“Galicia é unha potencia láctea única, pero precisamos maior vertebración do sector”

Entrevistamos a Sergio Martínez, director xeral de Innolact, que destaca a innovación e a exportación como sinais de identidade da compañía lucense, especializada en queixo crema e mascarpone. Nos próximos catro anos, prevén case duplicar a súa produción actual, acadando as 7.000 toneladas

“Galicia é unha potencia láctea única, pero precisamos maior vertebración do sector”

Sergio Martínez, director xeral de Innolact.

Hai 16 anos un grupo de persoas vinculadas á Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago creaban Innolact, un proxecto empresarial a partir do desenvolvemento dun método diferente para facer queixo crema, aproveitando un subproduto da industria láctea, a mazada.

Querían demostrar “que se podían facer as cousas doutro xeito no sector lácteo galego” e desde o primeiro momento enfocaron a súa estratexia á innovación e á exportación. Hoxe, Quescrem é a marca española que máis queixo vende en países como China, Xapón ou Corea do Sur.

Falamos con Sergio Martínez, un dos catro socios fundadores e hoxe director xeral da empresa asentada en Castro Riberas de Lea, que proxecta seguir medrando cun ambicioso plan de crecemento que practicamente lle vai permitir duplicar a produción no 2026. 

Comezamos por botar a vista atrás. Como nace Innolact-Quescrem?
– Arrincamos no 2006. Fomos 4 persoas os impulsores, que seguimos sendo a día de hoxe os socios principais e os membros do Consello de Administración: Juan Méndez, que foi director da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago; José Luis Antuña, ex director xeral de Clun; Jesús Zapico, que traballou como director de produción industrial de varias empresas lácteas; e eu.  

Sergio Martínez, Jesús Zapico, Juan Méndez e José Luis Antuña poñían a andar no ano 2006 Inlolact SL para a produción e venda de queixo crema baixo a marca Quescrem

Traballando na empresa só estamos Jesús e máis eu. A implicación e o papel de José Luis e de Juan na compañía sempre foi a nivel estratéxico, máis que operativo. Quescrem arrinca a súa actividade a finais do ano 2007 sendo 4 persoas e o 2008 foi o noso primeiro ano completo de produción e venda.

– E hoxe?
– Neste momento somos 94 persoas, cun perfil formativo elevado, máis do 55% dos traballadores teñen titulación universitaria, unha media de idade de 35 anos e un 52% de mulleres no total do cadro de persoal.

Levamos dous anos de forte crecemento e acabaremos 2022 cunha facturación de máis de 20 millóns de euros

Agardamos rematar este ano arredor dos 4,2 millóns de quilos de queixo fabricado e comercializado e a facturación asociada a iso van ser algo máis de 20 millóns de euros. Levamos unha evolución de forte crecemento nos últimos dous anos. Viñamos dunha etapa un pouco estancados no ano 2019, e no 2020 decrecemos case un 8% por mor da covid, pero 2021 e 2022 foron dous anos con moi boa evolución.  

– Tendes capacidade para asumir ese nivel de crecemento coas actuais instalacións?
– Nós agora mesmo traballamos en dúas fábricas aquí no polígono de Castro Riberas de Lea. A fábrica orixinal, que ten uns 4.000 metros cadrados de superficie útil, está dedicada ao queixo crema, pero está completamente saturada e xa non ten para onde medrar máis. Nesta planta estamos no tope da capacidade produtiva, traballamos 24 horas ao día practicamente os 7 días da semana.

Iso levounos no ano 2017 a investir na compra doutra parcela que está neste mesmo polígono, a un quilómetro de distancia, onde fixemos unha primeira unidade produtiva para elaborar mascarpone, porque na outra planta non tiñamos sitio.

O proxecto de crecemento que temos ten varias fases. Agora estamos na primeira desas fases, que consiste en instalar unha liña completa de produción de queixo crema na fábrica II, porque temos xa actualmente necesidade de producir máis queixo crema do que podemos asumir nas actuais instalacións, que non nos permiten xa cubrir as previsións de demanda para 2023. A instalación desta nova liña de fabricación non levaría aparellada obra civil, senón que sería principalmente equipamento.

Nesta primeira fase ademais o 25% dos investimentos son no ámbito da sostibilidade ambiental e o autoabastecemento eléctrico, coa construción dunha segunda planta de produción de biogás a partir de residuos xerados pola nosa actividade. 

