A Xunta prevé a creación dunha rede de 19 plantas de pretratamento de xurros gandeiros por toda Galicia

Estas instalacións realizarían a separación da fracción líquida e sólida do purín, que logo sería trasladada a 5 grandes complexos de dixestión anaerobia para producir biogás

PULUÁN SC (Monforte) pozo purínA contagotas se van coñecendo novos detalles do proxecto impulsado pola Xunta e no que participan as empresas Reganosa, Naturgy e Repsol para crear unha rede de plantas de biogás que aproveiten o poder enerxético do xurro xerado polas explotacións gandeiras galegas.  

Este venres, na Comisión de Agricultura do Parlamento, o director xeral de Gandería, José Balseiros, detallou que o chamado Centro de Economía Circular estará composto por 5 plantas de dixestión e 19 plantas intermedias de pretratamento de xurros, onde se levaría a cabo a separación da fracción líquida do purín da parte sólida, que sería a empregada para extraer o biometano nas 5 instalacións de dixestión anaerobia.

Até o momento non foi feita pública por parte das empresas participantes a ubicación exacta nin das 5 plantas de biodixestión nin das 19 de pretratamento e unicamente se anunciou que o primeiro destes complexos será ubicado en Cerceda.

Debate no Parlamento

O debate chegou este venres ao Parlamento por medio dunha proposición non de Lei do Bloque Nacionalista Galego na que se pedía á Xunta facer público o proxecto da planta de biogás que se pretende construír en Meirama “para que os sectores afectados e a sociedade galega en xeral poidan posicionarse sobre ela”. A iniciativa presentada polo BNG contou co voto a favor do grupo socialista e o voto en contra do grupo popular, polo que non saíu adiante.

“Hai unha ocultación dos proxectos que raia nas prácticas antidemocráticas. O proxecto existe e está desde hai tempo agochado e a Xunta debe facelo público. Porque do proxecto nada sabemos, sabemos unicamente quen o promove: Naturgy, Repsol e Reganosa, o cómplice necesario”, criticou o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini.

“Empresas que non se distinguiron polo seu amor ao medio ambiente nin sustentaron economías circulares nas súas actividades aparecen agora como por arte de maxia como solución para o problema da contaminación agrogandeira co apoio expreso da Xunta de Galicia. Catro bandullos que extorsionan e se aproveitan dos cartos públicos”, dixo.

As eléctricas están a apertar para facerse cos fondos públicos, cando eses cartos poderían ir para cubrir e ampliar as fosas de purín (Xosé Luis Rivas, BNG)

No canto dese modelo, o deputado nacionalista propuxo destinar eses fondos, estimados en 600 millóns de euros, a “unha chuvia fina de cartos ás explotacións para redimensionar as fosas de purín e cubrilas, algo que é necesario para ter capacidade de almacenaxe do xurro e facer unha boa xestión del”. “Están ben cubertas as fosas de xurro para cumprir coas boas prácticas agrarias que esixe a nova PAC?”, preguntou.  

Rolda de presentación do proxecto ás cooperativas

O voceiro do PP na Comisión, José Antonio Armada, negou que exista ocultación e indicou que “agora mesmo hai unha rolda de reunións con cooperativas e asociacións de gandeiros para explicarlles o proxecto”. “Aínda non se presentou a solicitude de autorización do proxecto, cando se faga someterase a información pública para que a cidadanía poida coñecelo e pronunciarse”, asegurou.

“O proxecto de Centro de produción de biofertilizantes e biometano é unha iniciativa de economía circular da Xunta de Galicia con colaboración público-privada que busca captar fondos europeos Next Generation da UE. En concreto, serían 146 millóns de euros de investimento público-privado nesta primeira fase”, detallou.

Nós non lle imos expropiar ningún tipo de xurro aos gandeiros (José Antonio Armada, PP)

“Malo non debe ser o proxecto cando había 5 comunidades autónomas interesadas nel. É un proxecto moi interesante para a nosa terra que vai dar viabilidade ás explotacións. Nós non lle imos expropiar ningún tipo de xurro aos gandeiros”, remarcou Armada.

“O que se busca é axudar ao noso tecido produtivo primario cun problema que está aí. Porque querer negar que hai excedente de xurros é querer negar unha realidade. E non se fala só de explotacións bovinas, senón que se abre o abano a todas as explotacións gandeiras”, asegurou.

