As limitacións ao uso de fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios, impulsadas desde a Comisión Europea, condicionarán nos vindeiros anos a sementeira do millo, o principal cultivo agrícola que se leva a cabo en Galicia.
Ante esta nova realidade, hai explotacións galegas que se están adiantando, coa adquisición de maquinaria de última xeración que permite levar a cabo unha sementeira de precisión, con redución no uso de insumos, ao tempo que se evita danar a estrutura do solo mediante técnicas de mínimo laboreo.
Gandería Barbeiro, con dúas granxas na actualidade na Mariña, ubicadas en Lagoa (Alfoz) e Arante (Ribadeo), está a empregar nesta campaña de sementeira do millo unha sementadora combinada de precisión que prepara a terra, fertiliza mediante a aplicación localizada do purín e sementa nunha soa pasada.
A cabeza tractora autopropulsada é holandesa e o apeiro de fabricación italiana
Esta máquina, a primeira que vén para España, combina unha cabeza tractora autopropulsada, de fabricación holandesa, con cisterna de purín e un apeiro de orixe italiana. “O strip-till é o único en Europa que traballa con inxección de purín máis sementeira de millo”, explica Juanjo Fraga, administrador de Casa Barbeiro SL, a gandería familiar en Alfoz, e Narxosé SLU, adquirida en Ribadeo no 2018.
Sementeira directa
A sementeira directa avanza no cultivo de cereais e oleaxinosas en distintos países e gaña terreo tamén en España pero non é habitual a día de hoxe no cultivo de millo en Galicia. “É un sistema que se está utilizando bastante fóra, en países como EEUU ou Brasil. É unha mestura de laboreo convencional e sementeira directa, mediante un sistema de laboreo en liñas que leva acoplado unha sementadora de millo”, explica Juanjo.
En EEUU e Brasil estase usando bastante este sistema
Unha das vantaxes é a axilización dos traballos de preparación da terra previos á sementeira e o aforro de tempo e combustible. “Cunha soa pasada vou facer todas as labores. Acabas de ensilar e ao día seguinte estás botando o millo. Iso facilítanos as cousas. Traballamos directamente enriba da pradeira; antes había que arar, gradar, abonar e sementar. Parte deses traballos contratabámolos, agora farémolo todo nós cunha única máquina”, destaca.
Fertilización só con purín das terras do millo
A fertilización das terras do millo é un dos usos máis habituais que se dá ao purín en Galicia. As explotacións leiteiras reservan boa parte do xurro almacenado no inverno para o momento da sementeira, pero a entrada en vigor, a partir do vindeiro 1 de xaneiro, do Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas, dificultará esta práctica, cando menos debido á prohibición do uso de cisternas de prato ou abano e á limitación nas unidades máximas de nitróxeno por hectárea permitidas nos plans de abonado.
Acabas de ensilar e ao día seguinte estás labrando o millo; iso facilítanos as cousas
Por iso, a aplicación localizada do purín na mesma liña de plantación permite un aproveitamento máis eficiente do poder fertilizante do xurro pola planta e unha redución no uso de abonos de síntese química. “Nós este ano non imos usar nada de abono mineral para labrar o millo ao estarlle metendo o purín localizado por debaixo. A profundidade de sembra é a habitual, pero inxectas o purín entre 23 e 30 cm e a semente vai arriba. Ao romper a estrutura do chan para a semente é máis doado enraizar, porque non ten suela de labor e profundiza máis. O terreo queda medio acolchado ao pasar por el”, explica.
Juanjo agarda tamén poder eliminar boa parte do uso de herbicidas habituais na sementeira do millo por medio dunha escolla axeitada dos cultivos en rotación. “Este ano onde tiñamos raigrás metemos un glifosato con insecticida e non botamos nada máis, pero onde botaramos veza con cereal no inverno non aplicamos nada porque pensamos que non o vai necesitar, porque ningunha das dúas, nin a veza nin o cereal, rebrota e a nosa idea é seguir rotando coa veza de cara ao futuro”, argumenta.