O noso obxectivo é pasar das 4.000 toneladas actuais a 7.000 toneladas en 2026

E a segunda fase sería ampliar a fábrica co obxectivo de instalar novas liñas de fabricación e envasado de queixo crema e trasladar alí toda a actividade produtiva porque ter dúas plantas de produción no mesmo polígono separadas un quilómetro é pouco eficiente.

A nosa idea é cara o ano 2025-2026 ter unificada toda a nosa capacidade produtiva nesa única fábrica e ter o dobre de capacidade ca hoxe en día. O noso obxectivo é estar producindo no 2026 unhas 7.000 toneladas de queixo dunha capacidade máxima total de 9.000 toneladas anuais.

Todo ese plan de crecemento leva asociado un investimento duns 16 millóns de euros. Nesta primeira fase serían uns 5 millóns de euros e entre 2023 e 2024 serían outros 3 millóns máis para a obra civil. A partir de aí faríase o investimento para novas liñas de produción e a migración da maquinaria que agora temos na primeira fábrica para alí co obxectivo de integrar toda a actividade produtiva nun único emprazamento.

– Cales son as principais liñas de produtos que fabricades actualmente?
– Facemos máis de 52 familias de produtos, que multiplicados por unha media de 4 formatos diferentes, ao final fan unhas 160 referencias comercializadas a día de hoxe. As principais son o queixo crema, con diferentes familias, e o mascarpone, pero temos tamén iogur culinario, que é un iogur para uso profesional, moi concentrado, que aporta moito sabor e que está pensado para todo tipo de elaboracións; e facemos nata ácida, tamén coñecida como crème fraîche ou sour cream, que é un produto para a exportación.

Unha das características que ten esta empresa é que está constantemente desenvolvendo e lanzando novos produtos ao mercado. Cando iniciamos a nosa actividade no ano 2007 tiñamos un só produto, que era o queixo crema natural, e fomos ao longo destes anos desenvolvendo diferentes produtos e tecnoloxías. Un dos primeiros foi o mascarpone, que tamén é hoxe un dos nosos principais produtos.

Unha das nosas características fundamentais é a adaptación do produto ás necesidades do cliente

E logo fomos diversificando en diferentes tipos de queixos crema. Dentro do queixo crema hoxe temos unha variedade enorme: queixos crema baixos en graxa, sen lactosa, receita europea e americana, etc. O queixo crema plus, por exemplo, está pensado para o recheo de masas e resiste a conxelación e o forneado sen desestruturarse. 

Adaptámonos ás necesidades dos clientes e desenvolvemos para eles produtos específicos, xa sexa para mercados concretos ou para clientes concretos, que teñen receitas ou produtos específicos. Esa é tamén unha das nosas características fundamentais.

O departamento de I+D+i de Innolact-Quescrem está formado por 7 persoas

O departamento de I+D+i de Innolact-Quescrem está formado por 7 persoas

– Falas de novos produtos e de innovar como unha das claves do éxito da empresa.
– A innovación está na orixe de Innolact. Nós somos unha empresa especialista que se basea en tecnoloxías non clásicas de produción de queixo. Hoxe temos un equipo de I+D+i formado por 7 persoas que sigo dirixindo, porque é tamén ese o ámbito do que procedo e porque o consideramos un dos eixos estratéxicos da empresa.

Cando creamos Quescrem botabamos en falta no sector lácteo galego capacidade de iniciativa e de cambio

Nese aspecto, Quescrem non é unha empresa tradicional, xa por como nace. Queriamos demostrar que as cousas se podían facer dun xeito diferente e que iso se puidera visualizar nun proxecto empresarial. Nós no ámbito universitario do que procedemos botabamos en falta no sector lácteo galego capacidade de iniciativa, de cambio e de internacionalización, en definitiva, un xeito diferente de pensar. Un dos valores de todo o equipo que formamos Quescrem é o inconformismo.

– En canto aos provedores, de onde vos subministrades?
– A nosa materia prima principal para facer o queixo crema é o leite mazado, a mazada, que é un produto derivado da fabricación da manteiga. A nosa tecnoloxía baseouse niso desde o comezo. Cando se fai manteiga a partir de nata obtense unha especie de leite semidesnatado, que é a mazada, que contén unha parte moi específica e especial da graxa do leite, que a nosa tecnoloxía de fabricación é capaz de conservar no queixo e que é o que confire ao noso produto unha característica diferencial, porque é un emulsionante natural. Iso é algo moi valorado a nivel profesional e culinario.  

