A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Gadis e Fundación Galicia Sustentable unen forzas para impulsar o rural

A compañía galega será socio protector do Foro Rural Sustentable

Gadis e Fundación Galicia Sustentable unen forzas para impulsar o rural

Promover a prosperidade e a sustentabilidade do medio rural é o obxectivo da unión entre Supermercados Gadis e a Fundación Galicia Sustentable. A fundación impulsa o Foro Rural Sustentable e a empresa 100% galega converteuse en socio protector desta iniciativa que dá voz a persoas, emprendedores e proxectos que están a transformar o rural.

A directora de Marketing e RSC de GADISA retail, Melisa Pagliaro Fernández, e o director da Fundación Galicia Sustentable, Marcos Pérez Gulín, ratificaron o acordo na sede central da compañía. Un vínculo co que Gadis quere fortalecer a súa aposta por xerar impacto positivo na contorna a través da tripla sustentabilidade: económica, social e ambiental, unha das súas sinais de identidade.

A empresa comparte os obxectivos e a misión desta iniciativa: poñer en valor os recursos propios de Galicia para desenvolver todo o seu potencial cara a unha sociedade sostible que, no caso desta comunidade, pasa por favorecer a mellora das condicións de vida no rural.

Gadis pon como exemplo o seu propio modelo de negocio, baseado na proximidade e en priorizar a produción sostible, que xera un ecosistema formado por máis de 1.000 provedores de orixe local, cos que mantén relacións a medio e longo prazo para favorecer o seu desenvolvemento. Unha filosofía empresarial que supón un estímulo para o tecido produtivo de Galicia e para afianzar poboación na contorna rural.

Foro Rural Sustentable 2024

O Foro Rural Sustentable é un evento da Fundación Galicia Sustentable, impulsado por Gadis e Corporación Hijos de Rivera para favorecer o encontro de ideas e propostas que proveñen directamente de iniciativas que están realizando unha contribución á sustentabilidade do rural.

A 2ª edición deste foro celebrarase o 19 e 20 de abril no Espazo Vilaseco (Chantada) e contará coa participación de expertos, profesionais, investigadores e empresarios que intercambiarán experiencias e debaterán sobre as ideas encamiñadas a alcanzar o obxectivo dunha Galicia rural máis próspera e sostible. Neste sentido, poñerán en valor a importancia do sector primario nesta comunidade. A fundación trasladará as súas propostas ás diferentes administracións e a outros axentes relevantes na sociedade para esixir os cambios regulatorios necesarios.

Gadis, comprometida coas persoas

A firma deste convenio forma parte do compromiso de Gadis coas persoas, que articula a través de iniciativas de diversa índole recollidas no seu programa de Responsabilidade Social Corporativa.

Fundación Galicia Sustentable

É unha organización privada, sen ánimo de lucro constituída en 2008 para transformar Galicia nunha sociedade sostible. As liñas de traballo son a agricultura rexenerativa, a inspiración para o cambio, a prosperidade endóxena, a restauración dos ecosistemas e a tecnoloxía para a sustentabilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *