En teoría, a partir do vindeiro 1 de xaneiro xa non se poderá botar o purín cos sistemas actuais de prato ou abano, segundo establece o Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas. Pero, é isto viable nunha comunidade con 5.500 explotacións de vacún de leite, 2.500 granxas de porcos e 1.000 de polos? Tanto os representantes dos gandeiros como os das cooperativas con parques de maquinaria consideran “imposible de cumprir no curto prazo”. Aseguran ademais que se trata dunha norma que “non se adapta á realidade galega”.
A normativa estatal, aprobada hai un ano, recolle unicamente determinadas excepcións para poder seguir empregando as cisternas convencionais (fincas con máis do 10% de pendente media, explotacións con menos de 2 hectáreas de base territorial ou con máis do 50% da superficie con pendente superior ao 10%). No resto dos casos será obrigatorio botar o xurro con tubos colgantes ou mediante sistemas de inxectores.
A vixiancia e control sobre o cumprimento deste Real Decreto estatal corresponde sen embargo á Xunta, ao estaren transferidas as competencias en materia agraria ás comunidades autónomas. Os agricultores e gandeiros que incumpran a norma expóñense en teoría a penalizacións ou sancións.
O Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas forma parte do corpo normativo da nova PAC e pode acarrear penalizacións nas axudas
Con un enfoque restritivo que penaliza en exceso ás granxas de vacas con terras, desde o sector en Galicia apóstase por outro tipo de medidas, máis “realistas e viables” para reducir a contaminación e as posibles emisións, como o redimensionamento e cubrición das fosas ou a escolla de momentos máis axeitados de aplicación, máis que por esixencias sobre o tipo de cisterna a empregar.
Problemas para cobrar a PAC o ano que vén
Á esixencia de botar o purín con tubos colgantes ou inxectores engádense outras obrigas: dispoñer de Plans de Abonado, facer analíticas de terras e de xurro, contar cun asesor en fertilización ou empregar unha ferramenta de cálculo de nutrientes recoñecida a nivel oficial.
Para as granxas que traballan máis de 30 hectáreas de terras de cultivo ou solicitan na PAC o ecorrexime de rotación con especies mellorantes súmase unha obriga adicional: tras cada aplicación, deben facer no prazo dun mes as anotacións das aplicación realizadas nas distintas parcelas no Caderno Dixital da explotación.
O traballo burocrático e administrativo das granxas aumenta moito coa aplicación das novas normativas
Para as explotacións de maior tamaño as novas esixencias normativas van supoñer un incremento de custos “e de tempo adicado a cubrir papeis”, pero para as granxas máis pequenas pode ser a súa sentenza definitiva, advirte o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.
Alerta ademais das posibles consecuencias do incumprimento normativo: “se se poñen serios pode supoñer a perda das axudas da PAC porque non estarías cumprindo coa condicionalidade”, explica, polo que “hai que ter en conta que isto pode ir ao peto”, di.
Moitas explotacións traballamos fincas que non podemos declarar na PAC e iso vai ser un problema á hora de abonar ou aplicar produtos fitosanitarios
Hai aspectos da normativa que non están aínda definidos, como as cantidades máximas de abonos orgánicos e inorgánicos que se poderán botar por hectárea, pero o presidente de Agromuralla pon sobre a mesa unha realidade frecuente en Galicia: “O problema é a xente que solicita a PAC e non traballa as fincas, porque esas terras non poden ser declaradas pola explotación que as leva nin tidas en conta á hora de calcular os abonos ou fitosanitarios aplicados. Sería necesario adaptar as solicitudes da PAC á realidade, pero a peaxe do 30% na transmisión dos dereitos non axuda, porque non incentiva o traspaso”, asegura.
Se non nos deixan sacar o purín coas cisternas que temos e rebordan as foxas o problema de contaminación sería moito maior (José Luis Pérez, Agromuralla)
Desde Agromuralla aseguran que o sector non está preparado para cumprir unha normativa que consideran “inviable” e advirten de que “o purín ten que seguir sacándose das fosas para evitar que reborden, e máis co que choveu este ano en novembro”. “Se nos impiden usar as cisternas que temos e non hai neste momento maquinaria dabondo coa que sacar todo o xurro que se produce nas explotacións o problema pode ser moito peor, iso si que podería converterse nun problema ambiental importante. Sería peor o remedio que a enfermidade”, asegura Pérez Barreiro.
Canto purín se xera en Galicia?