O queixo crema ten un consumo importante de nata e temos acordos de subministro con outras industrias

A mazada traémola de industrias que fan manteiga, tanto en Galicia como noutros puntos da zona norte de España. Outro ingrediente fundamental do queixo crema é a nata e temos acordos de subministro para aprovisionarnos de nata de industrias da zona.

Pero o noso crecemento e a inestabilidade no aprovisionamento de mazada levounos a que no ano 2013 tiveramos que empezar a empregar leite na nosa planta. Aí comezamos a facer unha recollida no noso entorno máis próximo. Neste momento os nosos gandeiros non están a máis de 15 km da fábrica.

O noso obxectivo é aprovisionarnos do leite que necesitamos no entorno máis próximo posible á fábrica mediante recollida propia

O queixo mascarpone elabórase 100% a base de leite e é un produto de exportación fundamentalmente, que se move moito por picos de demanda e necesidades moi puntuais, para o que necesitamos un aprovisionamento un pouco máis forte de leite, por iso estamos incrementando un pouco a recollida.

– Onde vendedes os vosos produtos?
– A nosa canle principal é o sector profesional, desde o Horeca aos pequenos obradores, pastelerías, restaurantes, etc. O food service constitúe para nós aproximadamente o 50% do noso mercado. Logo temos a canle industrial, é dicir, outras fábricas que empregan a nosa materia prima para elaborar outros produtos. Iso representa para nós o 30%. É dicir, fóra do que é o supermercado temos o 80% das nosas vendas, mentres que o retail representa o 20% restante.

Fóra do supermercado temos o 80% das nosas vendas

Tivemos moi claro cando empezamos que máis aló da parte tecnolóxica, era moi importante a parte de mercado e que non todo ten que pasar polo supermercado. Hai grandes empresas que non venden os seus produtos nos supermercados; hai consumo máis aló do que vemos nas baldas dos supermercados, consumo de calidade e que necesita I+D e coñecemento.

– Unha aposta de Quescrem é a internacionalización. En que países tendes presenza e cal é o enfoque estratéxico que vos marcades?
– Nós comezamos a nosa actividade de exportación no ano 2010, só 3 anos despois de crear a empresa. Tivémolo clarísimo desde o comezo, que malia estar ubicados nun pobo de 500 habitantes da Terra Chá como é Castro Riberas de Lea, podiamos trasladar esta maneira diferente de facer as cousas que nós temos a outros países e a outros clientes que o valorasen. Un dos nosos primeiros mercados fóra foi Emiratos Árabes e logo foron xurdindo Arabia Saudita e Qatar. O mesmo noutras zonas.

Que a nosa actividade exportadora comezara no 2010, só 3 anos despois de crear a empresa, non foi unha casualidade, senón que era algo buscado

Nós non nos queriamos quedar en España, sabiamos que tiñamos tantas ou máis oportunidades fóra. O mercado interno español representa neste momento para nós o 49% da facturación e sumado Portugal chegamos ao 57%. E o resto, ese 43%, é exportación fóra da península ibérica, onde vendemos en máis de 40 países.

produtos Quescrem1– Un deles é China. Que valor ten para vós o mercado asiático?
– Nós fixemos unha aposta polo mercado chinés hai moito tempo. No ano 2012 comezamos a mandar mascarpone a China a través do Cluster Alimentario de Galicia e vimos unha boa aceptación do noso produto.

Pero no ano 2017 demos un paso adiante máis e desenvolvemos unha tecnoloxía que fai que o noso mascarpone teña unha vida útil de 9 meses. Desta maneira é un produto moi estable que facilita a súa exportación porque os ciclos loxísticos cada vez son máis complexos e o que antes tardaba un mes en chegar converteuse en dous ou tres meses.

Con esa experiencia previa vimos que para entrar no mercado chinés era fundamental ter xente sobre o terreo. Por iso no ano 2020, xusto antes da pandemia, constituímos unha empresa en China, con persoal propio pero de orixe local, que representa alí a Quescrem.

Desenvolvemos unha tecnoloxía que fai que o noso mascarpone teña unha vida útil de 9 meses e iso facilita a súa exportación

Grazas a iso, hoxe temos un desenvolvemento importante en China. Fomos no ano 2021 o principal exportador español de queixo a China, en concreto, máis do 90% do queixo español exportado o ano pasado a China foi vendido por Quescrem.

Agora mesmo estamos nunha fase expectante pola contestación social e os problemas económicos que está a xerar a política de covid cero do Goberno chinés. Nós isto xa o estamos a notar nas nosas vendas desde fai 4 ou 5 meses, cunha caída importante no consumo de alimentación fóra do fogar, que se está a desplomar por mor dos confinamentos. Neste momento estamos un pouco á expectativa de ver como evoluciona a situación nos vindeiros meses.

O noso principal mercado ‘retail’ neste momento é China e en Corea e Xapón temos un mercado espectacular por diante

En China nós temos moi bo desenvolvemento sobre todo no mercado retail. Do 20% total que representan as nosas vendas en supermercados, o 75% prodúcense en China. Pero o que son os sectores food service e industrial estanse a resentir por esta situación.

Pero en Asia hai outros países nos que estamos traballando moi ben, como son Corea do Sur e Xapón, que son mercados nos que a calidade do produto, a capacidade de innovación e a aportación de valor se premian moito e temos neles un desenvolvemento moi interesante. En Xapón o ano pasado exportamos o 75% do queixo español e en Corea estamos arredor do 85%. Son mercados nos que somos relevantes a nivel español, aínda que a nivel global nos queda aínda moitísimo percorrido.

– Cal é a vosa principal competencia neses mercados?
– Nova Zelandia e Australia no ámbito asiático son os nosos principais competidores e algunhas empresas europeas, como pode ser Arla, e logo tamén empresas americanas, por exemplo Mondelez, que é o noso principal competidor a nivel xeral.  Todos son auténticos monstros comparados co noso tamaño. Nese sentido, nós estamos acostumados a pelexar con xigantes porque o ámbito do queixo crema non é un ámbito de pequenas empresas, senón que é un mundo de multinacionais.

Estamos acostumados a pelexar con xigantes; o noso principal competidor é Mondelez

Pero ao final hai espazo para todos. Os neozelandeses e australianos teñen un queixo crema que non ten sabor, un produto hiperindustrial, e nós somos completamente diferentes, buscando facer un produto con moitísimo sabor a base de fermentacións longas que potencian ese sabor a queixo. Polo tanto, son produtos diferentes. Nós non podemos substituír o queixo crema australiano pero eles non aportan a textura e o sabor que aporta o noso e as referencias de prezo non teñen nada que ver. Nós non aspiramos a ser un produtor xigantesco de queixo crema, pero si de calidade.

– Falando de calidade, recentemente decidistes incorporarvos ao selo Galicia Calidade. Que vos aporta?
– Nós somos galegos da cabeza aos pés. Somos unha empresa con capital 100% galego, sentímonos galegos e levamos Galicia polo mundo. Cando facemos unha presentación a un cliente o primeiro que facemos é poñerlle un vídeo introdutorio onde presentamos Galicia.

E cando fixemos Quescrem o noso primeiro slogan era o primeiro queixo crema galego. Foi o primeiro slogan e a primeira multa que tivemos. O queixo galego está protexido polas denominacións de orixe e ese foi o primeiro desencanto que levamos, que nós non podiamos publicitar no noso envase que eramos queixo crema galego 100%, cando para nós era un motivo de orgullo.

Para nós era duro facer as cousas ‘á galega’ e non poder dicilo

Entón tiñamos unha espiña clavada profundamente con iso e por iso decidimos sumarnos a Galicia Calidade, porque nos permite levar ese nome e decir que somos galegos e que facemos cousas á galega, cunha acollida e un trato ao cliente case innato.

Estamos nun proxecto de cambio de packaging e etiquetado e os novos envases xa van incorporar todos o selo de Galicia Calidade. A nós gústanos moito traer xente de fóra a Quescrem e a visitar a nosa comunidade e eles perciben a confianza que transmite Galicia e moitas veces despois acaban traballando tamén con outras empresas daquí.

“O vindeiro ano os prezos do leite vanse manter nun nivel alto, pero teño dúbidas de como estará o mercado a partir da primavera de 2024”

Sergio Martínez.

Sergio Martínez.

Sergio Martínez admite ser “un apaixoado do sector lácteo galego” e fala con claridade das súas posibilidades e dos seus retos. Este enxeñeiro agrónomo formado no Campus de Lugo deu o salto do ámbito universitario ao empresarial e pensa que o futuro pasa pola “cultura e a formación” para asegurar relevo xeracional ás explotacións e un fluxo constante de persoal cualificado á industria de transformación.

