O novo ano arrinca con cambios normativos importantes para o agro galego. O Real Decreto de Nutrición Sostible nos Solos Agrarios supón modificacións importantes no manexo de xurros, estercos e fertilizantes por parte das explotacións agrogandeiras nun ano no que, tralo seu aprazamento, comezará a aplicarse tamén o Real Decreto que regula o uso do Caderno Dixital.
Desde o sector pídese flexibilidade e unha implantación progresiva destas novas normativas, pois considéranse imposibles de levar a cabo nos termos e prazos fixados. Repasamos a continuación os principais aspectos que teñen obriga de cumprir as granxas desde o día 1 de xaneiro.
En primeiro lugar, e co obxectivo de reducir as emisións de amoníaco, está prohibido desde comezo de ano botar o purín mediante sistemas de prato ou abano, agás nunha serie de excepcións: parcelas con pendentes superiores ao 10% (onde só se poderán aplicar xurros producidos na propia explotación), cando a explotación teña menos de 2 hectáreas de base territorial ou cando máis da metade da superficie da explotación teña unha pendente superior ao 10%.
Os períodos de aplicación permitidos con prato ou abano para os casos que entran dentro das excepcións do Real Decreto deberán ser definidos pola comunidade autónoma
Con todo, nestes terreos tampouco se poderá aplicar xurro en situacións de elevadas temperaturas para evitar a evaporación de nitróxeno á atmósfera. Eses períodos teñen que ser definidos, en cada caso, polas comunidades autónomas.
No resto de casos, os métodos permitidos para a aplicación do purín son os sistemas de bandas con mangueiras flexibles ou tubos ríxidos, os sistemas de bandas con discos ou rexas e os sistemas de inxección no chan.
Enterrar o xurro nas 12 horas seguintes
O esterco e xurro sen transformar poderase aplicar en terras sen cultivo, pero deberá ser enterrado o antes posible trala súa aplicación (e sempre nas primeiras 12 horas), agás cando se realice sementeira directa, en agricultura de conservación ou cando se aplique en pastos.
Tampouco será preciso enterralo cando se aplique nas terras mediante inxectores ou sistemas de aplicación localizada, así como cando ese xurro foi previamente compostado.
En pradeiras, o purín terá que ser aplicado, como mínimo, 3 semanas antes do pastoreo ou a sega da herba
En pastos o purín deberá ser aplicado cun mínimo de 21 días antes do pastoreo ou a sega. No resto de cultivos forraxeiros haberá que esperar dende que se aplica un mínimo de 2 meses antes da colleita ou 21 días se non hai contacto coas partes comestibles do cultivo.
Distancias a cauces de auga
Con carácter xeral, prohíbese aplicar xurro ou esterco en terreos xeados, con neve, encharcados ou en períodos de precipitacións torrenciais. Até o de agora non existía ningún tipo de limitación, agás as establecidas para as zonas declaradas vulnerables á contaminación por nitratos (en Galicia non hai ningunha polo momento) en canto a períodos de aplicación ou condicións meteorolóxicas.
Tampouco había até o momento normativa concreta a respecto das distancias a deixar a cauces de auga á hora de fertilizar, máis aló de instrucións ou recomendacións de boas prácticas.
Pero desde o 1 de xaneiro hai xa unha prohibición expresa. Non se poderá aplicar xurro ou esterco a menos de 5 metros de ríos, regatos, lagos, costa mariña, praias, captacións de auga para consumo humano, pozos e fontes. Tampouco se poderá aplicar purín naqueles terreos nos que polas súas características poidan producirse arrastres de nutrientes a zonas de humedais. As comunidades autónomas poden establecer distancias superiores.
Revisión das abonadoras
Favorecerase o uso de fertilizantes que produzan menos emisións de amoníaco, tendo en conta as características dos solos, clima e cultivo.
No caso da urea, será obrigatorio empregar polo menos un método para reducir as emisións: incorporala ao solo cun sistema de inxección ou mestura coa terra; enterrala antes de que transcorran 4 horas da súa aplicación; empregar urea recuberta de polímeros ou outros sistemas que inhiban a nitrificación ou a ureasa.
Se se abona con urea, deberá estar protexida con inhibidores da nitrificación ou da ureasa ou ser enterrada antes de que transcorran 4 horas
A maquinaria de aplicación debe estar calibrada e en bo estado e prevese o establecemento de revisións periódicas ás abonadoras, coma as xa existentes para as sulfatadoras.
Fíxanse tamén períodos nos que estará prohibido realizar fertilización nitroxenada de determinados cultivos coma o viñedo (de novembro a febreiro) ou os cultivos de inverno (no verán), agás que se empreguen sistemas de rega localizada ou técnicas de agricultura de precisión.
Análises de solos e de puríns
Para tratar de axustar o máis posible as doses de fertilizantes, deberase ter en conta o contido en nitróxeno e fósforo do esterco e xurro, de xeito que non se superen as necesidades do cultivo nestes nutrientes.