O “lobby” dos porcos e os polos

“Aquí o que existe é unha demonización intencionada do sector vacún”, opinou pola contra Xosé Luis Rivas, que detallou que das emisións de amoníaco no conxunto do Estado español no ano 2020 o 28% proceden do sector porcino, o 22% da utilización de abonos de síntese, un 9% do sector avícola, un 8% do vacún de leite, un 7% do vacún de carne e un 8% do sector ovino.

Sen embargo, dixo, “cando se fala de contaminación sempre saen fotos de vacas porque o vacún non ten lobby que o defenda”, afirmou. “Preocúpanos moito esta planta e o xiro que está levando todo este problema dos xurros. Estase confundindo o touciño coa velocidade, que é o que se fai cando se trata de botar as culpas sobre o sector vacún da contaminación de pitos e porcos. Pero a eses outros sectores vai ser difícil meterlles o dente porque non están condicionados pola PAC”, evidenciou.

“Cando se fala de contaminación difusa por xurros eu penso en porcos e en aves e penso na Limia e no Deza, non nas vacas. Sábese algo da posta en marcha da planta de tratamento de xurros de Sarreaus? (pechada desde hai unha década)”, preguntou.

“A mala planificación territorial, o ollar para outro lado e os clientelismos políticos propiciaron que o sector porcino e avícola se desenvolvese anormalmente en certas comarcas de Galicia, xerando problemas de eutrofización. E agora o porco que producían os Países Baixos estámolo producindo nós e tragando a merda”, afirmou.

Un polígono agroforestal de 3.200 hectáreas para cultivos enerxéticos?

O deputado do BNG admitiu “desconfiar” das intencións da Xunta co proxecto das plantas de biogás porque, dixo, “o dixestor non soluciona o problema, senón que o agrava”. “O material resultante é un fertilizante moito máis potente e con moita máis capacidade de contaminar que o xurro se non hai terra onde botalo. Ademais, o transporte e os procesos de secado consomen tanta enerxía coma a que se pretende producir”, asegurou, botando man de experiencias similares que acabaron fracasando, como a planta de Navia, en Asturias.

O problema da contaminación por nitratos vai permanecer, porque o dixestato resultante do proceso anaerobio ten máis contido en nitróxeno ca os puríns utilizados (Xosé Luis Rivas, BNG)

“Nestas plantas non se trata o purín, senón que o purín é o catalizador, pero logo hai que darlle de comer lodos de depuradora, restos cárnicos e materia orgánica. E canto máis almidón, máis gas produce”, indicou.

“Hai previsto un polígono agroforestal de 3.200 hectáreas cerca de Cerceda cun 30% de uso agrario e un 70% forestal que pode estar pensado para cultivos enerxéticos; un é moi mal pensado”, dixo.

É unha hipótese peregrina a de que sobran estercos e xurros en Galicia. Hai máis de 600.000 hectáreas de terra agraria abandonada que están pedindo fertilizantes e cultivo

“É unha hipótese peregrina a de que sobran estercos e xurros en Galicia e que hai supostos excedentes en determinadas zonas que xustificarían a construción destas plantas. Hai máis de 600.000 hectáreas de terra agraria abandonada que están pedindo fertilizantes e cultivo”, afirmou.

“Cantas actuacións de recuperación de terra agraria se están a levar a cabo nestas zonas supostamente excedentarias?”, preguntou o deputado nacionalista, que lle pediu ao Goberno galego que promova un “estudo ponderado” sobre a cantidade de puríns xerados polas ganderías e as compras de fertilizantes químicos que realizan.

Camións transportando xurro

En sintonía co BNG, o deputado do grupo socialista Martín Seco considerou que “non todas as producións teñen a mesma responsabilidade sobre as emisións de amoniaco” e criticou que a Xunta prefira “gastar 600 millóns de euros nunha planta en vez de destinalos a medidas máis próximas ás explotacións”.

“Hai fórmulas máis axeitadas e deberían ser os gandeiros os que aplicaran ben o seu xurro. Para iso deberíaselles axudar con medidas efectivas para reducir a contaminación, como cubrir as fosas de purín, porque se a materia seca do xurro é superior ao 7% e a fosa está cuberta créase unha costra que frea as emisións”, exemplificou.

