Archives

Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño de Valdeorras do 3 ao 5 de maio

 
De esquerda a dereita a secretaria da Ruta, Araceli Fernández; a vicepresidenta, Montserrat Rodríguez e a técnica da Ruta do Viño, Cristina Núñez. A vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, Montserrat Rodríguez, presentou este venres a programación dunha nova edición da `Primavera de Portas Abertas, coa que a Axencia de Turismo de Galicia e as cinco rutas do viño participantes (Valdeorras, Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei) pretenden poñer en valor a oferta enoturística da Comunidade. Referíndose á programación prevista desde a Ruta de Valdeorras, a vicepresidenta salientou que se trata “dunha proposta de calidade que esperamos sirva para consolidar a tendencia a alza da participación rexistrada nas últimas edicións e coa que agardamos romper récords de visitantes”. Neste sentido, salientou que as previsións parecen confirmar o interese por esta Ruta, xa que practicamente están cubertas as prazas en todas as actividades. Durante a presentación da iniciativa esta mañá no Mosteiro de Xagoaza, Montserrat Rodríguez amosou o desexo do organismo de que a celebración desta Primavera de Portas Abertas`’ se converta “nun revulsivo para a comarca, dinamizando a economía da zona e desestacionalizando un turismo esixente e de calidade”.

Programación diversa e completa

A vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras destacou que por segunda vez consecutiva, “temos a responsabilidade de inaugurar as cinco fins de semana de divulgación das propostas enoturísticas que engloba ‘Primavera de Portas Abertas’”. Concretamente, será do 3 e 5 de maio e desde a entidade xa teñen preparada unha diversa e completa programación con 15 actividades que van desde visitas guiadas a lugares e espazos do patrimonio da comarca, xantares tradicionais, cantos de taberna, rutas en bicicleta, carreiras de orientación, visitas a espazos naturais e tamén ás antigas minas de wolframio da zona, entre outras e por suposto, as covas, tan singulares e identitarias desta ruta do viño. Neste punto, Montserrat Rodríguez quixo ter palabras de agradecemento para as 13 adegas participantes, que terán ocasión de amosar a excelencia, propiedades e matices dos seus viños máis definitorios e tamén para os establecementos da rede hostaleira e de restauración da comarca, que elaboraron paquetes deseñados concretamente para esta acción con propostas de aloxamento e restauración a prezos moi especiais. “Todos eles implicáronse neste programa”, subliñou poñendo en valor a programación pensada para o visitante onde un dos pratos fortes será un showcooking protagonizado pola recén galardoada mellor cociñeira no Galicia Forum Gastronómico, Begoña Vázquez, propietaria do Restaurante Regueiro da Cova. A restauradora mostrará aos visitantes “o seu bo facer sobre a base da cociña tradicional con toques vangardistas, acompañando os seus pratos cos excelentes caldos da nosa comarca”. O éxito desta convocatoria enoturística provocou que xa se cubriran todas as prazas dos autobuses fretados pola Ruta do Viño de Valdeorras que sairán de cinco cidades galegas (A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela) e de Ponferrada. De todos os xeitos, os interesados en visitar algunha das trece adegas que participan nestas xornadas de portas abertas poden facelo desprazándose por medios propios. Poden consultar toda a programación en detalle así como as rutas dos buses do viño nas nas webs da Ruta del Vino Valdeorras e de Turismo de Galicia.

Os godellos da DO. Valdeorras, protagonistas no Salón Gourmets 2024

A vindeira parada promocional dos viños valdeorreses terá lugar na capital de España, en Madrid, en concreto no Salón Gourmets. Un foro especializado en alimentación e bebidas de calidade que dará comezo o vindeiro luns e se desenvolverá ata o xoves, 25 de abril. “No marco deste espazo, 14 adegas da nosa Denominación de Orixe darán a coñecer os seus brancos e tintos”, destaca José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente do organismo. “Unha oportunidade máis para divulgar, sobre todo, que o noso territorio amparado é o berce orixinario do godello posto que todos os brancos que poderán degustarse en Gourmets 2024 procedentes de Valdeorras son monovarietais elaborados a partir deste tipo de uva”, engade o máximo responsable do Consello Regulador. Así, 26 referencias de Valdeorras (17 brancas e nove tintas) poderán degustarse en Gourmets 2024. Será no stand 6B30 do recinto feiral do Ifema, no que terá lugar o foro.

Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño de Valdeorras do 3 ao 5 de maio

A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras está a ultimar os detalles dunha nova edición da ‘Primavera de Portas Abertas’ coa que pretende amosar o seu territorio. O fin de semana do 3 ao 5 de maio, esta iniciativa buscará incentivar o desenvolvemento do enoturismo coma un dos máis importantes atractivos da comarca. As primeiras das cinco xornadas que se celebrarán en Galicia, inauguraranse o venres 3 de maio, a partir das 20:00 horas, no Hotel Monumento Pazo do Castro, no Barco de Valdeorras. Este ano participarán trece adegas valdeorresas que se poden visitar mediante os buses do viño ou por conta propia durante a fin de semana.