Galicia produce anualmente uns 8,5 millóns de metros cúbicos de purín (57% procedente de gando vacún, 35% de porcino e 9% de avicultura), aínda que os cálculos oficiais varían notablemente. Segundo a Xunta, unha vaca leiteira estabulada produce ao ano 26 metros cúbicos de xurro; sen embargo, o Ministerio reduce esa cantidade case á metade (14 metros cúbicos).
Segundo os cálculos da Xunta, unha vaca leiteira estabulada produce 26 metros cúbicos de xurro ao ano
Óscar Pose, responsable do sector leiteiro do sindicato Unións Agrarias, pide á Xunta que corrixa os seus cálculos, recollidos nas Instrucións Técnicas para a realización do Plan de Xestión de Dexeccións Gandeiras e Fertilización. “Os cálculos de aporte de nutrientes están mal feitos, a cantidade que se indica é maior do real, tanto o que produce cada animal como a composición do purín e iso deriva no que se pode aportar á terra. Outras comunidades, como Cataluña, xa o corrixiron. As granxas de porcino son as máis afectadas por iso”, asegura.
Había solucións técnicas máis doadas, como permitir o prato invertido
En canto á aplicación da norma a partir do vindeiro 1 de xaneiro, Óscar Pose afirma que “é un canto a Cartaxena”. “Hai que facer cousas, pero non é viable economicamente para as explotacións adquirir ese tipo de máquinas, que triplicaron o seu prezo nos últimos dous anos”, explica.
“É unha regulamentación feita desde os despachos e que non ve a realidade do sector. Por iso non serve que se aprace o seu cumprimento; é necesario que se revise totalmente a norma porque non ten ningún sentido. Hai que ver en primeiro lugar quen contamina, porque as explotacións de vacún que teñen terras non son as responsables da contaminación”, asegura.
Non serve que se aprace o cumprimento da norma, hai que revisala por completo para axustala á realidade (Óscar Pose, Unións Agrarias)
Desde UUAA propoñen outro tipo de medidas, como por exemplo cubrir as fosas que non están cubertas, aplicar nas fosas produtos que reducen as emisións de amoníaco, fixar un calendario de aplicación do xurro en función das temperaturas ambientais e autorizar a alternativa do prato invertido como sistema para botar o xurro nas terras e pradeiras. “Hai que poñerlle cabeza e plantexar solucións viables e realistas”, resume.
Oposición unánime ás plantas de tratamento
Os produtores de vacún opóñense á intención da Xunta de crear unha rede de plantas de tratamento de xurros en Galicia, onde o abono sería empregado como materia prima para xerar biogás e electricidade.
“Parécenos un despropósito as plantas de tratamento de xurros. Ata agora a experiencia destas plantas é que funcionan só se hai unha inxección de fondos públicos moi elevados para cubrir os gastos de funcionamento, pero cando desaparecen eses fortes incentivos ao quilowattio pechan. Pasou en Cataluña. E aquí parece que imos no camiño de repetir ese mesmo erro”, di Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG.
“Esa é a consecuencia de apostar por un modelo equivocado. Se nós tiveramos un modelo onde se priorizase o extensivo e dotar de base territorial ás granxas, xa habería unha diminución das emisións”, engade.
Galicia produce anualmente uns 8,5 millóns de metros cúbicos de purín (57% procedente de gando vacún, 35% de porcino e 9% de avicultura)
“A materia orgánica é un fertilizante esencial que teñen as granxas cando se ten un número de animais adecuado á superficie. Outra cousa son as granxas que non teñen terra, que é onde está o problema. Nese caso deixa de ser un recurso importantísimo nun equilibrio co chan para converterse nun residuo do que hai que facer unha xestión adecuada. O problema do Real Decreto é que non distingue entre eses dous modelos”, asegura Isabel.
O presidente de Agromuralla tamén defende que “o xurro hai que xestionalo ben, pero non sobra”. “Non hai exceso de nitróxeno en Galicia, só hai que ver a cantidade de fertilizantes químicos que se mercan cada ano”, razoa José Luis, que propón, no canto de plantas de tratamento, melloras nas instalacións de almacenaxe, como ampliar e cubrir as fosas das explotacións, e acordos entre granxas de polos e porcos que non dispoñen de superficie e ganderías de vacún, tanto de leite como de carne, que teñan capacidade para asumir ese xurro nas súas terras.
Se sobra o purín, tamén sobran os lodos de depuradora; son debates que hai que abrir (José Luis Pérez)
“Os gandeiros non nos negamos a coidar o medio ambiente; ao contrario, xa o facemos, porque somos os verdadeiros xestores do territorio. Pero hai unha dobre vara de medir, porque ás cidades non se lles está pedindo a trazabilidade dos seus residuos que se nos pide aos gandeiros. Nós non temos onde botar o noso purín pero queren que botemos os lodos das depuradoras das cidades”, quéixase o presidente de Agromuralla.
