Cataluña conta a día de hoxe con 347 explotacións lácteas e unha producción mensual de 57.858 toneladas, segundo os últimos datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria, do pasado mes de outubro.
Setenta e tres deses gandeiros aséntanse nas comarcas pirenaicas de Alt Urgell e Cerdanya, cunha forte implantación do cooperativismo na zona, o que permitiu a supervivencia da produción láctea nestas áreas de montaña.
“Grazas ás cooperativas hoxe aínda queda gandería de leite aquí no Pirineo”, asegura Joan Guitart, un dos 6 socios de Granja Castellar, situada en Castellar de Tost, no municipio de Ribeira d’Urgellet, un pobo de só 20 habitantes e situado a 900 metros de altitude no Pirineo de Lleida.
Ás industrias élles difícil vir recoller o leite aquí, en granxas pequenas e dispersas, por iso cando desaparecen as cooperativas desaparecen as ganderías
A diferenza do que ocorre en Alt Urgell, en todo o veciño val de Pallars, nas tres comarcas que lindan co Val d’Aran, xa non quedan granxas leiteiras. “Hai 30 anos, cando nós empezamos co unifeed cooperativo, Copirineo tiña máis de medio cento de explotacións. Pero cando desaparecen as cooperativas ás industrias élles difícil vir recoller o leite aquí, en granxas pequenas e dispersas”, explica Joan.
Medrar absorbendo a outras granxas
SAT Granja Castellar é unha das explotacións máis grandes da zona. Muxe nestes momentos 420 vacas e produce uns 13.500 litros diarios, que entrega á cooperativa Cadí para a súa transformación en queixo e manteiga. Da ración para alimentar ás vacas encárgase outra cooperativa, Pirenaica, que fai 30 anos instalou un dos primeiros centros comunitarios de mestura húmida unifeed de Europa.
Joan está á fronte desta granxa xunto a dous dos seus irmáns, a súa filla e outros dous veciños que acabaron pechando as súas granxas familiares para integrarse na SAT. “No seu momento chegamos a ser 8 socios. Eran explotacións que deixaban de muxir pero que no canto de vender a cota láctea nós absorbiamos a granxa, comprando o gando, quedándonos coa cota, e pasando a integrar a eses gandeiros na sociedade. Desa forma evitamos que esa cota marchase da comarca cara a outras zonas”, explica.
Integrando ás ganderías que ían pechando, evitamos que a cota se vendese e marchase da comarca
Tras décadas de incremento continuado no número de cabezas, nestes momentos o seu obxectivo é a estabilización da granxa. “Non queremos seguir crecendo, a nosa intención actualmente é manter o número de vacas en muxido ao redor das 415-420. Pero temos moitas xovencas e tivemos que mandar ao matadoiro este verán moitas vacas, porque senón estariamos nestes momentos en 450 vacas en produción”, detalla Joan.
Recría en dúas localizacións diferentes
Aínda que forma unha soa unidade epidemiolóxica, Granja Castellar ten 4 libros abertos, 2 deles para reposición en dúas granxas próximas que deixaron de producir leite, e suma en total unhas 900 cabezas contando vacas adultas e recría.
A unidade de produción atópase en Castellar de Tost, onde tamén se desenvolve a fase de lactación das tenreiras. “Aos 2 meses e medio facemos o destete e a partir de aí, ao redor dos 3 ou 4 meses, vanse a outras granxas”, explica Joan.
As ganderías lácteas das comarcas de Alt Urgell e Cerdanya comparten algúns problemas coas granxas de Galicia, como escaseza de base territorial e orografía complicada
Os outros dous establos están situados a 6 e 8 km de distancia. “Imos pola mañá e pola tarde e temos a unha persoa encargada da recría. A partir dos 12 meses empezamos a poñer as primeiras doses se a vaca está en condicións. Detectamos os celos con colares, co que gañamos en tempo e en fertilidade”, asegura. A inseminación realízase con persoal propio da granxa.
Producir leite nunha zona de montaña
Joan considera que o labor do gandeiro é o de “ser capaz de adaptar o modelo produtivo da súa explotación á situación concreta de cada lugar”. Na comarca de Alt Urgell a climatoloxía e as características do terreo condicionan o tipo de produción láctea.
“A base territorial é moi baixa, porque por unha banda temos o río e pola outra o monte; e todo é pendente, xa que estamos nunha zona de prepirineo”, explica.
Granja Castellar conta con 200 hectáreas de superficie aproveitada en pastoreo por distintos lotes de animais: polas vacas secas, polas xovencas e por unha parte das vacas en produción (aquelas que están no final da lactación).
Temos un custo de produción alto, chegamos a preto dos 12 euros por vaca e día de custo de alimentación
Para o resto das vacas en muxido, a alimentación baséase en ración unifeed que inclúe preto de 20 kg de concentrado. “Logramos medias de 32-33 litros de produción e unhas calidades de leite moi boas; case todo o ano estamos por enriba do 4% de graxa”, conta Joan.
A ración é proporcionada diariamente no establo grazas a un sistema de cátering que, sumado ao uso de grandes cantidades de concentrado, dispara o custo de alimentación. “Temos un custo de produción alto, chegamos a preto dos 12 euros por vaca e día, mentres o prezo de venda do leite o ano pasado situouse en 0,52 euros o litro de media de todo o ano”, detalla.
Primeira planta de unifeed comunitario de Europa
A explotación é socia da Cooperativa Pirenaica, con instalacións na Seu d’Urgell e fábrica de penso e mestura húmida no municipio de Montferrer y Castellbò, a 3 km da Seu d’Urgell.
Desde esta planta saen diariamente os camións que descargan nas granxas. “Levamos 30 anos funcionando desta forma. Fomos pioneiros no seu momento en Europa neste sistema de unifeed comunitario. Estivemos a dar voltas polo mundo para aprender, desde Israel a Dinamarca”, lembra Joan.
“Hoxe damos comida a 40 explotacións de leite que sumamos unhas 3.500 vacas en total, aínda que día a día van desaparecendo granxas”, lamenta. Dentro de Pirenaica, algúns socios xestionan a súa propia superficie agraria, mentres hai outros que xa deixaron as súas terras en mans da cooperativa.
Non é que sexamos máis cooperativistas que noutros lugares, é que a necesidade nos fai selo
A superficie total é dunhas 1.000 hectáreas, insuficiente para autoabastecer á planta. “É difícil facelo mellor con esta seca. Temos que comprar bastantes insumos, por exemplo millo para ensilar; millo gran e soia, que veñen do porto de Tarragona e cebada que traemos de Francia”, explica.
O servizo de cátering que a cooperativa presta ás ganderías socias é un piar fundamental para a supervivencia das granxas da zona, considera Joan. “En Xirona outras iniciativas similares de unifeed comunitario desapareceron porque alí hai outras alternativas. Por que funciona aquí? Porque estamos nun sitio apartado e é difícil ser autosuficiente ti só. Se queres ser moi individualista tes que ter máis de 450 vacas. Con granxas máis pequenas aquí é difícil. Non é que sexamos máis cooperativistas que noutros lugares, é que a necesidade nos fai selo”, argumenta.
Cadí, primeira cooperativa láctea creada en España
Hai máis de 70 anos que Granja Castellar forma parte tamén da cooperativa Cadí, formada por 73 familias gandeiras de Alt Urgell e Cerdanya. Fundada en 1915, Cadí foi a primeira cooperativa láctea creada no Estado español.
“Nunca foi rescatada nos seus case 110 anos de historia”, destaca Joan, que formou parte ata 2016 do Consello Reitor da cooperativa. Dentro de Cataluña, Cadí é unha referencia. Produce queixo e manteiga, con dúas Denominacións de Orixe.
Transforma entre 170.000 e 180.000 litros de leite en diversas referencias comerciais, entre elas varias modalidades de queixo, requeixo e manteiga, o verdadeiro produto estrela de Cadí, que é tamén socia de Llet Nostra, a través da cal se dá saída aos excedentes en forma de leite líquido e yogurt.
Urgèlia é un queixo con DOP que se produce integramente a través da cooperativa
Cadí vende os seus produtos por toda Cataluña, ademais de exportar a distintos países, e conta na actualidade cun cadro de persoal de 130 traballadores. “Estamos a pasar un momento delicado precisamente porque a cooperativa está sobrecargada de man de obra e non somos capaces de ser competitivos. Temos que industrializarnos máis, porque os tempos cambian e creo que faltaron investimentos en modernización e tecnoloxía. Non podemos vivir dos 100 anos de historia, iso non é suficiente, temos que avanzar para pensar nos próximos 100”, reflexiona.
Aforrar custos co pastoreo
Aínda que o pastoreo é o sistema tradicional de alimentación do gando nesta zona do Pirineo, as explotacións lácteas da zona foron abandonando esta práctica a medida que ían crecendo e intensificándose, aínda que Granja Castellar segue mantendo o pastoreo como unha estratexia para reducir custos de produción.
“Ás veces penso que queremos ser demasiado americanos. Estamos a 900 metros de altitude e temos pendentes elevadas; sáeme máis cómodo levar a pacer as vacas que cortar a herba”, argumenta.