Atractivas actividades

Os participantes poderán gozar dunha gran variedade de atractivas actividades que farán que a súa visita a Valdeorras se convirta nunha experiencia enoturística inolvidable. Por só destacar algunhas das moitas opcións que se ofrecerán, os visitantes poderán descubrir a importancia histórica da viticultura na comarca, disfrutar de showcookings protagonizados por algúns dos pratos tradicionais máis coñecidos da comarca maridados cos viños da Denominación de Orixe, saborear xantares tradicionais amenizados cos sempre divertidos cantos de taberna; ou visitar algúns dos monumentos máis importantes da provincia de Ourense, coma o santuario barroco das Ermidas ou o Castelo medieval do Bolo. Na ‘Primavera de Portas Abertas’ tamén se poderá participar en outras divertidas actividades coma xogos participativos e ilustrativos da cultura vitivinícola, rutas en bicicleta eléctrica que rematarán cunha cata maridada nunha cova subterránea; ou andainas en plena natureza que permitirán descubrir paisaxes únicos de gran beleza, como as do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Ademais, todos aqueles que opten por gozar desta proposta a primeira fin de semana de maio, contarán tamén con ofertas en aloxamentos e menús especiais preparados nos establecementos da zona que colaboran activamente coa ‘Primavera de Portas Abertas’. Xa se pode consultar a completa axenda destas xornadas en Valdeorras nas webs da Ruta del Vino Valdeorras e de Turismo de Galicia.

Mostra ‘Valdeorras, berce mundial do godello’ no Círculo das Artes de Lugo

A cidade da Muralla converterase o vindeiro 16 de abril na seguinte parada promocional dos viños valdeorreses, que desembarcan no Círculo de Artes desta urbe para darse a coñecer entre diferentes tipos de público, principalmente de carácter profesional. Farano no marco dun evento denominado 'Valdeorras, berce mundial do godello, que promove o Club de Cata Vitislucus en colaboración co Consello Regulador e co Club de Viños do propio espazo no que se desenvolverá a iniciativa, concretamente no Salón Rexio do Círculo. Precisamente, o evento incluirá un túnel do viño no que os asistentes poderán degustar referencias de diferentes adegas da comarca, que se celebrará a mediodía. O evento ao acto será gratuíto para os socios do Círculo de Artes (mentres que aqueles que non sexan socios poderán acceder mediante o pagamento de seis euros por entrada). Nesta mesma xornada, ademais, haberá unha cata maxistral a cargo do director técnico da D.O., Jorge Mazaira, cun aforo limitado a 25 prazas (para o que se seguirá, de xeito rigoroso, a orde de inscrición). Mercedes González, presidenta de Vitislucus e impulsora da iniciativa, sinala tamén que no marco do evento desenvolverase unha comida-maridaxe, á que se poderá asistir con reserva previa (a un prezo de 35 euros por comensal). O presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos, afirma, pola súa banda, que “o territorio amparado valdeorrés non esquece a promoción dentro de Galicia, tal e como se manifesta en eventos como o que se porá en marcha en Lugo a mediados de abril”. Neste sentido, tanto el como Mercedes González destacan que o evento non está só pensado para os veciños de Lugo, senón para diferentes públicos profesionais que se queiran achegar ese día ata o Círculo de Artes desta urbe “co obxectivo de degustar e coñecer, máis de preto, os valores diferenciais dos viños de Valdeorras”. Todas as persoas interesadas en inscribirse ao evento poden facelo dende xa a través dos enderezos electrónicos mercedes.embajadora@gmail.com ou circulodelasartes@yahoo.es, ou ben chamando aos teléfonos 689 29 26 75 – 982 22 50 51.

“En Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella”

Falamos con Raquel Vizcaya López, viticultora de O Bolo, na denominación de orixe Valdeorras que elabora viño de xeito totalmente natural, recuperando o xeito tradicional ancestral galego. O seu proxecto formou parte da XI edición do Programa de Apoio ao emprendemento de Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega.

Como xurdiu este proxecto e a túa relación coa viticultura? Son filla de labregos, da terra, do policultivo de autosuficiencia alimentaria baseado na horta e na viticultura, filla dun pobo labrego onde se producia todo o necesario todo o ano, e onde aínda lembramos o gando en todas as casas, e o cultivo de cereais que agora se recupera en Lugo, os castiñeiros, a sega da herba, os pastos dos que tamén agora presumimos en Galiza. Teño formación en economía, laboral e empresa familiar, coa idea de facer algo desde a nosa casa desde a nosa orixe... Vaise producindo o relevo xeracional.

Son autónoma agraria en terras cedidas polos meus pais. Na cuestión do viño natural, da adega, o que facía o viño na casa era o meu avó, deixoulle o legado ao meu pai e logo ao meu irmán. E collín eu o relevo en adega porque dinme conta que a eles realmente non lles gustaba o viño, eu sí que son amante do viño, así que collín eu o relevo e nese proceso, bebendo viños, dinme conta de que o viño non sentaba de todo ben e alguén deixou caer que era polos arreglos que se lle facían ao viño, e entón lembrei que o avó facía viño sen botarlle nada máis que uva, 100% natural, e foi máis adiante, cando comezaron usar aditivos e mecanismos correctores. Entón empecei elaborar co sistema tradicional do meu avó, só uva e fermentación alcohólica, e o viño saiu moito mellor. Probárono varios catadores e animáronme a crear un viño de autor.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Agora mesmo vender uva dame unha estabilidade económica e crear unha empresa sería como deixar un legado para os meus fillos, algo que ainda que me pasara algo quedara aí o negocio, cos seus clientes e vendas, unha empresa. Son viticultora de Valdeorras, vendemos uva á diferentes adegas, e unha pequena parte da produción (principalmente das viñas vellas) é para viño da casa de autoconsumo.