Un problema xerado pola propia Administración
“O problema vén dado pola mala xestión da Administración á hora de organizar as granxas. As explotacións intensivas sen terra de polos e porcos de zonas como a Limia ou Rodeiro son un pouco o problema. Non lles estou botando a culpa a eles, pero por uns imos pagar todos. Déronse licenzas e autorizacións onde non se deberían ter dado. O do purín é un problema xerado pola Administración que nos traslada agora aos gandeiros”, quéixase José Luis.
Non está aínda definido canto abono se vai poder botar por hectárea
UUAA considera unha clara discriminación o feito de que ao vacún de leite, responsable segundo os datos oficiais do 8% das emisións de amoníaco, se lle obrigue a unha redución do 40% das súas emisións; mentres as granxas de porcino, que supoñen o 20% das emisións totais de amoníaco, unicamente teñen que reducir un 8%.
“En Galicia non temos un problema xeral de contaminación e onde o hai non se debe ao vacún, senón á contaminación por acumulación de outras especies. Así que con isto non se vai solucionar o problema nesas zonas porque non está causado polas vacas”, afirma Óscar Pose.
Os despachos están cada vez máis distantes do agro (Isabel Vilalba, SLG)
“Están poñendo unhas condicións que non son cumpribles. É unha evidencia máis dunha Administración máis burocratizada e máis distanciada da realidade das propias granxas. Os despachos están cada vez máis distantes do agro”, asegura Isabel Vilalba.
Investimentos en maquinaria
A entrada en vigor da prohibición das cisternas de prato e abanico vai obrigar a moitas explotacións a adaptar a súa maquinaria ou a externalizar os traballos. Pero o problema é que a capacidade coa que contan as empresas de servizos e as cooperativas para acoller esa sobrecarga de traballo cos parques de maquinaria actuais é insuficiente, sobre todo tendo en conta que as épocas de botar o purín coinciden con momentos de colleita e sementeira, onde as empresas de servizo e as cooperativas teñen picos de traballo importantes.
As cooperativas non teñen aínda unha previsión de cal vai ser a demanda real dos socios
“Desde as cooperativas fíxose un esforzo para poder ofrecerlles aos socios ese servizo, pero non se sabe aínda cal vai ser a demanda real. En todo caso, os medios que neste momento hai para abordar a normativa en toda a súa dimensión desde o día 1 de xaneiro son claramente insuficientes”, recoñece Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), que avoga por unha “aplicación paulatina da norma”.
“Entendemos que ten que haber certa flexibilidade e producirse unha longa implantación da normativa; non pode ser dun día para outro”, reclama, posto que “o sector non está aínda suficientemente preparado”, di. “Non se explicou en detalle a norma a todos os gandeiros e os propios encargados de cumprila non saben como lles afecta e ata onde lles afecta”, asegura.
Non hai suficientes aparatos no mercado e a prezo razoable para que se poida facer unha implantación inmediata
“Hai que ir poñéndolle sentido a todo isto e vai levar o seu tempo. Non hai suficientes aparatos no mercado neste momento a prezo razoable para que se poida facer unha implantación inmediata. Pero ademais engádense outros problemas que complican a situación, xa que moitas veces non hai tractores con suficiente potencia, esa maquinaria non entra nas fincas porque son moi pequenas, temos camiños estreitos e complicacións nos accesos aos pozos de purín en explotacións antigas. Isto é como esixir a dixitalización sen ter nin sequera cobertura de telefonía e moito menos banda ancha”, compara Higinio.
Sentenza definitiva para as pequenas granxas
As granxas máis grandes levan anos adaptándose ás novas obrigas en materia de xestión de xurros, metendo nos plans de mellora o aumento da capacidade de almacenamento e a cubrición das fosas, algo xa esixido no caso de levar a cabo ampliación do número de cabezas, e moitas contan con cisternas de maior tamaño para botar o xurro, que sería viable adaptar para colocarlles un sistema de tubos colgantes.
Son investimentos inasumibles que non se adaptan á pequena propiedade que hai en Galicia
Por iso, o problema plantéxase sobre todo nas pequenas granxas, con tractores de menor potencia e cisternas máis pequenas e antigas, inservibles para os aplicadores. “Estamos en contra de que se esixan esas grandes máquinas, porque se reduces as emisións por meter o xurro no chan pero produces máis emisións por queimar máis gasóleo non fixeches nada”, razoa a secretaria xeral do SLG, que avoga por analizar a medida cunha mirada máis integral.
