esta semana permite dar carácter prioritario aos trámites que son competencia do Goberno galego para a posta en marcha desta actuación, reducindo os prazos administrativos á metade ao tempo que se manteñen todos os requisitos técnicos e normativos. O obxectivo último é axilizar a execución deste proxecto que prevé a creación de ao redor de 50 novos postos de traballo entre directos e indirectos e investimentos por valor de 16 millóns de euros.

O proxecto de produción de derivados lácteos que se está a desenvolver no polígono industrial do Reboredo, en Monforte, suporá a eliminación de custos económicos e ambientais completando nun mesmo territorio as cadeas de subministración de materias primas e elaboración dos produtos, e implicará aforros enerxéticos importantes no proceso produtivo, no envasado, no transporte e na comercialización. Ademais, a partir do seu deseño como iniciativa tractora que complementa cadeas de valor, prevé “dinamizar sectores económicos estratéxicos para Galicia, como as explotacións gandeiras de gando bovino, ovino e caprino”, segundo destaca a Xunta.

Relanzamento da planta desde o ano 2019

A ampliación e modernización da fábrica –adquirida polo grupo chinés YeePer á cooperativa francesa Sodiaal no 2019– ten como finalidade ampliar a súa capacidade produtiva e mellorar a súa competitividade, construíndo unha nova liña de fabricación de leite en po para alimentos infantís de alta gama e instalando unha planta de elaboración (a partir de nata procedente de leite de ovella, cabra e vaca) de aceite de manteiga, preparado base para a produción doutros produtos alimenticios.

A empresa chinesa investiu xa máis de 15 millóns de euros en Monforte en dúas liñas de desmineralización de soro e de envasado de mestura seca

Oviganic Ibérica vén desenvolvendo de forma innovadora programas de industrialización e comercialización de produtos lácteos destinados á venda no exterior e que comercializa principalmente en China. Ademais da posta en marcha do proxecto declarado iniciativa empresarial prioritaria, a empresa está a realizar na actualidade investimentos por valor de case 16 millóns de euros para crear dúas novas liñas de desmineralización de soro e de envasado de mestura seca, que suporán un incremento do cadro de persoal a 66 traballadores, 17 máis dos actuais.

Ademais, a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, concedeu á empresa unha axuda de 3 millóns de euros para apoiar un proxecto enmarcado nos apoios de transformación e comercialización de produtos agrarios que teñen como obxectivo fomentar os investimentos para a creación, ampliación e modernización deste tipo de instalacións.

Unha alternativa para incentivar a produción de leite de ovella e de cabra en Galicia

Visita do director xeral de Gandería, José Balseiros, acompañado do director da planta, Joaquín Garrido, a Oviganic en xaneiro do ano pasado

Visita do director xeral de Gandería, José Balseiros, a Oviganic en xaneiro do ano pasado, acompañado polo director da planta monfortina, Joaquín Garrido 

A planta de Monforte, que comezou a súa andadura secando leite de vaca para a produción de soro e leite en po, mudou a súa materia prima principal coa adquisición da factoría por parte da multinacional chinesa, especializada na produción de leites maternizadas e produtos de alimentación infantil, onde se emprega en maior medida leite de cabra máis ca de vaca polo seu maior parecido ao leite humán.

Na actualidade a maior parte da materia prima que se usa na factoría monfortina procede de explotacións de leite de ovella e cabra de Castela e León, debido a que en Galicia este tipo de produción é moi escasa e destínase fundamentalmente á produción de queixos. 

Na actualidade a maior parte da materia prima que emprega Yeeper na súa planta de Monforte procede de explotacións de leite de cabra de Castela e León

O proxecto de Oviganic Ibérica é a terceira iniciativa empresarial prioritaria de Galicia, unha figura recollida na Lei de implantación empresarial e que se consolidará na Lei de reactivación económica que se tramita no Parlamento. Búscase así potenciar a captación de investimentos e a creación de emprego de calidade con máis simplificación administrativa, máis incentivos fiscais ás empresas e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.

Terceiro proxecto declarado iniciativa empresarial prioritaria en Galicia

Así, en xuño do ano pasado o Consello da Xunta catalogou como prioritarias as iniciativas das empresas Hijos de Carlos Albo, para a construción dunha nova planta produtiva na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan); e de Aluminios Cortizo, para a creación dun campus tecnolóxico no municipio de Padrón. A execución de ambos os proxectos suporá a creación de, polo menos, 350 postos de traballo directos e investimentos por valor de 60 millóns de euros.

A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, e o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios a través da Oficina Doing Business, creada polo Goberno galego para contribuír á eliminación de obstáculos e barreiras á actividade empresarial. No caso da planta de Oviganic Ibérica de Monforte, a Xunta valora que servirá para “impulsar o desenvolvemento produtivo a nivel local de explotacións gandeiras, a mellora da competitividade e a presenza internacional a través da innovación”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información