Chámanlle economía circular a que circulen camións para levar o xurro da Limia ata Cerceda? (Martín Seco, PSOE)

“Temos casos no noso entorno de grandes fracasos de proxectos de biogás. A non ser que lle chamen economía circular a andar circulando camións de xurro polas estradas galegas desde a Limia a Cerceda”, ironizou. Balseiros contestou que eses camións empregarán como combustible o propio biogás xerado nas plantas para completar o círculo.

Futuras regulacións nas zonas afectadas polos nitratos na Limia e Baixa Limia

Outro dos puntos que suscitou polémica na Comisión de Agricultura do Parlamento deste venres foi a xestión que a Xunta está a facer da contaminación por nitratos na comarca da Limia.

“Non se pode negar que existe un problema de contaminación do aire e do solo nesta comarca. O Goberno galego leva 13 anos sen preocuparse polo tema, mirando para outro lado, e a UE esixe que se tomen medidas, xa que estamos nunha situación de excepcionalidade desde o ano 2014”, sostivo o deputado socialista Martín Seco, que lle preguntou ao Goberno galego sobre os resultados do proxecto de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental do encoro das Conchas.

“Tal como está o encoro das Conchas, tiráronse fondos europeos en facer piscinas e remodelar termas en vez de destinados ao fin que tiñan?”, preguntou Seco. Pero Balseiros lamentou non poder aclarar as súas dúbidas por ser un asunto “competencia da Consellería de Medio Ambiente e non da de Medio Rural”.

No mes de maio deste ano o Ministerio de Transición Ecolóxica publicou o mapa de contaminación por nitratos, establecendo dous puntos no encoro das Conchas

Este encoro, ubicado nos concellos ourensáns de Bande e Muíños, leva décadas acumulando contaminación por fósforo e nitratos dos xurros, fertilizantes e residuos das explotacións gandeiras da comarca da Limia, onde se atopa a maior densidade de granxas de porcos e polos de Galicia.

Declaración de zonas vulnerables na Limia por parte da Xunta

“A Xunta de Galicia non tomou ata o día de hoxe ningún tipo de medida preventiva nin paliativa. Despois de 13 anos de desleixo do Goberno do PP na Xunta de Galicia a situación converteuse en insostible e agora temos un grave problema de saúde pública”, dixo o deputado socialista.

A Directiva de Nitratos da UE obriga a que os Estados membros delimiten as áreas máis sensibles e contaminadas, pero a Xunta aínda non catalogou ningunha zona vulnerable en Galicia, alegando que non era posible facelo sen que o Goberno central publicara antes o mapa de contaminación por nitratos, algo que fixo o pasado mes de maio.

O día que se fagan as declaracións de zonas vulnerables buscarase a mínima afectación (José Balseiros)

Balseiros reiterou que, trala publicación deste mapa, o prazo para a declaración de zonas vulnerables remata no ano 2025, xa que se establece un período de tres anos para facer a declaración de zonas vulnerables por parte das comunidades autónomas. “E estamos aínda no 2022”, insistiu.

O director xeral de Gandería adiantou, iso si, que “o día que se fagan as declaracións de zonas vulnerables, que non están aínda concretadas, faranse en absoluta concordancia cos Concellos e cos sectores afectados para que teña unha mínima afectación”, xa que nestas zonas, haberá un código de boas prácticas agrarias de obrigado cumprimento por parte das explotacións.

“A Xunta ten que tomar medidas para reverter a situación de contaminación nas augas e isto non ten por que traer consigo o peche de ningunha explotación”, contestoulle Martín Seco, que acusou ao Goberno galego de estar agardando a que pasen as eleccións municipais ante o temor ás consecuencias políticas destas medidas nos 12 concellos da comarca.

Ocultan o problema como se lles fixesen un favor aos gandeiros, cando os máis prexudicados se non se fai nada van ser eles, porque a UE acabará tomando medidas drásticas (Martín Seco, PSOE)

 “Deberan abandonar esas mensaxes populistas tratando ocultar un problema existente como se lle fixesen un favor aos gandeiros da comarca e como se a contaminación fora desaparecer soa. Poden tapar os ollos de cara ás eleccións municipais, pero os máis prexudicados se non se toman medidas van ser as propias explotacións gandeiras, porque a UE acabará tomando medidas drásticas se non reaccionamos ante un problema de saúde pública”, afirmou o deputado socialista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información