Sementamos raigrás e centeo forraxeiro para o inverno; así alongamos o período de pastoreo
A SAT conta con 200 hectáreas de superficie, que se aproveitan na súa totalidade en pastoreo e coa recollida de forraxe, tanto ensilado como seco. Dispoñen de pradeiras sementadas con diferentes especies para desta forma poder alongar a duración do pasto.
“No outono empezamos pacendo as parcelas que teñen festuca e datilo, despois pasamos ao raigrás e terminamos co cereal, que é o máis resistente, cando veñen as xeadas, en xaneiro e febreiro”, explica Joan. Pero a importante seca que arrastra Cataluña nos dous últimos anos secou os pastos e encareceu a alimentación do gando.
O pasto é a base da alimentación da recría. “Moitas veces temos grupos de 30 xovencas sen tomar nin un quilo de forraxe na estabulación”, conta. Pero tamén están a estender o pastoreo ás vacas adultas.
Ao botar ao prado o lote de final de lactación reducimos o custo de alimentación de 12 euros diarios a só 2
“Unha parte das vacas en muxido, a partir de 180 días de preñadas (6 meses), cando baixan de 30 litros, pasámolas ao prado. Ao facelo baixan a 15 litros de media, pero logramos alongar un pouco máis a lactación a un custo moi baixo mentres se recuperan dos cubículos e se preparan para o parto. Cando o leite non cho pagan ben, baixar a produción non ten por que implicar matar á vaca, esta é unha forma de darlle outra oportunidade. Dos 12 euros por vaca e día que nos custa alimentalas en unifeed, pasan a 2 euros. Baixan á produción de leite, si, pero gañámolo en custo de alimentación e saúde”, defende.
Regadío por presión natural
Nesta zona da montaña, a 900 metros de altitude, a neve permanece durante dous meses ao ano. “A partir do 15 de xaneiro, cando as horas de luz empezan a aumentar, a neve empeza a derretirse. O malo é cando neva a principios de decembro, aí si que non se vai nin co soplete”, bromea Joan.
O cambio climático está a deixarse notar tamén no Pirineo. “Temos mananciais para regar que nos proporcionaban un caudal de entre 50.000 e 60.000 litros á hora que baixaron a menos de 20.000 e non podemos regar cando queremos, como faciamos antes”, indica.
Nótase o cambio climático; os mananciais viron reducido o seu caudal á metade
A zona de regadío da explotación abarca 30 hectáreas e o sistema funciona por presión natural, sen necesidade de bombeo. “Temos a auga canalizada desde o manancial a unha balsa, onde alcanza 10 kg de presión dinámica natural, que é suficiente para que funcione o sistema de aspersores”, detalla.
Abonar con esterco e non usar herbicidas
Aínda que a alimentación das vacas mediante unifeed non lles permite estar en ecolóxico, o manexo da terra dista moi pouco do esixido para a certificación.
“Abonamos con esterco, que repartimos por todas as leiras, e desde hai 3 anos non tiramos nin unha pinga de herbicida; non imos lograr 17.000 kg de materia seca por hectárea de forraxe pero imos ver se podemos ser competitivos así”, razoa.
Ás veces cando a palla sobe de prezo usamos area calcaria con superfosfato nas camas
As camas do gando son de palla e de compost, producido na propia granxa. “O que facemos é amontoar o esterco dos lotes de xovencas e vacas que temos en cama seca nunha pila ao aire libre e dámoslle voltas para ventilarlo. Por pasteurización natural chega a 70 graos, o que xera unha higienización”, explica.
Planta móbil para tratamento de xurros
A cooperativa Pirenaica impulsou tamén a adquisición dunha planta móbil de tratamento de xurros para facilitar o cumprimento das novas normativas en materia de xestión de estercos ás súas ganderías socias, volvendo situarse á vangarda de todo o Estado.
Esta planta, a primeira destas características en España, está dotada dun grupo electróxeno propio, unha bomba, un separador sólido-líquido, unha planta de polielectrolitos e coagulantes e unha decantadora centrífuga.
A cooperativa Pirenaica dispón dunha planta móbil que se traslada ás explotacións e realiza a separación da fracción líquida e sólida do xurro
Grazas ao seu funcionamento autónomo, trasládase ás explotacións e realiza a separación mecánica e posterior tratamento do xurro cru procedente das fosas de almacenamento das granxas, logrando concentrar na fracción sólida o 45% do nitróxeno e o 70% do fósforo.