Agora mesmo vender uva dame unha estabilidade económica e crear unha empresa sería como deixar un legado para os meus fillos

En que fase se atopa agora? Que características teñen as viñas? Agora mesmo estamos nos trámites para crear a marca e a adega, pero isto leva un tempo, espero conseguilo nun prazo de 6-12 meses. Estou indo a feiras para presentar o viño e que a xente o vaia probando e coñecendo.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80091" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Neste momento estamos traballando unhas 6 hectáreas, a metade de viñas vellas tradicionais, en vaso grego, sen espaldeira e sen aramios, plantadas nos anos 40. Estas viñas son cedidas por veciños que xa non podían seguir traballando ou morreron e teñen diferentes variedades: godello, garnacha, xerez, mencía, … A outra metade son viñas máis novas, típicas da profesionalización desta zona nos anos 80-90 fundamentada no proxecto Revival, con castes godello e mencía, onde podes meter o tractor e o sistema de condución é con espaldeiras de arame. Trátase dunha zona granítica e con lousas moi vellas e branda. É un cultivo de secano total con moi pouca profundidade de terra, uns 30 centímetros. A maioría están en bancais e pendentes bastante pronunciadas.

A idea é dar de alta a nosa adega familiar, e facer unha pequena reforma de acondicionamento, “poñela máis bonita”. En calquera caso o peso do negocio está nas viñas de godello coas que vendemos uva pero realmente eu elaboro o viño da casa (o que quero comercializar) coas viñas vellas, pois teñen outro matiz.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85896" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Que obxectivos persegues a curto e longo prazo? A curto prazo crear a marca de viño e dar de alta a adega, espero que nun prazo de 6-12 meses poda conseguilo. Ao mesmo tempo dar a coñecer o meu viño indo a feiras de viño e artesanía.

A longo prazo ir crecendo pouco a pouco poder xestionar as viñas que vaian quedando abandonadas na zona… Traballar para entrar e consolidar a nosa posición.

Valoras obter o certificado ecolóxico ou algún etiquetado distintitvo? O ecolóxico é imposible, difícil, que o consiga porque estou rodeada de viñas que non traballan en ecolóxico… Tería que comprar todas as viñas anexas ou convencer a todos os veciños que traballen en ecolóxico.

Interésame algún certificado que respalde o que eu fago, e nese sentido penso que o que mellor se adaptaría sería algún de biodinámica como o DEMETER, pero é un tema que investigarei en profundidade na altura da vendimia e no outono.

Que características e peculiaridades ten o voso viño e a vosa zona? O meu viño é totalmente diferente porque é totalmente natural en todo o proceso. Trátase dun viño natural, sen aditivos, sen correccións de ningún tipo, sen filtrado, sen aclarado….que ademais aguanta, xa comprobei que pode viaxar. É un viño que considero alimento, que che vai a sentar ben, vaiche gustar e que ten unhas características ben diferentes e intensas. É un viño que che dura, que che pide beber lento, que sacia máis, ten moito máis corpo e é máis denso, cun cheiro e unha cor máis intensa. O branco colle tonos dourados a veces incluso color barro, e pode chegar case á cor laranxa, de aí que se considere dentro dos orange wines.

Son viños salvaxes e con alma, biodinámicos, froito de traballar cos ciclos lunares, as estacións, as constelacións… Todo isto condiciona o xeito de traballar dependendo da fase. Trátase de seguir unhas normas non escritas, facer un montón de traballo simultáneo para non ter que ir tan constantemente á viña, con este sistema ao final levas menos traballo e gastas moito menos en produtos.

O meu pobo está entre a zona de cabeza de Manzaneda e Peña Trevinca, vivo no encontro entre o río Xares e Bibei, unha zona moi especial, cunhas condicións climáticas peculiares, onde se mixtura un clima más mediterráneo cun clima máis de montaña. Poderíamos dicir que somos como unha subzona de Valdeorras, que é algo que se tiña previsto facer oficial pero finalmente non se crearon esas subzonas, pois é moi costoso e lento cambiar os reglamentos das DO… É como o tema dos espumosos e rosados, que levan anos intentando introducirse na DO e non hai xeito. A min o das subzonas paréceme un tema moi interesante e outras DO contemplan esta posibilidade, como a DO Rías Baixas. Para min está claro que existe unha unidade territorial entre O Bolo, Viana do Bolo e a Veiga, era o que se ía chamar Terras do Bolo pero non se chegou a finalizar ese proxecto de comarca por falta de acordo entre os concellos. É unha zona con moitos bosques, castelos medievais e unha longa tradición do cultivo do cereal que se está a perder.

A que mercados te dirixes? Como é a comercialización e prezo medio? Diríxome ao cliente final directamente, ao consumidor, premiando e buscando que veñan a buscalo aquí á casa, para que vexa como produzo e podan probalo antes. Tamén busco sommilieres e intermediarios profesionais especializados en viños naturais. O meu obxectivo final non é que o prezo sexa máis elevado, porque o considero alimento e quero que todo o mundo o poida mercar, en Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella.

En Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella

Que características ten a vosa adega? É unha adega tradicional, cunhas moi boas condicions para elaboración e conservación do viño. Estamos preparando máis acondicionamento, o que se sería poñela máis bonita. Está medio soterrada e ten unhas condicións de frío moi interesantes que serían moi difíciles de replicar noutra adega e que lle dan un toque especial ao viño. Estamos a producir uns 1000 L de viño por tempada e pensando en non medrar moito ....para conservar a calidade e diferenciación do noso viño sen aditivos engadidos, sen correccións, salvaxe, con alma...palpable no seu corpo e na súa cor intensa e brilante... Tentando seguir atrapando a terra da lousa coas súas ladeiras e ribeiras, e climas ...en cada trago…

Como son as tarefas de mantemento das viñas e cantas persoas traballades? Traballamos as viñas como se traballaron sempre, co saber herdado, e ao tempo practicas ecolóxicas e biodinámica,..Trátase de seguir unhas normas non escritas, facer un montón de traballo simultáneo ao son da lua e das estrelas para non ter que ir tan constantemente as fincas, con este sistema ao final levas menos traballo e mellores resultados. Fago traballos combinados co meu irmán, nos axudamos mutuamente, e tamén con outros veciños, aquí ainda funciona moito ese sistema. Aquí emprégase moito o que chamamos podas de futuro, non tanto pensando na produción deste ano, pensamos nos seguintes anos, conformando a cepa para que aguante e dure moitos anos. Nós non abonamos en superficie, senon que facemos gavia profunda, tampouco emprego herbicidas, nin insecticidas. Traballo sobre todo con azufre e cal e ás veces sulfato de cobre pero moi pouco e moi puntual. Fago moita poda en verde, e a clave da miña produción é a xestión da vexetación e do follaxe, facendo que circule o aire por dentro da cepa e lle entre o sol por todos lados. E coma todos, moito amor e paixón e concentración no que facemos.

Que procesos tedes mecanizados ou dixitalizados? Qué perspectivas tes? As viñas que están en espladeira son novas prantacións dos anos 80-90 son viñas onde se pode meter o tractor e facer labores mecanizados sen problema, nas viñas vellas en vaso non tanto, hai máis traballo a man, moita fouce e sacho… Co paso dos anos tentamos reducir o laboreo e está funcionando, manter máis o chan, conservalo, e con él toda a vida arredor del.

A nivel de enfermidades, como afecta a localización e tipo de viticultura que facedes a enfermidades? Tentamos ter control das enfermidades desde o coñecemento do ciclo e condicións de vida dos fungos. O ano pasado houbo unha praga tremenda na Galiza de fungos polas chuvias e humidade en épocas concretas, e claro, ainda quedan moitas esporas polas fincas que están esperando para medrar tan pronto comece a primavera... Rematar a poda e facer poda en verde, iniciar xa a xestión de follaxe, conseguir abortar os posibles inicios de medre dos fungos, facer que haxa espazo, que circule o aire... Caldos de ortiga, xofre, polisulfuro de calcio, caldo bordelés... traballar en preventivo, antes de que as plagas medren… Mildeu, tiña… Son da familia da viticultura.

Cales son as principais dificultades e apoios que estás atopando? O apoio e as dificultades veñen do mesmo feito, abrir unha vía nova, sempre implica un extra de traballo e o ninguneo de parte do sector ancorado na producción máis industrializada. É socialmente complicado, é como abrir camiño no monte, atopas silvas, toxos… pero vas abrindo camiño con esforzo e ves que tamén hai amorodos. Son socia da asociación galega de viticultura, levamos anos traballando facendo para fortalecer o sector vitícola en Galicia, e agora ábrese esta nova vía que en realidade non é nada novo senon recuperar as tradicións milenarias, que penso que ao final teñen moita máis tradición e coñecemento que o xeito de producir intensivo, que non ten nen 100 anos de historia e que está deixando tocadas as viñas polas aradas e produtos agresivos. O cultivo natural é un xeito moito menos custoso e agresivo e ao tempo rentable e cun producto de maior diferenciación. Síntome segura porque traballo no proceso ao completo, de principio a fin, desde a viña ata a copa... Os labregos, o sector agrario, estamos sempre condicionados por un prezo acordado por outros. É preciso romper con iso, coñecer o prezo e valor dos nosos productos, polo seu custe, polas súas características.

Os labregos estamos sempre condicionados por un prezo acordado por outros. É preciso romper con iso

Cal é a situación do viñedo na comarca? Son habituais casos como o teu? En Valdeorras en xeral hai xente motivada coa viticultura porque está moi profesionalizada, e parte de tradición xa herdada, hai moitos viticultores pero tamén xente asalariada, xente que traballa nos viñedos. Nos últimos tempos viñeron novas adegas de fóra que se instalaron aquí con grandes viñedos e a verdade é que moven postos de traballo e están moi profesionalizadas en xeral. Penso que na viña hai traballo e hai futuro. Agora ben, traballar e elaborar do xeito que eu o fago é máis minoritario, somos poucos...de momento... este mercado está medrando... tanto en Galiza, como no resto do mundo…

Que variedades de uva traballades? Interésavos decantarvos máis por tintas ou brancas? Cultivamos godello, mencía, garnacha, arauxa… Alí onde o presentamos gustou moito. Tivo moi boa aceptación …Teño claro que vou facer os dous, tinto e branco. Agora mesmo está de moda o branco, a nivel internacional, tanto que vai afundindo ao viño tinto, moitas adegas non o dan vendido. E aínda así creo que o tinto galego é inimitable e incomparable, moi moi especial.