Cada explotación deberá dispoñer de analíticas que determinen a composición NPK do seu xurro ou esterco. En caso de traelo doutra granxa, deberase dispoñer desta información procedente da gandería de orixe.
Será necesario contar cunha analítica de chan de cada parcela como mínimo cada 5 anos en regadío e cada 10 en secano
Para suplir o inxente número de analíticas que serían necesarias para cubrir a totalidade de granxas de vacún, porcino, avicultura ou outro tipo que producen xurro e esterco en Galicia, así como a totalidade das fincas que traballan, prevese a publicación por parte da comunidade autónoma dunha serie de táboas de referencia sobre a composición media dos distintos tipos de abonos orgánicos en función da especie, así como mapas de contido medio de nutrientes do chan por comarcas e tipos de solo.
Plans de Abonado
Para evitar a sobrefertilización e o risco de contaminación das augas por nitratos, establécese a obriga, a partir do 1 de setembro de 2024, de que todas as granxas conten cun plan de abonado, no que se inclúa unha estimación dos nutrientes que é preciso empregar, tanto de orixe orgánica como mineral, en función de cada cultivo e das analíticas de solo.
Neste plan deberá indicarse o momento previsto de abonado, así como as medidas a adoptar para diminuír as emisións de amoníaco e doutros gases contaminantes.
Os Plans de Abonado non serán obligatorios para as explotacións con menos de 10 hectáreas de superficie de secano
O plan de abonado non será obrigatorio para as explotacións con menos de 10 hectáreas de superficie, sempre que sexan de secano ou estean dedicadas unicamente a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo na propia granxa.
As explotacións deberán contar con asesoramento técnico para a elaboración do plan de abonado desde o 1 de setembro do 2025 (en zonas vulnerables a nitratos, desde un ano antes) ou basearse para facer os cálculos das doses e fertilizantes a utilizar nunha aplicación informática oficial que determine a Administración.
Sen definir os incentivos para a adopción voluntaria do Caderno Dixital por parte das granxas
As explotacións deberán anotar as aplicacións de produtos fitosanitarios e abonos (tanto de orixe orgánica como química) realizadas en cada parcela no Caderno Dixital da explotación, que entrará en vigor de xeito progresivo durante este ano e o vindeiro.
Desde o día 1 de xaneiro pode ser adoptado de xeito voluntario polas explotacións. Aínda que están sen definir que incentivos se van propoñer, algunhas comunidades autónomas, como por exemplo Aragón, xa anunciaron unha partida de 2,5 millóns de euros para fomentar esta incorporación das explotacións ao Caderno Dixital.
Transcorrido este primeiro período voluntario, a partir do 1 de setembro será obrigatorio xa para aquelas granxas ou agricultores que declaren máis de 30 ha de terras de cultivo e cultivos permanentes na PAC e para as que teñan máis de 5 ha de regadío ou máis de 0,1 ha de invernadoiros. O resto terán un ano máis, até o 1 de setembro de 2025, para incorporar o Caderno Dixital.
As ganderías extensivas que non empregan fertilizantes químicos estarán exentas do Caderno Dixital a non ser que soliciten axudas da PAC vinculadas a prácticas de pastoreo
Establécense unha serie de excepcións nesta obriga de dixitalización, podendo manter os rexistros en papel aquelas explotacións que dispoñan dunha superficie de cultivos permanentes e terras de cultivo (excluídos os pastos temporais) inferior a 5 hectáreas, sempre que non teñan máis dunha hectárea de regadío, e as ganderías que dispoñan unicamente de superficies de pastos (tanto temporais como permanentes), sempre que non apliquen fertilizantes (agás o abonado derivado do propio exercicio de pastoreo dos animais).
Con todo, estas explotacións estarían obrigadas a cubrir o Caderno Dixital en caso de solicitar os ecorreximes da PAC, xa que os titulares de explotación que soliciten axudas por determinadas prácticas ambientais ligadas a superficies de pastos permanentes deben anotar determinadas accións para beneficiarse destes pagos (identificación das parcelas de pastoreo, datas, actividades en relación coa sega sostible e as illas de biodiversidade, entre outras).
As anotacións de abonos e fitosanitarios deberán ser feitas no prazo de 30 días. A Xunta volcará os datos 2 veces ao ano ao SIEX do Ministerio
No caso de ganderías extensivas en base a pasto que empregen abonos, deberán facer só no Caderno Dixital as anotacións relativas a esas fincas nas que se fertilizou. O mesmo acontece para os produtores de horta, por exemplo, que conten cunha superficie de invernadoiro superior a 0,1 ha e cultivos ao aire libre, pois só estarían obrigados de facer as anotacións do invernadoiro sempre que a superficie total da explotación non supere as 5 ha.
As explotacións disporán de 30 días para anotar as aplicacións realizadas en cada unha das parcelas, tanto de abonos como de produtos fitosanitarios, no seu Caderno Dixital, que estará conectado coa aplicación oficial establecida pola comunidade autónoma. O volcado de datos ao SIEX estatal levarase a cabo dúas veces ao ano.