China erixiuse nos últimos anos no principal importador de produtos lácteos, con case 11.000 millóns de euros de compras ao exterior o pasado 2019. Sen embargo, o xigante asiático, cuxa poboación incrementa ano a ano o seu consumo de leite, aspira a ser autosuficiente, baseando o seu crecemento en macrogranxas e en grandes conglomerados empresariais que controlan o sector.
Para analizar a situación actual do sector lácteo chinés e que impacto tivo a crise do coronavirus Covid 19 sobre o mesmo, o Institut de L´Élevage (IDELE) francés, organizou a pasada semana un webinar impartido por Jean Marc Chaumet, o seu experto naquel país.
Como punto de partida, destacar que o prezo medio do leite en orixe en China situouse en 2019 en 0,46 € el litro, un 5,5% por riba do de 2018 e o máis alto dende 2014. O prezo permanece estable dende o 2015 debido a que está atrapado entre os custos de produción elevados e o prezo dos produtos lácteos importados.
A produción mantense estable en arredor de 32 millóns de toneladas (un 4% máis ca en 2018), e un 6% máis que en 2008, cando o sector viuse moi afectado pola crise da melamina. Entre 1996 e 2006 rexistrouse o gran salto da produción de leite de vaca en China, ao pasar de 5 a case 30 millóns de toneladas.
Máis que en ganderías familiares, en China a produción de leite está moi vinculada a empresas gandeiras, cada unha con ducias de miles de vacas, que lle venden ás industrias lácteas. O control do gasto en alimentación -o prezo da soia e do millo permanecen estables- e a suba dun 5% nos prezos do leite permitiulle a estas empresas lograr importantes beneficios en 2019.
Evolución dos resultados das principais empresas chinas de producción de leite de vaca:
En canto á industria láctea de China, o 2019 tamén foi un bo ano tanto en facturación como en beneficios empresariais, cun forte crecemento das dúas empresas líderes (Yili e Mengniu) que cada vez monopolizan máis o mercado interno chinés.
¿Que produtos lácteos consomen en China?
En canto ao consumo de leite e derivados lácteos en China, segue a súa tendencia á alza, cunha media de 30 litros por habitante e ano, un 5% máis que en 2018 (en España a media sitúase en 70 litros). O consumo de leite de vaca asóciase a beneficioso para a saúde e tamén a un acto de pracer.
Polo que respecta ao tipo de produtos lácteos, os consumidores chineses elixen fundamentalmente leite líquido e leites fermentados, que representan o 97% das vendas en valor. Polo de agora hai pouca demanda para o queixo, aínda que se incrementa o seu consumo de forma sostida.
En concreto, os produtos lácteos fermentados acaparan o 36% das vendas en valor; o leite UHT o 22%; outros leites líquidos un 17%; o leite aromatizado o 14%; o leite pasteurizado un 8% e os queixos soamente un 2%.
Reparto das vendas de produtos lácteos en China en valor:
Sen embargo, a produción de leite en China só cubre arredor do 75% das necesidades do país, polo que ten que recorrer ás importacións, que o pasado ano acadaron os 10.700 millóns de euros, correspondendo o 43% a leite en pó para alimentación infantil, a través de empresas como Yeeper, asentada desde fai un ano en Monforte.
Evolución das importacións de China de produtos lácteos en valor:
Macrogranxas de ata 100.000 vacas que se construirán este ano
A crise do coronavirus tamén afectou ao sector lácteo chinés, polo confinamento da poboación e os efectos negativos na economía. As vendas de produtos lácteos baixaron, principalmente a de derivados lácteos de alta gama, polo que se calcula que os beneficios da industria láctea caerán un 65% e o 40% das empresas entrarán en perdas, principalmente as industrias rexionais.
Malia esta crise puntual, a produción nos primeiros meses do ano segue á alza e o prezo do leite en orixe situouse en maio nos 0,47 euros o quilo, un 1% máis que no mesmo mes de 2019.
A confianza en que a demanda chinesa de produtos lácteos continuará aumentando, sobre todo a medio prazo, leva a que as principais industrias lácteas do país sigan investindo na construción de grandes macrogranxas.
Así, no mes de marzo a empresa produtora láctea Junlebao comezou a construción dunha granxa de 12.000 vacas na provincia de Hebei. E en abril, Yili, a primeira industria láctea do país, empezou a construir unha serie de granxas en Mongolia Interior para 100.000 vacas en produción, e outra macrogranxa de 50.000 animais na provincia de Ningxia.