A parte líquida queda dispoñible na explotación para fertirrigación nas leiras máis próximas e a parte sólida, cun alto contido en materia orgánica e nutrintes, pode ser almacenada e transportada para realizar o abonado nas parcelas máis afastadas.
Sementeira directa
“Sen o esterco das vacas o noso pobo non existiría”, asegura Joan. As características do terreo (“este é un terreo moi calcáreo onde hai moita pedra”, indica) obrígaos a usar técnicas de mínima labra. “Traballamos sempre con sementeira directa. O de arar non se toca, é sagrado. Porque se non son todo pedras. Empezamos hai xa 35 anos con sementeira directa”, conta.
Usamos ás vacas secas para facer limpeza nas leiras e poder resementar sen usar herbicidas
Para o control das malas herbas usan aos propios animais. “En épocas de seca facemos pastoreo intensivo nesas parcelas, sen cambiar ao gando cando queda pouco pasto, para obrigalo a comer esas malas herbas. Ás vacas secas que non están próximas ao parto forzámolas eses últimos tres días nesas leiras, cun bo peche para que non se escapen. Despois imos rápido detrás con sementeira directa, tras sacar ao gando, para non usar herbicidas. Non logras unha implantación do 100% pero si vas conseguindo mellorar a pradeira con aquelas especies que máis che interesan. No prado natural, por exemplo, facemos resembras de datilo, que é para min o que mellor vai, e ás veces poñemos tamén algo de festuca”, indica.
Modernización do muxido
En canto á man de obra, a SAT conta con 10 persoas empregadas, das cales entre 7 e 8, dependendo do momento, son contratadas e o resto socios traballadores. Para reducir as necesidades laborais da granxa, apostaron por investir en mellorar as instalacións de muxido. “Tivemos que modernizarnos 3 veces en 30 anos, primeiro con muxido directo, despois con sala e hoxe con rotativa”, explica Joan.
Dispoñen na actualidade dunha sala rotativa de 40 puntos, que substituíu á sala de espiña de peixe 10×2 puntos, co obxectivo de facer un muxido máis rápido. “Non queremos crecer máis, senón que os traballadores teñan tempo para facer máis cousas. Se non dispós de instalacións adecuadas, os traballadores convértense en robots dentro dunha sala de muxido”, afirma.
Coa rotativa, en pouco máis de dúas horas muximos 420 vacas; na sala levábanos máis do dobre de tempo
Na sala rotativa muxen preto de 200 vacas á hora. Os horarios do muxido son ás 6 da mañá e ás 5 da tarde. “As vacas que temos en pastoreo, que son as de final de lactación, son as últimas que muximos pola mañá e as primeiras pola tarde; así gañamos media hora e ás 7 da tarde os traballadores xa se poden ir para a casa”, indica.
Os beneficios de muxir 4 veces ao día ao lote de postparto
Granja Castellar realizou un estudo entre outubro de 2003 e maio de 2007 realizando catro muxidos no canto de dous no lote de vacas postparto, no que tanto as primíparas como as multíparas permanecían durante 3 semanas.
“Naquel momento estabamos a muxir 230 vacas nunha sala de 20 puntos. Levábanos 3 horas pola mañá e 3 pola tarde facer o muxido. O que faciamos era meter primeiro ao lote de postparto e despois ao resto de animais en produción e ao final de todo volviamos meter á sala ao lote de postparto”, explica Joan.
Esa estratexia de catro muxidos acadou resultados positivos tanto en relación á mellora da produción como en saúde e redución de problemas nas vacas postparto. “Hai claras evidencias da mellora da saúde da ubre, sobre todo na diminución de edemas postparto e na incidencia de mamitis. Constátase unha máis rápida involución uterina, en consonancia coa maior frecuencia de liberación de oxitocina, e unha mellora do comportamento das primíparas, en particular unha diminución nas dificultades da subida do leite e retención na ubre”, conclúe o estudo.
O muxido 4 veces ao día durante os primeiros 21 días é suficiente para aumentar a produción de leite durante toda a lactación
A mellora lograda na produción era de case 9 litros nas primeiras 3 semanas (de 33,5 kg a dous muxidos a 42,3 kg a catro muxidos), pero o incremento produtivo mantíñase posteriormente ata o final da lactación, con case 3 litros máis por vaca e día (34,8 kg nas vacas a dous muxidos fronte ao 37,4 kg de media nas vacas que comezaran a lactación a 4 muxidos). En total, a diferenza equivale a unha produción de 550 litros máis por vaca en toda a lactación.
