O nitróxeno é un dos nutrientes esenciais na agricultura. A súa presenza é fundamental para o crecemento e desenvolvemento das plantas e para lograr un rendemento óptimo dos cultivos. Pero o seu uso en exceso ten consecuencias negativas para o medio ambiente e para o peto dos produtores.
Lograr un uso eficiente dos fertilizantes nitróxenados é o obxectivo da Rede Ruena, que conecta a empresas, Universidades e centros de investigación. Na súa última xornada online, distintos responsables dos ministerios de Agricultura e Transición Ecolóxica debullaron algúns dos aspectos relevantes das novas normativas que afectan á produción agrícola en España.
Nunha parte desa nova lexislación, o Goberno español vai máis aló do que esixe Bruxelas, algo que Ignacio Atance, subdirector xeral de Planificación de Políticas Agrarias do MAPA, xustifica: “Somos un país netamente exportador e cun destino principal desas exportacións na propia UE. Iso fai que desde o Ministerio pensemos que debemos ir por diante na procura de solucións”, argumenta.
O Ministerio de Agricultura tamén supera o solicitado pola Comisión Europea aos distintos Estados membros na vinculación da nova normativa aprobada como condición para o cobro de axudas da PAC no actual período.
O pau e a cenoria
Ignacio explica que o Goberno optou por acompañar os 32.549 millóns de euros dos fondos da Política Agrícola Común para o período 2023-2027 cun “paquete lexislativo” que inclúe tres Reais Decretos sobre o uso de tres insumos básicos na produción agrogandeira (fertilizantes, fitosanitarios e antibióticos) co obxectivo de “lograr unha evolución profunda do sistema produtivo”.
O paquete lexislativo de acompañamento da PAC inclúe tres Reais Decretos sobre o uso de fertilizantes, fitosanitarios e antibióticos
“O enfoque estratéxico que se persegue é o de combinar medidas regulatorias (sancionadoras) con medidas incentivadoras para axudar a que a agricultura española acade os obxectivos de desenvolvemento sostible”, indica.
Datos individualizados de cada explotación
O Caderno Dixital de Explotación (CUE), que entrará en vigor en setembro de 2024 para as explotacións de máis de 30 hectáreas de cultivo e un ano máis tarde para as demais, pretende “dispoñer de datos individuais” en relación ao uso destes insumos con respecto a niveis de referencia doutras granxas, da comunidade autónoma ou da media española.
O Caderno Dixital vai permitir dispoñer de datos comparativos de cada granxa
“No momento no que exista un mandato de redución obrigatoria por parte dun Regulamento comunitario, o feito de dispoñer de datos individualizados por explotacións permitiranos saber que explotacións terán a obriga de reducir, fronte a outras que xa fixeron este esforzo con anterioridade”, avanza Ignacio.
“Tivemos propostas de facer un enfoque incentivador por parte dos ecorrexímenes primando a aquelas explotacións que fixesen un menor uso de fertilizantes ou fitosanitarios; o problema é que sen datos históricos iso non se pode levar a cabo”, aclara. Pero en futuras reformas da PAC ese podería ser o camiño.
“As perdas de nutrientes son perdas económicas para o agricultor”
María Luisa Ballesteros, da Subdirección Xeral de Medios de Produción Agrícola do MAPA é unha das responsables da redacción do Real Decreto 1051/2022 de Nutrición Sostible de Chans Agrarios e defende a necesidade dunha norma que persegue axustar as doses de fertilizante ás necesidades reais dos cultivos.
“Ao chan soamente lle hai que aportar aquilo que supón un beneficio para o binomio solo-cultivo, non é un basureiro ao que se lle poida botar calquera cousa. E todo o que non supoña un beneficio para o chan é nocivo para el”, asegura, porque “todo o que exceda as doses que necesita o cultivo vaise perder en forma de emisións á atmosfera e en forma de lixiviación e contaminación das augas”.
De media en España hai un exceso de 39 kg de nitróxeno e 8 de fósforo por hectárea
Ademais, evidencia, “as perdas de nutrientes son perdas económicas”. “A fertilización é un dos principais gastos para un agricultor, polo que se conseguimos axustar as doses sen que se resinta a produción suporá mellorar os beneficios para o agricultor”, argumenta.
“De media en España hai un exceso de 39 kg de nitróxeno e 8 de fósforo por hectárea. Iso supón perder 35€ por hectárea nestes momentos, pero cos prezos dos fertilizantes do verán de 2022 eran máis de 100€”, calcula Marisa.
Recomendacións de abonado
Esta responsable do Ministerio recoñece que “a Administración necesita dispoñer de datos fiables das explotacións”, pero asegura que “a función principal do Caderno Dixital non é informar á Administración, senón ao propio agricultor, porque o que non se apunta non se controla”, insiste.
Para suplir a contratación dun asesor externo por parte das explotacións para a realización dos Plans de Abonado é necesario dispoñer dun programa informático de recomendacións de abonado, que pode estar integrado ou non no Caderno Dixital e debe ser aceptado pola comunidade autónoma.
O programa de cálculo de nutrientes do SIEX empezará a funcionar co nitróxeno e despois pasarase ao fósforo
O Ministerio empezará por controlar o uso do nitróxeno antes de pasar ao fósforo. “Os balances de fósforo non son tan sinxelos como os de nitróxeno. Por iso, o programa de cálculo de nutrientes do SIEX empezará co nitróxeno e despois pasarase ao fósforo, pero non temos datas para cando estará dispoñible”, avanza.
Producir máis sen molestar ao medio ambiente
A responsable ministerial pon o foco nos problemas de carácter ambiental dun exceso de fertilización e nas posibles sancións que iso pode supor. “A Comisión Europea puxo unha demanda contra España polo incumprimento da Directiva Marco da Auga. En materia de contaminación das augas os agricultores non seremos os únicos responsables, pero si que somos culpables en parte”, asegura.