Mínimo laboreo
A aposta de Gandería Barbeiro polo mínimo laboreo ten que ver tamén cos beneficios agronómicos para a estrutura do solo. “Estamos intentando darlle unha volta ás nosas granxas cara a sostibilidade, apostando pola agricultura rexenerativa”, di Juanjo, enxeñeiro agrónomo de formación.
A sementeira do millo en Galicia está sempre condicionada pola climatoloxía. A integral térmica marca o inicio da campaña e as chuvias obrigan en ocasións a retrasar a preparación das terras. A sementeira directa, sen embargo, non se ve tan afectada. “En Alfoz aínda que chova algo con este sistema podes traballar igual porque é chan areoso. En Ribadeo é máis complicado porque ten máis arxila”, explica.
Na procura da máxima produtividade nas terras
O cultivo das terras é parte esencial do proxecto de crecemento das granxas de Lagoa e Arante, que están en proceso de ampliación para achegarse ás 500 vacas en produción en cada unha delas.
Este ano botarán un total de 190 hectáreas de millo en distintas ubicacións, boa parte delas fincas arrendadas en distintos concellos da comarca coas que foron nos últimos anos incrementando a superficie agraria a medida que medraban en número de cabezas para deste xeito tratar de ser o máis autosuficientes posible na alimentación do gando.
Este ano imos botar 190 hectáreas de millo. A nosa idea é rotar con veza
Para tratar de incrementar a produtividade das parcelas, a súa intención o ano que vén é reducir a distancia de plantación. “Ata agora labrabamos con dúas separacións, a 60 e 75 cm. Este ano estamos traballando con 8 regos a 75 centímetros entre liñas, pero reducindo a 13 centímetros a distancia entre semente e semente dentro do rego para meter máis plantas por hectárea. Para o ano que vén imos probar a traballar a 12 liñas con separación de 50 cm entre rego e rego”, avanza Juanjo.
Unha técnica pouco implantada en Galicia
A sementeira directa acadou no 2021 un total de 845.000 hectáreas en España, o que supón un incremento do 65% na última década, cunha implantación destacada en cereal (case 750.000 hectáreas), o que equivale ao 12% da superficie total de cultivo, segundo os datos dun estudo recente elaborado polo Ministerio de Agricultura.
Por comunidades autónomas, destaca Castela e León, mentres en Galicia é residual. Segundo os datos da Enquisa sobre Superficies e Rendimientos de Cultivos (ESYRCE), no ano 2021 labráronse en Galicia un total de 707 hectáreas mediante sementeira directa, o que representa unicamente o 0,8% das terras de cultivo da comunidade.
Por provincias, Lugo concentra a meirande parte das hectáreas labradas con esta técnica (428 ha). A empresa Agroamb, de Ponte de Outeiro (Castro de Rei), leva facendo sementeira directa varios anos nas terras que xestiona. Por superficie, a Lugo séguena A Coruña (152 ha), Ourense (109) e Pontevedra (17).
A sementeira directa emprégase xa no 12% da superficie destinada a cultivo de cereal en España, pero só no 2,3% do millo forraxeiro
No caso do millo forraxeiro, labráronse con sementeira directa no 2021 no conxunto de España tan só 2.181 hectáreas, o que representa o 2,3% das 94.000 hectáreas que se sementan cada ano (71.000 só en Galicia).
Novo ecorrexime na PAC
A nova PAC inclúe un ecorrexime denominado Agricultura de conservación: sementeira directa, que se paga a 87,72€ por hectárea nas primeiras 30 hectáreas. A partir dese limiar aplicaríase degresividade, co que os importes a percibir reduciríanse, aínda que nunca poderán ser inferiores ao 70% do importe planificado. A maiores, hay un complemento adicional de 25€/ha por facer a sementeira directa nas mesmas parcelas que o ano anterior. Este complemento non estaría afectado pola degresividade.
A sementeira directa atópase encadrada dentro das prácticas da agricultura de carbono, ao favorecer a conservación dos solos, permitindo reducir as emisións de CO2, e aminorando os riscos de erosión do chan. Para cobrar o ecorrexime esíxese rotación de cultivos no 40% da superficie total pola que se solicita o ecorrexime.