“Hai un mellor arranque das lactacións, comparado co sistema tradicional, o que se atribúe ao estrito control diario das vacas postparto, o que permite detectar moi pronto calquera anomalía e realizar o tratamento correspondente”, argumenta o estudo
Placas solares e acumulación da enerxía en forma de xeo
Ademais de na modernización do sistema de muxido, esta SAT catalá investiu nos últimos anos en enerxías renovables para reducir a factura eléctrica da granxa, mediante a instalación de placas solares e dun sistema de refrixeración do leite por medio de bancos de xeo.
“Hai un ano e medio que o temos funcionando e permítenos no verán lograr que o 75% da enerxía que consumimos sexa autoconsumo, No inverno baixamos ao 40% de media, pero é un investimento fácil e rendible”, asegura Joan.
No verán o 75% da enerxía que consome a granxa é autoconsumo e no inverno o 40%
“En lugar de ter baterías, a enerxía que producen as placas fotovoltaicas almacénase en xeo e no momento de muxir ponse en marcha unha bomba de auga xeada. Desta forma lógrase unha optimización do consumo de enerxía, porque logras baixar os mínimos. Nós temos un termo de potencia en hora punta, que é cando estás a muxir, de 30 Kw; se non fose por este sistema necesitariamos 50”, compara.
Outra das decisións que tomaron foi a de non orientar todas as placas solares, que suman 120 Kw instalados, á mesma posición. “Desta forma as placas non traballan todas á vez pero gañamos horas de luz, porque unha parte témolas orientadas á saída do sol e á posta, non todas ao mediodía”, explica.
“Na Administración todos mandan e opinan desde a capital”
Joan Guitart é na actualidade coordinador territorial da organización sindical agraria Unió de Pagesos no Alt Pirineu e móstrase “moi crítico e cabreado” coa Administración. “Todos mandan e opinan desde a capital”, quéixase.
Iso, di, leva consigo a aprobación de normativas afastadas da realidade e prexudiciais para o sector que provocan abandono e unha crecente desconexión da poboación cos problemas dos produtores. “Hai que facer moita pedagoxía e moitas xornadas de portas abertas para que os consumidores vexan como facemos e por que”, defende.
“Nós fixemos recuperación de terreos perdidos, sacando piñeiros, rozando e recuperando pasteiros. Teño tenreiras en pastoreo a 1.600 metros de altura, evitando que haxa incendios. Pero na sociedade iso ninguén o valora”, quéixase.
Fauna salvaxe
Como en Galicia, no Pirineo o avance da fauna salvaxe está a poñer tamén contra as cordas ás explotacións gandeiras. “De momento a nós o lobo non nos afecta moito, estamos na zona máis baixa e chega a contagotas, pero o oso si. Está aquí asentado e provoca desbandadas de animais. Ás veces atopas o tenreiro a 2 horas da vaca ou vacas que se van onde hai neve, porque se sinten máis seguras. O oso prodúcelles pánico”, asegura.
Coa Lei de Benestar Animal aos gandeiros trátannos de terroristas
“Pero a sociedade non é consciente do problema. Aquí hai unha distancia demasiado grande para que o público urbano entenda o que pasa e coa Lei de Benestar Animal trátannos de terroristas”, denuncia.
Relevo xeracional no sector
Joan ten na actualidade 58 anos, e a súa filla, que é enxeñeira agrónoma, incorporouse á granxa. Pero aínda así, teme polo relevo xeracional, tanto na súa explotación como na maioría das ganderías lácteas catalás.
“Os mozos non van aguantar o que aguantamos nós. Hai unha presión enorme pola falta de man de obra e aínda que teñas traballadores tes que estar con eles. Iso converte a nosa profesión nun traballo moi suxeito”, razoa.
“Descentralizamos as grandes cidades”
Joan deixou de ser funcionario na Generalitat hai 40 anos para traballar na granxa. “Non me gustaba Barcelona”, admite. Pero hoxe, di, “se non me caducase a excedencia, volvería”, asegura, medio de broma, medio en serio.
Castellar de Tost, no municipio de Ribeira d’Urgellet, é un pobo “de só 20 habitantes contando aos traballadores da granxa”. “Descentralizamos as grandes cidades. Cada 10 vacas en muxido é un posto de traballo, porque cada 10 vacas en muxido xeran entre 30 e 40.000 euros ao ano de actividade económica, non só polo leite e os tenreiros que dan, senón porque damos vida a veterinarios, cooperativas, talleres, etc. Son números moi importantes”, reflexiona.
“As granxas pequenas son as que manteñen a paisaxe nas zonas de montaña, pero á parte de manter o territorio, estamos a manter a poboación, senón estariamos todos hacinados nas cidades”, conclúe.