– Como ves o futuro do sector lácteo galego?
– A min o que me preocupa neste momento do sector lácteo galego é a continuidade da xente nas explotacións. Hai máis profesionalización nas ganderías, aumentaron de tamaño e hai máis produción, pero eu non teño a sensación de que haxa un relevo xeracional asegurado ou que haxa persoas non vinculadas familiarmente que se formen para coller ou crear explotacións. Penso que a situación nese sentido é peor que fai 16 anos cando naceu Quescrem e méteme un pouco de medo o futuro en canto á produción de leite en Galicia.  

Dame medo que entremos nun abandono da produción. En Galicia hai 500.000 hectáreas de terra sen valorizar; eu creo que a oportunidade é enorme

Sen embargo, eu creo que temos a nivel de Galicia unha oportunidade enorme de crear un gran ecosistema entre produción, industria e investigación pero para iso é fundamental captar e reter o talento en todos os elos desa cadea.

Cando eu estudei, na miña promoción arrincamos 125 alumnos a carreira de enxeñería agrónoma, agora non hai máis de 15 ou 20 por ano. As persoas que traemos a Quescrem a traballar no ámbito produtivo ou do I+D son persoas que non teñen experiencia no ámbito lácteo. Iso noutras rexións produtoras de leite, como é o caso da Bretaña francesa, non pasa. Nós mantemos unha colaboración moi estreita co Agrocampus Rennes e alí hai unha xeración constante de xente preparada, aquí iso non o temos.

Temos dificultade para atraer talento no sector industrial e no da formación e innovación

En Galicia creáronse estruturas que estaban ben pensadas para converterse nunha referencia. Por exemplo o Ligal ou a Aula de Produtos Lácteos. Pero é necesario articular algo que vertebre todos eses elementos. O sector, en sentido amplo, está desestruturado. Boto de menos que se articule un pouco máis todo isto e ese papel corresponde á Administración. Habería que dar un impulso cara adiante porque noto que hai unha oportunidade pero para aproveitala é necesario un liderado máis forte por parte da Administración, porque é moi difícil que o tractor poida ser a industria por todos os recelos que pode traer ao sector produtor.

O modelo galego ten características propias e é coherente pero é necesario un liderado máis forte por parte da Administración

Somos unha potencia láctea con características propias que nos fan únicos, como o modelo de explotación ou o valor natural e medioambiental do noso territorio. Son factores moi valorados nos mercados. Nós vémolo moi ben cando traemos xente de fóra. Se ti traes un cliente chino e ademais de visitar Quescrem o levas a ver unha gandería e ao Ligal, e o complementas con experiencias noutros sectores como pode ser o vitivinícola, percibe o tamaño con respecto á calidade e ve que hai coherencia en todo.

Non é o mesmo producir leite nun territorio rural coma o noso que facelo nun entorno cheo de fábricas contaminantes ao redor. E logo o Ligal transmite moito rigor e seriedade no control da produción e a Aula de Produtos Lácteos capacidade de innovación no sector.

– Agora mesmo vívese un momento doce no sector produtor, con prezos altos do leite no campo. Vanse manter?
– Nós temos un modelo de retribución ao gandeiro transparente e fomos sensibles á suba de custos de produción que as granxas tamén notaron. As explotacións que fomos collendo estes anos para subministrarnos de leite e que son unhas nove familias neste momento, están implicadas co proxecto e non marchou ningunha.

Pero eu penso que prezos de 60 céntimos non son sostibles a longo prazo. Eu creo que no ano 2023 os prezos vanse manter nun nivel aceptable, pero non como estamos vendo hoxe en día. Non sei onde se vai establecer o punto de equilibrio pero penso que entre os 45 e os 50 céntimos, seguramente máis cerca dos 50 céntimos que dos 40. Iso para o próximo ano.

Pero para 2024, sen embargo, teño outra visión diferente. Teño moitas máis dúbidas do que poda acontecer a partir da primavera de 2024. Porque neste momento hai un déficit de leite dun 1 ou un 2%, pero o prezo está animando a aumentar a recría e cando esas xovencas empecen a dar leite pode darse a situación contraria, de excedente de produción.

Nós seguro que non estaremos pagando a 30 céntimos, porque non é o noso modelo, pero xa veremos como vai estar o mercado a partir de 2024

Nós para a fabricación do mascarpone necesitamos un maior volume de leite en determinadas épocas e nestes últimos meses empezamos a ter certos problemas de subministro. Por iso decidimos cambiar a estratexia e aumentamos a compra directa de leite ás explotacións e cando nos sobra leite vendemos o excedente a outras industrias. Para producir mascarpone necesitamos entre 30.000 e 40.000 litros de leite á semana.

