Denuncian que a Xunta exclúe na nova PAC á produción ecolóxica das axudas para previr os danos da fauna salvaxe

Denuncian que a Xunta exclúe na nova PAC á produción ecolóxica das axudas para previr os danos da fauna salvaxe

Representantes da Plataforma de produtores e produtoras de ecolóxico de Galicia (PROECOGAL) veñen de presentar unha demanda na Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a Orde de axudas da PAC publicada pola Consellería de Medio Rural o 20 de marzo do 2023, por considerala “discriminatoria co sector da produción ecolóxica”.

“Entendemos que é inadmisible que as axudas da nova PAC en Galicia para previr os danos causados pola fauna salvaxe -en concreto colares dixitais para o gando e dispor de cans mastins- sexan incompatibles coa produción ecolóxica. Lembramos que polas obrigas deste tipo de produción, que supón ter acceso permanente ó exterior, os nosos animais están máis expostos a sufrir este tipo de ataques. Así, quen cumpra cun mínimo de pastoreo tería acceso á axuda, mentras os productores de ecolóxico quedamos excluídos”, denuncian dende a asociación.

Igualmente, dende PROECOGAL critican o criterio de degresividade da orde de axudas -a medida que o tamaño da explotación aumenta diminúe o importe da axuda- polo que lle esixen á Consellería a súa retirada ou modificación.

Así mesmo, lamentan que “dende a Consellería non se tivera nin o decoro de contestar os recursos de alzada ós dannificados polas axudas á producción ecolóxica de 2022”. “Pasados os 3 meses que establece a lei para considerar silencio administrativo, estamos estudando as accións legais oportunas ó respecto”. advirten.

Medio Rural responde que “por normativa, as axudas de ecolóxico son incompatibles desde sempre coas agroambientais”

Pola súa parte, dende a Consellería do Medio Rural lembran que “por normativa, as axudas de ecolóxico son incompatibles desde sempre coas agroambientais, neste caso coas axudas complementarias por zonas con presenza de grandes carnívoros”. “Estas axudas complementan ás axudas agroambientais por extensificación das explotacións gandeiras e ambas son incompatibles coas achegas para agricultura ecolóxica, de acordo coas directrices comunitarias”, subliñan.

Sobre a degresividade, cuxo obxectivo é favorecer as pequenas e medianas explotacións -maioritarias en Galicia-, a Xunta responde que “desde Galicia en toda a negociación da PAC defendeuse en consenso coas organizacións agrarias”.

“Ao respecto dos recursos presentados, como non pode ser doutro xeito, todos se tramitan coa correspondente resolución”, engaden. 

Por último, dende o departamento que dirixe José González, salientan que “como mostra do compromiso da Xunta co sector, a convocatoria deste ano da PAC elevou ata os 9 millóns de euros as axudas para agricultura ecolóxica, o que case multiplica por 3 o presuposto de 2022 (era de 3,18 M€)”. “Así, pola vía tanto do aumento do orzamento como do incremento das primas, prevese garantir axudas de ecolóxico a todos os solicitantes, atendendo ademais aos datos aportados polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información