Como valoras a formación impartida polo programa de apoio da Fundación Juana de Vega? Como a coñeciches e por que decidiches apuntarte? Coñecía a Fundación desde a universidade como referente do emprendemento agroalimentario. Levaba tempo dando pasos na elaboración de viño natural e presentei o proxecto para enfrontar as miñas probas no marco de traballo da equipa de marketing, mercados, xestión economica...de Juana de Vega. A miña idea era comprobar que os números daban, que podía tentar desenvolver unha liña de negocio desde o viño natural, dar ese paso sobre firme, facer o proxecto máis sólido… E nese sentido axudoume moitísimo a parte de márketing e imaxe, e sobre todo para coñecer mellor o meu produto, o seu valor e o seu prezo.

Como están vindo os últimos anos? Vedes con preocupación o cambio climático? De momento Galicia ainda se vai librando porque estamos na zona verde máis verde, nós vémolo vir pero de momento non o estamos sufrindo tanto, de feito penso que isto é o que está facendo que os adegueiros de Rioja, Ribera del Duero e outras viñas de Castilla veñan aquí… e iso está provocando aquí un exceso de intensidade na produción… Un pouco de abuso da terra. Aquí a maioría da xente ten sobre 2-3 hectáreas e as adegas que veñen aquí a plantar 40, 100 hectáreas… Un desequilibrio pendente de nivelar… É unha das saidas á crise por exceso na que estamos no mundo do viño, volver a estas formas de elaborar máis tradicionais.

27 viños da D.O. Valdeorras participan en Alemaña na feira Prowein 2024, un referente en Europa

A cidade alemá de Düsseldorf é a nova parada promocional dos viños de Valdeorras, que estes días poden degustarse nunha das máis prestixiosas feiras europeas do sector: Prowein. Un ano máis, o Consello Regulador volve participar neste foro dando a coñecer ata 27 referencias diferentes da comarca, 19 brancas e oito tintas. Prowein é un dos salóns europeos con máis arraigo no continente para a promoción de viños de diferentes territorios amparados. A pasada edición desta feira, celebrada no ano 2023, contou con máis de 49.000 visitantes e a organización prevé aumentar a cifra neste ano. O Consello Regulador da D.O. Valdeorras participa nesta feira da man da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), xunto a outras denominacións de orixe vitivinícolas galegas e “baixo o formato dun túnel do viño”, tal e como indica o presidente do organismo, José Ramón Rodríguez Castellanos. Máis de 6.000 expositores participarán neste salón no que a D.O. Valdeorras terá presenza cun túnel do viño de seu, no que diferentes grupos de interese e públicos especializados poderán coñecer e degustar algunhas das referencias máis sobranceiras da comarca. “Tras a nosa participación en Vinexpo, na capital de Francia, achegámonos un ano máis ata Alemaña, parada obrigatoria para todo o sector do viño europeo. A nosa intención de promocionar os brancos e tintos da comarca, máis alá das nosas fronteiras, é un dos obxectivos prioritarios para o Consello Regulador que, neste 2024, ten planificada unha intensa axenda de difusión en distintos foros nacionais e internacionais”, conclúe Rodríguez Castellanos.

A Feira do Viño de Valdeorras celebrarase os días 1 e 2 de xuño

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras acordou este venres adiantar unha semana a celebración da XXV Feira do Viño en relación á data inicialmente anunciada. Tal e como destaca o presidente do organismo, José Ramón Rodríguez Castellanos, “esta decisión tómase para que o foro máis relevante de cantos se celebran no noso territorio amparado de cara a poñer en valor os nosos viños non coincida en tempo e espazo coas tradicionais festas de Viloira”. A comisión de festas de Viloira anunciou a decisión de retomar as celebracións, que non se festexaban dende antes da pandemia, con posterioridade a que o Pleno do Consello Regulador fixara a data para a nova edición da Feira do Viño, que se adianta un mes con respecto ao tempo no que habitualmente adoitaba celebrarse. A este xeito, a Feira terá lugar os días 1 e 2 de xuño. “Queremos que a Feira sexa protagonista absoluta en Valdeorras, nun ano moi especial, posto que acada a súa edición número 25. Por iso, prepararemos unha potente axenda de actos paralelos ligada ao foro que iremos anunciando paseniñamente”, sinalou o presidente do Consello Regulador.

Os viños de Valdeorras promociónanse en FITUR 2024

O espazo gastronómico impulsado pola Xunta, a través de Turismo de Galicia, en Fitur 2024 converteuse este xoves nun magnífico escaparate promocional para os viños de Valdeorras. Referencias vinícolas da comarca, maridadas con pratos elaborados a partir de produtos gastrónomicos autóctonos como o botelo ou a cachucha, centraron a presentación impulsada dende a Ruta do Viño de Valdeorras no recinto feiral do IFEMA a cargo do chef José Manuel Mallón. Responsable de cociña no Espazo Remollo, local emprazado no municipio coruñés de Ames, Mallón conduciu unha cata na que os godellos da comarca cobraron especial protagonismo acompañando á degustación de pratos especificamente realizados para a ocasión como arroz con botelo ou croquetas de cachucha. Os produtos cos que se elaboraron os pratos proceden da Serra da Enciña da Lastra e poden mercarse na Tenda da Rita, no Barco de Valdeorras. Este foi o establecemento encargado de subministrar a materia prima coa que Mallón elaborou as súas propostas. Tanto o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, como o máximo responsable da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, valoraron conxuntamente o programa gastronómico impulsado por Turismo de Galicia en Fitur como un “espazo orixinal, cheo de vida e dinamismo, ideal para dar a coñecer os viños da comarca entre os diferentes tipos de público que visitan esta relevante feira anual”.