Desde esa óptica, di, “a implantación de grandes máquinas para a aplicación do xurro mediante grandes cisternas arrastradas non é unha solución, porque non se adaptan á estrutura da propiedade que temos en Galicia e porque supoñen maior risco de compactación da terra e maior uso de combustibles fósiles, polo que se amplían as emisións totais no canto de reducilas”, conclúe.
Triplícanse as vendas de cisternas e inxectores
José Ángel Millares, xerente da empresa de maquinaria lucense Millares Torrón SL, recoñece que se está a dar un incremento notable na compra de cisternas e aplicadores para cumprir coa nova normativa. “Estase notando incremento de demanda e de vendas. Do 2022 ao 2023 o incremento de vendas de inxectores foi un 300% no noso caso. E este ano que entra supoño que seguirá aumentando aínda máis”, prevé.
“A xente está moi expectante a ver se é verdade que se pon como obrigatorio. Porque lévase moito tempo falando do mesmo e os gandeiros non o cren ata que o vexan diante”, asegura. As explotacións non coñecen tampouco as pendentes medias das súas fincas, polo que non teñen claro o alcance real da norma en determinadas comarcas, di.
O incremento da demanda notouse sobre todo cara a final de ano, logo da convocatoria das axudas da Xunta para maquinaria 4.0
O incremento da demanda notouse sobre todo cara a final de ano, logo da convocatoria das axudas da Xunta para novas tecnoloxías, agricultura de precisión e dixitalización de granxas, as coñecidas como subvencións Next Generation para maquinaria 4.0, que esixen a compra de cisternas con inxectores dotadas do sistema NIRS para analítica de nutrientes e composición do xurro.
“A xente aproveitou para meter a cisterna co inxector porque as contías da subvención están por enriba do 40%, dependendo da puntuación do solicitante. Houbo tamén algunha solicitude a través do Plan Renove do Ministerio e incluso a través das axudas de novas incorporacións ou plans de mellora, pero foron as menos”, detalla José Ángel.
Sería algo lóxico que de cara a 2024 houbese unha liña de axudas específica para cumprir co Real Decreto como a que houbo fai 12 anos
Pero máis aló das liñas existentes este ano, o xerente da empresa lucense considera necesario que de cara a 2024 se habiliten axudas específicas para cumprir co Real Decreto. “Fai 12 anos houbo unha subvención específica de medio ambiente para cisternas na que daban o 75%. A xente aproveitou para cambiar a cisterna e vendéronse inxectores cando non se sabía o que eran. Despois, como non se esixía, o inxector ás veces acababa aparcado na palleira, pero agora é diferente. Sería algo lóxico que agora volvese haber estas axudas”, argumenta.
Cisternas a partir de 80.000 euros
Unha cisterna nova pode adquirirse a partir de 80.000 euros, dependendo da súa capacidade e equipación. A situación dos subministros tamén se foi normalizando, cun prazo medio de entrega que se sitúa hoxe nos 4-5 meses, cando esa espera chegou a ser de case un ano.
Hai un prazo medio de entrega nestes momentos de 4-5 meses, cando antes chegou a case un ano
Unha cisterna de 16.000 litros con inxector de 10 metros e medio de longo pode adquirirse por menos de 100.000 euros pero o responsable de Millares Torrón admite que está aumentando a demanda de cubas máis grandes. “Estamos notando moito o incremento de capacidades, estanse pedindo cisternas de 20.000 litros e algunhas con 3 eixes incluso”, explica.
Estamos notando moito incremento na demanda de cisternas de gran capacidade
O prezo para este tipo de máquinas, con inxectores de 15 metros de lonxitude, sitúase entre os 170.000 e os 230.000 euros. A maiores, aclara, “estamos falando de que precisariamos un tractor de entre 250 e 280 cabalos para mover esa cisterna”.
En canto á instalación de tubos colgantes nas cisternas xa existentes, a adaptación dunha cuba vella pode situarse entre os 1.200 e os 2.000€ dependendo “do tipo de cisterna, os enganches dos que dispoña detrás e de se leva brazos para a elevación do inxector ou pola contra vai fixo”, indica.
En cisternas de menos de 10.000 litros non é rendible instalar inxectores
José Ángel aclara sen embargo que en boa parte das cisternas que hai en Galicia, sobre todo das que dispoñen as granxas máis pequenas, non é viable a instalación dos inxectores. “En moitas cisternas de 6.000 ou 8.000 litros non é rendible porque se produce unha descompensación de peso atrás”, explica.