Aumentamos a recollida para garantir que cando queiramos producir teñamos leite. Necesitamos entre 30.000 e 40.000 litros á semana

Non era o que queriamos facer, foi máis a reacción a unha necesidade de aprovisionarnos de leite que buscar competir por provedores con outras industrias. Esa non era a nosa intención, pero se empezas a ter problemas para subministrarte non che queda máis remedio, porque o que non podemos é deixar de vender queixo por non ter leite. Antes había unha dispoñibilidade no mercado que nos últimos meses non estaba garantida.

– E en canto aos prezos dos produtos lácteos industriais, que tamén se moven en máximos históricos?
– A nós os prezos que teñen os produtos lácteos neste momento asfíxiannos. Debido á suba dos custos de produción, a marxe que tiñamos este ano desplomouse ata o punto de tender practicamente a cero. O prezo medio da graxa o ano pasado foi 4,5€ e este ano chegamos case a 9€. É unha loucura. Pero non é que subiran só as materias primas, a nós aféctanos a luz, o gas, o transporte, o cartón, o plástico, todo. Hai ingredientes dos nosos queixos que multiplicaron por catro o seu prezo.

É unha loucura, hai ingredientes dos nosos queixos que multiplicaron por catro o seu prezo

A pesar das subas que o consumidor ve nos liñais dos supermercados, eu creo que a industria láctea non trasladou ao mercado todos os incrementos de custos que se produciron. Nós traballamos un produto con máis valor engadido, pero ten un límite, sobre todo cando as cousas por debaixo se che disparan.

Por poñer un exemplo que nos afecta a nós, o yen devaluouse un 20% con respecto ao euro desde principio de ano. Teriamos que trasladar unha subida do 20% aos nosos clientes xaponeses; sen embargo, non podemos facer iso porque acabariamos perdendo ese mercado.

Hai un factor de incertidume moi importante neste momento. Non sabemos o que vai pasar, porque a situación xeoestratéxica é moi complicada. As importacións de lácteos por parte de China desplomáronse no último semestre, cando era o principal importador a nivel mundial e iso estaba tirando dos prezos para arriba.

produtos Quescrem2– A nivel de transformación, fan falta máis empresas como Innolact-Quescrem en Galicia?
– Cantas máis mellor, pero xa cambiou moito o conto desde que nós empezamos con isto. Agora temos un tecido industrial moito mellor que o que había no ano 2006. Xurdiron moitas empresas que non existían entón, de diferentes tamaños e procedencias. Temos iniciativas enormes como poden ser Inleit ou Entrepinares, que non existían cando nós empezamos e temos outras iniciativas máis cativas pero cun bo desenvolvemento como poden ser queixerías de autor.

Non vou dicir que nós teñamos que ver niso, pero en algo contribuímos, polo menos polo feito de ser un pouco pioneiros en demostrar que se poden facer cousas. E nós desde o inicio empeñámonos en non ocultar absolutamente nada e colaborar en todas as iniciativas nas que puidemos contribuír para articular un mellor sector agroalimentario galego, e lácteo en particular.

Máis aló de ser unha empresa rendible, buscamos que iso teña un impacto positivo na sociedade

Somos socios fundadores do Clusaga, levamos desde o inicio na súa xunta directiva e eu neste momento estou á fronte da súa comisión de innovación. Queremos ir máis aló da nosa propia empresa e ter un impacto positivo na sociedade, colaborando no posible a que xurdan outras iniciativas.

– Un exemplo desa colaboración podería ser Arquega.
– Efectivamente. No 2013 Arquega pechou e o que fixemos foi facer unha joint venture con CLUN para retomar a actividade produtiva daquela fábrica, que quedaba en desuso e o persoal sen traballo. Fixemos unha aposta por dinamizar aquela planta. Alí producimos exclusivamente queixo fresco tradicional.

É unha queixería que data do ano 2000 e que se fixo con moito agarimo no seu día e ten unha tecnoloxía de produción bastante diferente, cun carrusel para a fabricación de queixos onde cada vagoneta é unha cuba e onde se trata moi ben a cuallada e se fai un queixo fresco espectacular.

É algo bastante diferente da nosa actividade principal, porque é un produto que non soporta ben a exportación. Os queixos véndense fundamentalmente en Galicia. Para nós foi máis un acto de romanticismo que de estratexia empresarial, pero estamos satisfeitos de que non morrera esa iniciativa, de que estea funcionando e siga achegando valor para o sector lácteo.

 

  • Entrevista realizada en colaboración con Galicia Calidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información