Aforo limitado

Todas as presentación que teñan lugar neste espazo estiveron orientadas a un aforo limitado a 40 persoas (no pavillón de Galicia da feira, no stand C07-09). Tamén neste pavillón proxectouse o tráiler do documental “Covas de Valdeorras”, impulsado pola Ruta do Viño para poñer en valor estas construcións típicas da comarca nas que antigamente se gardaba o viño para conservalo a unha temperatura axeitada e que, hoxe, forman parte do patrimonio etnográfico da zona converténdose incluso, algunhas delas, en exitosos locais de restauración. O pase completo deste documental terá lugar esta tarde na Casa de Galicia en Madrid, nunha sesión especial na que se degustarán, tras a proxección, viños da nosa D.O.

Os viños da DO. Valdeorras promocionaranse en París no mes de febreiro

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, reunido esta mañá, deu o seu visto bo á participación do organismo na feira Vinexpo, unha das máis relevantes de Europa, que se celebrará en París entre o 12 e o 14 de febreiro. O Consello Regulador acudirá a esta feira baixo o paraugas da “Asociación de Consellos Reguladores do Viño, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga)”, constituída ao abeiro dun convenio entre as diferentes denominacións de orixe vitivinícolas galegas e a de augardentes e licores e o Igape. Deste xeito, a promoción dos viños que se realice en París será conxunta coa doutros territorios amparados galegos e apoiada pola Xunta de Galicia, se ben o espazo expositivo común no salón parisino contará con corners específicos para cada un dos consellos reguladores. O prazo para as adegas da comarca interesadas en participar na feira poidan enviar os seus viños ao Consello Regulador permanecerá aberto ata mediados de xaneiro. Doutra banda, o Pleno do organismo aprobou a celebración da que será a XXV Feira do Viño de Valdeorras no mes de xullo. En concreto, as datas elixidas son o 8 e o 9 de xuño.

Intensificación da promoción

“A xuntanza plenaria de hoxe evidencia que un dos obxectivos fundamentais do organismo para 2024 vai ser o da intensificación da promoción dos nosos viños e adegas. Á potente campaña que acabamos de presentar, hai poucas semanas, sumarase a nosa presenza en diferentes foros nacionais e internacionais para seguir dando a coñecer os brancos e tintos da nosa comarca entre novos públicos”, destaca o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos. “Tamén será moi especial a Feira do Viño de Valdeorras o ano que vén, posto que o foro acada o seu 25 aniversario e isto merece ser celebrado dun xeito especial, cunha coidada planificación de actividades que iremos comunicando paseniñamente”, conclúe o máximo responsable da D.O.

“O godello é de Valdeorras, e agora tamén é teu”, lema da nova campaña de promoción dos viños da D.O. Valdeorras

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras activa unha nova campaña promocional para os seus viños, particularmente centrada no potencial do godello, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses en dúas fases. Creada pola axencia galega LAPERA, a iniciativa foi presentada esta mañá no Centro Cultural Avenida da Rúa por Araceli Fernández, vogal do organismo, que detallou os eixos centrais e obxectivos do conxunto de accións de comunicación e publicidade que pretenden contribuir a fortalecer o posicionamento e “a potencialidade dos viños da comarca entre diferentes públicos obxectivo e aumentar o seu grao de coñecemento para tentar acceder a novos mercados”. Tal e como sinalou a representante do Consello Regulador ante os medios de comunicación, adegueiros, viticultores e outros representantes do sector vitivinícola valdeorrés, a iniciativa ten como misión axudar “ao conxunto de adegas amparadas baixo o noso selo de calidade a vender máis e a obter unha maior rendibilidade polos viños que sitúan no mercado”. “E facelo pode ser máis doado se teñen o respaldo dun conxunto de accións articuladas a través dunha atractiva campaña, moi profesional, cun innegable gancho e cunha forte compoñente creativa que se sustenta, como eixo central, na potencialidade do godello: verdadeiro buque insignia do noso territorio amparado”, sinalou Araceli Fernández.

O godello é de Valdeorras

De feito, a campaña céntrase moi especialmente nos viños elaborados a partir deste tipo de uva baixo o lema O godello é de Valdeorras, e agora tamén e teu. A estratexia publicitaria busca protexer o vínculo entre unha terra e as súas xentes, Valdeorras; e un viño que é a súa máxima expresión, o godello. A idea creativa é moi simple “e baséase en que cando algo forma parte de ti, perténceche e é teu, conforma o teu patrimonio. E só podes transmitir, doar ou legar o que verdadeiramente é teu. E esta a historia que conta O Legado de Valdeorras, a historia dunha terra que entrega un viño ao mundo, para que sexa coñecido e desfrutado por todos”, explican dende LAPERA.