Do mesmo xeito, lembra, “estivemos a piques de ter un apercibimento como país por parte da Comisión Europea por superar os niveis e obxectivos fixados para as emisións de amoníaco”.
É necesario mellorar a imaxe que ten a agricultura e a fertilización para a sociedade
A agricultura e gandería en España son responsables do 96,4% das emisións de amoníaco á atmosfera e contribúe ao 11% dos Gases de Efecto Invernadoiro, segundo o Sistema Español de Inventarios do ano 2022.
Pero reducir a produción de alimentos non é unha fórmula válida para diminuír as emisións nun contexto mundial de incremento de habitantes e desaparición de superficie cultivable. Segundo a FAO, a terra arable pasará de 0,28 ha/persoa en 1998 a 0,22 en 2030. “A poboación mundial aumenta, pero o chan diminúe, ben por degradación ou porque se usa para outras cousas, polo que temos que ser capaces de producir máis por hectárea, pero sen molestar ao medio ambiente”, defende Marisa.
As zonas vulnerables á contaminación por nitratos deberán estar declaradas en maio de 2025
Javier Álvarez Rodríguez, xefe de área na Subdirección Xeral de Planificación Hidrolóxica do Ministerio de Transición Ecolóxica, está encargado da xestión de Real Decreto Contaminación de Augas por Nitratos (Real Decreto 47/2022 do 18 de xaneiro).
Trátase dun Real Decreto de transposición dunha Directiva comunitaria do ano 1991 cuxo obxectivo é a designación das augas, tanto superficiais como subterráneas, afectadas por contidos en nitratos non aceptables; delimitación de zonas vulnerables que se ven afectadas por escorrentía; establecemento de programas de actuación, elementos de corrección e medidas reforzadas; así como elaboración de informes cuatrienais de estado das distintas concas.
O obxectivo xeral desta nova normativa é establecer as medidas necesarias para reducir a contaminación das augas superficiais, de transición, costeiras e subterráneas, causada polos nitratos procedentes de fontes agrarias e actuar preventivamente contra novas contaminacións.
A designación de zonas vulnerables foi unha das deficiencias do cumprimento da normativa que indicou a Comisión Europea
“Hai un problema serio en España coa contaminación por nitratos”, recoñece o responsable do Ministerio, o que obriga a actuar de maneira decidida para reducir eses niveis. A UE presiona nese sentido, asegura.
Entre as medidas a adoptar estaría a limitación das doses de abonado e dos períodos de aplicación permitidos, que xa se estableceron en comunidades como Cataluña. En Galicia, sen embargo, non se puxo en marcha aínda ningunha destas medidas, ao non ter sido designada até o de agora ningunha área agrícola como vulnerable, se ben a Limia está pendente dese trámite, que se terá que executar nos próximos meses.
Retraso na declaración de zonas vulnerables
Nos últimos anos déronse pequenos pasos, aínda que os retrasos acumulados xa derivaron na presentación, por parte da Comisión Europea, dunha demanda contra España por deficiencias na aplicación da normativa comunitaria en materia de control de augas contaminadas por nitratos.
O último informe cuatrienal (2016-2019) fíxose público en decembro de 2021 cos resultados da rede de puntos de control e en maio de 2022 publicouse o mapa de identificación das augas que non cumpren cos niveis aceptables de nitratos.
En 2024 haberá un novo informe cuatrienal dentro do procedemento periódico de avaliación e seguimento da eficacia das medidas adoptadas. Este traballo de revisión incluirá datos das mostraxes, modificación ou ampliación das zonas vulnerables así como novas designacións respecto ao informe de situación, mapas de augas afectadas por nitratos e eutrofización, plans de actuación para estas zonas, con medidas obrigatorias e preventivas e códigos de boas prácticas para as explotacións.
En 2024 farase público un novo informe cuatrienal cos resultados actualizados da rede de puntos de control
“Agora mesmo atopámonos no Estudo de Presións e Impactos (EPI), que daría paso á Declaración de Zonas Vulnerables, que deberían estar definidas e publicadas en maio de 2025”, avanza Javier. Algunhas comunidades autónomas, como a valenciana, ampliaron as súas zonas vulnerables como consecuencia da demanda en curso da UE.
Recuperación de áreas contaminadas
Unha vez que unha zona deixa de ser vulnerable, porque volve a niveis aceptables, será sometida a un control e seguimento especial e aplicaránselle niveis máis estritos.
“Declaramos zona vulnerable con carácter xeral por enriba de 25 mg/l en augas superficiais e 37,5 mg/l en augas subterráneas, pero para saír da Rede Operativa e volver á Rede de Vixiancia esas zonas deberán estar por baixo de 17,5 mg/l en augas superficiais e de 25 mg/l en augas subterráneas”, explica Javier.
Considérase eutrofización en augas continentais cando hai niveis de fósforo total superiores a 35 mg/m3 e clorofila A superior a 8 mg/m3
O Ministerio está a traballar neste momento nun estudo de presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas sobre os impactos rexistrados nas augas dirixido a determinar a contribución de cada sector de actividade á contaminación das augas nas zonas sensibles e vulnerables.
Este Estudo de Presións e Impactos será realizado cuatrienalmente pola Dirección Xeral da Auga do Ministerio de Transición Ecolóxica en coordinación coas comunidades autónomas.
“Temos un complexo administrativo importante para a aplicación do Real Decreto, no que entran as comunidades autónomas, e non coñecemos realmente onde nos imos atopar as dificultades de aplicación. É un Real Decreto especialmente complexo, tanto polo contido como polo contexto no que se move”, admite Javier.