Hai un problema co xurro en Galicia? “A modo xeral, non”, resposta contundente o enxeñeiro agrónomo Marcos Fuentes Sánchez, da firma Nutrimentos Deza (Nudesa), especializada na produción porcina e na fabricación de penso. A xestión dos xurros foi un dos temas que se trataron este ano no XXV Monográfico do sector porcino celebrado recentemente en Silleda (Pontevedra). Fuentes afondou alí nas cifras de produción de xurro da gandería galega, en comparación coas necesidades de abono para a produción de forraxes.
“Se realmente hai un problema polo exceso de fósforo nos solos galegos, non só se debe ó xurro, senón que o 50% procede dos abonos minerais”
O técnico sinalou ademais a importancia de incluír na ecuación ós abonos minerais e non só culpabilizar ó xurro do exceso de minerais, coma o fósforo, que é o máis limitante para a produción. “Tense dito moitas veces que en Galicia hai un problema co xurro, pero nunca se responsabiliza ós abonos minerais e se realmente hai unha problemática polo exceso de Fósforo nos solos galegos, este dependerá en igualdade tanto do abonado mineral como dos xurros”, sentencia o agrónomo.
As cifras en Galicia
En Galicia, o censo total de animais en produción gandeira no 2020 era de 687.822 Unidades de Gando Maior (UGMs). Nesta cifra, inclúese o vacún de leite, cebadeiros de tenreiros, a produción porcina (nais e cebo) e a produción avícola (galiñas e pitos broilers). O vacún de leite representa o 50%, mentres que a avicultura supón o 27% e o porcino o 23%.
Este gando produciu un total de 8.455.143 metros cúbicos de xurro, a maior parte procedente do vacún (57%), seguido do porcino (35%). O sector avícola apenas xerou un 9% dese xurro.
En paralelo á cantidade de xurro producida, para comprobar se realmente hai un problema de excedentes, Fuentes analizou os principais cultivos de Galicia e as necesidades de abono que se rexistran, para valorar cal é a situación en Galicia co xurro. Así, das terras adicadas a usos gandeiros e agrícolas, o 53% son prados de máis de 5 anos, mentres que o 33% son pradeiras que se renovan máis a miúdo e o 14% da terra dedicase á produción de millo. Empregándose para estes usos, que necesidades de abonado teñen estas terras?
“O xurro producido en Galicia só cubre o 43% das necesidades de Nitróxeno e Fósforo que requiren as forraxes para alimentar o gando galego”
En Galicia, estímase que para a produción de forraxes precísanse dunhas 47.000 toneladas de fósforo e o xerado pola produción gandeira sitúase arredor das 20.000 toneladas. “O xurro producido na comunidade só cubre o 43% das necesidades de Fósforo que requiren estas forraxes. Temos un déficit de Fósforo nos cultivos de 27.000 toneladas, se só se emprega xurro”, explica Fuentes Sánchez.
Porén, como apunta o enxeñeiro, en función de se para realizar este cálculo se aplican os criterios recollidos no Real Decreto 1053/2022, que estipula as limitacións para a fertilización, ou as Instrucións Técnicas para a realización do plan de xestión de dexeccións gandeiras e fertilización (IT-CMAOT-2), as porcentaxes sobre as necesidades e a cantidade de xurro producida poden verse alteradas, xa que fixan diferentes baremos.
A comarca do Deza
O enxeñeiro analizou o caso concreto da comarca do Deza, onde se encadra tanto a fábrica de Nudesa, situada en Silleda, como algunhas das granxas porcinas da empresa. Ademais, esta comarca ten unha importante actividade gandeira, non só no vacún de leite, senón no porcino e no avícola, polo que coñecer as súas cifras permite ver a situación dunha das comarcas galegas con maior carga gandeira, á marxe da Limia.
En concreto, na comarca do Deza contabilízanse 119.528 UGMs de vacún, principalmente de leite (37%), porcino (35%) e de aves (28%). Estes animais producen un total de 1.525.874 metros cúbicos de xurro. A diferenza do que acontece a nivel galego, no Deza e pese a que o vacún segue a ser o gando maioritario, é o porcino o que máis xurro produce (52%), mentres que as granxas de vacas xeran un 39% e as de aves a penas un 9%. O caso da comarca do Deza é tamén de interese porque representa o 17% do censo galego e o 18% do xurro producido en Galicia, mentres só dispón dun 6% da superficie de cultivo.
Cubrir as necesidades de xurro das comarcas lindantes pode ser a solución para aqueles territorios nos que se estean a producir excedentes de xurro
Á hora de estimar as necesidades para o abonado das forraxes no Deza e o xurro que precisarían, cos criterios recollidos no novo Real Decreto, apréciase que na comarca hai un excedente de xurro do 7%, mentres que se este cálculo se fai co sistema do plan de dexeccións gandeiras (IT-CMAOT-2), este chega a ser do 33%.
Con este excedente de xurro na comarca, Fuentes Sánchez abre o foco ás necesidades das comarcas lindantes coma Arzúa, Melide, Chantada ou Santiago, que poden ser a solución, xa que amosan un importante déficit de xurro e boa parte das súas necesidades de aportes non se poden cubrir con abonado orgánico. En concreto, para paliar ese déficit precisarían arredor de 1,7 millóns de metros cúbicos de xurro de porcino, co que o xurro que sobra puntualmente na comarca do Deza ten destinos próximos de utilidade.
Macroplanta de biogás ou puntos de acumulación estratéxicos
Ante o excedente de xurro de porcino no Deza, na Agrupación de Defensa Sanitaria de porcino de Silleda traballan dende hai tempo con puntos estratéxicos para a acumulación puntual do xurro, de maneira que solucionaron a problemática e conseguiron seguir a empregar este xurro para a fertilización, sen que supoña un problema para as granxas. O xurro almacénase en puntos de acopio para o momento no que o precisan as granxas da comarca ou de zonas próximas nas que, como se viu, hai déficit de xurros.
Mentres, a proposta da Xunta da creación dunha macroplanta de biogás na que se trate o xurro ten o rexeitamento do sector, que mantén a desconfianza sobre os efectos que poida chegar a supoñer a creación desta gran planta. Entre outras consecuencias, temen que ao final terminen por ter que pagar por enviar o xurro ata esa planta supoñendo un importante gasto para as ganderías, semellante ao que representa a recollida de cadáveres, que comezou resultando un desembolso mínimo e na actualidade nalgunhas granxas pode chegar a alcanzar os 15.000 euros, como apuntaron durante a xornada.
O sector tamén advirte do custo económico e medioambiental que representa o transporte de xurros ás plantas de biogás e o retorno ó agro do dixestato que queda tras o procesado do xurro, e que ademais mantén boa parte dos nutrintes iniciais.