Os obxectivos da campaña

A misión é fixar entre os principais grupos de interese, prescritores e consumidores (actuais e potenciais) dos viños da comarca un relato moi concreto articulado en torno a que Valdeorras é o berce do godello. “Aquí os viños que se elaboran con este tipo de uva son, por norma, 100% monovarietais”, asegurou Fernández. “O auténtico godello nace en Valdeorras e o xerme do que existe plantado en todo o mundo parte desta terra na que nos atopamos”, continuou. O equipo de Goberno do Consello Regulador é consciente de que o godello goza de cada vez máis recoñecemento nos mercados e, por ese motivo, quere intensificar o seu posicionamento trasladando a idea de que se trata dun viño orixinal, moitas veces exclusivo (algúns deles forman parte do selecto grupo de brancos de España mellor puntuados na Guía de Parker) e puramente autóctono, rescatado da extinción alá polos anos 70 do pasado século.

Principais accións que se desenvolverán

Nesta primeira fase da campaña, que comeza mañá luns, preténdese tratallar sobre todo o nivel identificativo para afianzar a relación entre o territorio e o godello. Un spot, eixo central da iniciativa, amosa como se envían cartas a tres persoas ubicadas en diferentes partes domundo. Ao ler a misiva, descobren o seu legado. O texto da carta describe a herdanza e todo o que acompaña a este concepto e enfatiza os ítems de terra, clima, viticultura dun pobo e forma de facer. O anuncio rodouse durante tres días en toda a comarca de Valdeorras e editouse en formato Cinemascope, que permite que as imaxes máis panorámicas poidan amosar toda a beleza da zona. Trátase dun formato típico nas películas que se proxectan nos cinemas pero que resulta novidos en produción publicitaria. “Creativamente, a axencia que nos axudou na elaboración dos diferentes materiais buscaba impacto, e creo que se conseguiu facendo protagonistas a persoas emprazadas en diferentes lugares do globo. Persoas que van gozar do godello, un viño que a terra de Valdeorras lles ten legado”, destacou tamén Araceli Fernández durante a presentación. Ao tempo, asegurou que “a campaña busca xerar expectación, espertar interese sobre o que estamos a contar e crear a necesidade de seguir atentos á mesma para continuar vendo e descubrindo a historia completa que queremos trasladar”. Por iso, para xerar tráfico e audiencia creouse unha landing page, legadovaldeorras.gal, na que se amosa o anuncio íntegro e se pode acceder ás diferentes pezas e creatividades deseñadas. Nesta primeira fase promocional, promoveranse accións para gañar visibilidade e impacto. Entre estas, a rotulación semiintegral dalgúns autobuses que conectan Galicia con diferentes puntos do país. Tamén se aposta por Internet a través da denominada compra programática como formatos Rich Media, de gran impacto, e en sites relevantes de interese para os públicos obxectivo da D.O.

Podcasts e plataformas de televisión dixital

En torno a novas canles como os podcasts tamén se vertebra a campaña. Por iso, concibíronse cuñas especiais para incluir nalgúns dos máis relevantes para o segmento de audiencia ao que ésta se dirixe. Xunto a isto, a difusión terá en conta tamén as plataformas de televisión dixital, sen esquecer outros soportes máis tradicionais e de carácter offline como a presenza en blogs de recoñecido prestixio.

Un godello de Valdeorras, “Sorte O Soro 2021” de Rafael Palacios, único viño galego que alcanza os 99 puntos Parker

A revista de viños máis prestixiosa do mundo, The Wine Advocate, acaba de desvelar as puntuacións das catas realizadas en 2023. Entre os centos de mostras analizadas, un godello de Valdeorras foi o único viño galego que alcanzou os 99 puntos na Guía Parker. Trátase de “Sorte O Soro 2021” da bodega Rafael Palacios.

O único crítico español desta publicación americana, Luis Gutiérrez, destacou na súa nota de cata que “encántame o carácter incisivo do Sorte O Soro 2021. Punzante e cortado a láser. Un viño frío, austero, sutil, preciso, limpo, armonioso e con sensación de vin de garde. Ten pureza, enerxía e un padal vibrante con pureza e elegancia; que me lembrou a algúns dos viños de Jean-Marc Roulot en Borgoña”.

Todas as uvas da variedade godello utilizadas para producir este viño monovarietal recóllense nunha única parcela a 710 metros de altitude no pobo de Santa Cruz (O Bolo), no val do río Bibei. Á hora de definir a Rafael Palacios, Luis Gutiérrez afirmou en The Wine Advocate que “é un dos mellores produtores de brancos de Galicia e de España. Os seus viños teñen un frescor e unha mineralidade salina que moitas veces transcende á colleita e incluso á variedade, debido á gran altitude do Bolo e aos solos arenosos graníticos descompostos”.

Oito marcas por enriba dos 96 puntos

Entre os 44 viños galegos que obtiveron unha puntuación igual ou superior a 96 nas catas da Guía Parker en 2023, atópanse outros sete viños da Denominación de Orixe Valdeorras. Para comezar, a colleita 2022 da mesma referencia de Rafael Palacios foi un dos dous únicos que conseguiron 98 puntos. Pola súa parte, “Sorte Antiga 2021” da mesma adega e “O Diviso 2020” de Telmo Rodríguez acadaron os 97.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Outras tres referencias valdeorresas foron calificadas de excelentes ao chegar aos 96 puntos. Trátase de “Alma do vello tesouro 2021” de Viña Somoza, “As Caborcas 2020” de Telmo Rodríguez e “Sorte Antiga 2022” de Rafael Palacios.

