A Consellería do Medio Rural convoca axudas para adquisición de equipos de tratamento de xurros e ampliación e cubrición de pozos de purín, así como para a compra de maquinaria de precisión e instalación de sistemas de monitoraxe nas explotacións.
A orde de subvencións, publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), conta cun orzamento de 8,77 millóns de euros, cos que se pretende beneficiar a unhas 500 explotacións da comunidade.
Estas achegas, están financiadas con fondos Next Generation, que derivan do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo Goberno central e son resultado do instrumento de recuperación temporal habilitado pola Unión Europea para reducir as consecuencias da crise sanitaria pola COVID-19.
Finánciase a construción, ampliación e cuberta de fosas de xurro e esterqueiras, así como a instalación de separadores de purín
As subvencións divídense en dúas liñas diferentes. Unha delas está dirixida a promover a economía circular no sector agrogandeiro mediante a mellora da xestión de xurros e estercos nas explotacións desde o punto de vista medioambiental.
Está dotada con 2,2 millóns de euros e diríxese a actuacións por importe superior a 10.000 euros, entre as que se inclúen a construción ou ampliación de fosas de xurro ou esterqueiras, a súa cubrición mediante cubertas ríxidas ou cubertas flexibles de lona, así como a instalación de separadores de purín e equipos de compostaxe.
Subvencíonase a adquisición de abonadoras, colleitadoras e sulfatadoras de precisión, así como os robots de muxido e os colares GPS de xeolocalización e toma de datos dos animais
En relación coa liña dirixida a agricultura de precisión, dotada con 6,57 millóns de euros, apoiaranse investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, como pode ser a adquisición de maquinaria (sementadoras, colleitadoras e abonadoras por GPS, cisternas de aplicación localizada de xurro, carros mesturadores con análise NIR da ración, tractores con sistema de autoguiado, robots de muxido, colares GPS) ou de diversas aplicación e programas informáticos, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental.
Concorrencia competitiva
Estas axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e as posibles beneficiarias son, na maioría dos casos, as explotacións agrarias ou as súas entidades asociativas.
Entre os criterios de ponderación, concédense 5 puntos cando o investimento é conxunto entre cando menos 5 explotacións, 2 puntos por ser unha explotación de titularidade compartida e 2 por ter o solicitante menos de 41 anos. Tamén se prima con 3 puntos que o proxecto sexa executado nunha zona vulnerable á contaminación por nitratos (en Galicia aínda non hai ningunha zona declarada) e con outros 3 que o promotor sexa un consorcio público-privado.
No caso da maquinaria, prímase a compra de cisternas de aplicación localizada de xurros
No caso da maquinaria, prímase con 3 puntos os investimentos en cisternas con inxectores ou tubos colgantes, así como as sulfatadoras de precisión, con 2 puntos as sementadoras e colleitadoras con GPS e con 2 puntos máis cando se trata dunha CUMA, empresa de servizos ou outra modalidade de uso en común da maquinaria.
As porcentaxes subvencionables variarán entre o 40 e o 85% do proxecto e o prazo de solicitude é dun mes. Os investimentos que poden recibir subvención abranguen fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipos fixos, a maquinaria e a dixitalización.