Showroom de adegas e viños de Valdeorras na cidade da Coruña

A D.O. Valdeorras quixo seducir á cidade da Coruña mostrando o mellor dos seus viños. “A cidade da Coruña sempre foi e será un mercado prioritario para os nosos viños e hoxe, de novo, traemos un pequeno anaco do noso territorio amparado ata esta urbe co obxectivo de dar a coñecer os mellores brancos e tintos que producimos en Valdeorras e que están a conquistar todo tipo de padais”. Son palabras do máximo responsable do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, para poñer en valor o acto promocional que a entidade que preside promove ao longo de todo o día de hoxe no Hotel Finisterre da cidade herculina. Este evento promocional, no que se poden degustar viños de 19 adegas (case a metade das que conforman o territorio amparado) valdeorresas, consta de diversas actividades orientadas tanto a prescritores e públicos especializados como a outros de corte máis xeralista. “O obxectivo último é dar a coñecer o noso potencial vitivinícola ao maior número de persoas posible para que saiban que somos o berce do godello, pero que tamén somos quen de elaborar tintos dunha excelente calidade”, continúa Rodríguez Castellanos. A axenda de actos desenvolvida no marco deste showroom arrincou onte coa celebración dunha cata, promovida polo equipo do prestixioso sumiller Luis L. Paadín, e dirixida polo director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, que se orientou a un público profesional. Sumilleres, adegueiros, distribuidores, consumidores especializados, xornalistas e bloggers foron algúns dos perfís que conformaron o grupo de case 30 persoas que participou nesta cata comentada, na que se divulgaron datos técnicos e curiosidades sobre o xeito de elaborar viños nun territorio amparado, o de Valdeorras, que se caracteriza por contar cunha gran variedade de solos para o cultivo da uva. Ao longo da xornada de hoxe, entre as 11.00 e as 14.00 horas desta mañá, e de 17.00 a 21.00 horas da tarde, os adegueiros desprazados ata a cidade herculina ofreceron unha degustación do mellor das súas colleitas nun acto aberto a todo tipo de público, que xerou unha gran expectación e afluencia de visitantes. Amais disto, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, desprazouse ata o Hotel Finisterre para coñecer, de primeira man, o bo facer vitivinícola de Valdeorras, unha visita que o presidente do Consello Regulador quixo agradecer “moi especialmente”. Xunto a isto, no marco da axenda desenvolvida no Hotel Finisterre un grupo de alumnos do Ciclo Superior de Dirección de Servicios de Hostalaría do CIFP Paseo das Pontes da Coruña recibiron unha charla introductoria sobre Valdeorras e os seus viños por parte do director técnico do Consello Regulador.

Conclúe a vendima na DO. Valdeorras con case 8 millóns de kilos de uva recollidos, un 23% máis

Coa conclusión dos traballos de recollida da uva en Bodegas Viña Somoza, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras dá por finalizada a campaña de vendima neste 2023. Os resultados tanto en “cantidade como en calidade” son -a xuízo do presidente do organismo- “magníficos” en tanto en canto “se colleitaron preto de oito millóns de uva de diferentes variedades amparadas”. A cifra supera en 1,5 millóns á do ano 2022 e, novamente, a uva máis abundante no territorio amparado foi a godello (5,7 millóns recollidos fronte aos 4,3 do ano pasado). Tras dela, sitúase a mencía con 1,4 millóns de quilos de uva producidos en Valdeorras e, a continuación, aparecen outras variedades minoritarias. Así, por exemplo, de Alicante recolléronse 405.023 quilos; da variedade Jerez, 218.241 quilos; de sousón, 26.512 quilos; de albarello, 24.212 quilos; de tempranillo, 16.244 quilos; de merenzao, 12.329 quilos e de dona branca, 3.088 quilos. Tamén se vendimaron 3.701 da variedade caíño e 920 quilos de mouratón.

Froito dun intenso traballo

En opinión de José Ramón Rodríguez, máximo responsable da D.O., os datos amosan que o territorio amparado “segue a medrar” e que “o interese polo godello aséntase como un dos piares do fortalecemento de Valdeorras”. Para o presidente do Consello Regulador, o incremento no número de quilos vendimados evidencia “o bo traballo que están a facer todos aqueles que realizan a súa actividade no eido vitivinícola na comarca”. Ao tempo, amosouse convencido de que as uvas recolectadas orixinarán “magníficos viños capaces de satisfacer todo tipo de padais”.

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras detecta unha presunta fraude por introdución de uva foránea

O órgano de control do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, independente do Pleno do organismo, denunciou a recepción de uva foránea nun local do Barco de Valdeorras. Tras detectar transporte de uva procedente dende o local, presuntamente non autorizado para a recepción deste produto, o órgano de control fai un seguemento e intervén a mercancía solicitando aos seus propietarios a identificación da súa procedencia. Dende o órgano de control, ao detectar presuntas irregularidades, ponse en coñecemento da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, e do Seprona a situación e sinálase que se trata dun caso illado. O Consello Regulador quere poñer en valor o exhaustivo traballo que realiza o órgano de control, especialmente durante vendima. Un labor que é fundamntal para asegurar a procedencia e a máxima calidade da uva da comarca.